AÑO
Non vai ser doado mellorar aquela fermosa ilustración que fixo Castelao dunha anécdota moi popular que pon o til sobre a necesidade de que os traballadores públicos coñezan a lingua propia do pobo para o que traballan, ou polo menos do que cobran. Na viñeta un mestre andaluz pregunta: Cuantos años tienes?. O alumno, galego nunha escola de Galicia, respóndelle con naturalidade na súa lingua: Non temos año ningún; temos unha ovella.
Hoxe, transcorrido case un século dende a publicación daquel cativo, pero embrionario tratado de sociolingüística do xenial rianxeiro, aínda hai políticas e políticos, e apocalípticos e moitos outros, que andan a moer e remoer unha e outra vez no mesmo. Din que o fan en nome da liberdade. Farannos libres aínda que non queiramos. Pero se baleiran o significado de liberdade, que liberdade pode quedarnos? A cotío prostitúese o uso das palabras, seméntase a confusión. E na confusión os famentos andan, pro domo súa, como lobos. É cousa de años e ovellas.
O idioma francés ten a voz agneau, como ten o italiano agnello, ‘año pequeno’. Moitos católicos practicantes con algúns anos, non necesariamente con años, lembrarán a expresión Agnus Dei, expresión que Xoán o Bautista seica empregou para chamar a Xesús, Agnus Dei, Año de Deus, vítima inocente. Inocente tamén era o neno que dicía que non tiña ningún año.
O español escolleu a forma cordero, equivalente do noso cordeiro, sinónimo en galego de año. No portugués tamén coexisten anho e cordeiro para referiren ambos termos a cría da ovella que non ten máis dun ano. O que xa non resulta tan coñecida é a existencia no español de añino, o año dun ano. Precisamente ha ser por mor deste descoñecemento que a presión do español no galego abala máis o emprego da forma cordeiro cá de año.
Por certo, na imaxinaría relixiosa San Xoán Bautista aparece representado cunha vestimenta de pel de año e levando na man un pergamiño no que se le Ecce Agnus Dei ‘Velaquí o Año de Deus’. Algúns persoeiros hoxe tamén locen así, lobos con pel de año.
Ovellas, carneiros e años
Verba seguinte: ÁRBORE // Verba anterior: ÁNCORA // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |