ogalego.eu - ogalego.gal

Adrián Estévez

Adrián Estévez, wikipedista e escritor (amigo de ogalego.eu)
Foto: wikipedia

Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU


Proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade

Exames do curso 2018-2019


Xuño: Opción A / Opción B

Xullo: Opción A / Opción B


XUÑ0 2019

OPCIÓN A

A Dian Fossey que eu coñecín era unha muller tímida pero de carácter forte. Chegará a África a finais de 1966. No campamento Karisoke afondou no coñecemento dos gorilas. Pero os seus esforzos non se limitaron a estudar estas criaturas. Dian Fossey tamén se dedicou a crear unha conciencia en contra da caza furtiva.

Aquela incansable muller amaba os gorilas. Cando contactaba con eles poñíalle nome. O gorila co que acadou unha maior comunicación chamábase Digit.

-Morreu nunha emboscada de cazadores furtivos. Cando souben da súa morte pensei que toleaba. Intensifiquei a miña loita contra os cazadores furtivos: cheguei a prepararlles trampas. Daquela empezaron os meus enfrontamentos co goberno de Ruanda.

Esta loita a cara descuberta procuroulle moitos inimigos. Inimigos grandes e pequenos. Entre estes últimos se contaban algúns indíxenas locais. Había indíxenas que cazaban gorilas por pura necesidade. A zona onde estaba situado o campamento era moi pobre. E un cacho de carne sempre era ben recibido na boca daquela xente esfameada; carne do animal que fose. En ocasións, Dian Fossey combateu esta práctica xogando coa superstición dos indíxenas. Na África negra a xente adoita ser supersticiosa. Moitos africanos son animistas e cren que os mortos viven entre os vivos. Dian Fossey, consciente diso, ás veces presentábase como o espírito dunha meiga que castigaría a aquel que fixese dano aos gorilas.

Dian Fossey tensou demasiado unha corda que era fráxil. E foi asasinada. Os seus restos mortais descansan a carón dos de Digit.

Pere Tobaruela, Na cerna da selva (2010)

1. Comenta o sentido que ten no texto o seguinte enunciado: Dian Fossey tensou demasiado unha corda que era fráxil (último parágrafo). Que significa tensar a corda? Por que se di que esta corda era fráxil? [1 punto]

2. Explica o significado que teñen as seguintes palabras ou expresións do texto (marcadas en vermello): de carácter forte, caza furtiva, xente esfameada, superstición, animista. (Non son válidas as respostas só con sinónimos). [1 punto]

3. Redacta un texto expoñendo a túa opinión sobre o dilema moral que se lles presenta aos indíxenas que, para evitaren pasar fame, cazan animais protexidos e sobre como debería ser afrontado ese conflito polas autoridades do país. (Extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

4. Contesta as seguintes preguntas relativas ao uso da preposición a. Xustifica as respostas: (en verde no texto) [1 punto]

a) aquela muller amaba os gorilas: podería levar preposición a o complemento directo?

b) unha meiga que castigaría a aquel que fixese dano aos gorilas: podería usarse a preposición a nestes dous casos?

5. Analiza sintacticamente a seguinte oración: En ocasións, Dian Fossey combateu esta práctica xogando coa superstición dos indíxenas. (Subliñada no texto) [1 punto]

6. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras) [1 punto]

a) O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

b) Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.

7. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]

a) A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.

b) A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.


 

Criterios de avaliación ABAU

OPCIÓN A

Pregunta 1: 1 punto

Agárdase que o/a alumno/a sexa quen de interpretar e explicar o sentido do enunciado no texto e a metáfora que envolve. Aínda que é esperable un comentario integrado, asígnase 0’50 puntos pola resposta a cada unha das cuestións formuladas.

Pregunta 2: 1 punto

Outórganse 0'20 puntos por cada palabra ou expresión co significado correctamente explicado.

Pregunta 3: 3 puntos

Valórase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:

1) Construción textual: 1 punto. Valorarase: 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta. 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións. 1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.

2) Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos.

3) Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.
No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4: 1 punto

Pola resposta correcta e ben xustificada do primeiro exemplo -enunciado (a)-, outórganse 0’40 puntos. Polas correspondentes ás dúas preposicións do enunciado (b), 0'30 puntos cada unha. Se a resposta é acertada pero non xustificada ou está mal xustificada, concederase 0'15 puntos para cada caso. [NB: Non é correcta a introdución da preposición no exemplo do enunciado (a) nin a súa supresión nos dous casos do enunciado (b).]

Pregunta 5: 1 punto

Valorarase a axeitada identificación das funcións e das categorías ou unidades sintácticas que as desempeñan. Admítese calquera modo de representación da análise así como as diversas terminoloxías, sempre que se empreguen de xeito coherente. Ítems de referencia na corrección (ata 0'15 puntos cada un deles, cun máximo de 1 punto):

1. En ocasións: FP – CCirc (Tempo)
2. Dian Fossey: FN – SUX
3. combateu: Verbo – Predicado (ou Núcleo da FV-Predicado)
4. esta práctica: FN – CDirecto
5. xogando coa superstición dos indíxenas: Or. subord. de xerundio – CPtvo de SUX (ou CCirc Modo)
6. coa superstición dos indíxenas: FP – CPreposicional (de xogar, non de combater) (ou CCirc)
7. dos indíxenas: FP (ou FN con de) – Mod (ou CN) de superstición

Dos 0’15 puntos de cada ítem, 0’10 corresponden á identificación da función e 0’05 á identificación da categoría ou tipo de unidade.

Pregunta 6: 1 punto

Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 7: 2 puntos

Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:

a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias…
b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega. Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:
Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...). Desconto 0’2 puntos c/u.
Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica... Desconto 0’1 c/u.
Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0’05 puntos c/u.
Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valoración da pregunta.


XUÑ0 2019

OPCIÓN B

Estes días a polémica xestión do presidente dos EEUU Donald Trump fixo que recordase una novela de Sinclair Lewis (1885-1951) á que non se lle prestara demasiada atención nos últimos anos. Estou a referirme a It Can't Happen Here (Iso pode pasar aquí). Unha fantasía distópica publicada en 1935 que tal semella fose escrita para describir, premonitoriamente, a administración do actual presidente.

It Can't Happen Here describe o ascenso do senador Berzelius "Wuzz" Windrip ata a presidencia dos EEUU, un outsider ao que o seu propio partido non parece tomar en serio, pero que resulta un hábil orador, populista, falangueiro e cómico, cun don para saber o que á xente lle encanta oír. Retórico, incendiario Windrip está convencido de que a grandeur da súa nación ten que volver gañarse expulsando do país a xudeus, mortos de fame do leste de Europa e tanto chinés e, levado deste pulo de limpeza étnica, comeza unha guerra contra México, ao que acusa de provocación inexistentes. Windrip, que coida que os EEUU perderon a súa grandeza por culpa de teren dereitos as mulleres, por darlles tanto poder aos sindicatos de traballadores, por non dedicar a orzamento militar máis recursos e por ter rematado a escravitude, está convencido de que unha rexeneracion moral da nación pasa por inverter toda esta situación e vixiar de preto os sindicalistas, amordazar a prensa independente e facer calar aos artistas e intelectuais. Como defende a novela, "o poder non precisa de escusas" e "calquera persoa que ten un millon de dolares é superior ao resto".

Non sei se todo o que acabo de describir vos soa, máis estou convencido de que é un bo exemplo de premonicion literaria, ou se se prefire de videncia autorial. Aprendizaxe: tomade notas co que señades, imaxinades ou escribides, que a vida évos tan rabuda coma sorprendente.

Armando Requeixo en Galicia Dixital (08/02/2019)

1. Comenta o sentido das dúas seguintes afirmacións que aparecen no texto: o poder non precisa de escusas e calquera persoa que ten un millón de dólares é superior ao resto. (En verde no texto) [1 punto]

2. Explica o significado que teñen no texto as seguintes palabras ou expresións: premonitoriamente, falangueiro, limpeza étnica, orzamento militar (en vermello no texto). Non son válidas as respostas só con sinónimos [1 punto]

3. Redacta un texto explicando cómo é posible, na túa opinión, que un candidato como Windrip gañase as eleccións presidenciais sen o apoio do seu propio partido e cun programa como o que defendía. (Extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

4.  Comenta as tres formas se que aparecen no texto (en grosa no texto): indica a que clase e subclase de palabra pertence cada unha delas e o tipo de oración que introducen ou de que forman parte. [1 punto]

a) Non sei se todo o que acabo de describir vos soa

b) exemplo de premonición literaria ou, se se prefire, evidencia autorial

5. Indica se é aberta ou pechada a vogal tónica das seguintes palabras: serio, cómico, retórico, chinés, teren, mulleres, persoa. (Subliñadas no texto) [1 punto]

6. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras) [1 punto]

a) O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

b) Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.

7. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]

a) A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas.

b) A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.


Criterios de avaliación ABAU

OPCIÓN B

Pregunta 1: 1 punto

Agárdase que o/a alumno/a sexa quen de interpretar e explicar coas súas propias palabras o sentido das dúas afirmacións reproducidas no texto, percibindo a facultade lexitimadora que determinadas ideoloxías, como a descrita no texto, lle outorgan ao poder e á riqueza. Aínda sendo posible un comentario integrado, asígnase 0’50 puntos polo comentario de cada afirmación.

Pregunta 2: 1 punto

Outórganse 0'25 puntos por cada palabra ou expresión co significado correctamente explicado.

Pregunta 3: 3 puntos

Valórase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:

1) Construción textual: 1 punto. Valorarase: 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta. 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións. 1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.

2) Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos.

3) Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.
No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4: 1 punto

Asígnanse 0'30 puntos ao comentario de cada unha das dúas primeiras formas (se1, se2) e 0'40 ao se3. A puntuación distribúese a partes iguais entre a identificación da (sub)clase de palabra e do tipo de oración.
- Se1: conxunción completiva; introduce or. subord. subst. de CD.
- Se2: conxunción condicional; introduce or. subord. adv. condicional.
- Se3: pronome persoal marcando unha oración impersoal (ou pasiva reflexa).

Pregunta 5: 1 punto

Restarase 0’20 puntos por cada vogal mal identificada, excepto o primeiro erro, que só se penalizará con 0'10. É dicir: 1 fallo = 0'9 puntos / 2 fallos = 0’7 / 3 fallos = 0’5 / 4 fallos = 0’3 / 5 fallos = 0'1 / 6 ou 7 fallos = 0 puntos.
— Tónicas abertas: serio, cómico, retórico, mulleres.
— Tónicas pechadas: chinés, teren, persoa.

Pregunta 6: 1 punto

Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 7: 2 puntos

Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:

a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias…
b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega. Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:
Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...). Desconto 0’2 puntos c/u.
Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica... Desconto 0’1 c/u.
Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0’05 puntos c/u.
Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valoración da pregunta.

 


XULLO 2019

OPCIÓN A

Agora, que gastei os meus outonos
e ben entrado xa no propio inverno
,
acredito no fugaz e no eterno
e me asusta o raio, non os tronos.

Un, dende fai moitos anos, comprendeu
que todo é asegún e relativo
e ninguén é tan bo nen tan cativo,
nen podemos prescindir do propio eu.

Gardo dentro de min toda a fragancia
dos amados rincós da miña infancia
e os recendos que tiña a vella casa.

Foi chama o meu amor. Agora é brasa.
Saleta sempre. Perdón pola arrogancia:
A luz é poderosa. A tebra escasa.

Manuel María, Sonetos á Casa de Hortas (1997)

1. Explica de maneira breve a situación vital que nos describe o poema; baséate nel pero usa as túas propias palabras. [1 punto]

2. Explica o sentido que teñen no texto as seguintes expresións (subliñado no texto): gastei os meus outonos e (estou) ben entrado xa no propio inverno, só me asusta o raio, non os tronos. [1 punto]

3. Elabora un texto expoñendo de maneira argumentada os retos que presenta para a nosa sociedade actual o acusado envellecemento da poboación. (Extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

4. A palabra rincós (vermello no texto) amosa un fenómeno dialectal que caracteriza un dos bloques dialectais do galego. Cal é ese fenómeno? Que bloque dialectal caracteriza? Sinala outros dous fenómenos característicos dese bloque. [1 punto]

5. Indica se é aberta ou pechada a vogal tónica das seguintes palabras do texto (en azul no texto): [1 punto]

agora, outono, ben, eterno, só, todo, ninguén, podemos, recendo, amor

6. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras) [1 punto]

a) O galego, lingua en vías de normalización.

b) O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

7. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]

a) A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo).

b) A literatura do exilio entre 1936 e 1975: poesía, prosa e teatro.


Criterios de avaliación ABAU

OPCIÓN A

Pregunta 1: 1 punto

Espérase que o/a alumno/a sexa capaz de captar no texto e de expresar de maneira sintética e coas súas propias palabras a situación de vivencia serena da vellez que o poeta describe no soneto.

Pregunta 2: 1 punto

Valórase que a/o alumna/o recoñeza o sentido que teñen no texto as expresións propostas, identificando o sentido metafórico que encerran, e que sexa quen de expresalo. A cada expresión asígnaselle un valor de 0’50 puntos.

Pregunta 3: 3 puntos

Valórase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:

1) Construción textual: 1 punto. Valorarase:

-1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta.
-1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións.
-1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.

2) Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos. 3

) Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.

No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4: 1 punto

Avalíase a capacidade para identificar e explicar os principais trazos de variación dialectal do galego. Asígnanse 0'25 puntos á identificación do fenómeno dialectal que ilustra o exemplo proposto e a mesma puntuación á identificación do bloque dialectal e a cada un dos outros dous fenómenos característicos dese bloque.

Pregunta 5: 1 punto

Restarase 0’15 puntos por cada vogal mal identificada, excepto o primeiro erro, que non se penalizará. É dicir: 0 ou 1 fallo = 1 punto / 2 fallos = 0’85 / 3 fallos = 0’70 / 4 fallos = 0’55 / 5 fallos = 0’40 / 6 fallos = 0’25 / 7 fallos = 0’15 / 8 ou máis fallos = 0 puntos.

— Tónicas abertas: ben, eterno, só, ninguén. — Tónicas pechadas: agora, outono, todo, podemos, recendo, amor.

Pregunta 6: 1 punto

Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 7: 2 puntos

Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias…
b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega. Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras.

A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA (Ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:
—Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...). Desconto 0’2 puntos c/u.
—Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica... Desconto 0’1 c/u.
—Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0’05 puntos c/u.
Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valoración da pregunta.


XULLO 2019

OPCIÓN B

Os médicos están a enganarnos mais eles non o saben. Os visitadores médicos están a enganar os médicos, mais tampouco o saben. As compañías farmacéuticas están a enganarnos a todos, alguén dentro delas sábeo. Isto vén a conto porque, segundo parece, é probable que algún dos medicamentos que nos receitan non fagan o efecto desexado ou polo menos non coa eficacia que proclaman os posuidores das patentes. Esta pouco saudable nova é unha das lecturas que se poden extraer dun traballo realizado por uns investigadores da Universidade de Toronto e publicado recentemente no Bristish Medical Journal.
A principal conclusión deste traballo, non de todo innovadora, é que cando un estudo científico para o desenvolvemento dun novo fármaco está financiado por unha compañía farmacéutica, o resultado tende a favorecer o produto fabricado por esta compañía –cunha probabilidade de 4 a 1-. Este desequilibrio non existe nos estudos financiados por outras fontes. Ou sexa, existe unha presión económica, unha man pantasma, que pode dirixir experimentos en principio puramente científicos, e por tanto puramente obxectivos, e trocalos en ciencia mal feita para favorecer os intereses das grandes compañías.
Os médicos poden facer pouco ou nada. A pesar de que, coa súa mellor vontade, receiten os fármacos que realmente cren que son os mellores, poden estar confundidos. Mais non confundidos polos visitadores médicos, senón pola letra pequena dos informes científicos. Con esta prostitución do proceso de creación científica todos perden, empezando polos pacientes. Uns perden credibilidade e outros a saúde.
Moitos laboratorios das nosas universidades non teñen máis remedio que aceptar suculentas ofertas das grandes compañías farmacéuticas para seguir investigando xa que os gobernos son extremadamente inútiles para comprender que a investigación científica é algo que nos beneficia a todos. A mellor solución é convencer os políticos de que o investimento en ciencia é beneficioso para todos. O problema é que as ciencias básicas funcionan a longo prazo, mais os políticos non.

Xurxo Mariño, Os dados do reloxeiro: ciencia amena para mentes inquietas (2005)

1. Elabora un esquema do texto. [1 punto]

2. Explica o significado que teñen no texto as seguintes expresións (en vermello no texto): man pantasma, letra pequena, prostitución do proceso de creación científica, ciencias básicas.

3. Expón de maneira argumentada o teu acordo ou desacordo coas ideas do texto. (Extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

4. Segmenta morfoloxicamente as seguintes palabras e indica o valor de cada morfema (subliñadas no texto): enganarnos, visitadores, favorecer, laboratorios, investigación. [1 punto]

5. No primeiro parágrafo do texto (en azul) aparecen exemplos de tres tipos básicos de construción coordinativa: copulativa, disxuntiva e adversativa. Localízaos, identifica o seu tipo e comenta brevemente en que se diferencian. [1 punto]

6. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 200-250 palabras) [1 punto]

a) O galego, lingua en vías de normalización.

b) O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

7. Responde unha destas dúas preguntas. (Escolle só unha; extensión aprox. 400 palabras) [2 puntos]

a) A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo).

b) A literatura do exilio entre 1936 e 1975: poesía, prosa e teatro.


Criterios de avaliación ABAU

OPCIÓN B

Pregunta 1: 1 punto

Avalíase a capacidade de compresión analítica do texto por parte do/a alumno/a a través da identificación das ideas que o texto expresa e da súa organización xerárquica.

Pregunta 2: 1 punto

Outórganse 0'25 puntos por cada expresión co significado correctamente explicado.

Pregunta 3: 3 puntos

Valórase a capacidade para producir un texto que sexa informativo, coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 3 puntos desagregaranse en tres tramos de 1 punto cada un, do seguinte xeito:

1) Construción textual: 1 punto. Valorarase: 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns) como a “orixinalidade” gratuíta. 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, e non introducir contradicións. 1.c) A organización da información: estruturación do texto (e.g., introdución, desenvolvemento, conclusións), argumentación, organización en parágrafos.

2) Adecuación léxico-gramatical: 1 punto. Valorarase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos.

3) Corrección ortográfica e gramatical: 1 punto. Valorarase o correcto dominio da ortografía, dos signos de puntuación e da gramaticalidade das construcións sintácticas e das escollas morfolóxicas, desde o punto de vista do galego estándar.
No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 4: 1 punto

Por cada palabra segmentada e cos valores dos morfemas razoablemente identificados: máx. 0,20 puntos. Sen a identificación: máx. 0,10 puntos. Consideraranse puntuacións intermedias para palabras parcialmente mal segmentadas ou cos valores incompletamente identificados.

engan-a-r-nos visit-a-dor-es favor-ec-e-r labor-a-tori(o)-s investig-a-ción Pregunta

Pregunta 5: 1 punto

Outórganse 0'60 puntos pola localización dos exemplos dos tres tipos de construcións coordinativas adecuadamente identificadas (a razón de 0'20 c./u.) e 0'40 puntos polo breve comentario solicitado (a razón de 0'15 polo comentario correspondente a cada construción, sen exceder a puntuación total). O comentario pode facerse de maneira conxunta ou segregada, indistintamente.

Pregunta 6: 1 punto

Agárdase unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa propia puntuación da pregunta e co tempo de que se dispón para o exame. Valorarase a adecuada selección e presentación da información máis relevante sobre o tema escollido, evitando as divagacións e as xeneralidades pouco informativas. A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

Pregunta 7: 2 puntos

Valorarase a adecuada inclusión dos seguintes elementos sobre o tema escollido:
a) Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias…
b) Información acerca dos principais autores dun período ou corrente. Esta información non só debe facer referencia ás principais obras senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores.
c) Información acerca do que un grupo, autor ou época supuxeron na historia da literatura galega. Non se considerarán correctas respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras.

A pesar de que se trate dunha pregunta formulada sobre un repertorio pechado e previamente establecido, valorarase tamén a produción dun texto persoal e non unha reprodución puramente memorística.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA (Ademais dos contidos conceptuais tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, polo que sobre a cualificación global se poderá descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Estes poderán ser:
—Moi graves: Solucións alleas ao sistema lingüístico do galego (tempos compostos, mala colocación dos clíticos...). Desconto 0’2 puntos c/u.
—Graves: Solucións ortográficas contrarias á norma lingüística (b/v, h, y), acentuación diacrítica... Desconto 0’1 c/u.
—Leves: Solucións galegas alleas ao estándar vixente. Acentuación non diacrítica. Desconto 0’05 puntos c/u.
Estas penalizacións non se aplicarán sobre a pregunta 3, pois xa van incluídas na propia valoración da pregunta.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.