ogalego.eu
Domingo Villar, escritor galego
Textos 4
Textos 2
qr
Foto: Domingo Villar, escritor galego de novela negra

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

TEXTOS 3: para mellorar a redacción 2

1.- Publicidade
2.- Cartas
3.- Circular
4.- Curriculum vitae
5.- Instancia
6.- Acta
7.- Receita de cociña
8.- Forcarei
9.- A Media e a Persia

C

CAR

R

DÁMOSCHE 500 EUROS COMO MÍNIMO PARA QUE SUBAS A UN CARRISA MÍNOR

Aínda que o teu coche usado non ande, dámosche 500 € como mínimo por el. Para que poidas subir ao modelo de CARRISA MÍNOR que máis che guste. E sen problemas.

Se non tes coche usado, é o mesmo. En CARRISA farémosche un plan de financiamento á túa medida. Verás como acabas gañando.

Ven ao teu concesionario CARRISA e nós axudarémosche a subir ao MÍNOR. Lembra que é unha oferta limitada ata o 31 de Nadal.

CON CARRISA RÁPIDO E SEGURO!!!

CARRISA MERCÁTOR, UN GRANDE VEHÍCULO COMERCIAL

Un nivel elevado de calidade significa un comportamento de marcha seguro, mais tamén unha longa vida útil. Para conseguilo cómpre unha esmerada selección dos materiais. CARRISA MERCÁTOR conseguiu dotar os seus vehículos comerciais destas dúas calidades e outras moitas que vostede pode comprobar se se achega aos nosos concesionarios.

SEGURO QUE AÍNDA NON COÑECE O CARRISA ESQUÍO???

Por menos do que vostede pensa pode ter todo un CARRISA ESQUÍO, e sen entrada inicial!

Veña comprobalo, visite o noso Concesionario!

Sorprenderase!

Porque CARRISA lle ofrece o mellor sistema de financiamento para mercar o seu CARRISA ESQUÍO.

195 € ao mes o primeiro ano, e ata chegar ao cuarto ano cun incremento de só 36 € ao mes.

Esta pequena cantidade case non a notará.

Olle que comezará con 195 € ao mes, acrecentará só 10 € no segundo ano, 12 € o terceiro e 14 € o cuarto, desde logo o mellor sistema de financiamento do mercado.

Aprovéitese e merque agora o seu CARRISA ESQUIO! En calquera dos nosos concesionarios recibirémolo gustosos e explicarémoslle todas as vantaxes deste sistema de financiamento exclusivo de CARRISA.

REDE DE CONCESIONARIOS CARRISA

C

CAR

R

EXERCICIOS:

1.- Análise das características da lingua publicitaria que se reflicten nos textos:

a) Uso de slogans -frases breves, concisas, que representan a idea xeral.

b) Redacción dirixida a un oínte indeterminado como se se falase con el.

c) Argumentación suxestiva.

d) Repetición de nomes asociados co produto.

2.- Redacción de anuncios onde se glosen as características de vídeos (ordenadores domésticos ou outros produtos) recollendo os carácteres analizados no punto anterior e seguindo esta técnica:

Pódese comezar con anuncios para a prensa escrita e seguir con guións para a televisión e radio.

3.- Tema para discutir: a publicidade na sociedade galega de hoxe; lingua, medios, importancia, etc.


Lugo, 2-01-2012

Distinguido Sr.:

Temos no noso poder a súa estimada carta do 24 dos correntes que pasamos a responder.

As dificultades creadas á nosa casa pola quebra de Rosa Mag&Luís Val, de Viveiro, impedíronnos regularizar coa acostumada puntualidade as contas con Vostede.

No desexo de mantermos o crédito, e a pesar das dificultades do momento, entregamos onte na s/c. da Caixa de Créditos o importe de 5.400 €, ficando así saldada a n/c.

Pedindo nos desculpe a demora nesta liquidación, desexámoslle continúe a expansión da súa empresa.

Reciba un afectuoso saúdo de:

CIDANGE& CIA.


Vigo, 22 de febreiro de 2012

Sres. Hadrián & Álvaro de Figueiras

Avd. de Marín, 28

36004 Pontevedra

Estimados amigos:

Acabamos de recibir a súa estimada carta do 10 do actual, acompañada pola lista dos prezos correntes.

Despois de os examinarmos, temos o pracer de transmitirlles o seguinte encargo:

A remesa debe ser feita con toda a rapidez posíbel a fin de estar no noso poder o 2 de marzo.

Canto ao pagamento, convennos a 30 días vista co 2% de desconto.

Sen outro asunto, reciba afectuosos saúdos de:

 

Mencía Rodríguez Directora Comercial

 

COMERCIAL PONTES

García Barbón,1

Vigo


Sra.Da.

Encina González

Rosalía de Castro, 2

Santiago de Compostela

Asunto: prezo de 2 máquinas

Distinguida Sra.:

Sentimos moito non poder satisfacer o pedido que vostede nos presenta. Os prezos que puxemos á motoserra e á máquina de sulfatar son os do catálogo da fábrica, aumentados coa nosa comisión usual e os gastos de envío.

Calquera dedución que concedésemos sería soportada exclusivamente pola nosa casa.

Esperamos, pois, que vostede nos confirme o seu encargo no máis curto prazo.

Atentamente e con toda a consideración, reciba un cordial saúdo de:

Olegario Capón

MAQUIGRARIA

Avd. da Coruña, 4

Ordes

EXERCICIOS:

1.- Procurar novos encabezamentos e despedidas para estas cartas e substituír os actuais.

2.- Observar todas estas características que deben ter as cartas:

 

Explicar en que cres que consisten as seguintes características esenciais nas cartas: simplicidade, clareza, corrección, precisión, concisión, cortesía (ton delicado).

Sinalar agora que características das citadas máis arriba se precisan para conseguir estas características e engadir algunha outra se a cres necesaria.

 3.- Construír novas cartas comerciais onde se vexan as características antes citadas:

a) unha carta de pedido: prezos, catálogos, informes, etc.

b) Unha carta de envío: as que acompañan un documento ou mercadoría.

c) Unha carta de cobro: lembrando a súa obriga aos debedores.

d) Unha carta de reclamación: defectos na mercadoría, etc.

e) Unha carta de relacións públicas: felicitación, convite, agradecemento, etc. Despois analizar nelas os seguintes elementos estruturais e a súa disposición:

-Lugar: o lugar onde se escribe.

-Data: día, mes, ano.

-Nome: nome e enderezo do destinatario.

-Saúdo: rematado con dous puntos.

-Introdución: sinálase o asunto ou referencia e introdúcese a idea básica.

-Desenvolvemento do contido: ha de conter as características xa citadas.

-Despedida: breve, sinxela e cordial.

-Sinatura: a sinatura do remitente e por debaixo o nome completo co cargo que ocupa na empresa, etc.


Noia, 28 de novembro de 2011

Sr.D. Pegerto Buciños, socio número 47

Estimado amigo:

Como novo Presidente desta Sociedade tan querida para todos nós, teño o pracer de me dirixir por primeira vez a vostede. O primeiro punto do meu programa electoral era mellorar a situación económica do Club, e niso imos pór todos os nosos esforzos eu e os demais membros da Xunta Directiva. Por iso temos a disposición dos socios unha nova oferta de bonos de axuda que se poden retirar nas oficinas do Club a calquera hora do día. Non dubidamos da súa boa disposición a afrontar as obrigas para co noso Club.

Aproveito a ocasión para me pór á súa disposición en calquera asunto que vostede estime pertinente.

 

Reciba afectuosos saúdos de

Miguel González

Presidente do Real Noia Club.

Sinatura

EXERCICIOS:

1.- Cre que neste texto se dan as dúas características principais dunha circular: que sexa clara e simple?

2.- Como cre que consegue dar a impresión de que non é despersonalizada?

3. Indicar, partindo do texto, os puntos que teñen en común unha carta e unha circular.

4.- Redactar unha circular tendo en conta estes elementos: lugar, data, saúdo, despedida, sinatura.

Tema: o director duns Grandes Almacéns diríxese aos empregados para informalos duns cursiños de formación de vendedores a cargo da empresa e recoméndalles unha mellor atención aos clientes.


Santiago González López nado en Castroverde (Lugo) o 23 de maio de 1967, con domicilio actual en Avd. de Pontevedra, 38, 4-D, Ferrol, teléfono. ........., móbil: ..........., e-mail: .............. D.N.I. ........., casado don Dª. María Pérez López -Profesora Titular de Economía Comunitaria na Universidade da Coruña- pasa a expor todas as informacións que considera convenientes para optar á Concesión da Representación para a Galicia en exclusiva de CARRISA/MOTORES (Diario de Galicia, 24-II-2011).

Realizou os estudos de Bacharelato con excelentes notas e bolsa do Ministerio de Educación no Seminario de Mondoñedo. O último ano realizouno no I.B. Masculino de Lugo –a onde se trasladou ao ser nomeado seu pai Delegado de Facenda-. Obtivo o Premio Extraordinario de Bacharelato do Distrito Universitario de Santiago. No curso de Orientación Universitaria obtivo a cualificación global de Sobresaliente. No verán de l985 estivo dous meses en Inglaterra (Portsmouth) convivindo cunha familia para perfeccionar o seu inglés, feito que repetiu no verán de l986. Mentres, comezou os estudos de Dereito na Universidade de Santiago, que foi compaxinando cos de Económicas. Os veráns de l987 e 88 dedicounos a facer o Servizo Militar por Milicias Universitarias onde atinxiu o grao de Alférez. No verán de l989 -xa licenciado en Dereito- marchou a Dusseldorf onde durante cinco meses traballou como vixilante nocturno dunha empresa de embutidos asistindo pola mañá a un cursiño de formación para Novos Empresarios. De regreso a Galicia termina a licenciatura de Económicas. En setembro de l990 pasa a formar parte do persoal do Banco Industrial de Galicia -axúntase informe de Banco e copia do Máster en Finanzas obtido en Denver, USA, en l991-. En l994 é nomeado asesor do Ministro de Economía e Facenda, cargo no que cesa en l998 cando decide dedicarse á empresa privada. En maio de 1991 nace Imaxe e Xestión, empresa xa coñecida en todo o país e da que é Director Xerente. Isto non é máis que un adianto dos datos que espera poder comentar persoalmente co Director Comercial para Europa de CARRISA ao tempo que lle expón os proxectos vindeiros.

Atentamente

Data

Sinatura

EXERCICIOS:

1.- Supondo que se presenta unha interesante oferta de traballo, redactar o "curriculum vitae" propio.

Debe conter: nome, estado civil, domicilio, teléfono, lugar de nacemento e data, ocupación actual, preparación académica, experiencia profesional, idiomas que domina, etc.

2.- Conversa: O acceso aos postos de traballo; facilidades, igualdade de oportunidades, recomendacións, "coñecementos".


Carme Doval, alumna de 2º de Bacharelato do Instituto ...., nacida o ..... con D.N.I........, a V.I. EXPÓN:

QUE xa desde Primeiro da ESO foi asidua visitante da Biblioteca do Centro, dada a súa paixón pola lectura e as comodidades que ofrece para preparar traballos das diferentes materias. Que sempre mostrou interese polas materias (media de SOBRESALIENTE) e as actividades do Centro: colaborou na montaxe dunha exposición sobre "A nosa cidade como inspiración de pintores e poetas" en Terceiro; en Primeiro de Bacharelato representou a personaxe de Pimpinela co grupo do Centro. Ademais a situación económica da familia non é demasiado boa e precisa unha axuda para os gastos persoais.

É polo que a V.I. SOLICITA:

LLE SEXA CONCEDIDA a Bolsa para actualización de Ficheiros da Biblioteca segundo o anuncio con data ..... exposto no taboleiro de anuncios.

 

Documentación que se acompaña:

-Fotocopia do carné do Instituto.

-"Libro de Cualificacións

-"da Declaración da Renda da súa familia

 

Viveiro, ... de ....... de 2012.

Asinado

ILUSTRÍSIMA SEÑORA DIRECTORA DO INSTITUTO .......

EXERCICIOS:

l.- Elementos comúns ao texto anterior..

2.- Facer unha instancia ao Alcalde do Concello solicitando un local para ensaiar o grupo de música folk que diriximos.

Lembrar que debe constar dos seguintes apartados:

3.- Indicar os tratamentos que lles dariamos ás seguintes persoas nunha instancia: unha deputada do Parlamento, o Xefe de Estudos do Centro, O Presidente da Xunta, a Rectora da Universidade.


ACTA N.39

Na cidade do Ourense, sendo as 8,30 horas do día 2 de xaneiro de 2012, reúnense en segunda convocatoria os copropietarios que forman a Comunidade de Veciños do Edificio Sarreaus nos baixos que corresponden ao garaxe do mencionado edificio con motivo de celebraren Xunta Xeral Ordinaria.

Reúnense un total de 25 copropietarios, dos que cinco se encontran debidamente representados, o que supón un cincuenta e oito por cento da totalidade de corenta e tres veciños que compoñen a totalidade da Comunidade de Veciños do Edificio Sarreaus.

Celébrase esta Xunta Xeral Ordinaria actuando como Presidenta a Sra. ......, propietaria do piso 6-B, faino como Secretario o Sr......., correspondente ao piso 4-D, e como vocal o Sr........, propietario do piso 3-E.

 

Esta reunión lévase a cabo baixo a seguinte Orde do Día:

l.- Lectura e aprobación, se proceder, da Acta da Sesión anterior.

2.- Actualización da cota mensual.

3.- Período de funcionamento da calefacción.

4.- Rogos e preguntas.

Punto 1.- Unha vez que foi lida na súa totalidade a Acta da Sesión Anterior, esta foi aprobada por unanimidade de todos os presentes sen ningún cambio.

Punto 2.- Procedeuse por parte da Xunta de Goberno a informar das previsións de gastos para o último trimestre do ano en curso. Do exposto tírase a conclusión de que sería preciso subir a cota mensual 3 € por propietario a fin de soportar desafogadamente os gastos. O Sr. ...., propietario do 3-C, propuxo que esta suba se faga efectiva a partir de xaneiro de próximo ano se é posíbel, proposta que foi aceptada por unanimidade.

Punto 3.- A Xunta de Goberno pregunta cal destas dúas opcións é a preferida pola maioría:

a) acender a calefacción por un período predeterminado nesta reunión

b) acendela só cando a Xunta de Goberno considere que vai frío (aínda que esta opción non vai contentar a todos por igual)

Logo de varias intervencións dos presentes é aceptada por unanimidade a proposta b.

Punto 4.- O Sr..... do 2-A pide que a Comunidade lle solucione o problema da humidade no teito producida por algunha fuga no baño do veciño de arriba. Responde o Sr. Presidente que iso non é responsabilidade da Comunidade, senón dos veciños concretos.

Non se efectuaron máis rogos e preguntas.

E sen máis que tratar levantouse a Sesión sendo as 21,15 do día dous de xaneiro de dous mil cinco en Ourense, do que eu Secretario dou fe.

O Secretario

O Presidente

Lista de propietarios asistentes:.......

EXERCICIOS:

1.- Que características ves no texto que o diferencian da escrita habitual?.

2.- Escribir a acta dunha reunión ou sesión: consello escolar, claustro de profesores, etc., facendo referencia aos seguintes datos:

LINGUADOS MUIÑEIRA CON MANTEIGA (6 PERSOAS)

6 linguados de ración (150 a 200 gr. cada un).
l prato de fariña
l litro de aceite (sobrará)
l50 gr. de manteiga
2 culleradas de perexil picado, o zume dun limón, uns cachos de limón cortados coa súa pel, sal.

Na peixería mándase tirar a pel escura dos linguados, lávanse e sécanse moi ben cun pano limpo. Nunha tixola ponse o aceite a quecer; cando está no seu punto (non demasiado quente para que o peixe se faga por dentro antes de dourarse) sálgase lixeiramente cada unha das caras dos linguados, pásanse de un en un por fariña sacudíndoos para que caia a que sobra, frítense de dous en dous ao máximo; cando están ben dourados colócanse na fonte onde se van servir, empóanse co perexil picado e adórnanse cos anacos de limón.

Á parte derrétese a manteiga sen que coza, cando comeza a facer escuma tíraselle esta cunha culler, mestúrase co zume de limón coado para que non teña pebidas nin polpa e vértese a manteiga ben quente por enriba dos linguados. Sérvese axiña.

(SIMONE ORTEGA,1978).

EXERCICIOS:

l.- Analizar que tipo de lingua é o texto: descrición, exposición, narración, argumentación...

2.- Explicar por que nos gusta moito o noso prato preferido e por que non podemos "tragar" algún outro.

3.- Intentar transmitirlle a algún familiar esta receita usando outro tipo de lingua máis coloquial.

4.- Indicar outra receita de cociña usando unha lingua similar á do texto.


Concello da provincia de Pontevedra que aparece delimitado polos da Estrada, Cerdedo, A Lama e Cotobade, xunto cos do Irixo, Lalín e Beariz. Comprende trece parroquias e está dentro dunha das comarcas galegas con maior personalidade.

A Terra de Montes. O concello, labrado sobre todo en materiais graníticos e gnéisicos, entra polas abas das serras occidentais galegas (Candás, Suído), con altitudes superiores aos 500 m. As súas peculiaridades climáticas derívanse da súa situación de transición entre un dominio oceánico húmido, as Rías Baixas, e o oceánico mediterráneo, que achamos unha vez pasadas as serras occidentais, nas comarcas miñotas de Ourense. É por iso que as precipitacións aumentan con respecto á costa próxima. A poboación sitúase nos vales e bocarribeiras en pequenas aldeas sen superar a densidade de 40 hab./km2. A proximidade das áreas industriais da Galicia costeira provocou un claro retroceso da poboación. En 1925 a poboación do concello era de 9.172 hab. e en 1970 só atinxía a cifra de 7.042.

A Terra de Montes foi o berce de grandes mestres canteiros como se pode ver nos diferentes cruceiros das freguesías. Destaca entre toda a riqueza monumental o conxunto de Acibeiro e as ruínas da fortaleza de Castro de Montes.

O lugar de Forcarei, a 48 km. de Pontevedra é a capital do concello e pertence á parroquia de San Martiño de Forcarei, que conta con máis de 1.100 habitantes. A igrexa parroquial de fins do XVIII ten unha fachada neoclásica e un fermoso pináculo con cruz de ferro. A 11 km de Forcarei está Soutelo de Montes, un fermoso e crecente lugar que medra de ano a ano en habitantes e casas de moderna fasquía. Hoxe conta con máis de 350 habitantes. Alí se ergueu o monumento ao gaiteiro galego en lembranza dos ilustres músicos e gaiteiros de Soutelo e do resto de Galicia.

(tirado da Gran Enciclopedia Gallega.)

--------------------------------------------------------------------------

EXERCICIOS:

l.- Sinalar se se trata dunha descrición, exposición, narración, etc., razoándoo.

2.- De acordo cos seguintes dados elaborar un texto similar:

SANTISO

Provincia: A Coruña

Concellos limítrofes: Melide, Palas de Rei, Agolada, Vila de Cruces.

Extensión: 70 km2

Poboación (1981): 2.803 hab.

Altos: Roda (447), Lamas (432), Gandareira (404)

Temperatura media anual:120

Precipitacións medias: 1.500 mm anuais.

Encoros: parte do de Portodemouros

Economía: sector agropecuario.

Igrexas de interese: S. Estebo de Pezobrés e S. Pedro de S. Román (s. XIII).

Pazos: Vilar de Ferreiros e Santiago de Liñares.

Capital concello: Pedreira (85 km da Coruña)

3.- Procurar os datos necesarios e facer algo similar do noso concello.


Desígnase co nome de Meseta do Irán a unha vasta zona en forma de trapecio que se estende entre os ríos Indo e Tigris, desde os montes Indukus ata os golfos Omán e Pérsico. Na parte noroeste de dita rexión achábase a Media, cun solo quebrado e montañoso, chea de prados onde se criaban excelentes cabalos. Ao sur desta comarca estendíase a Persia, país areento e pobre.

Os arios, que nunha época remotísima invadiran a Persia e a Media, disputando esta comarca cos indíxenas que a ocupaban, non tardaron en sufriren a dominación dos seus poderosos veciños, os asirios, que reduciron a Media a provincia do seu Imperio, gobernada por xefes militares.

O país estaba dividido entre xefes independentes. Considérase a Ciaxares como o fundador do Imperio Medo. O seu fillo Astiaxes, cruel e supersticioso, foi o último rei privativo da Media. Foi derrotado nunha sublevación do persa Ciro, quizais seu neto, que despois reuniu as coroas da Persia e da Media co nome de Ciro II. Máis que conquista o que houbo foi mudanza de dinastías, o mesmo exército medo se uniu a Ciro e entregoulle a Astiaxes. Antes os reis medos gobernaran a persas e medos, desde agora a dinastía persa gobernará a medos e persas.

Os persas eran, como os medos, de raza aria e tamén se fusionaron cos primitivos moradores da Persia conservando a súa nativa rudeza. Estaban organizados en tribos, sendo a principal a dos Aquemínedes, á que pertencía o pai de Ciro.

A vida de Ciro II o Grande está repleta de elementos fabulosos. Conta a tradición que foi condenado a morte moi noviño, salvado e criado por un pegureiro, fíxose un guerreiro famoso e matou o seu avó, convertendo o reino da Media en provincia do da Persia. Logo declarou a guerra a Creso, rei da Lidia e moi famoso polas súas riquezas; gañou a batalla, conquistou a capital e incorporou o reino ao seu Imperio. Despois loitou contra Nabónides, rei de Babilonia; rapidamente o derrotou e se fixo dono da grande cidade caldea. O seu fillo Cambises dominou o Exipto e Darío, fillo de Cambises, chegou ata a Europa enfrontándose aos gregos.

A relixión dos medos e persas foi o Mazdaísmo. Segundo os seus crentes arranca de Zarathustra -Zoroastro para os gregos- que viviu nesta rexión realizando toda sorte de prodixios. Os libros sagrados que conteñen a doutrina do fundador levan o título de Zend-Avesta por estaren escritos no idioma Zend.

-----------------------------------------------------------------------------------

EXERCICIOS:

1.- Sinalar e razoa que tipo de lingua é a deste texto: narración, descrición, exposición......

2.- Anotar os datos que cremos máis significativos. Utilizando estes datos facer unha versión nova sen fixarnos na composición anterior. Logo comparar as dúas versións.

3.- Facer algo similar relatando algún feito da historia de Galicia que coñezamos.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.