CELA
Non imos tratar de Camilo José, o Nobel de Iria Flavia, senón tan só do significado do seu apelido, Cela, nome común. Provén do latín cella ‘graneiro, adega ou casiña’.
Igual ca no latín, no italiano existe hoxe o termo cella, con pronuncia moi semellante á galega, e tamén se poden rexistrar resultados parellos noutros idiomas, como cell en inglés ou zelle en alemán; dise tamén en galego galego celeiro, o lugar onde se garda a gra, con evidente semellanza formal á fasquía do francés cellier. Hai, xa que logo, abondosos testemuños da vizosidade desta verba hoxe en día.
E se unha cela é unha estancia para gardar cousas, tal como unha adega, un celeiro ou unha casiña, por pequena que sexa, como pode ser a de monxe -tamén capela-, unha cela pequena pequena, ben cativa pero ben importante de seu, é a célula, unidade básica da vida. Non hai ser vivo que non teña polo menos unha, unha pequena adega ou oco onde garda a esencia da existencia, o celeiro da vida mesma. Non hai vida sen espazo onde vivir, sen célula, aínda que sexa a cela dun colexio, a cela dun convento ou a cela dun cárcere.
Máis testemuños desa vitalidade témolos en vocábulos como celular, adxectivo relativo á célula ou á cela do preso; celuloide, produto plasticoso e referencia por metonimia á sétima arte; ou celulosa, a principal compoñente das paredes da célula.
Por se fose pouco, tamén nas linguas se achan algúns exemplos de vida artificial. Hai casos de éxito comercial que axiña se trasladan ao ámbito lingüístico. Sucede cando algúns nomes propios de marcas ou produtos chegan a se utilizaren como nomes comúns. Xa o dicía Nebrija, a lingua é compañeira do imperio, hogano compañeira do imperio comercial. Celofán foi ao comezo só o nome dunha marca comercial que se vendía como película fina e transparente feita con celulosa; hoxe, celofán deixou de ser nome propio e xa ten entrada como nome común nos dicionarios. O termo provén de Franza e con lixeiras variacións adoptou carta de natureza en moitas linguas dos pobos onde se mercou o produto. Desta maneira, atópase no portugués celofán, no inglés cellophane ou no alemán zellophan. Son abondosos os exemplos de tránsito onomástico dende produto comercial a substantivo común; entre outros, albal, rimel, gomina, vaselina, scalextric, etc. A listaxe pode ser longa, como a dos nomes propios de Camilo José, quen, segundo el mesmo acostumaba dicir, chamábase Camilo José Juan Ramón Francisco Antonio Santiago Abraham, Zacarías Leví Cela.
Celanova (Cela-nova)
Verba seguinte: CEO // Verba anterior: CATIVO // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |