ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Setembro de 2019


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

O método Pilates: un beneficio para a nosa saúde

Os seus defensores pregoan que é un adestramento integral de corpo e de mente que poden desenvolver persoas de todas as idades. Crece mesmo o número de especialistas de distintos ámbitos da saúde que o recomendan para enfermidades tan distintas como a asma, a insuficiencia cardíaca e, mesmo, para pacientes oncolóxicos. Demostrouse que ten beneficios neurolóxicos, xinecolóxicos, no aparello locomotor e na rehabilitación poscirúrxica de lesións. Pero, como todo exercicio deportivo, ten as súas contraindicacións.

"En 10 sesións sentirás a diferenza, en 20 verás a diferenza e en 30 cambiarache o corpo". Estas son palabras de Joseph Humbertus Pilates, o creador do método Pilates. Pero, en que consiste? Baséase en 300 exercicios básicos ─derivados da ximnasia correctora e doutras modalidades deportivas─ e nas súas variables; o seu obxectivo principal é fortalecer o centro de gravidade, localizado entre a zona abdominal e lumbar. Estas actividades pódense practicar no chan ou enriba de superficies adaptadas que levan incorporados distintos raís, estruturas ou poleas. A partir de aí trabállase a musculatura abdominal, fortalécese o chan pelviano, corríxese a postura corporal, robustécese a musculatura das costas e mellórase a súa aliñación, aumenta a flexibilidade, o equilibrio, a coordinación e a capacidade pulmonar e reduce o estrés. Ademais, cultiva o alongamento vertebral e axuda a que os discos intervertebrais deixen de estar colapsados.

Unha mala práctica do método Pilates, cun inadecuado control ou progresión, pode representar un risco de sufrir sobrecargas e lesións músculo-ligamentosas. De feito, os especialistas tampouco recomendan a súa práctica ante estados de inflamación aguda. Tamén insisten en que, aproveitando o seu auxe, se xeneralizou en moitos centros deportivos e, ás veces, non se realiza do xeito máis apropiado.

http://revista.consumer.es (texto adaptado).

1. O texto 1 é:

A Unha entrevista. Correcto?

B Un monólogo. Correcto?

C Un texto dialogado. Correcto?

D Un texto expositivo. Correcto?

2. Segundo o texto 1, o método Pilates é recomendable para a recuperación...

A das persoas que sofren cancro. Correcto?

B das persoas con lesións cerebrais moi graves. Correcto?

C de calquera enfermidade locomotora. Correcto?

D de doenzas como a bronquite ou a tuberculose. Correcto?

3. Un dos obxectivos do método Pilates, segundo o texto 1, é...

A traballar os músculos do ventre. Correcto?

B corrixir o alongamento vertebral. Correcto?

C fortalecer os órganos internos e a cartilaxe. Correcto?

D reducir a capacidade pulmonar. Correcto?

4. Logo de practicar Pilates...

A en só 10 sesións aumentará a masa muscular dos brazos e das pernas. Correcto?

B redúcense as inflamacións agudas que sofre o paciente. Correcto?

C prodúcense decote lesións músculo-ligamentosas. Correcto?

D diminúe a presión dos discos intervertebrais. Correcto?

5. Na secuencia “Baséase en 300 exercicios básicos” (en azul no texto) o sintagma “en 300 exercicios básicos” cumpre a función de:

A Atributo. Correcto?

B Complemento predicativo. Correcto?

C Suplemento ou complemento de réxime. Correcto?

D Complemento directo. Correcto?

6. Ás veces (en vermello no testo) é unha ou un:

A Locución prepositiva. Correcto?

B Locución adverbial. Correcto?

C Preposición. Correcto?

D Adverbio. Correcto?

7. Canto ao xénero dos seguintes substantivos, identifique a secuencia correcta:

A O legume, a sinal, a sangue, o arte. Correcto?

B O legume, o sinal, o sangue, a arte. Correcto?

C A legume, a sinal, a sangue, o arte. Correcto?

D A legume, o sinal, o sangue, a arte. Correcto?

8. Cal é a diferenza entre os termos “nós” e “nos”?

A Os dous son pronomes e poden usarse segundo consideremos. Correcto?

B Nos é pronome átono e nós é pronome tónico. Correcto?

C Nós é pronome átono e nos é pronome tónico. Correcto?

D Nos é determinante e nós é pronome persoal. Correcto?

9. A segunda persoa do singular do pretérito de indicativo do verbo ser é:

A Foches. Correcto?

B Fuches. Correcto?

C Fostes. Correcto?

D Fostedes. Correcto?

10. Sinale o período de maior esplendor da literatura galega:

A O século XVIII. Correcto?

B O século XIX. Correcto?

C A Idade Media. Correcto?

D Os Séculos Escuros. Correcto?




TEXTO 2

O Suso

A voz do Suso chegou a min fortemente, como unha corneta que rinchase:
-Manolito. Baixa. Baixa.
Eu obedecín. Todos os rapaces da Barbaña obedeciamos ao Suso. El era sorprendente. Tiña uns ollos escuros; ollos de animal de baixoterra, opacos, fixos. Non era posible deixar de cumprir os seus desexos. El non mandaba, simplemente desexaba. Estivera tirando pedriñas contra os vidros do meu cuarto. Eu abrira a fiestra e el berroume duro:
-Manolito. Baixa. Baixa. Baixei.
Desencolgueime pola vella cepa, máis vella que o meu avó, aquela tan vella que facía garda inmóbil na porta da nosa casoupa da Barbaña.
-Hai un rapaz no río -díxome o Suso (…).
-Está cerca da Pasarela. Ten os ollos abertos… Éche un rapaz.
Detívose e preguntoume pregando o entrecello:
-Tes medo?
Ía eu permitir que o Suso supuxera aquilo? En verdade tiña medo.
Pero o caso é que todos os rapaces da Barbaña tolearían de pracer se Suso os fora tirar do leito ás dúas da mañá para ir ver un afogado. E eu mesmo sentía un pracer xugoso e doce, coma se mordera unha grande mazá que me enchera a boca.

Xosé Luís Méndez Ferrín. O Suso, O crepúsculo e as formigas (Adaptación).

11. O narrador do texto 2 é...

A Suso. Correcto?

B Un narrador en terceira persoa. Correcto?

C Xosé Luís Méndez Ferrín. Correcto?

D Un narrador en primeira persoa. Correcto?

12. Este texto 2 é narrativo porque...

A conta unha historia de ficción, con personaxes imaxinarios, dentro dun determinado espazo e nunhas coordenadas temporais. Correcto?

B a súa finalidade principal é informar. Correcto?

C ten como finalidade persuadir a un receptor/a. Correcto?

D ten como finalidade describir unha situación e uns personaxes. Correcto?

13. Escolla entre as seguintes opcións a reposta correcta.

A As palabras deixar e casoupa conteñen ditongos. Correcto?

B Río e tolearían conteñen ditongos crecentes. Correcto?

C Fiestra e obedeciamos conteñen ditongos decrecentes. Correcto?

D Desencolgueime e facía conteñen dous hiatos. Correcto?

14. “Baixa” (en azul no texto) é:

A Terceira persoa do singular do presente de indicativo do verbo baixar. Correcto?

B Terceira persoa do singular do pretérito do indicativo do verbo baixar. Correcto?

C Segunda persoa do singular do imperativo do verbo baixar. Correcto?

D Terceira persoa do singular do presente de subxuntivo do verbo baixar. Correcto?

15. Escolla a serie de sinónimos correspondente ao verbo feder.

A Recender, alcatrear, cheirar. Correcto?

B Recender, abafar, gafar. Correcto?

C Abafar, gafar, apestar. Correcto?

D Recender, alcatrear, apestar. Correcto?

16. “Corneta” (en verde no texto) é un substantivo...

A Común, concreto, individual, contable. Correcto?

B Propio, hipocorístico. Correcto?

C Común, concreto, individual, non contable. Correcto?

D Común, concreto, colectivo, contable. Correcto?

17. “Desencolgueime” (en vermello no texto) é...

A Un vulgarismo. Correcto?

B Unha forma correcta. Correcto?

C Un dialectalismo. Correcto?

D Un cultismo. Correcto?

18. No sintagma “ollos escuros” (subliñado no texto), “escuros” é:

A Un adxectivo indefinido. Correcto?

B Un adxectivo cualificativo especificativo. Correcto?

C Un adxectivo cualificativo explicativo. Correcto?

D Un vocativo. Correcto?

19. Identifique a serie coa ortografía correcta.

A Dicionario, ficción, conduta, respecto. Correcto?

B Diccionario, fición, conducta, respecto. Correcto?

C Diccionario, fición, conduta, respeto. Correcto?

D Dicionario, ficción, conducta, respeto. Correcto?

20. O Rexurdimento da Literatura Galega comeza en...

A 1863, coa publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Correcto?

B 1863, coa publicación de Cantares Gallegos de Eduardo Pondal. Correcto?

C 1880, coa publicación de Follas Novas de Rosalía de Castro. Correcto?

D 1880, coa publicación de Aires da Miña Terra de Manuel Curros Enríquez. Correcto?

 

1.3 Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)

A práctica moderada de exercicio e a adopción dunha alimentación equilibrada son hábitos imprescindibles para manter un estilo de vida saudable. Porén, existe un segmento de poboación que non realiza ningunha clase de exercicio físico e, asemade, descoida a súa alimentación, con evidente risco para a súa saúde.

Redacte un texto expositivo relacionado cos estilos de vida saudables, dunha extensión máxima de 200 palabras, no que deberá incluír:

• Hábitos nocivos e costumes relacionados coa alimentación que representan un risco para a saúde das persoas.

• Posibles causas que conducen a unha parte da poboación a manter eses hábitos nocivos para a saúde.

• Perigos e consecuencias derivados destas malas prácticas adquiridas.

• Solucións ou alternativas para estes hábitos seren corrixidos.


Valorarase a corrección ortográfica, gramatical e formal, así como a adecuación do contido ao tema proposto e o uso do vocabulario apropiado.




ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com