VERBAS

Por Espiñeira

MARMELO

Saben doce as mazás? Pois depende. E non é unha resposta evasiva, á galega, como din os que cren que unha mazá non é máis ca unha mazá. Hai moita variedade. Non sabe igual a repinaldo cá mazá tres en cunca, nin a mazá sangue de touro cá mazá reineta, nin sabe a camoesa como sabe a mazá príncipe. Depende. Hainas acedas e hainas doces. Agora ben, doce doce, o que se di doce, doce como o mel debeu parecerlles aos romanos o sabor do marmelo, ese composto lingüístico feito de meli ‘mel’ e melon ‘mazá’, melimelom, ‘mazá doce’.

Da mesma doce compota lingüística do marmelo faise a marmelada, en galego, como se fai marmelada en portugués, marmelade en francés ou como se fai marmalade en inglés. Reparemos en que tamén en español se fai mermelada, non se fai *membrillada. Por que? Porque esta mermelada é produto lingüístico tomado do portugués. Adoitamos chamarlles préstamos lingüísticos, pero en realidade son doazóns, xamais se devolven. Saborosos agasallos, doces, como o marmelo.

MARMELO

Marmelos


Verba seguinte: MARXE // Verba anterior: MÁGOA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com