MÁGOA
Se existe un adxectivo discriminatorio e sexista por natureza ese é o de inmaculada. Aparece polo común en feminino e cun emprego por antonomasia tan referencial e reverencial que se adoita escribir en maiúscula, a Inmaculada. De feito, que se saiba, o Inmaculado nin sequera existiu nin pode existir. É máis, nin sequera existe a crenza de que exista inmaculado. Aquí non cabe impor o termo “ser humano”, xenérico, politicamente correcto, é dicir, neutro, nin fu nin fa, asexuado. Sen mancha só é propio de muller, inmaculada, Inmaculada Concepción.
A lingua nai, a latina, tiña mácula para ‘mancha’; daquela, sen mancha, claro está, é inmaculado, é dicir, Inmaculada. En alemán a forma makel conserva este mesmo significado orixinario de ‘mancha’. Ten obvia relación léxica co adxectivo latino maculatus, fonte tamén do noso magoado, que se di do que sofre algunha mágoa. Hoxe, nun senso espiritualizado, a mancha fíxose pena ou dor, e magoado é quen padece apenado. Do verbo maculare penduran as formas actuais do galego magoar e do francés maculer. No español a derivación cara magullar perdeuse, seguramente por se ter cruzado co lexema de abollar.
No italiano existe o diminutivo macchietta, de macchia ‘mancha’, que adquiriu unha singularización léxica e a partir do significado común ‘manchiña’, como diminutivo, acadou o significado nominal específico e preciso de ‘caricatura’. Deste macchietta veu a forma maqueta, que hoxe empregamos como modelo ou reprodución a escala dun edificio ou construción.
Maior mudanza semántica tería que se dar para chegar desa mesma fonte maculata cara ao termo mallada. Faise derivar dunha nova acepción que adquiriría maculata, ‘con rede’, para explicar a mallada, o espazo onde o pastor protexe de noite o gando, do mesmo xeito ca redil se constrúe no castelán tamén sobre o elemento rede. Esta nosa mallada mantén estreita relación de parentesco coa portuguesa malhada, ou coa catalá mallada. E no castelán con majada.
Visto o visto, é fácil pór en evidencia a relación deste elemento mallada co trasmallo, o aparello e arte de pesca constituído por tres panos de rede. Xa existía no latín un trimaculum e existen outros derivados romances semellantes, como o catalán tremall, o francés tremail, o italiano tramaglio ou o portugués tramalho. Mágoa sería non valernos do ricaz tesouro léxico que temos por herdanza, co galego de noso e mais o castelán e o portugués, un tresmallo co que podemos enxergar doamente máis voces, máis linguas e máis cultura.
Se en vez de tres redes collemos tan só unha pódese dar coa forma do pano tecido que achamos nunha voz do italiano hoxe en día moi espallada e popular por mor do ciclismo. É ben sabido que o líder do Giro de Italia se distingue pola vestimenta da maglia rosa, do mesmo xeito ca o líder do Tour de Francia viste o “maillot jaune”, a camiseta amarela. Tanto unha como outra, a maglia e o maillot, semellan compartiren a súa mesma base léxica e etimolóxica con trasmallo, con mágoa, e asemade coa malha portuguesa, a malla catalá e a maille francesa.
E en botándonos ao monte, con bicicleta ou sen ela, aínda podemos achar outra verba máis derivada do mesmo termo mácula do latín. Trátase de maquis. Din que provén do francés, cun significado que nun principio remitía a ‘bosque ou terreo con vexetación mesta de difícil acceso’, como unha malla, a través dun vocábulo corso macchia; de aí, do bosque mesto é doado chegar por mor dunha sinxela asociación conceptual cara emboscado e daquela fuxido ou guerrilleiro. Historicamente, na Francia ocupada por Hitler durante a segunda guerra mundial, o maquis era o lugar onde ían reunirse os membros da resistencia. Un espazo fuxidío, pechado como unha malla, mancha arborada como a fraga mesta, onde sobreviviron os maquis, os membros da resistencia francesa e tamén algúns fuxidos da resistencia antifranquista que tras a guerra civil española, se botaron ao monte na longa noite de pedra. En francés existe a expresión pendre le maquis, equivalente á do italiano gettarsi alla macchia, o mesmo que, libremente traducid, vén ser botarse ao monte. Unha mágoa.
Que mágoa que lles morrera a cadeliña en Lisboa!
Verba seguinte: MARMELO // Verba anterior: LONGA // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |