VERBAS

Por Espiñeira

CAPELA

O sufixo –ela é diminutivo en galego. Como tal, funciona en termos como cantarela, portela, paxarela ou capela. A produtividade deste sufixo veu esmorecendo ao se substituír pola forma máis común –iño. Deste xeito, unha capela non é outra cousa máis ca unha capa pequena. Neste caso, a formación do diminutivo xa se rastrexa no latín cappella, de cappa ‘adorno da cabeza’, e asemade nos equivalentes seus por derivación no catalán capella, no italiano cappella, no provenzal capela, no francés chapelle, no inglés chapel e no español capilla.

Así e todo, hoxe en día a acepción máis usual de capela é a que refire ‘ermida ou igrexa pequena’. Segundo parece, o Martiño que chegou a bispo de Tours e santo tivo que servir na garda imperial romana. Nun día moi frío de inverno veu ao entrar na cidade francesa de Amiens un home pedindo esmola. Estaba nu e aterecido co frío. Martiño caritativamente partiu coa espada a capa que levaba posta e deulle a metade dela ao mendiño. Fixo con esta obra caridade o que hoxe chamamos o veranciño de San Martiño, que non quenta moito pero torna o frío do inverno. A asociación entre as dúas acepcións de capela estableceuse de contado: da capela para o abrigo ou adorno a capela para o lugar onde se custodia e venera como reliquia a tea, unha igrexa pequena. Por esta última vía chegounos a verba capelán e outras concomitantes, no portugués capelão, no catalán capellá, no italiano cappellano, no provenzal capelan, no francés chapelain, e mesmo no inglés chaplain.

Dise “cantar a capela” para a expresión da música vocal sen acompañamento de instrumentos musicais, como ocorre co canto gregoriano, porque antigamente nas igrexas non se permitían os instrumentos musicais. Nin nas igrexas nin nas capelas.

En zooloxía a pálpebra denomínase capela do ollo, forma ben poética na precisa linguaxe da ciencia. E aquela mesma cappa do latín tornouse con pequenas voltas no chapeau do idioma francés, de onde logo o importamos nós para o galego chapeu. Chapó!

Como ía saber o pobre Santo Martiño que aquel seu xesto de xenerosidade ao partir a súa capela co esmolante o ía facer tan célebre? Hoxe festéxase en moitos lugares o seu   día, o 11 de novembro. Esta data asóciase tradicionalmente coa mata do porco, porque é época de moito frío, un tempo ben axeitado para conservar a carne. Por iso sempre se di que por boa vida que o animal leve, a corpo ben mantido e ocioso, non vai ser de balde, que “a todo porco lle chega o seu Santo Martiño”.

Capela do San Roque na Cervela


Verba seguinte: CATIVO // Verba anterior: CAN // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com