ogalego.eu
Foto: Galaxia
As onzas, Ramón Otero Pedrayo
Lela, Os vellos...
qr
Foto: Lito Vila Baleato, amigo de ogalego.eu

Texto adaptado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

 

Especial coronavirus

Exercicio teatral para facer en grupo na corentena do coronavirus


Comezar vendo a obra completa: Os vellos non deben de namorarse, de Castelao:

 


Escea VII, lance I: Os vellos non deben de namorarse, Castelao

Lectura-representación da escena, adaptándoa ao número de voluntarios actores/actrices que haxa na casa. Poden ser 5: un as anotacións (verde) e 4 as irmás. Poden ser irmáns ou irmás, como se queira. Aínda que non saia moi ben tamén pode gravarse.

Situación: as catro vellas, as irmás, despídense do vello don Saturio imitando os tradicionais prantos funerarios galegos.

Texto:

Óllase unha parede con dúas fiestras pechadas, máis alá dun valado que impide ver a rúa que se supón máis baixa. Estamos no intre en que se celebra o enterro do boticario, e da rúa xorden marmurios de moita xente. Ábrense as fiestras e aparecen as catro irmáns do boticario, dúas en cada fiestra, a faceren o pranto.

IRMÁN 1ª. ¡Alá se vai o noso capitán! ¡O capitán do noso navío!
IRMÁN 2ª. ¡Alá se vai o noso letreiro! ¡A gala das nosas romerías!
IRMÁN 3ª. ¡Alá se vai o noso patriarca! ¡O santo das nosas devocións!
IRMÁN 4ª. ¡Alá se vai a nosa fachenda! ¡A meniña dos nosos ollos!
TODAS. ¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

Unha banda de música rompe a tocar unha marcha fúnebre e pasan os ciriais e a cruz parroquial sobrepasando o valado.

IRMÁN 1ª. ¡E levas música, porque morreches solteiro!
IRMÁN 2ª. ¡E levas música, como os anxeliños!
IRMÁN 3ª. ¡E levas música, porque xa estás no ceo!
IRMÁN 4ª. ¡E levas música, porque tamén ti eras músico!
TODAS. ¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

IRMÁN 1ª. ¡Morreu o estudante avantaxado!
IRMAN 2ª. ¡Morreu o bachiller con matrículas de honor!
IRMÁN 3ª. ¡Morreu o licenciado en Farmacia!
IRMÁN 4ª. ¡Morreu Don Saturio, a ciencia dos boticarios!
TODAS. ¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

IRMÁN 1ª. ¿Quen che roubou a fala?
IRMÁN 2ª. ¿Quen che parou o corazón?
IRMÁN 3ª. ¿Quen che zugou a vida?
IRMÁN 4ª. ¿Quen te matou, irmanciño querido?
TODAS. ¡Ai, Saturio! ¡ Saturio! ¡ Saturio!

IRMÁN 1ª. ¡E vaste sen dares unha queixa!
IRMÁN 2ª. ¡E vaste sen pedires médico!
IRMÁN 3ª. ¡E vaste sen dares aviso da túa morte!
IRMÁN 4ª. ¡E vaste sen despedirte de nós!
TODAS. ¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

IRMÁN 1ª. ¡Xa onte non falabas nin rías!
IRMÁN 2ª. ¡Xa onte levabas a terra nos ollos!
IRMÁN 3ª. ¡Xa onte non comeches de medo!
IRMÁN 4ª. ¡Xa onte non tocaches a guitarra!
TODAS. ¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

IRMÁN 1ª. ¡Dille á morte que nos veña buscar, compañeiro dos nosos días!
IRMÁN 2ª. ¡Dille á terra que nos veña comer, almiña de Deus!
IRMÁN 3ª. ¡Lévanos deste mundo, estreliña da nosa noite!
IRMÁN 4ª. ¡Vainos facendo catro sitios á beira do Noso Señor!
TODAS. ¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

IRMÁN 1ª. ¡Velaí vai a caixa dos nosos corazóns!
IRMÁN 2ª. ¡Velaí vai o noso amor verdadeiro!
IRMÁN 3ª. ¡Velaí vai a nosa vida!
IRMÁN 4ª. ¡Velaí vai a nosa morte!
TODAS. ¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

A música vaise alonxando. As irmáns do boticario apenas teñen folgos para chorar enrouquecidas.

IRMÁN 1ª. ¡Adeus para sempre, quentura do noso inverno!
IRMÁN 2ª. ¡Adeus para sempre, puntal da nosa vellez!
IRMÁN 3ª. ¡Adeus para sempre, pan e viño da nosa mesa!
IRMÁN 4ª. ¡Adeus para sempre, botica dos nosos pesares!

As catro irmáns do boticario fican esmorecidas no peitoril das fiestras, saloucando as derradeiras verbas da despedida.

TODAS. En desorde ¡Adeus irmán! ¡Saturio! ¡Saturio! ¡Adeus para sempre! ¡Irmanciño querido! ¡Adeus! ¡Adeus… !

A música xa está lonxe

Cae o pano


Exemplo de mozas de 4º ESO que representaron a escena hai uns anos:

 


Opción 2

Representar un novo texto. Pódese adaptar a escena á despedida do coronavirus, a pandemia, o andazo que nos ataca. Se aínda está presente facémoslle a figa para que marche, se xa marchou despedímolo cun pranto.

Texto adaptado:

Óllase unha parede con catro fiestras pechadas, máis alá dun valado que impide ver a rúa que se supón máis baixa. Estamos no intre en que se celebra o enterro do coronavirus, e da rúa xorden marmurios de moita xente. Ábrense as fiestras e aparecen as catro irmáns do virus, unha en cada fiestra, aínda coa distancia de separación, a faceren o pranto.

IRMÁN 1ª. ¡Alá se vai o noso capitán! ¡O capitán da nosa saúde!
IRMÁN 2ª. ¡Alá se vai o noso letreiro! ¡A gala das nosas enfermidades!
IRMÁN 3ª. ¡Alá se vai o noso patriarca! ¡O santo das nosas devocións!
IRMÁN 4ª. ¡Alá se vai a nosa fachenda! ¡A meniña dos nosos ollos!
TODAS. ¡Ai, Andazo! ¡Andazo! ¡Andazo!

Unha banda de música rompe a tocar unha marcha fúnebre nun balcón e pasan as patrullas de policía pola rúa.

IRMÁN 1ª. ¡E levas música, porque morreches mundial!
IRMÁN 2ª. ¡E levas música, como os anxeliños!
IRMÁN 3ª. ¡E levas música, porque xa estás no outro mundo!
IRMÁN 4ª. ¡E levas música, porque tamén ti eras música!
TODAS. ¡Ai, Pandemia! ¡Pandemia! ¡Pandemia!

IRMÁN 1ª. ¡Morreu o virus avantaxado!
IRMAN 2ª. ¡Morreu a doenza con matrículas de honor!
IRMÁN 3ª. ¡Morreu o licenciado en Farmacia!
IRMÁN 4ª. ¡Morreu Don Corona, a ciencia das enfermidades!
TODAS. ¡Ai, Corona! ¡Corona! ¡Corona!

IRMÁN 1ª. ¿Quen che roubou a virulencia?
IRMÁN 2ª. ¿Quen che parou o o contaxio?
IRMÁN 3ª. ¿Quen che zugou a vida?
IRMÁN 4ª. ¿Quen te matou, virusciño querido?
TODAS. ¡Ai, Virus! ¡Virus! ¡Virus!

IRMÁN 1ª. ¡E vaste sen dares unha queixa!
IRMÁN 2ª. ¡E vaste sen pedires unha vacina!
IRMÁN 3ª. ¡E vaste sen dares aviso da túa morte!
IRMÁN 4ª. ¡E vaste sen despedirte de nós!
TODAS. ¡Ai, Griponcio! ¡Griponcio! ¡Griponcio!

IRMÁN 1ª. ¡Xa onte non enfermabas nin internabas!
IRMÁN 2ª. ¡Xa onte levabas a terra nos ollos!
IRMÁN 3ª. ¡Xa onte non contaxiaches a ninguén!
IRMÁN 4ª. ¡Xa onte non tocaches a morte!
TODAS. ¡Ai, Andazo! ¡Andazo! ¡Andazo!

IRMÁN 1ª. ¡Dille á morte que nos veña buscar, compañeiro dos nosos días!
IRMÁN 2ª. ¡Dille á terra que nos veña comer, almiña de Deus!
IRMÁN 3ª. ¡Lévanos deste mundo, estreliña da nosa noite!
IRMÁN 4ª. ¡Vainos facendo catro sitios á beira túa!
TODAS. ¡Ai, Pandemia! ¡Pandemia! ¡Pandemia!

IRMÁN 1ª. ¡Velaí vai a nosa gripe verdadeira!
IRMÁN 2ª. ¡Velaí vai o noso desastre verdadeiro!
IRMÁN 3ª. ¡Velaí vai a nosa vida!
IRMÁN 4ª. ¡Velaí vai a nosa morte!
TODAS. ¡Ai, Corona! ¡Corona! ¡Corona!

A música vaixe alonxando. As irmáns do virus apenas teñen folgos para chorar enrouquecidas.

IRMÁN 1ª. ¡Adeus para sempre, quentura do noso inverno!
IRMÁN 2ª. ¡Adeus para sempre, puntal da nosa vellez!
IRMÁN 3ª. ¡Adeus para sempre, pan e viño da nosa mesa!
IRMÁN 4ª. ¡Adeus para sempre, doenza dos nosos pesares!

As catro irmáns do virus fican esmorecidas no peitoril das fiestras, saloucando as derradeiras verbas da despedida.

TODAS. En desorde ¡Adeus Virus! ¡Andazo! ¡Pandemia! ¡Adeus para sempre! ¡Coroniña querido! ¡Adeus! ¡Adeus… !

A música xa está lonxe

Cae o pano

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.