gato

O GATO E A RAPOSA (conto)


Un día topáronse nun camiño unha raposa e mais un gato. A raposa presumía de saber moitas mañas para se librar dos inimigos ao andar polo mundo, saíndo sempre ben librada dos perigos.
-Cantas mañas sabes ti? –Dixo a raposa
-Eu non sei máis ca unha, a de subir axiña á primeira árbore que teña a man –Contestou o gato.
-Pois ben poucas son, eu sei mil mañas e un saco cheo delas –Rematou a raposa.
E seguían de conversa cando escoitaron cacarexar unhas galiñas nunha horta. A raposa propuxo pillalas e ofreceulle un anaco de galiña ao gato se lle axudaba na empresa.
O gato aceptou, subiu por unha maceira, baixou por unha pereira e xa estaba dentro da horta. A raposa andou mirando ata que topou un anaco de muro máis baixo por onde entrar. Xa dentro matou a primeira galiña, mais cando empezou coa segunda puxéronse todas a cacarexar e apareceron dous cans e o amo cun pau na man.
O gato que tal viu agatuñou pola pereira, saltou á maceira e xa estaba fóra libre de perigo. A raposa empezou a correr dentro da horta tentando saltar o muro pero non o conseguiu, atrapárona os cans. O dono do galiñeiro matouna e tirouna alí cos dentes regañados ao sol.
O gato subido nun carballo próximo viu toda a escena e cando todos marcharon  baixou do carballo, achegouse á raposa morta e díxolle:
-Ei, mil mañas, ti ris ou regañas?
Ti coas mil e mailo saco,
e gañou con unha soa o gato!