VERBAS

Por Espiñeira

FOL

O fol do galego, o mesmo có fol do portugués, vén por vía directa do latín follis, onde tivo o mesmo significado ca mantén hoxe este noso fol, en esencia bolsa de coiro, unha bolsa coma a que serve para conter o ar na gaita. Semellantes resultados áchanse no romanés foale ou no provenzal fol. Doutra beira, é interesante o desprazamento semántico que se deu tanto no francés fou como no italiano folle (léase fole, como quen di Fole, Ánxel): en ambas esas dúas linguas adquiriu o senso de ‘tolo’, é dicir, o que graficamente ten un fol, baleiro, cheo de ar, na vez de ter unha cabeza. E con parello sentido temos tamén emparentado o vocábulo fool, no inglés.

Un derivado de fol, máis ben de follicare ‘respirar como un fol’, temos hoxe en galego -e en portugués e tamén en catalán- o verbo folgar, que adquiriu a acepción semántica de ‘descansar’; emprégase folgar cando alguén a corpo regalado está a respirar como un fol. E de folgar a folga non hai moito treito. Así e todo, no lexema folga pódese conter tanto a idea dun acto informal, o da folganza, como, pola contra, o dunha acción reivindicativa por medio de convocatoria formal. Din que o traballo é virtude, pero o folgar é saúde.

Do diminutivo de follis no latín, folliculus ‘fol pequecho’, calcado practicamente tal cal, temos hoxe descendencia en galego e noutras moitas linguas. Dáselle así o nome de folículo a algunhas glándulas ou algúns froitos con sementes, precisamente pola forma de saco ou fol pequecho que semellan ter.

En fin, son tantas as verbas que se van encerellando unhas noutras que cómpre ir gardándoas, como sementes, nunha saca ou nalgunha carpeta, se acaso nun cartafol.

Cartafol

Cartafol, revista do IES Sánchez Cantón, dirixida por Espiñeira


Verba seguinte: FURAR // Verba anterior: FIESTRA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com