ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Exercicio 3. Pronome persoal: se


1. Nunca ... arrepentiu... e anos despois ... marchou... de alí.

Nunca se arrepentiu e anos despois marchou de alí.

2. Agora ... queixa... porque ... casou ... moi novo.

Agora quéixase porque casou moi novo.

3. Aquí ... falou... moito del cando ... morreu...

Aquí falouse moito del cando morreu.

4. Cando ... foi... da cidade non ... atreveu... a ... despedir...

Cando se foi da cidade non se atreveu a se despedir ou Cando se foi da cidade non se atreveu a despedirse.

5. ...deixou... estar sentado porque xa non ... vía... o sol.

Deixouse estar sentado porque xa non se vía o sol.

6. ...lavou... as mans antes de ... comer... unha ameixa.

Lavou as mans antes de comer unha ameixa.

7. Este ano ... lembrou... de min e ... puxo... a facer o roscón a tempo.

Este ano lembrouse de min e púxose a facer o roscón a tempo.

8. ...espertou... cedo, ... ergueu... da cama, ... penteou... e ... botou... á rúa.

Espertou cedo, ergueuse da cama, penteouse e botouse á rúa.

9. Como ... ri... o condenado!, ... merece... un bo premio.

Como ri o condenado!, merece un bo premio.

10. Con este frío ...vai... conxelar... a auga da traída.

Con este frío vaise conxelar a auga da traída ou Con este frío vai conxelarse a auga da traída

11. Os capóns sempre ... soben... a sitios altos e ... poñen... a cantar.

Os capóns sempre soben a sitios altos e póñense a cantar.

12. Por que os cans ... arriman... ás paredes para mexaren?

Por que os cans se arriman ás paredes para mexaren?

13. Se ... poñen... á sombra van ter frío.

Se se poñen á sombra van ter frío.

14. ... pon... lavanda no cuarto e os insectos xa ... marchan...

Ponse lavanda no cuarto e os insectos xa marchan.

15. Cando o gato ... montou... no coche xa ... empezou... a lamber...

Cando o gato montou no coche xa se empezou a lamber ou Cando o gato montou no coche xa empezou a lamberse ouCando o gato montou no coche xa empezou a se lamber.

16. A xerra? ...caeu... e ...rompeu..., non lle deas importancia, xa ... arranxará...

A xerra? Caeu e rompeu, non lle deas importancia, xa se arranxará.

17. Non pode conducir porque ... escordou... un pé e non ... recuperou... aínda.

Non pode conducir porque escordou un pé e non se recuperou aínda.

18. O can ... escapou... e ... puxo... a fozar na terra para buscar algo.

O can escapou e púxose a fozar na terra para buscar algo.

19. O reloxo non ... atrasou..., non, ... apure..., señor!

O reloxo non atrasou, non, apure, señor!

20. ...vai... poñer... a ... chover..., que ... ve... o ceo moi negro.

Vaise poñer a chover, que se ve o ceo moi negro ou Vai poñerse a chover que se ve o ceo moi negro.

21. Cando ... lle abre a boca tamén ... lle pechan os ollos.

Cando se lle abre a boca tamén se lle pechan os ollos.

22. ... fracturou... unha perna e despois esta ... inchou... moito, semellaba un castiñeiro.

Fracturou unha perna e despois esta inchou moito, semellaba un castiñeiro.

23. A ver, señor, ... cale... a boca e ... coma... esa froita xa!

A ver, señor, cale a boca e coma esa froita xa!

24. Entón ...puxo... de pé e ... botou... a falar coma un descosido.

Entón púxose de pé e botouse a falar coma un descosido.

25. Ao ... baixar... do coche... tropezou... e ... caeu coma un marrán, tanto que ... rompeu... o nariz.

Ao baixar do coche tropezou e caeu coma un marrán, tanto que rompeu o nariz.

Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com