ULO?
Existe un tópico ben recorrente na nosa literatura e en practicamente todas as literaturas de todas as linguas e de todas as épocas, seguramente a pregunta máis desacougante que onte, hoxe e mañá se fai o ser humano. Unha pregunta que de feito se repite decote. Ubi sunt?. Onde están? Desacouga non saber onde están os mortos. Ulos? Na verdade, o desacougo provén do temor á morte ou a que non haxa máis nada cá nada tras a morte. O adverbio ubi é o manancial latino de onde provén o noso adverbio u, igual có do portugués. Ademais, este termo u ten os seus parellos correspondentes no italiano ove, no romanés iuo, no provenzal o e máis no francés où.
”Ubi sunt?” non é unha pregunta calquera, nin é unha pregunta máis. Ubi sunt?, ulas? é a pregunta. As relixións procuran con diferentes respostas daren acougo ás fieis, aquelas persoas que se din escollidas pola graza da fe. Lingüisticamente, a resposta está dada na raíz mesma da pregunta. Na raíz de ubi. Ubi sunt? Pode ser, logo, ubique. Nesta forma adverbial contense un significado igualmente presente nos derivados ubicuo e ubicuidade. ‘En todas partes’.
-Dáme o farol!
-Ulo?
Verba seguinte: VERGOÑA // Verba anterior: TREMER // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |