O lobo, o maior depredador dos animais domésticos tradicionais nas aldeas galegas
Galego |
NAI |
PAI |
FILLA |
FILLO |
![]() |
Loba |
Lobo |
Lobeta |
Lobeto |
Idioma |
NAI |
PAI |
CRÍA |
|
![]() |
Español |
Loba |
Lobo |
Lobato, lobezno |
![]() |
Portugués |
Loba |
Lobo |
Lobato, lobacho |
![]() |
Francés |
La louve |
Le loup |
Le louveteau |
![]() |
Inglés |
She wolf |
Wolf |
Little wolf |
O lobo foi sempre a fera máis temida no campo galego. Son moitos os contos populares nos que se describen os ataques do lobo, sobre todo ás ovellas e años. Un dos contos literarios máis coñecido é Os lobos de Ánxel Fole: describe os medos dun home ante os ataques dos lobos (ver o vídeo). Dise que os lobos raramente atacan os humanos, pero nos contos sempre meten moito medo.
Son moi semellantes a algún tipo de can, mesmo poden confundirse. A diario andan e corren moito para buscar alimento. Poden cazar tando de día coma de noite porque teñen un olfacto moi fino e ven ben con moi pouca luz. Se vive en liberdade o lobo chega normalmente aos oito anos de vida, en cautividade pode vivir uns cantos máis. Gústanlles as ovellas e as cabras, pero tamén cervos, cabalos, becerros ... mesmo poden comer roedores e aves. Acostuman vivir en mandas ou grupos nos que sempre hai un xefe. Cada manda ten un territorio de seu, por iso ouvean, para comunicarse e marcaren o territorio.
Non é moi fácil velos porque se esconden dos humanos. Este depredador é moi sanguinario, se topa un grupo de ovellas igual mata varias aínda que non poida comelas todas. Hoxe en moitos sitios están en perigo de extinción e tamén comezan a achegarse a zoñas poboadas buscando restos de comida.
O QUE SE CONTA DO LOBO
O lobo é na nosa mitoloxía o principal animal inimigo do home, un bicho nocturno e rodeado de poderes máxicos. Os seus ollos son coma brasas, brillan na noite e teñen un grande poder de fascinación. É tan devorador que se di que quere morrer coa boca chea, sexa do que sexa.
O lobo pode ser moi listo. Nos anos 1950 un rapaz de 8 anos andaba coas vacas en Cartelos. O lobo saltou un muro, pillou unha ovella e matouna. Como non podía saltar o muro para levala, cos dentes tirou unhas poucas pedras e despois botou a ovella ao lombo e marchou con ela. O rapaz asistiu á escena petrificado e sen poder dar unha fala (despois de 60 anos aínda o lembra moi ben).
Ao día seguinte toparon os restos da ovella entre uns millos. Uns seis anos despois volveu entrar o lobo no mesmo prado pero el xa era un mozote, colleu un pau e a berros fixo fuxir o lobo sen que matase a ovella.
Para se botar á xente xúntase con outros. Primeiro van acompañando a persoa, sen que os vexan, escóitase como se moven, se un para eles paran. Vanse achegando aos poucos e poñendo nervioso ao humano. Logo empezan a dar voltas arredor del e mesmo a baterlle cos rabos. Fano perder o sentido e finalmente atacan e matan, tapan a persoa con follas e van buscar outros lobos para comela. Non vale subirse a unha árbore que o lobo agarda pola presa toda a noite.
O lobo produce efectos raros no home. Cando o lobo mira unha persoa, aínda que ela non o vexa, empeza a sentir que os pelos se lle poñen de punta, que perde o sentido e perde a fala. Como defenderse? Pois o lobo tenlle medo ao lume, á luz; un foco eléctrico, un fachuco de palla é o mellor para facelo fuxir. Tamén se di que escapa da música, cóntase dun gaiteiro que foi atacado polo lobo, subiu a un carballo e empezou a tocar a gaita. O lobo desapareceu.
O lobishome é unha crenza común con outros pobos e culturas. Disque o ser lobishome é unha fada, un destino, unha desgraza, ao que lle caia ten que cumprir sen remedio o de ser home lobo. Seica o sétimo ou noveno varón fillo dos mesmos pais, que non tiveran polo medio ningunha filla pode ter a obriga de ser lobishome.
O máis corrente é que o home só se convirta en lobo determinados días, máis ben as noites de lúa chea. Entón escapa da casa para o monte, envórcase na terra e colle a figura de lobo. Para salvalo da desgraza o mellor é queimarlle a pel de lobo na que se envolve.
Na nosa terrra tíñaselles moito respecto aos cans-lobo, lobicáns ou cans alobados, pola súa ferocidade.
Vídeo de Internet: lobos ouveando