Demostrativo. Exercicio 3: buscar demostrativos
Senta no peirao a ver os barcos e faise unha e outra vez as mesmas preguntas. De onde virán. Onde irán. Cando poderei subir nun deses e fuxir lonxe –nunca, Marco, sabes que nunca, contestaríanlle os barcos se tivesen a facultade de falar-. E como non sabe a resposta e os barcos non falan, só lle resta soñar: aquel vén de Constantinopla, aqueloutro de loitar contra os turcos, ese quizais parte mañá para Crimea, naquel de alí quizais suba eu para viaxar lonxe. Ás veces Marco Polo pasa o serán escoitando as historias que contan os mariñeiros que deitan o seu corpo canso en Venecia e foxen correndo para as tabernas. Alí escoita con devoción todas esas historias que contan animados polo viño. De sabelo, o pai nunca o aprobaría. De feito, nunca entendería por que gusta tanto da compaña deses homes rudos que falan, na borracheira e na emoción alentada polo viño e as mulleres, de terras onde habitan as amazonas, de homes con cabeza de can que bourean en linguas antes nunca escoitadas, de ciclopes e unicornios, de grifóns voadores con gadoupas tal aguias diañentas… Historias que seu pai lle dixo, a única vez que se atreveu a contar da súa afección por elas, que non son certas. Que son fantasías. Que non hai nada diso alén mar. (O segredo de Marco Polo, Francisco Castro)