ogalego.eu // ogalego.gal son Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados |
Así falan en Trasar 2 (familia de Pilar Guerra)
CARMEN GONZÁLEZ GONZÁLEZ
Nin a vermella que os delamba! (Imprecación aplicable en moitos casos para esaxerar, rexeitar...)
( -vermella é unha vaca do país, delamber = lamber)
Cando tu ías, xa eu viña de volta
(xa o sabía antes ca ti)
Cando tu naciche, xa eu rebulía
(non es máis listo, a experiencia é miña)
Coa verdade non se lle cala a ninguén, porque se lle calas, vanche dicindo que es un tonto
(hai que dicir sempre a verdade)
Di a castaña: en agosto arder e en setembro beber
(quere calor en agosto e auga en setembro para medrar a xeito)
Dille o defunto á xente do enterro cando está na porta da igrexa: como te ves eu me vin, como me ves haste ver tu
Dise ao acompañar un defunto: hasta la sepulturita te he de acompañar si puedo, que para mi has tenido partida de caballero.
Dise ó entrar no camposanto: vós que fostes coma nós e nós habemos de ser coma vós, pedide a Dios por nós, que nós pediremos por vós (a seguir un "padrenuestro")
En Santos neve nos campos
(en novembro neva)
Entre Santos e Natal inverno carudal (caroal)
(moito frío e aire, moita invernía)
Estou cun pé no estribo, fun vello e acabado e cando menos o penso hei de montar a cabalo
(a morte)
Febreiriño corzo, cos seus vinteoito, se durase máis catro non quedaba can nin gato, nin cornas ao carneiro nin orellas ao pegureiro
(porque é un mes moi frío)
Marzo espigarzo, abril pendoril, maio granaio, en xuño criar e en xullo segar
(o pan -centeo- bota a espiga en marzo, o pendón en abril, o gran en maio....)
Meter unha figada
(facer unha pillería, inocentada ou pegota)
O mes de novembro, ditoso mes, que entras con Santos e despides con San Andrés
(1º e último día)
O que de novo non traballa, de vello dorme na palla
(non o poderá facer na súa cama, irá á palla da corte ou do curral coma os pobres de pedir)
O que na praza se compra e na cociña se guisa todo pasa polo cu e algo queda na camisa
O que non garda o seu segredo, mal pode gardar o meu
(non te fíes de quen conta os seus segredos)
Quen me dera outro, porra de merda, eu non quería ter ansia de casa
(dixo unha coñecida súa cando lle morreu o segundo marido)
Rubio para naciente, auga de repente (colorado para o leste, chove)
Santo de barro, santo de merda (logo rompe)
Se chove en xaneiro, nin boa meda nin bo palleiro (mala colleita de centeo)
Xaneiro xiadeiro, súbete ao outeiro, se ves verdegar bótate a chorar, se ves negrear bótate a cantar
(en xaneiro ha de estar todo seco da xiada, non debe estar verde)
MANUEL GONZÁLEZ GONZÁLEZ
A policía e a medicina só é boa cando se necesita
Ao pasar o San Pedro xa o viño non ten medo
(xa aguanta ben, xa fai a espurga e está a uva formada)
As lebres e as mulleres buscalas ao pé de camiños e carreiros, as lebres para que corran e as mulleres apra que as fodan
Botar un parzamique
Botar un sermón, falar sen escoitar e marchar
Cando a rula canta no seu ruladeiro, bota o millo, senón na terra, que sexa no bulleiro
(Cando canta a rula hai que botar o millo)
Cobras en marzo, neve en maio
(se saen as cobras xa... despois nevará)
Está coma o rei nun cesto e o cesto polo río abaixo
(parece estar ben mais a cousa pinta mal, vai á pior, como un cesto que leva a corrente)
Non hai pega sen mancha negra
Non hai cousa que non teña o seu inconveniente ou parte negativa
O brazo no peito e a perna no leito
Cando alguén se manca, o brazo onde mellor cura é na estribeira xunto ao peito, a perna descansando no leito
O monte para dar bo pan ten que ser ben cavado, mal queimado e ben arado
(Cando se cava unha bouza para botar centeo, debe cavarse moi ben e logo queimar os restos -borreas- só a medias xa que onde queda o torrón a medio queimar dará bo pan; logo haberá que aralo todo moi ben)
O porco medra na merda e a troita na auga
(o seu medio natural, onde mellor están)
O que en maio se molla, en maio se enxuga
(son os días grandes, xa hai tempo a todo)
O que tarde fai a vendima, cómenlle as uvas e cáganlle na viñas
(ademais de llas comer usan o sitio para cagar)
Pedras para abaixo, lebres para arriba e mulleres para as romerías
(as pedras caen soas para abaixo, as lebres sempre corren cara arriba e as mulleres van de boa gana ás romerías)
Primeiro de agosto, primeiro de inverno
(xa comeza o mal tempo)
Se no marzo canta a arral, no maio xa calará
(se o marzo vén moi quente, cantan as ras, xa virá frío no maio)
Setembro, ou seca fontes ou leva pontes
(ou moi seco ou con arroiadas)
Díxolle a liñaza ao millo: nugallón, un mes debaixo do torrón e aínda vou non vou
(o millo tarda en nacer, máis có liño)
Díxolle o millo á liñaza: privada, de tres días nada
(privada: louca; o liño nace axiña)
ANXO GONZÁLEZ GONZÁLEZ
Á muller e á mula cada día unha zurra
(para telas ben mandadas)
As lebres para riba, as pedras para baixo, as mulleres prás romerías
(as lebres saltan ben, as pedras caen e as mulleres para as festas)
As primeiras xiadas de setembro xa levan moitas castañas, por iso lle di San Miguel (día 29) a San Mateo (día 21): As que deixes tu, lévoas eu
En abellas e ovellas nunca metas o que teñas pero sen algunha non esteas
(non producen moito pero axudan, son necesarias)
Estar á mosa
(estar á vista) -Moi usado en Oíncio-
Ovella vella e colmea pobre en maio morre
(mes perigoso para elas)
Botar un cuarto a espadas
(dicíase cando alguén que non se contaba que intervira nunha conversa -porque ademais daba a impresión de que non estaría moi enteirado- saía coa súa opinón dunha maneira inesperada e coma se tivese certa autoridade. Debe de ser copiado do xogo de cartas "O tresillo" )
Meterlle palla na albarda
(falarlle a algunha persoa mal de outra para predispoñela en contra) (moi utilizado en Oíncio)
A quen non ten porcos róncanlle as paredes
(dise cando se está esperando que aconteza algo, e parece que se escoitan sinais de que vai acontecer)
XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ GUERRA
Á levantada da cama
(ao erguerse da cama)
ARREOS. Os arreos utilizámolos para rebaixar a augardente á graduación desexada. Ao final saen a 13 ou 14 graos, antes de que saian turbos tes que apagar o pote.
Unha palabra que sempre me gustou moito foi AFALA!, toda a tarde esperando que alguén che dixera "afala", enténdese que é a orde de levar as vacas para a corte despois de gardalas toda a tarde ou toda mañá. (DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2006- HOMENAXE A DÚAS PALABRAS)
A castaña quere en agosto quecer e en setembro beber
(para que haxa boas castañas tense que quecer ben en agosto e chover en setembro)
Aínda non vin un que alá chegara
(referido ao día de mañá, cando se fala de facer moitas cousas "mañá")
Arde nun candil
(dise dun viño cando sabe ben, é moi bo)
Desde que cae a folla vense moi ben os niños
Cando non fan falta as cousas e as condicions son axeitadas aparecen facilmente
É unha carta falsa
(dise da persoa que non é de fiar, que non actúa de acordo co que fala)
Flor de toxo, cariño puto
(moi bonita e atractiva pero chea de pinchos)
Hai quen non come as pitas por curiosas
(pican de todo o que atopan na terra, comen cousas noxentas)
Ladran os cans á carreira, sinal é que alguén vén, ha de ser o de onte á noite que quedou de vir e vén
(dito para aplicar alá no inverno cando ladran os cans sen un motivo concreto)
Mentres tempo non vén, sazón non pasa
Todas as cousas veñen no seu tempo, non hai que perder a esperanza
Meter fumes na cabeza a...
(dar ilusións a un mozo ou moza)
O que é un cabeza louca gasta todo en roupa
O que escaravellos manda, merda lle carrea
(cando alguén fai algo pero só a medias)
O que perde unha vaca e encontra un corno, xa non perdeu todo
Hai que pensar que podía ser peor a desgraza, ser positivo
O sol madrugadeiro na porta fai bulleiro
Cando neste tempo o sol sae moi cedo pronto vén a auga
O viño o de tódolos días, e as mulleres variadas
(cambiar de muller)
Se queres ter o teu home gordiño despois de caldo unha cunca de viño
Os beneficios do viño
Sonche as cabras que ten que gardar
(non ten outra cousa que facer, ten tempo)
Para lles afalar ás vacas:
Ghou, para tornar a vaca
Ghouá, para que pare a vaca
Toma, para chamar a vaca
Vaca be, vaca to, para mandala para algures
Volve, para que dea a volta cando andas arando
Chica to, para tornar as becerras
Ponte, para pórse ao carro ou ao rego e para xunguir
Atrás, para pórse ao carro
Arrima, para que se acerquen aos valados cando andas arando
Agüíche, agüíche to, cando se levan a beber para que beban. Se é unha besta, asúbíaselle e reméxeselle a auga
Polo san Martiño o sol dura mentres o zorro salta o camiño
(nestes días arredor do 11 o sol dura pouco tempo, o que tarda un raposo en cruzar un camiño, os días son pequenos e non vén moito tempo)
Se non é por Santa Lucía xa será outro día
A todo lle chegará o seu tempo
Xiada na lama, auga na cama
(cando xía nas lamas e sitios moi húmidos vai chover axiña)
Xusto, Pepiño, mazás coma puños
(utilízase para lle dar a razón ao interlocutor porque acerta de cheo)
Ánimo tripas, que está un corno a cocer.
Supoñemos que o de darlles ánimos ten que ver co "ruído" que fan cando hai fame, para tranquilizalas podemos anunciarlles o do corno.O corno a cocer sábese cando se pon pero nunca está cocido... así que a cousa non pinta ben.
XAN L. GONZÁLEZ GUERRA
Cando o zorro anda aos grilos, mal para os pais e peor para os fillos
Se ten que perder o tempo buscando grilos -cantan moito pero nada deben alimentar- pouco ten para comer el e para darlle aos fillos
Di o zorro: das cereixas aos nabos ben o pasamos, dos nabos ás cereixas veñen as queixas
A época de fartura é de cereixas -maio- a nabos -novembro- e fame todo o inverno, ata que volven as cereixas máis ou menos
Home lunerio non é bo colleiteiro
Home luneiro nin boa meda nin bo palleiro
O amieiro arde no bulleiro
(o amieiro arde moi ben, aínda que estea mollado ou cheo de bulleiro)
O caíño é o pai do viño
O que está en casa allea, se ben está ben estea
(se se está en casa allea e cómodo, que se deixe estar e non se preocupe de nada)
Un día de pica boi
(un día de moito traballo, con moito que facer coma se houbera que picar moito nos bois)
Tócalle o birimbao que non é gaita nin é pao
(dito: vaia, madia leva...)
Algún léxico propio de Trasar:
Canabucho: chamábaselles canabuchos ou canavuchos ás espigas de millo que non ían ao hórreo, xa por seren moi pequenas ou por seren deformes. Como este millo non servía para fariña, os canavuchos xa non se esfollaban e gardábanse nun sitio seco para seren utilizados todo o ano. Utilizábanse como complemento alimenticio para o gando e na miña casa dábanselles sobre todo aos bois cando tiñan moito traballo.
Pegota/peghota: broma ou inocentada propia do día 28 de decembro. Pode ter que ver con algo que se pega nas costas da persoa burlada.
Corrofellos: mazás pequenas coma castañas que quedan ao final da tempada na maceira (Pilar Guerra)
Dente de angrón: herba medicinal para comer o sangue nun derrame (haina na beira dos regatos)
2005-2022 |
![]() ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |