CASTIÑEIRO

Castanea sativa. Fam das fagáceas.

Kastana é unha cidade do Ponto (Mar Negro) onde había moitos castiñeiros. Sativa, do lat.: cultivado, plantado. Parece que foron os romanos os que a estenderon por Galiza.
De folla caduca, fortemente dentada e alterna. A flor é a candea ou candeón, é moi valorado o mel de candeón. O froito é a castaña, que se presenta en grupos de 2-3 recubertas por unha cúpula verde con espiñas, o ourizo. Ao madurecer o ourizo cae e deixa saír a castaña. As castañas foron o alimento básico en moitas aldeas antes de chegaren as patacas (aínda hoxe nalgún lugar lle chaman castaña á pataca, noutros chámanlle á castaña árbore do pan). Bótanse ao caldo, cocidas e con leite, asadas no canizo (os bullós, os zonchos), e modernamente o marron glacé exportado a moitos países. A festa das castañas é o magosto
A madeira sempre foi apreciada para os mobles de calidade.
Xunto co carballo é unha das nosas especies autóctonas a conservar.
A mellor sombra nos días de verán é a do castiñeiro, estase fresco e corre o aire. Por iso as romarías se facían nos soutos de castiñeiros.
A castaña quere en agosto quecer e en setembro beber
(dito poupular: para que haxa boas castañas ten que quecerse ben en agosto e chover en setembro)

Castiñeiros vellos de Lobelle, Carballedo

Castiñeiro novo xunto a vello hórreo, en Pazos, Sarreaus

Castañeira no outuno de 2007:

Achegar comentario

Volver a Follas de árbores