ogalego.eu // ogalego.gal son Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados |
LITERATURA GALEGA DO SÉCULO XX E DA ACTUALIDADE, BACHARELATO. TEMARIO LOMLOE 2023
Como complemento á de Lingua Galega e Literatura, esta materia pretende que o alumnado
galego poida ampliar o seu coñecemento da cultura da comunidade de que forma
parte, aumentar o seu coñecemento do mundo, analizar de forma crítica a realidade e, así,
mellorar as súas posibilidades comunicativas e estéticas.
Nesta materia de Literatura Galega preséntanse contidos referentes á literatura do século
XX e da actualidade por estaren próximos á sensibilidade da xuventude, proximidade
que facilitará a relación coa obra literaria a nivel contextual, textual e estético.
Todo o alumnado durante a etapa do bacharelato cursa Lingua Galega e Literatura,
co cal adquire unha visión xeral da creación literaria. Polo tanto, para o desenvolvemento desta materia débese partir da materia común, de forma que non se produza unha redundancia
de contidos e se favoreza o afondamento na formación literaria do alumnado.
Esta materia permitiralle ao alumnado, ademais da ampliación de coñecementos literarios,
a mellora na utilización de procedementos, técnicas, habilidades e estratexias que
axudarán na análise, na investigación, no desenvolvemento do xuízo crítico e na reutilización
da información, aplicables non só no campo literario senón tamén noutros ámbitos do
saber e en situacións da súa vida cotiá.
A lectura será actividade fundamental nesta materia, entendida como acción complexa
que implica comprender, explicar, analizar, interpretar e valorar a obra literaria, de forma
que se perciba como algo vivo, creativo e lúdico, que conforme lectoras e lectores con
sensibilidade, curiosidade, reflexión e respecto cara a todas as manifestacións literarias,
artísticas e de pensamento ou opinión.
É fundamental propiciar o traballo da aula que estimule as inquedanzas literarias do
alumnado e no cal se fomente o espírito crítico, a escoita e o respecto polas distintas
ideas e opinións sobre unha obra, a autoría ou un tema. O desenvolvemento destas actitudes
conseguirá non só que as alumnas e os alumnos afonden nos seus coñecementos
literarios, senón tamén que completen a súa personalidade como persoas responsables,
críticas e tolerantes, que sexan quen de expor as súas opinións de xeito argumentado e de
captar e aceptar as das doutras persoas.
A materia aparece distribuída en seis bloques:
O primeiro, «Aspectos comúns», presenta os contidos dos restantes bloques.
O segundo, «Narrativa», inclúe, entre outros aspectos, as principais características do
relato (estrutura, técnicas, extensión) e os trazos definitorios da novela (tipos de narrador,
personaxes, espazo e tempo).
O terceiro, «Poesía», atende á análise dos paradigmas, contextos, influencias, temas e
ao estudo da forma ou expresión (voces, estrutura, figuras...) dos principais textos poéticos
do período.
O cuarto, «Teatro», céntrase, por unha banda, no teatro desde o seu compoñente literario
(caracterización da traxedia, comedia e drama) e, por outra, analiza o teatro como
espectáculo, con especial atención ao funcionamento dos elementos e axentes escénicos.
O quinto, «Ensaio», aborda ensaios literarios (biografías, libros de viaxe, memorias,
diarios, crítica literaria) e xornalísticos (artigos de opinión, crónicas e entrevistas).
E o sexto, «A literatura e outras artes», vira arredor das relacións, influencias e producións
híbridas de literatura e outras manifestacións artísticas, que van desde o cinema, a
música, as artes plásticas ou a fotografía, ata a banda deseñada e as novas tecnoloxías.
Esta materia contribuirá a que o alumnado coñeza a realidade galega no aspecto literario, lingüístico e cultural, cunha aproximación aos principais movementos literarios existentes no final do século XX e na actualidade a través de autoras e autores que, nesta altura,
están a espallar, por medio das súas obras e da súa presenza en diversos foros ao longo de Galicia, a súa mensaxe e o seu pensamento.
Bloque 1. Aspectos comúns
• Lectura e interpretación de textos significativos do século XX e da actualidade, descrición neles dos aspectos formais e temáticos que os
individualizan e valoración destes como expresión da sensibilidade autorial e da identidade cultural de Galicia.
• Análise dos elementos intratextuais e extratextuais que impregnan as obras literarias, así como da estrutura e da técnica que os sustentan.
• Estudo da relación entre a obra literaria e o contexto sociocultural en que foi creada, e recoñecemento das influencias literarias e non
literarias presentes nela.
• Valoración da pluralidade de estéticas e temáticas literarias do século XX e da actualidade a través da análise do seu tratamento por diferentes
autoras e autores. Lectura con perspectiva de xénero. Visibilización do universo feminino.
• Análise da relación entre textos da literatura galega do século XX e da actualidade con textos doutras literaturas, e descrición das conexións
formais e temáticas existentes entre eles.
• Estudo da relación entre a obra literaria e outras artes (cinema, pintura, música, etc.) e descrición de influencias e hibridacións.
• Elaboración de traballos de investigación escritos, orais ou multimodais sobre algunha obra ou aspecto salientable dela, empregando as
fontes de documentación necesarias e cunha opinión persoal argumentada.
• Creación de textos de intención literaria nos cales se teñan presentes as técnicas e os coñecementos adquiridos no estudo e na análise das obras da literatura galega do século XX e da actualidade.
Contidos incluídos nos bloques seguintes
Bloque 2. Narrativa
• Análise da narrativa galega do século XX e da actualidade, e descrición dos seus paradigmas, os seus contextos e as súas influencias.
• Comparación dalgúns textos narrativos da literatura galega do século XX e da actualidade, describindo a converxencia ou diverxencia
temática ou estilística.
• Estudo do relato e descrición das súas principais características: estrutura, técnicas e extensión.
• Estudo da novela e descrición dos seus trazos definitorios: tipo de persoa narradora, deseño de personaxes e tratamento das categorías
de espazo e tempo.
• Recomendación de lecturas de textos narrativos en soportes variados atendendo a aspectos temáticos, formais e intertextuais.
• Creación de textos narrativos a partir das convencións da linguaxe literaria e en referencia a modelos dados.
Acceso a documento de preparación
Bloque 3. Poesía
• Análise da poesía galega do século XX e da actualidade, determinando os seus paradigmas, os seus contextos e as súas influencias.
• Comparación dalgúns textos poéticos da literatura galega do século XX e da actualidade, describindo a converxencia ou diverxencia
temática ou estilística.
• Estudo do fondo ou contido dos principais textos poéticos do período, determinando temas e motivos.
• Estudo da forma ou expresión dos principais textos poéticos do período, determinando o nivel actancial (actores e personaxes), a enunciación
(voz, perspectiva e suxeito lírico), a estrutura e a figuración (tropos, figuras de dicción e figuras de pensamento).
• Recomendación de lecturas de poemas en soportes variados atendendo a aspectos temáticos, formais e intertextuais. Utilización das redes sociais e formatos dixitais para o fomento da poesía: o videopoema.
• Creación de textos poéticos a partir das convencións da linguaxe literaria e en referencia a modelos dados.
• Mobilización da experiencia persoal, lectora e cultural para establecer vínculos entre as obras lidas e aspectos da actualidade.
Acceso a documento de preparación
Bloque 4. Teatro
• Análise do teatro galego do século XX e da actualidade determinando os seus paradigmas, os seus contextos e as súas influencias.
• Comparación dalgúns textos teatrais da literatura galega do século XX e da actualidade, describindo a converxencia ou diverxencia temática ou estilística.
• Análise do teatro desde a súa compoñente literaria e caracterización da traxedia, a comedia e o drama do período, destacando os trazos distintivos dos distintos subxéneros literarios.
• Análise do teatro como espectáculo e descrición do funcionamento dos elementos e axentes escénicos.
• Lectura expresiva, dramatización e recitado atendendo aos procesos de comprensión, apropiación e oralización implicados.
• Creación de textos teatrais a partir das convencións da linguaxe literaria e en referencia a modelos dados.
• Mobilización da experiencia persoal, lectora e cultural para establecer vínculos entre as obras lidas e aspectos da actualidade.
Acceso a documento de preparación
Bloque 5. Ensaio
• Análise do ensaio galego do século XX e da actualidade, determinando os seus paradigmas, os seus contextos e as súas influencias.
• Comparación dalgúns textos ensaísticos da literatura galega do século XX e da actualidade, describindo a converxencia ou diverxencia
temática ou estilística.
• Análise de diferentes tipos de ensaios literarios: (auto)biografías, libros de viaxe, memorias, diarios e críticas literarias.
• Análise de diferentes tipos de ensaios xornalísticos: artigos de opinión, crónicas e entrevistas.
• Selección de obras ensaísticas coa axuda de recomendacións especializadas.
• Estratexias de procura e selección das ideas máis relevantes en función da intención comunicativa e dos elementos da comunicación.
Acceso a documento de preparación
Bloque 6. A literatura e outras artes
• Análise das relacións, influencias e producións hibridadas da literatura e o cinema.
• Análise das relacións, influencias e producións hibridadas da literatura e a música.
• Análise das relacións, influencias e producións hibridadas da literatura e as artes plásticas.
• Análise das relacións, influencias e producións hibridadas da literatura e a fotografía.
• Análise das relacións, influencias e producións hibridadas da literatura e a banda deseñada.
• Análise das relacións, influencias e producións hibridadas da literatura e as novas tecnoloxías.
• Vínculos intertextuais entre obras e outras manifestacións artísticas en función de temas, tópicos, estruturas e linguaxes. Elementos de
continuidade e ruptura.
• Recoñecemento das principais características das distintas linguaxes artísticas.
• Mobilización da propia experiencia persoal, lectora e cultural para establecer vínculos de maneira argumentada entre as obras lidas e
outros textos e manifestacións artísticas, incluídas as prácticas culturais emerxentes.
• Participación activa no circuíto literario e cultural nun contexto presencial e dixital.
Acceso a documento de preparación
Orientacións pedagóxicas
A intervención educativa na materia de Literatura Galega do Século XX e da Actualidade
desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto de materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos
obxectivos da etapa.
Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores
operativos e das liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe, que se presentan
nas epígrafes seguintes, e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que
se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do
alumnado e o seu nivel de desempeño.
Criterios de avaliación e competencias clave no DOG Entrar
2005-2022 |
![]() ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |