VERBAS

Por Espiñeira

RIR

Do ridere do latín ao rir do galego houbo practicamente o mesmo camiño ca houbo cara ao provenzal rire, ao francés rire, ao romanés riure ou ao español reír; pero menos houbo aínda cara ao italiano rídere, latín clásico vivo.

O adxectivo irrisorio, que fai rir, hilarante, ten na súa conformación morfolóxica a mesma raiceira. En realidade, na súa orixe debeu estar moi preto de ridículo, un adxectivo que tamén tería o mesmo significado ca este irrisorio, ‘que fai rir’, pero con dous sensos: un positivo –facer rir é bo- e outro negativo –rir por non chorar-, que é o senso que se mantén hogano en ridículo.

Hai linguas que non teñen diferentes expresións para enunciar os distintos feitos de rir e de sorrir. Nin sequera na nosa propia se puideron diferenciar lingüisticamente sempre estas dúas accións. A forma latina era risus. Consérvase no riso do galego, como no portugués riso e tamén no italiano riso. E así mesmo tamén en español foi riso o termo de uso ata mediados do século XIII. Outras parellas concordancias formais atópanse no francés ris, no provenzal ris ou no romanés rîs. Agora ben, se en vez de rir o que fai alguén é sorrir, o que está a facer, literalmente, é ‘rir polo baixo’, é dicir, para maior claridade, o que predica o latín sub ridere, isto é, sorrir. Tamén  se di sorrir en portugués e con semellante fasquía din sorridere en italiano ou sourire en francés.

John Rutherford, profesor da Universidade de Oxford, ten iluminado o significado do pícaro sorriso que o Mestre Mateo puxo ao profeta Daniel no seu talle en pedra do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. A lenda di que Daniel ceiba ese seu sorriso porque diante del ten a contemplación dunha figura de muller labrada en pedra con sobranceiros peitos. Profeta si, e de pedra, pero sorrir ben que sorrí. Outra hipótese, máis católica, suxire que Daniel sorrí ante a nova da chegada do Señor. O certo é que sexa polo que sexa a pedra esculpida ben que sorrí. Ou será que ri? Castelao, que foit traducido ao inglés polo mesmo profesor John Rutherford, diferenciou claramente entre riso e sorriso. O riso ten que ver coa comicidade, mentres que o sorriso non é cómico, ten máis que ver co humor. Como queira que fose, o pícaro sorriso levou a que as autoridades eclesiásticas fixesen rebaixar o talle do peito da rechamante dona tallada en pedra que Daniel tiña diante dos seus ollos. Isto si que é verdadeiramente cómico. Cómico, para rir. O humor está máis ben na retesía do pobo que deu ao queixo do país as mesmas xenerosas formas que tiña aquel fermoso peito catedralicio. De feito, este queixo do país denomínase, e con toda propiedade, ao xeito tradicional de queixo de teta. Humor, para sorrir. Queixo de teta, pola forma. De teta, non de tetilla, polo talle.

 

Rir

O rir dos cativos é a mellor medicina para os vellos


Verba seguinte: ROUCO // Verba anterior: RELLA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com