ogalego.eu - ogalego.gal

Carlos Loureiro
Carlos Loureiro, escritor e amigo de ogalego.eu
ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

PREGUNTAS DE FONÉTICA-FONOLOXÍA NOS ÚLTIMOS EXAMES DE SELECTIVIDADE/ABAU EN LINGUA GALEGA E LITERATURA


Proposta 2022-2023

3.2. Localice no texto catro palabras nas que aparezan os mesmos sons que os representados polas grafías que se subliñan nestas: peixe e exame; quero e queres. (1 punto)

TEXTO

Numerosos grupos de presión invisten centos de millóns de euros todos os anos para contrarrestar a evidencia científica sobre a situación. A ciencia do cambio climático ten máis de 150 anos e é, probablemente, a área máis estudada de todas cantas conforman a ciencia moderna. Con todo, a industria enerxética e os grupos de presión políticos, entre outros, levan 30 anos sementando a dúbida sobre o cambio climático onde non a hai.

A negación organizada do cambio climático está contribuíndo ao estancamento na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) ata desembocar no estado de emerxencia climática global no que nos atopamos. Como consecuencia, que os negacionistas se vallan de certos mitos (no mellor dos casos, noticias falsas; no peor, descaradas mentiras) para desautorizar á ciencia do cambio climático pode facer que as persoas do común non saiban a que aterse. A continuación expoñemos dous destes mitos e as probas científicas que os desacreditan.

1. O cambio climático non é máis que unha parte do ciclo natural
O clima da Terra nunca deixou de cambiar, pero o estudo da paleoclimatoloxía ou, o que é o mesmo, os “climas antigos”, demostra que os cambios acontecidos durante os últimos 150 anos (desde o comezo da
Revolución Industrial) non poden ser naturais pola súa excepcionalidade. (…)

2. Os cambios débense ás manchas solares ou aos raios cósmicos
As manchas solares son rexións da superficie da estrela que albergan unha intensa actividade magnética e poden ir acompañadas de erupcións solares. Aínda que estas manchas posúen a capacidade de modificar o clima da Terra, desde 1978 os científicos están usando sensores en satélites para obter un rexistro da enerxía solar que chega ao planeta e non observaron a existencia dunha tendencia ascendente, polo que non poden ser a causa do quecemento global recente.

Mark Maslin. GCiencia. 27/09/2019 (adaptación)

Proposta nosa:

- peixe: enerxética, emerxencia, paleoclimatoloxía, rexións, enerxía

- exame: expoñemos, excepcionalidade, existencia

- quero, queres: centos, enerxética, é, ciencia


Xuño 2022

3.3. Localice no texto tres palabras que presenten un fonema vocálico tónico medio-aberto e dúas que presenten un fonema vocálico tónico medio-pechado. (0,5 puntos)

Texto:

Luis naceu en Malpica en 1999. O 13 de novembro de 2002 tiña tres anos. Cando lle pregunto que lembra do afundimento do Prestige, contesta que unha conversa no coche dos seus pais. El vai na parte de atrás. É pequeniño, ten os ollos grandes e cústalle ver fóra. Ao mellor conducen preto do mar, pero non se ve o mar. Na conversa dos adultos podería aparecer a palabra chapapote. Na conversa dos adultos hai un fedor e unha negrura. É viscosa a conversa dos adultos. Iso é todo canto lembra Luis.

Dezanove anos despois, teño a sensación de que a memoria da catástrofe foi borrada. Que ninguén nos dixo nada, que ninguén nolo repetiu as veces suficientes. Hai un par de semanas acudía en Compostela á representación de N.E.V.E.R.M.O.R.E., a peza de teatro documental coa que a Chévere reivindica o relato das voces baixas ao tempo que pon en escena o argumento pesado da burocracia que xerou o caso. Durante dúas horas respirei no público rodeado de persoas que si lembraban os días agónicos do Prestige, que si tiveran que decidir hai case dúas décadas entre acudir a limpar chapapote ou quedar na casa, entre manifestarse ou facer como que non pasaba nada. Ao final, sentín que parte daqueles espectadores emocionados eran tamén culpables da miña, da nosa desmemoria.

Non hai monumentos, non hai loito nacional ou lembranza anual. En Noia, na vila onde medrei, un grafiti enorme miraba á ría e berraba: NUNCA MÁIS. Quedounos o slogan coma un símbolo. Pero haberá dentro de cinco, dez anos, adolescentes capaces de interpretalo? Xente nova capaz de saber que aquilo é un signo de identidade? Que o nunca máis é a memoria dun pobo en pé cos ósos feitos de chuvia, unha manifestación de paraugas negros? Saberemos transmitir esa lección de dignidade?

Prestige puido ser a grande lección de mobilización social, de política non partidista. O exemplo a seguir para todos os que viñamos despois. Pero non o foi. A desmemoria é proba diso. No N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere, ao final da obra, ocupan o fondo do escenario pancartas e frases das manifestacións da época. No centro, unha saba negra di: “O futuro non é o que vai pasar senón o que imos facer”. Que fixemos?, pregunto hoxe.

Ismael Ramos. ElDiario.es. 14/11/2021 (adaptación)

Proposta da comisión:

3.3. (0,5 puntos). 0,1 cada palabra correcta.
Exs.: Fonema vocálico tónico medio-aberto: dezanove / fóra / tamén.
Fonema vocálico tónico medio-pechado: aparecer / fondo.

En caso de dúbida, consultamos o Dicionario de pronuncia da lingua galega


Xullo de 2021

2.3. Localice no texto cinco palabras nas que aparezan os mesmos fonemas que os subliñados nestas: baixo, léxico, cego, menos, onte. (0,5 puntos)

TEXTO

Durante o confinamento estrito pola Covid-19 da pasada primavera sucederon moitas cousas inéditas, como inédita foi unha situación de pandemia que, en menos de tres meses, tiña o mundo paralizado, recluído e atemorizado. Un dos fenómenos que máis me fixeron reflexionar foi o desexo colectivo esaxerado de facer cousas (limpar, facer exercicio, mercar por internet, facer sobremesas, entregarse á meditación, ver webinars ou darse unha enchenta da serie de moda) como se todo puidese reducirse a unha simple competición que exhibir nas redes sociais. Se estamos facendo continuamente algo seguimos respirando, estamos vivos. Somos, xa que logo, produtivos.

Si, o termo produtividade está aquí traído á mantenta. Ei, un momento! Pero... non estabamos confinados? Non era este o intre soñado para relaxarnos, estar coa parella, cos fillos e fillas, con nós mesmos, para dedicarnos en definitiva a todo aquilo que non podemos facer habitualmente? Por que utilizamos a mesma escala de valores da plusvalía para referírmonos a algo tan incuantificábel como a liberdade humana? Aquí se agocha, para min, un dos maiores logros do capitalismo como sistema: cando temos tempo de sobra, tempo libre, tempo sen ataduras, non sabemos que facer con el. Hai alienación maior? Unha forma de vida baseada nunha escravitude tan invisíbel como desexada, ten que ter éxito por natureza.

Son abondosos os estudos neurocientíficos e psicolóxicos que demostran a importancia do lecer e do non-facer-nada e mesmo do que entendemos por aburrimento para estimular a creatividade nos seres humanos. É algo ben coñecido no desenvolvemento dos cativos e cativas, por iso debe estimularse o xogo libre desde idades temperás, antes que calquera outra actividade. Pero tamén os adultos necesitamos momentos de desconexión mental que nos permitan limpar o lixo que acumulan as nosas cabeciñas e dar paso a todas esas ideas que, nalgún momento, poden transformarse en coñecemento. Cavilo nisto ao ler diversas reportaxes que analizan a importancia das formas de ser colectivas e dos valores compartidos no éxito ou fracaso das medidas adoptadas para frear o avance da pandemia.

Porén, a realidade é teimuda. Esta pandemia é algo máis que unha enfermidade respiratoria colectiva. Puxo de manifesto a nosa fraxilidade, as costuras do sistema, os pés de barro sobre os que se asentan as nosas idílicas vidas.

Laura Novelle. Nós Diario. 20/01/2021. (Adaptación)

Proposta da Comisión:

2.3. (0,5 puntos).
0,1 cada palabra / fonema correcta.
Para evitar dúbidas, tomamos como referencia: Xosé Luís Regueira (dir.): Dicionario de pronuncia da lingua galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. http://ilg.usc.gal/pronuncia/
baixo = fixeron, desexo, esaxerado, exercicio, xa
léxico = reflexionar, exhibir, éxito, desconexión.
cego = medio-aberta. Exs.: pés, primavera, inédita, pandemia.
menos = medio-pechada. Exs.: tres, desexo, facer.
onte = medio-aberta. Exs.: poden, moda, logro, fenómenos.

 


Proposta CIUG para exame en 2021

2.3. Localice no texto dúas palabras nas que aparezan os mesmos fonemas que os subliñados nestas: peixe e exame. (0,5 puntos)

TEXTO: “Falsos mitos sobre o cambio climático”

Numerosos grupos de presión invisten centos de millóns de euros todos os anos para contrarrestar a evidencia científica sobre a situación.

A ciencia do cambio climático ten máis de 150 anos e é, probablemente, a área máis estudada de todas cantas conforman a ciencia moderna. Con todo, a industria enerxética e os grupos de presión políticos, entre outros, levan 30 anos sementando a dúbida sobre o cambio climático onde non a hai. As últimas investigacións estiman que as cinco compañías petroleiras e de gas máis grandes do mundo dedican ao redor de 200 millóns de dólares ao ano ao mantemento de lobbies que controlan, atrasan ou impiden o desenvolvemento de políticas climáticas de obrigado cumprimento.

A negación organizada do cambio climático está contribuíndo ao estancamento na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) ata desembocar no estado de emerxencia climática global no que nos atopamos. Como consecuencia, que os negacionistas se vallan de certos mitos (no mellor dos casos, noticias falsas; no peor, descaradas mentiras) para desautorizar á ciencia do cambio climático pode facer que as persoas do común non saiban a que aterse. A continuación expoñemos dous destes mitos e as probas científicas que os desacreditan.

1. O cambio climático non é máis que unha parte do ciclo natural

O clima da Terra nunca deixou de cambiar, pero o estudo da paleoclimatoloxía ou, o que é o mesmo, os “climas antigos”, demostra que os cambios acontecidos durante os últimos 150 anos (desde o comezo da Revolución Industrial) non poden ser naturais pola súa excepcionalidade. (…)

2. Os cambios débense ás manchas solares ou aos raios cósmicos

As manchas solares son rexións da superficie da estrela que albergan unha intensa actividade magnética e poden ir acompañadas de erupcións solares. Aínda que estas manchas posúen a capacidade de modificar o clima da Terra, desde 1978 os científicos están usando sensores en satélites para obter un rexistro da enerxía solar que chega ao planeta e non observaron a existencia dunha tendencia ascendente, polo que non poden ser a causa do quecemento global recente.

Mark Maslin. GCiencia. 27/09/2019 (adaptación)

Proposta da comisión:

2.3. (0,5 puntos)

0,25 por cada palabra ben localizada.

Peixe = enerxética

Exame = existencia


Xuño 2019

5. Indica se é aberta ou pechada a vogal tónica das seguintes palabras: serio, cómico, retórico, chinés, teren, mulleres, persoa. (Subliñadas no texto) [1 punto]

Proposta da comisión

Restarase 0’20 puntos por cada vogal mal identificada, excepto o primeiro erro, que só se penalizará con 0'10. É dicir: 1 fallo = 0'9 puntos / 2 fallos = 0’7 / 3 fallos = 0’5 / 4 fallos = 0’3 / 5 fallos = 0'1 / 6 ou 7 fallos = 0 puntos.
— Tónicas abertas: serio, cómico, retórico, mulleres.
— Tónicas pechadas: chinés, teren, persoa.


Xullo 2019

5. Indica se é aberta ou pechada a vogal tónica das seguintes palabras do texto: [1 punto]

agora, outono, ben, eterno, só, todo, ninguén, podemos, recendo, amor

Proposta da comisión:

Pregunta 5: 1 punto

Restarase 0’15 puntos por cada vogal mal identificada, excepto o primeiro erro, que non se penalizará. É dicir: 0 ou 1 fallo = 1 punto / 2 fallos = 0’85 / 3 fallos = 0’70 / 4 fallos = 0’55 / 5 fallos = 0’40 / 6 fallos = 0’25 / 7 fallos = 0’15 / 8 ou máis fallos = 0 puntos.

— Tónicas abertas: ben, eterno, só, ninguén. — Tónicas pechadas: agora, outono, todo, podemos, recendo, amor.

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.