cabalo

O CABALO DO HOME PARVO (conto)


Había un home que non era moi listo, o caso é que ás veces non sabía moi ben o que facía, mais só lle pasaba de cando en vez. Botaba moitos días ben e de pronto un día andaba aparvallado.
Unha vez viña da feira no seu cabalo, había moita néboa e case se perde, menos mal que o cabalo sabía ben o camiño e colleu cara á casa. O home baixou a mexar e cando montou fíxoo ao revés, de cara para o rabo do cabalo. Agarrouse ao rabo e empezou a berrar:
-Ai, que alguén lle rabenou a cabeza ao meu cabalo, que non a ten, que lla segaron! E debe haber ben pouco tempo que o cabalo aínda está quente!
Menos mal que outro feirante o viu e o puxo ben, cara adiante e seguiu camiño. Pero de alí a un pouco caeulle a chaqueta ao chan. Baixouse a collela e pensou que atopara unha chaqueta tirada. Caeulle máis veces e de cada unha pensaba que atopara unha chaqueta nova que ía poñendo enriba da albarda.
Tiña tantas que chegando á casa a última xa  non a colleu, deixouna no chan.
Xa na casa díxolles á muller e ás fillas que viñera un anaco nun cabalo sen cabeza e que atopara tantas chaquetas que a derradeira nin a collera. Elas foron buscar a chaqueta caída a uns metros da casa e mandárono durmir, ben seguro que xa se erguería normal. O cabalo estaba parado diante da corte agardando que lle abriran.