Alba Cid
Alba Cid (foto Galaxia), poeta galega e amiga de ogalego.eu

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

Aprendendo a definir palabras para exames da ABAU


Para que a definición sexa completa debe incluír dous apartados:

1.- A palabra a definir, indicando a clase de palabra e o xénero (cando o ten). Exemplo, Comedor, substantivo masculino.

2.- Unha oración na que se explica o significado da palabra. Exemplo, Lugar da casa onde se serven as comidas da familia.

Voluntario e recomendable cando non se consegue explicar ben:

3.- Un exemplo de uso desa palabra. Exemplo, Nós non temos televisión no comedor.

Atención:

-Non se debe repetir a palabra definida na definición

-Nas probas ABAU non aceptan as definicións con sinónimos

Unha vez que sabemos a clase de palabra, debemos ter en conta:

1.- Substantivos

-Empezaremos cun substantivo que identifique a clase de realidade que é: persoa, animal, lugar, instrumento, alimento, estado, efecto...

-Seguiremos coas características e detalles específicos para diferenciar a palabra.

Ex. Cociña: Subst. feminino. Lugar da casa onde se condimentan e preparan os alimentos para consumir as persoas.

2.- Adxectivos

-Podemos empezar por un dise, aplícase, refírese, que...

-Continuaremos explicando as características empregando adxectivos, substantivos...

Ex. Cociñado: Adxectivo masculino. Dise dun alimento condimentado, preparado xa para comer.

3.- Verbos

Para empezar podemos usar outro verbo, sinónimo do definido e despois explicar a acción mencionada por ese verbo.

Ex. Cociñar: verbo. Condimentar, preparar os alimentos as persoas antes de comelos, cocéndoos, asándoos etc.

4.- Adverbios

Explícase a circunstancia de tempo, lugar, modo etc.

Ex. Onte: adverbio. O día anterior ao actual.

Ningures: adverbio. En ningún lugar.

Axiña: adverbio. Moi pronto, sen demorarse, con rapidez

5.- Locucións, sintagmas, frases...

Explícase con outras palabras o significado.


Probemos agora a definir palabras pedidas en exames de selectividade

(entre parénteses o texto no que aparece a palabra para telo en conta)

viscosa, burocracia, loito nacional, slogan (xuño 2022)

-viscosa (É viscosa a conversa dos adultos)

Adxectivo, feminino. Dise dunha substancia pegañenta e espesa, mesta.

-burocracia (ao tempo que pon en escena o argumento pesado da burocracia que xerou o caso)

Substativo, feminino. Exceso de trámites e informes pedidos pola administración.

-loito nacional (Non hai monumentos, non hai loito nacional ou lembranza anual)

Substantivo, masculino + adxectivo. Tristeza ou pesar pola morte de algo ou alguén neste caso aplicada a toda a nación.

-slogan (un grafiti enorme miraba á ría e berraba: NUNCA MÁIS. Quedounos o slogan coma un símbolo)

Substantivo, masculino. Texto ou frase usados como propaganda comercial, política, social...


inédita, produtividade, alienación, pés de barro (xullo 2021)

-inédita (Durante o confinamento estrito pola Covid-19 da pasada primavera sucederon moitas cousas inéditas, como inédita foi unha situación de pandemia que, en menos de tres meses, tiña o mundo paralizado, recluído e atemorizado)

Adxectivo, feminino. Dise de algo que nunca se vira, que resulta descoñecido.

-produtividade (Si, o termo produtividade está aquí traído á mantenta. Ei, un momento!)

Substantivo, feminino. Capacidade de producir, de crear riqueza.

-alienación (cando temos tempo de sobra, tempo libre, tempo sen ataduras, non sabemos que facer con el. Hai alienación maior? Unha forma de vida baseada nunha escravitude tan invisíbel como desexada, ten que ter éxito por natureza.

Susbstantivo, feminino. Aplícase a unha persoa ou grupo que deixou perder algo de seu, do que debía ser.

-pés de barro (Esta pandemia é algo máis que unha enfermidade respiratoria colectiva. Puxo de manifesto a nosa fraxilidade, as costuras do sistema, os pés de barro sobre os que se asentan as nosas idílicas vidas)

Expresión que se aplica a algo moi fráxil, vulnerábel.


 

mito, negación, emerxencia, desacreditar (proposta 2021, setembro 2020)

- mito ( Como consecuencia, que os negacionistas se vallan de certos mitos (no mellor dos casos, noticias falsas; no peor, descaradas mentiras) para desautorizar á ciencia do cambio climático...)

Substantivo, masculino. Suceso, personaxe, historia fabulosa, aquí aplicado a teorías ou noticias que non teñen validez científica.

- negación (A negación organizada do cambio climático está contribuíndo ao estancamento na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro...)

Substantivo feminino. Acto de levar a contraria, descualificar o cambio climático.

- emerxencia (ata desembocar no estado de emerxencia global no que nos atopamos)

Substantivo feminino. Situación problemática e inesperada con moitos riscos e perigos.

- desacreditar (A continuación expoñemos dous destes mitos e as probas científicas que os desacreditan)

Verbo. Argumentar para facer que algo deixe de ter validez científica, de ser crible.


de carácter forte, caza furtiva, xente esfameada, superstición, animista (xuño 2019)

- de carácter forte (era unha muller tímida pero de carácter forte)

Dise da muller que semella coitada e tímida, mais pode dar contestacións e levantar a voz.

- caza furtiva (tamén se dedicou a crear unha conciencia en contra da caza furtiva)

Tipo de caza de animais feita sen que o cazador sexa visto, porque non ten permiso ou está prohibido nese lugar.

- xente esfameada (E un cacho de carne sempre era ben recibido na boca daquela xente esfameada)

Persoas que hai tempo que non comeron ou non teñen para poderen comer.

- superstición (En ocasións, Dian Fossey combateu esta práctica xogando coa superstición dos indíxenas)

Substantivo. Pensamentos ou crenzas falsas, aínda que baseadas en tradicións.

- animista (Moitos africanos son animistas e cren que os mortos viven entre os vivos)

Adxectivo. Dise das persoas que pensan que os animais teñen alma ou que as persoas ao morreren se encarnan en animais.


premonitoriamente, falangueiro, limpeza étnica, orzamento militar (xuño 2019)

- premonitoriamente (Unha fantasía distópica publicada en 1935 que tal semella fose escrita para describir, premonitoriamente, a administración do actual presidente)

Adverbio. Antecipándose ao que pasará no futuro, a sucesos que aínda non pasaron.

- falangueiro (pero que resulta un hábil orador, populista, falangueiro e cómico, cun don para saber o que á xente lle encanta oír)

Adxectivo. Dise de alguén que ten unha conversa agradable e divertida.

- limpeza étnica (levado deste pulo de limpeza étnica, comeza unha guerra contra México, ao que acusa de provocacións inexistentes)

Aplícase a actos ou ideas contrarios á igualdade dos pobos que pretenden eliminar os que son doutras comunidades ou etnias.

- orzamento militar (por non dedicar a orzamento militar máis recursos e por ter rematado a escravitude)

Suma de gastos e investimentos no exército, en armamento.


man pantasma, letra pequena, prostitución do proceso de creación científica, ciencias básicas (setembro 2019)

- man pantasma (unha man pantasma, que pode dirixir experimentos en principio puramente científicos)

Un poder oculto ou agochado que manexa a situación sen que saibamos del.

- letra pequena (senón pola letra pequena dos informes científicos)

Aplícase ás partes menos visibles, agochadas no final, nas marxes ou notas porque pretenden ocultarse.

- prostitución do proceso de creación científica (Con esta prostitución do proceso de creación científica todos perden, empezando polos pacientes)

Aplícase a un uso indebido da investigación na ciencia, usándoa para o que non se debe.

- ciencias básicas (O problema é que as ciencias básicas funcionan a longo prazo, mais os políticos non)

Aplícase aos estudos científicos que son esenciais e máis necesarios.


rosmando, cuco, eslombándome, bulindo, pampo (setembro 2018)

-rosmando (recíbea un Manuel rosmando porque non está a cea)

Verbo. Falando baixo e con palabras que non se entenden moi ben para protestar.

- cuco (Falou o cuco do reloxo!)

Substantivo masculino. Paxaro migratorio que pon os ovos no niño de outro paxaro. No texto refírese aos reloxos de cuco que daban as horas imitando o canto deste paxaro.

- eslombándome (que para iso boto o día eslombándome na obra)

Verbo. Traballando moi duro, esforzándose moito.

- bulindo (Pois veña, Brancaneves, bulindo)

Verbo. Apurando no que se está a facer, movéndose con présa.

- pampo (O Manuel queda pampo na porta da cociña)

Adxectivo. Dise de alguén que está parado e con cara de asombro, de non crer o que ve ou escoita.


sentido crítico, figura tóxica, referente da escrita, carto rápido, termóstato da saúde social (setembro 2017)

- sentido crítico (tantos que é imposíbel a súa asimilación con sentido crítico e reflexivo)

Refírese ao pensamento ou opinión que se para a pensar para ver o que é mellor ou peor sen dar por bo todo o que le ou escoita.

- figura tóxica (Coñécese antes calquera figura mediocre e incluso tóxica para a formación do individuo)

Refírese aos modelos ou exemplos que son malos, nocivos para a formación das persoas.

- referente da escrita (que unha referente da escrita, da música, da ciencia, das artes plásticas, do teatro etc.)

Escritora ou escritor que é moi importante e debe ser exemplo e guía para os demais.

- carto rápido (Refórzase ao valor do acceso ao carto rápido antes do que a cultura do esforzo e o traballo)

Diñeiro que se consegue axiña aínda que sexa por medios pouco recomendables.

- termóstato da saúde social (non me parece o mellor termóstato da boa saúde social)

Instrumento de medida para controlar que a sociedade estea como é debido.


MÁIS EXERCICIOS DE DEFINICIÓN DE PALABRAS

2005-2024