1.- ESQUEMA DO TEXTO (ideas ordenadas xerarquicamente)

1. Se queres a paz, prepara a guerra.

1.1. Representa a lei do máis forte
1.2. A cultura da guerra ten custado un prezo espantoso
1.3. Temos o deber de lembrar este tributo

2. Se queres a paz, constrúea.

2.1. Debemos comportarnos pacificamente

2.2. Debemos facer unha transformación cultural coa participación de todos

2.3. A cultura da paz é compartir mellor

- O actual reparto inxusto é unha bomba no tempo

2.4. Temos que profundar nas orixes da violencia (exclusión, pobreza e desesperanza)

3. A paz, o desenvolvemento e a democracia constrúense coa educación

2.- ESTRUTURA.


O texto está dividido en 3 partes: na 1ª (1º parágrafo), que poderíamos considerar como introdución comeza refutando a tese contraria, a continuación (parágrafos 2º e 3º) presenta a súa tese e os argumentos que a apoian: a paz hai que traballala e finalmente chega á conclusión (4º parágrafo): a solución está na educación.

Estrutura e ideas do texto están intimamente relacionadas: nun texto ben construído, as ideas principais corresponderanse coas partes.

3.- COMENTARIO.


Neste texto argumentativo, Mayor Zaragoza rexeita a idea predominante de que para manter a paz hai que preparar a guerra e defende polo contrario a importancia da educación para este fin.
Repasando o decorrer histórico desde a antigüidade ata os nosos días debemos constatar o fracaso da ideoloxía bélica, que poucas veces levou a humanidade a unha situación mellor senón que con frecuencia foi un freo que propiciou o retroceso humano, económico e tecnolóxico. Unicamente beneficia as elites que dirixen os nosos destinos e nos manipulan como mellor lles convén abocándonos a guerras que lles reportan ganancias económicas –por venda de material bélico ou rapina de materias primas- ou aumento de poder (e isto non sucede só no referente a este tipo de conflitos, como se está vendo coa actual crise mundial na que perdemos os que ningunha responsabilidade temos dela e gañan os que a causaron).
Parece claro que ante este fracaso reiterado hai que buscar unha nova estratexia, aínda que posibelmente non se trate máis que dunha utopía, pois non parece moi factíbel un cambio radical de mentalidade mundial. A cultura de compartir, a distribución igualitaria das riquezas, foi a base do pensamento comunista, cuxos resultados prácticos tampouco foron para botar foguetes. Ben é certo que contaron (Cuba aínda segue contando) coa férrea oposición do bloque capitalista, pero non é menos certo que tamén conta coa oposición da mente humana, que parece sempre disposta a dominar aos seus semellantes, ou o que aínda é peor: a considerar que os seus semellantes son sempre inferiores a un mesmo.
A educación podería ser o medio para cambiar a orde mundial, pero non parece que ese camiño vaia ser fácil; igual que sucedeu co comunismo, os poderes fácticos non semellan moi dispostos a permitilo e mesmo os gobernos non acostuman poñer moito da súa parte para aumentar a cultura dos cidadáns, áchanse moito máis cómodos ante masas incultas, que son máis fáciles de manipular (como moi ben di Mayor Zaragoza “é pola educación que se adquire o propio discernimento, que se decide sen influencias externas, que se acada a soberanía persoal”) e garanten a súa posición superior (de que outro xeito podemos xustificar se non, por exemplo, a vergoñenta actuación dos políticos ante as próximas eleccións?).
Chegamos así ao completo desencanto ou a defender a necesidade dunha revolución que tumbe a actual orde mundial. Outra utopía
.