foto porco

 

A PORCA E O LOBO (conto)


Andaba unha porca cos seus bacoriños pacendo nun prado ao lado dun muíño. Nisto que chega o lobo e dille:
-Agora mesmo che vou comer os porquiños que devezo coa fame.
A nai cocha era moi lista e pensou en como librar os seus filliños da morte segura e díxolle ao lobo:
-Pois non teño máis remedio que deixarchos comer pero están sen bautizar os pobriños e son cristiáns, dáme pena que morran así. Mira, ti sobes ao rodicio do muíño e eu vou por enriba e vouchos botando pola canal abaixo. Así pasan pola auga e xa quedan bautizadiños, meus pobres!
-Moi ben –dixo o lobo- fáganse as cousas ben feitas, logo.
Subiu o lobo ao rodicio e a porca foi polo lado de enriba mais en vez de lle tirar os marranquiños o que fixo foi abrirlle ao torrente da auga que botou o muíño a andar. O lobo quedou atrapado no rodicio dando voltas seguido. A porca aproveitou para escapar cos seus fillos mentres o lobo enfadado non paraba de berrar:
-Para, bailón, ou paras ou non!!!

Extra: vídeo de YouTube no que se ve un muíño co seu rodicio funcionando

Extra: imaxe na Internet dun rodicio