Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // ogalego.gal


Xunta de Galicia
Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior
2018


Web da Xunta


LINGUA GALEGA

-Formato
A proba consta de dous textos e vinte cuestións, distribuídas deste xeito:
.Texto 1: dez cuestións tipo test.
.Texto 2: dez cuestións tipo test.
As cuestións tipo test teñen tres posibles respostas das que soamente unha é correcta.
-Puntuación
.0,50 puntos por cuestión tipo test correctamente contestada.
.Cada cuestión tipo test incorrecta restará 0,125 puntos.
.As respostas en branco non descontarán puntuación.
-Duración
.Este exercicio terá unha duración máxima de 60 minutos.


Convén tomar do número de respostas acertadas á primeira, das erradas e das que non se responden para poder calcular a puntuación final

Para poder ver as respostas correctas cómpre ter activado JavaScript no navegador


Texto 1

O Pergamiño Vindel

Un tesouro en sete cantigas

A chegada a Vigo do Pergamiño Vindel no ano 2017, procedente da Morgan Library & Museum de Nova York, foi un dos fitos culturais máis importantes e transcendentais dos acontecidos en Galicia nos últimos tempos.
Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas é o título da exposición na que o manuscrito que contén estas cantigas de amigo de Martín Códax, e a melodía de seis delas, se exhibirá ao público en Vigo por primeira vez na historia no Museo do Mar de Galicia.
A exposición divídese en sete partes, cada unha delas inspirada nunha das cantigas. O Pergamiño Vindel é o eixo central, pero está acompañado por outras pezas medievais e contemporáneas de gran calidade que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas; que nos falan da paisaxe, do mar, da música e das romarías en santuarios. Os santuarios locais da ría puideron servir de inspiración a Martín Códax. As cantigas que recolle o pergamiño pertencen a un tipo de poesía lírica que se desenvolveu no noroeste peninsular e que forma parte da tradición lírica galego-portuguesa medieval.
Deste manuscrito nada se sabía ata que o libreiro e anticuario Pedro Vindel –que lle dá nome– fala do seu achado, no ano 1914, na revista Arte Español. En 1918 Vindel vendeullo ao diplomático e musicólogo español Rafael Mitjana y Gordón, que o depositou na súa biblioteca de Uppsala (Suecia), coa intención de estudar a súa música. Tras a morte do diplomático, en 1921, a biblioteca quedou nas mans da viúva e posteriormente foi vendida polos seus herdeiros. Logo de varias vicisitudes, o Pergamiño Vindel foi finalmente adquirido pola Morgan Library de Nova York, onde se conserva desde o ano 1977.
A descuberta do pergamiño foi un achado azaroso, motivado probablemente pola curiosidade ou pola intuición de Pedro Vindel. O libreiro atoupouno na encadernación dun códice do século XIV que mercara e que contiña a copia manuscrita da obra De Officiis de Cicerón. Canda este libreiro curioso que o descubriu cómpre recordar tamén o papel desenvolvido polo erudito pontevedrés Víctor Said Armesto, ao que Vindel acudiu para corroborar e precisar a importancia daquel tesouro poético-musical que acababa de atopar: un fito literario imprescindible para comprender o esplendor da lírica medieval galego-portuguesa.
Datado probablemente da segunda metade do século XIII, é un manuscrito único non só para a lírica galego-portuguesa, senón para a lírica medieval en xeral. Desde a súa descuberta eruditos de diferentes países veñen poñendo en valor a súa singularidade. Entre os aspectos que o fan excepcional destaca o feito de ser o único exemplo da nosa tradición trobadoresca que transmite cantigas de amigo acompañadas pola súa notación musical. Na lírica profana, á parte do Vindel, só conserva melodía o Pergamiño Sharrer, máis deteriorado, que contén fragmentos de sete cantigas de amor do rei Dinís de Portugal.

Fonte

1. Cal é a afirmación correcta?

A O pergamiño encontrouno un libreiro na cuberta dun códice que contiña outra obra. Correcto?

B O manuscrito copiouse probablemente nunha biblioteca dunha cidade norteamericana. Correcto?

C O cancioneiro de Martín Codax conservouse durante séculos nunha universidade. Correcto?

2. Cal é a información falsa?

A O manuscrito que contén as cantigas de Martín Codax conserva tamén a música. Correcto?

B O rei Afonso X escribiu as sete cantigas de amigo que contén o Pergamiño Sharrer. Correcto?

C A Biblioteca Morgan de Nova York posúe o Pergamiño Vindel desde hai 40 anos. Correcto?

3. Segundo o texto, cal é a afirmación correcta sobre Pedro Vindel?

A Cedeu o manuscrito á biblioteca dunha universidade norteamericana. Correcto?

B Vendeu o pergamiño a unha persoa que o levou a un país estranxeiro. Correcto?

C Estudou a música das cantigas de amor da poesía lírica profana. Correcto?

4. No texto, a palabra diplomático (azul no texto) significa:

A Persoa enviada polo goberno dun estado a outro para establecer relacións ou defender os seus intereses. Correcto?

B Empregado público que estaba encargado de escribir documentos legais e actas dos procesos xudiciais. Correcto?

C Persoa designada para gobernar, en nome do rei, un territorio dependente da metrópole. Correcto?

5. Segundo o texto, cal é a afirmación correcta sobre Rafael Mitjana?

A Deixou o texto á súa viúva para que esta estudase a música das cantigas medievais. Correcto?

B Gardou o pergamiño na súa biblioteca nunha cidade sueca, pero faleceu pouco despois. Correcto?

C Vendeu o manuscrito a un libreiro español antes de dedicarse á política internacional. Correcto?

6. No texto, a palabra corroborar (en vermello no texto) significa:

A Darlle novos datos, probas, etc., máis forza ou apoio a unha teoría, argumento, etc. Correcto?

B Garantir que un documento, unha sinatura, etc. é auténtico. Correcto?

C Certificar que a copia dun documento se corresponde co orixinal. Correcto?

7. Cales son os emparellamentos correctos?

A Equí- → cabalo; igni- → sabedoría; semi- → leite; anemo- → anemia. Correcto?

B Ictio- →pedra; helio- → gas; piro- → tolo; xeno- → madeira. Correcto?

C Taqui- → rápido; pedo- → neno, cali- → belo; necro- → morte. Correcto?

8. Cal é a oración correctamente construída?

A Miña vida organízoa eu. Correcto?

B Cantos nosos veciños van ir a manifestación? Correcto?

C A póla do limoeiro caeu de seu. Correcto?

9. Cal é a serie de palabras correctamente escrita?

A Xavier, abogado, saraviar, esbelto, inmoviliaria, benebolamente. Correcto?

B Cristovo, absorbible, escaravello, bisbarra, vasoira, inmobilizar. Correcto?

C Esteban, automovilismo, debecer, volvoreta, absorver, maravillado. Correcto?

10. De que tipo é a oración subordinada que contén a oración composta “O home que entrou antes vixiaba a entrada”?

A Adverbial. Correcto?

B Substantiva. Correcto?

C Adxectiva. Correcto?

Texto 2

Un arqueólogo insiste en que o norte de Lugo tivo presenza de viquingos desde o século X

O arqueólogo navarro Iñaki Sagredo insiste en que houbo un asentamento viquingo en Galicia, concretamente no norte de Lugo. Precisamente este profesional atópase traballando nas escavacións do mosteiro medieval da Illa da Coelleira en busca de vestixios e probas que permitan esclarecer o pasado desta illa. Anteriormente xa se encargou de coordinar as escavacións e investigacións levadas a cabo no xacemento dos Moutillós, situado no Vicedo.
“Existen serios indicios para dicir que os viquingos estiveron no Vicedo no século X, pero temos que ser cautos, debemos seguir investigando e conseguir máis probas determinantes”, asegurou Sagredo nunha entrevista.
O seu equipo comezou a escavar o xacemento dos Moutillós no verán de 2014 e, posteriormente, o da Illa da Coelleira. “No xacemento dos Moutillós atopamos un muro de importantes dimensións, que entendemos que no seu día foi construído polos habitantes da zona para protexer a costa de posibles ataques, así como para controlar visualmente todo o enclave”, indica.
Cando comezaron os traballos contaron tamén coa axuda de Mariña Patrimonio. Precisamente este colectivo é un dos grandes divulgadores deste xacemento que apunta á similitude deste lugar coa estrutura dun castelo de mota e bailey que define os asentamentos dos normandos, descendentes de viquingos que recibiran terras en Normandía (Francia).
A finais de 2015 un equipo de Iñaki Sagredo atopou tellas, ósos, muros, cerámica e unha moeda semellante a un óbolo de Afonso X do século XIII. Tamén se atoparon cerámicas, unha delas cunha cruz das chamadas potenzadas polo remate que ten. Os restos atopados proceden de varias épocas, desde a Idade do Ferro e a época romana ata a Idade Media.
Non obstante, hai quen critica a existencia de asentamentos permanentes de viquingos e asegura que non hai ningunha evidencia arqueolóxica que sustente a presenza de viquingos en Galicia. De feito, lembran que as pequenas intervencións nos Moutillós non revelaron que sexa un asentamento dos saqueadores nórdicos.
Con todo, están documentados ataques de viquingos e normandos a territorio galego, desde Foz, onde teñen moi viva na memoria o milagre de San Gonzalo e o afundimento de toda unha frota nórdica, ata Tui, varias veces saqueada polos viquingos, entre as que destaca o ataque de Olaf no ano 1014, que deixou a cidade sen sé episcopal durante case 70 anos. De feito, nas crónicas aparecen catro grandes xefes viquingos que atacaron o país: Gunderedo, Olaf, Ulf Galiciefarer –a quen chamaban ‘O Galego’— e Bjorn ‘Costelas de Ferro’.

Fonte

11. Segundo o arqueólogo navarro Iñaki Sagredo:

A A zona do Vicedo foi saqueada polos viquingos antes de asentárense en Normandía. Correcto?

B Os viquingos fundaron un asentamento no norte de Galicia durante a Idade Media. Correcto?

C Os restos atopados nos Moutillós pertencen ao castelo medieval de Ulf ‘O Galego’. Correcto?

12. Segundo o texto, cal é a serie de afirmacións correcta?

A A Illa da Coelleira posuía un mosteiro e Os Moutillós tiñan un muro de protección. Correcto?

B Afonso IX cuñou óbolos de ouro e na Idade do Ferro había cruces potenzadas. Correcto?

C San Gonzalo comandou a frota nórdica e San Olaf atacou o Vicedo no ano 1014. Correcto?

13. No texto, a palabra cauto (en azul no texto) ten como sinónimos:

A Sabido e douto. Correcto?

B Coidadoso e pulcro. Correcto?

C Precavido e prudente. Correcto?

14. No texto, a palabra enclave (en vermello no texto) significa:

A Territorio situado no interior doutro máis extenso e de características diferentes. Correcto?

B Fortaleza rodeada de foxos e defendida por murallas flanqueadas de torres. Correcto?

C Acumulación de mineral sólido, líquido ou gasoso, que se encontra de forma natural. Correcto?

15. Segundo o texto, cal é a serie de afirmacións correcta?

A Os moradores da área dos Moutillós construíron un muro para defendérense de ataques á costa realizados por inimigos chegados polo mar. Correcto?

B O mosteiro cisterciense do Vicedo foi construído polos viquingos no século X para honraren a memoria de Ulf ‘O Galego’. Correcto?

C A frota escandinava de Gunderedo foi derrotada na costa da morte de Galicia pola armada do bispo San Gonzalo de Foz. Correcto?

16. Cal é a serie que contén só palabras con vogal tónica pechada (e/o)?

A Criterio, roda, modestia, croio, fixeches, sobes. Correcto?

B Étnico, remol, ferro, miñoto, chairego, robot. Correcto?

C Aquel, aeroso, comera, frescor, bebo, coxa. Correcto?

17. Cal destas oracións contén un pronome átono de solidariedade?

A Xa me pasou o tren que ti dixeras. Correcto?

B Isto non che me gusta nada. Correcto?

C Déixaa traballar para min mañá. Correcto?

18. Cal destas oracións contén unha palabra que funciona como adverbio de tempo?

A Foi daquela cando empecei a sospeitar del. Correcto?

B Se se pasa tanto medo como dis, daquela xa non vou. Correcto?

C Prefiro a cor desta camisa á daquela. Correcto?

19. Cal é serie de palabras correctamente acentuada?

A Femur, lider, ceíño, harakíri, hockey, anorak. Correcto?

B Félix, papeis, caída, prohibo, béisbol, hándicap. Correcto?

C Fé, ainda, constitui, púido, superávit, aerosól. Correcto?

20. O infinitivo conxugado úsase cando:

A O infinitivo ten carácter impersoal nunha oración composta: cantar alegra o día. Correcto?

B O infinitivo aparece no interior dunha perífrase verbal: Tedes que marchar á escola. Correcto?

C O infinitivo ten un suxeito expreso: Fixeron todo o posible por acabar elas antes. Correcto?
Nº de respostas correctas (C)
Nº de respostas incorrectas (Z)
Puntuación do test = C x 0.5 Z x 0.125
Nas preguntas de test, por cada resposta incorrecta descontaranse 0.125 puntos. As respostas en branco non descontarán puntuación.

2005-2018