galiña

A GALIÑA ASUSTADA (conto)

Había unha vez unha galiña que estaba peteirando debaixo dunha pereira e caeulle unha pera na coroíña. Marchou xunto ao galo e díxolle:
-Marche de aí, don Galo, que o mundo cae a anacos.
-Quen llo dixo, dona Galiña?
-Caeume a min na coroíña.
E o galo fuxiu. A galiña foi xunto á lebre.
-Marche de aí, dona Lebre, que o mundo cae a anacos.
-Quen llo dixo, dona Galiña?
-Caeume a min na coroíña.
E a lebre marchou. E logo foi xunto á raposa.
-Marche de aí, dona Raposa, que o mundo cae a anacos.
-Quen llo dixo, dona Galiña?
-Caeume a min na coroíña.
-Pois se o mundo cae a anacos, eu quero ir ben fartiña.
E a raposa papou a galiña.