LONGA
Moitas son as voces que pertencen a esta longa familia léxica: lonxincuo, lonxitude, lonxevo ‘de longa idade’; así como as diferentes expresións que temos para expresar a acción de facer máis longo: alongar, elongar, delongar ou prolongar. Tamén serve este lexema para formar varias adxectivacións pola forma: oblongo, á beira de longal e alongado. E teñen esta mesma longa forma, saborosa, a picante longaínza e o salgado longueirón.
O noso longo, ademais, garda perfecta harmonía léxica cos seus pares terminolóxicos de moi diversos idiomas. Entre outros, co catalán llong, co italiano lungo, co romeno lung, co provenzal lonh, co francés long, co inglés long ou, aínda indo máis aló, co alemán lang.
Tamén houbo no castelán un termo emparentado con este noso adxectivo longo, luengo, que hai moito tempo deixou de existir ao ser reemprazado por largo, cun significado mudado; porén, curiosamente, aínda hoxe se pode rexistrar o emprego no castelán da voz longa. Refírese con esta longa a nota musical de catro compases que aparece no canto gregoriano. Pero ese é outro cantar.
Doutra beira, noutra dimensión, o adxectivo largo provén do latín largus, onde tiña o significado de ‘amplo ou abundante’, no senso oposto a estreito, co mesmo significado que hoxe conserva no idioma galego. Así debe entenderse, por exemplo, nunha expresión como “largo de banda". Que culto adoita ser o pobo, na súa propia lingua quen máis ordena. Parellos ao noso largo ‘amplo’ están o largo do italiano, o llargh do catalán, o larg do romeno, o larc do provenzal, o large do francés ou o large do inglés.
Como é doado de ver, tendo de noso o adxectivo longo podemos chegar deica ben lonxe. Este lonxe, que é adverbio, vén xa do longe do latín. Perdeuse, secasí, o derivado no español, lueñe, hoxe arcaico, pero lonxe mantén equivalencias co lluny do catalán, co lonh do provenzal, co loin do francés ou co lunge do italiano.
Galego sen fronteiras. Galego franco -en minúscula, por favor-, longo e largo.
Longa noite de pedra, libro importante na nosa literatura
Verba seguinte: MÁGOA // Verba anterior: LENE // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |