CARBALLO

Qercus robur. Fam das fagáceas.

Ademais deste carballo común hai outros pertencentes ao xénero quercus. É a árbore máis representativa da flora galega.
Follas lobuladas e unha altura de ata 50 m. O froito é a landra, que comen os porcos. Tamén bota unha excrecencia chamada carrabouxo ou bugallo, coa que xogaron moitas xeracións de meniños galegos antes de se popularizaren as boliñas de cristal.
É unha das árbores características da nosa paisaxe tradicional, son moitos os lugares que levan o nome de carballo, carballedo, carballeira, carballiño, carballa... Hai exemplares moi lonxevos como o carballo de Cartelos - 12 m de perímetro-, o de Bustelo de Arriba -22 m. de altura-, o da Casa Grande -400 anos- (todos en Carballedo, Lugo).
A carballeira é o bosque típico de Galiza: Santa Susana, San Xusto, Caldas de Reis ...
A súa madeira sempre foi moi aproveitada para mobles, apeiros, e mesmo as pólas para o lume da lareira. Ata a folla caída se recollía. Na posguerra mesmo se lle aproveitaba a cortiza, que era ben pagada, porque a cortiza e os bugallos eran utilizados na industria de curtidos pola cantidade de taninos que conteñen.

A sombra do carballo non é das mellores no verán, acostuma a haber moito insecto molesto. Pola contra dan moi bo abrigo nos días de frío: para abrigo o da leña, para sombra a da pena.
Foi a árbore sagrada de varias culturas: gregos, celtas (os druídas collían o visgo das súas pólas). Hoxe é árbore representativa de USA, Lituania... No País Vasco o carballo de Gernika representa a esencia tradicional da nación.

O carballo da Portela ten a folla revirada, que lla revirou o vento unha noite de xeada
Carballeira de San Xusto, carballeira enramada, naquela carballeiriña perdín a miña navalla
(cantigas populares)

Carballo de Santa Margarida

Achegar comentario

Volver a Follas de plantas