Rochi Nóvoa
Foto de Rochi Nóvoa, escritora galega, amiga de ogalego.eu

ogalego.eu - ogalego.gal son

Vitoria Ogando Valcárcel//Anxo González Guerra catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. PAU


Proba de Acceso á Universidade: Proposta da Comisión para 2025


O exame consta de 4 preguntas de resposta obrigatoria, de 2,5 puntos cada unha, das que a terceira ten posibilidade de elección entre apartados.


TEXTO

Non serei eu quen diga que as nosas cantareiras (e o cancioneiro popular) non merezan homenaxes. Levan séculos creando cultura de nós e ese xa é mérito dabondo para ter o noso recoñecemento eterno. Pero o Día das Letras naceu para outra cousa.

Dou por feito que van odiarme moitos por este artigo pero ao meu entender a Real Academia Galega (RAG) trabucouse profundamente nesta ocasión. Porque o Día das Letras naceu para recoñecer o traballo autoral de alguén que, dun xeito consciente e constante, elabora unha obra literaria na nosa lingua. Ese non é o caso das cantareiras nin de lonxe. As que pariron os cantares, as nosas coplas populares, fixérono para cantar e expresar un mundo, pero non estaban facendo unha obra literaria. (...)

Non son quen de comprender, e xúrolles que levo dándolle voltas dende que se coñeceu o nomeamento da RAG, que motivos puideron ter para tomar semellante decisión. Necesitaban dedicarlle o día a mulleres? Pois velaí está Anisia Miranda, por exemplo, que foi moito máis que a señora de Neira Vilas. (...)

A RAG vén facendo un labor magnífico dende hai anos. Mais, neste caso, coido que meteron a zoca. En termos literarios non estaban pensando. Quizais noutras cousas paralelas porque, nun plenario tan dividido como o que hai, cómpre quedar ben con todo o mundo. Pero para nós, para os que non estamos na Academia, esta decisión é incomprensible e, sobre todo, allea por completo aos obxectivos que, dende 1963, ten o Día das Letras Galegas.

Imos cantar un mundo o ano que vén. Ímolo pasar moi ben. Pero a nosa sociedade vai despistarse bastante sobre o que significa «letras galegas».

Castro, Francisco: Adaptado de “A Real Academia trabucouse”. La Voz de Galicia (09/07/2024)

PREGUNTA 1. COMUNICACIÓN. (2,5 puntos)
Lea atentamente o texto anterior e responda estes tres apartados:

1.1. . Elabore un resumo seleccionando as ideas principais e sen parafrasear o artigo. Extensión aproximada: 60 palabras. (1,5 puntos)

(1ª versión do exame: Elabore un resumo seleccionando as ideas principais e respectando as propiedades textuais, con precisión léxica e corrección ortográfica e gramatical, sen parafrasear o artigo. Extensión aproximada: 60 palabras.)

1.2. Indique e explique a tipoloxía textual e o xénero discursivo do artigo. (0,5 puntos)

1.3. De ter que rebater a opinión do autor resaltada en negriña no texto, que par de argumentos dos seguintes cinco escollería? Xustifique a resposta. (0,5 puntos)

- En 2014 dedicóuselle o Día das Letras Galegas a Díaz Castro, quen non foi un autor constante en galego, pois só publicou unha obra, Nimbos.
- En 1775, Frei Martín Sarmiento afirmaba que “en Galicia las mugeres no solo son Poetisas sino también Músicas naturales (...) ellas son las que componen las coplas y ellas mismas inventan los tonos, ó ayres á que las han de cantar”.
- A data de celebración do Día das Letras Galegas escolleuse para homenaxear a publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro; obra na que os poemas se desenvolven a partir dun cantar popular.
- A Real Academia Galega sinala que “O Día das Letras é unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua. Constitúe, ademais, a meirande conmemoración da nosa cultura”.
- A Asociación Galega da Muller fixo público o seu agradecemento á decisión da RAG porque “era de xustiza este recoñecemento ás mulleres e á poesía popular. Popular porque vén do pobo, da xente, das persoas humildes que aínda sen saber ler nin escribir, posuían o poder da creación e a sensibilidade do fermoso”.

PREGUNTA 2. REFLEXIÓN SOBRE A LINGUA. (2.5 puntos)

Responda estes tres apartados:

3.1. A partir das relacións semánticas que se establecen entre as palabras do texto de Francisco Castro achegado (antonimia, sinonimia, polisemia), atope un campo semántico representativo, identifique a súa palabra clave e defínaa. (1 punto)
3.2. Analice morfoloxicamente dúas palabras do campo semántico. Segménteas en morfemas e indique a función e o valor de cada un deles. (1 punto)

(1ª versión do exame: Analice morfoloxicamente dúas palabras do campo semántico. Indique a raíz e os morfemas, sinalando o valor destes últimos.)

3.3. Observe con detalle a viñeta “Odiadas Letras Galegas” d’O Carrabouxo e, a partir dela, explique os recursos lingüísticos empregados polo artista e a súa función. (0,5 puntos)

(1ª versión do exame: Observe con detalle a viñeta “Odiadas Letras Galegas” d’O Carrabouxo e, a partir dela, explique que é a Fonética sintáctica e que recursos da mesma son empregados aquí polo artista.)

Carrabouxo

PREGUNTA 3. A LINGUA E OS SEUS FALANTES. (2,5 puntos)

A partir dos prexuízos evidenciados no artigo e na viñeta, responda un destes dous apartados:

(1ª versión do exame: A partir dos prexuízos evidenciados no artigo e na viñeta, escriba unha columna de opinión respondendo a un dos seguintes apartados. A columna deberá contar con: intrudución, dúas partes correspondentes a dous argumentos propios, e conclusión, cunha proposta conciliadora e respectuosa coa liberdade de expresión. Extensión aproximada: 250 palabras. )

3.1. . Escriba un artigo de opinión co título Trabucouse a Academia? (2,5 puntos)

(1ª versión do exame: Escriba unha columna de opinión co título Trabucouse a Academia?)

3.2. Escriba un artigo de opinión co título O Día das Letras Galegas ou Odiadas Letras Galegas? (2,5 puntos)

(1ª versión do exame: Escriba unha columna de opinión co título Trabucouse a Academia?)

O texto resultante deberá contar con: introdución, dúas partes, correspondentes a dous argumentos como mínimo, e conclusión. Extensión aproximada: 250 palabras.

PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2,5 puntos)

Lea este poema de Álvaro Cunqueiro que foi obxecto de diferentes versións musicais. Elabore un comentario literario que explique o contexto histórico e os seus trazos máis salientables, atendendo á forma (estrofas, métrica, rima, carácter popular ou culto), recursos estilísticos (fónicos, morfosintácticos, léxicos) e contido (tema ou temas, voz lírica, destinatarios). Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

(1ª versión do exame: Lea este poema de Álvaro Cunqueiro, musicado por Amancio Prada. Elabore un comentario literario, respectuoso coas propiedades textuais e correcto ortográfica e gramaticalmente, que explique o contexto histórico e os seus trazos máis salientables, atendendo á forma (estrofas, métrica, rima, carácter popular ou culto), recursos estilísticos (fónicos, morfosintácticos, léxicos) e contido (tema ou temas, voz lírica, destinatarios). Extensión aproximada: 200 palabras.)

No niño novo do vento
hai unha pomba dourada
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Ten áers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra.
E andar primeiro de río.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Cantiga nova que se chama Riveira, Álvaro Cunqueiro


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.