De cando vin o lobo

 

Mira, Aldán, cando eu tiña cinco anos vivía nas montañas de Lugo, nunha aldea que se chama Trasar. Sabes a que animal lle tiña eu máis medo?, pois ao lobo, porque alí había lobos de verdade e os maiores contábannos aos nenos moitos contos de lobos malos. Ti viches o lobo algunha vez?

Sabes como fai o lobo, como berra?  Pois ouvean así: auuuuuu
Sabes a que animal se parece o lobo? Si, a un can moi grande, moi grande.
E sabes como ladran os cans moi grandes? Si gau, gau... e si algúns cans tamén poden ouvear.

Mira, na miña casa tiñamos un cabalo grande, que lle chamabamos a Besta. E díxome a miña mamá:
-Anxiño, vai mirar á finca dos carballos se a besta está comendo herba e volve pronto.
E saín, axiña vin un can grande subido encima dunha pedra mirando para min. Eu non o coñecía, non me parecía o can de ningún veciño. Empecei a berrarlle:
-Eeerrrr, urrrrruuur, marcha can peludo! Mira que che tiro unha pedra e che rompo o rabo! Como era un can descoñecido eu non me acheguei, só lle berraba desde lonxe, porque ben sabes que aos cans que non se coñecen non se pode un achegar, o can non me facía caso, e logo mirou para min con cara feroz  e marchou.
Nada máis marchar o can vexo que vén correndo cara min unha veciña, a señora Rosa:
-Ai Anxiño, que fas aí ti só, mira que anda por aquí o lobo que acaba de atacar e comer unha...
Que animal sería o que comeu, que é que o comen os lobos? Claro, acababa de atacar unha ovella. E seguiu falando a señora Rosa:
-Que agora mesmo acabo de ver que pasaba por aquí ese lobo. Eu díxenlle:
-Ai, señora Rosa, eu non vin o lobo, o que eu vin foi un can moi grande, con moito rabo e a cabeza forte e unha mirada feroz.
-Ai, Anxiño, ti o que viches foi o lobo, mira que es valente que non lle tiveches medo.
-Claro que lle teño moitísimo medo ao lobo, señora Rosa, pero como pensei que era un can... se soubera que era un lobo igual ata me facía pis co susto.

Xa ves Aldán, eu fun valente porque non sabía o que tiña diante, pensaba que o lobo era un can. Aínda así, ao saber que vira o lobo collín tanto medo que se me puxeron os pelos (daquela aínda tiña pelo) de punta.

Pero volvamos ao conto, a miña mamá mandárame ver se estaba comendo herba... que animal? lembras? Os cabalos non levan zapatos, pero nos seus pés, nas súas pezuñas levan uns ferros chamados ferraduras para poder camiñar sen gastar os pés. Pois eu vin o cabalo e pareceume que tiña un caracol pegado nunha pata e achegueime para collelo. Pero o cabalo asustouse e lanzoume un couce, unha patada que me deu na cabeza e tirou comigo no chan. Moito chorei, tiveron que me levar ao hospital nun coche e quedoume para sempre unha marca da ferradura, un vultiño na fronte no meu lado esquerdo.Aínda se me nota algo?

Pois cando curei ben da patada do cabalo volvín á escola. E o día que eu volvín a profesora levounos a Lugo ver o circo. Lugo éche unha cidade grande coma Pontevedra. Fomos en autobús moi contentos porque cando eu era pequeno nos circos había animais da selva, animais feroces que estaban pechados en xaulas, en gaiolas. A profesora coñecía ao dono do circo e pediulle que nos deixase ver as gaiolas das feras antes de entrar ao circo. O xefe do circo avisounos:
-Coidadiño que ningún neno se achegue aos animais porque son moi feroces e perigosos. Nin lles deades comida que poden poñerse nerviosos
.

A que non sabes que había un neno na nosa escola que era moi traste e sempre se andaba metendo en problemas, non facía caso ao que nos dicía a profe. Escoita, primeiro vimos un bicho inmenso... nunca viramos un bicho tan gordo e tiña un nariz extensible polo que botaba auga, Que sería? Si, un elefante! Despois vimos un animal cun pescozo que saía por enriba da gaiola, nunca viramos un animal tan alto, que sería? Pois si, unha xirafa!

O problema foi cando chegamos diante dun tigre. O neno traste, que se chamaba Pepiño, dixo:
-Este tigre parece parvo, está medio durmido voulle dar unhas galletas para que esperte.
E meteu a man entre os ferros da gaiola para botarlle as galletas e nese momento o tigre abriu os ollos e botou un garrrraaa fortísimo.

O neno co susto non deu sacado a man que lle quedou atrapado todo o brazo dentro e non o daba sacado, e se se levantaba o tigre e o mordía? E o tigre empezou a moverse lentamente cara o brazo do Pepiño. O Pepiño empezou a chorar e nós veña todos a chorar. E a profesora saíu a correr buscar o domador das feras. Sabes quen é o domador? Si o que domina os animais.

E entón meu irmán Bernardino que sabe moito de animais díxonos:
-Atendede todos, nada de chorar, sacade todos as camisetas, todos coa barriga ao aire e poñédevos a catro patas coa lingua fóra coma se foramos gatos para que o tigre pense que todos somos animais amigos seus...

Así o fixemos, fóra camisetas, e a catro patas coma os gatos, coa lingua fóra, mirando para o tigre e botándolle todas as lambetadas que tiñamos para comer nós despois no circo... entón o tigre calmouse e púxose a mirar para nós e a comer nas lambetadas e esqueceuse do brazo do Pepiño. O tigre só rabuñaba coas patas no chan e gruñía mirándonos como se se estivese preguntando que clase de animais eramos nós, uns animais amigos que lle daban de comer.

E menos mal que axiña chegou o domador co látego na man, entrou na gaiola dando lategazos e fixo sentar ao tigre mentres a profesora lle axudaba ao Pepiño a sacar o brazo.

E quedamos todos felices e contentos. E volvémonos vestir e entramos no circo. Cando saíron os pallasos dixeron:
-A ver, que saia aquí onda nós un neno que se chama Bernardino que hoxe foi moi valente diante dun tigre e que leve este saco cheo de chocolatinas para os nenos que hoxe lle deron as súas lambetadas ao tigre e quedaron sen elas. Todos se poden fartar de chocolatinas menos un neno que se chama Pepiño, que se portou mal, el só pode comer unha porque está castigado.

Así que Aldán, os animais poden ser moi bos e amigos, pero como son animais tamén poden ser moi perigosos, cando vexas un animal que non coñezas non te achegues nin lle deas comida, por se acaso, non che vaia pasar como o Pepiño no circo.

E tampouco debemos tocar os niños dos paxaros con ovos. Lembras como se chamaba o neno traste? Pois mirade o que me pasou outra vez con el. Meu irmán Bernardino ensinoume un niño con catro ovos de paxaro. E díxome:
-Escoita, Anxiño, podes mirar pero non se pode tocar un niño de paxaro con ovos, se lles tocamos aos ovos logo os papás paxaro collen medo e non volven sentarse enriba dos ovos e xa non nacen paxariños dos ovos. E non lle digas a ningún neno onde está este niño, é un segredo teu e meu.

Pero o Pepiño preguntoume se sabia dalgún niño de paxaro. Eu díxenlle que non pero el insistiu moito, que llo dixera que el non ía contar o segredo e fíxenlle caso e díxenlle onde estaba. Ao día seguinte despois de saír da escola fomos o Bernardino e mais eu ver o niño cos ovos e vaia sorpresa! O niño estaba pero non había ovos. A que non sospeitades quen os roubara? Claro que si, fora o Pepiño e fixera unha tortilliña con eles.

Así que xa sabes, se dando un paseo por Bueu atopas un niño con ovos de paxaro, non lles toques para que poidan nacer os bebés paxariños. E se ves un buraco na terra ou nunha pedra, nin se che ocorra meter o dedo dentro,  que pode haber unha cobra e picarte, por se acaso mete un pao, pero non o dedo.

E colorín colorado este conto está rematado.

2005-2020
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.