ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Exercicio 12. O verbo 2. Perífrases verbais


1. Vou deixar: temporal de futuro (intencionalidade); houbéronmo roubar: aspectual, acción que estivo a piques de se realizar; acabe de pagar: aspectual perfectiva; hei de mercar: temporal de futuro; ter que andar: modal obrigativa.

2. andan a recoller: aspectual imperfectiva; está para mudar: temporal de futuro inmediato; hai que darse: modal obrigativa.

3. Debe vivir: modal hipotética; está ensaiando: aspectual imperfectiva; deberías chamarlle: modal obrigativa; volva a tocar: aspectual reiterativa.

4. anda para ter: temporal de futuro inmediato; se puxo a traballar: aspectual incoativa; volverá pedir: aspectual reiterativa.

5. Puido morrer: modal de probabilidade; deu en beber: aspectual incoativa; deixe de visitar: aspectual perfectiva; vai acabar: temporal de futuro.

6. rompa a ferver: aspectual incoativa; han estar: temporal de futuro ou modal obrigativa; remate de ferver: aspectual perfectiva; tornas a botarlle: aspectual reiterativa.

7. Boteime a correr: aspectual incoativa; estaba collendo: aspectual imperfectiva; houben caer: aspectual, acción que estivo a piques de acontecer.

8. segue sendo: aspectual imperfectiva; leva facendo: aspectual imperfectiva con matiz reiterativo; dá atopado: aspectual perfectiva.

9. vai andando: aspectual imperfectiva; levo camiñado: aspectual perfectiva con matiz reiterativo.

10. Andas dicindo: aspectual imperfectiva; Estás a xogar: aspectual imperfectiva; vaste queimar: temporal de futuro; dás controlado: aspectual perfectiva.

11. Teño feito: aspectual perfectiva con matiz reiterativo.

12. Anda levado: aspectual perfectiva; ten que facer: modal de obriga; vai pagar: temporal de futuro.

13. Han ser: modal hipotética; acabou de arranxar: aspectual perfectiva.

14. vai dito: aspectual perfectiva; tiña preparado: aspectual perfectiva; vou pór: temporal de futuro; pór a comezar: aspectual incoativa.

15. deixou de caer: aspectual perfectiva; Debían ser: modal hipotética; estaba a decembrar: aspectual imperfectiva.

16. Houbo aprobar: aspectual, acción que estivo a piques de suceder; terá que volver: modal de obriga; volver a pagar: aspectual reiterativa.

17. deron en bailar: aspectual incoativa; seguiron cantando: aspectual imperfectiva.

18. levo abusando: aspectual imperfectiva.

19. Deches entendido: aspectual perfectiva; levo estudado: aspectual perfectiva con matiz reiterativo.

20. teño dito: aspectual perfectiva con matiz reiterativo; hai que andar: modal obrigativa; deixou de estar: aspectual perfectiva.

21. Deben ser: modal hipotética; han estar: modal hipotética.

22. sexas castigado: pasiva.

23. foi percorrido: pasiva.

1. Vou deixar o coche no aparcadoiro, que onte houbéronmo roubar; xa tiña a fechadura un pouco forzada. Cando acabe de pagar a casa, hei de mercar unha praza de garaxe porque quero durmir tranquilo e non ter que andar con preocupacións. 

2. Este mes andan a recoller os pexegos. Segundo a televisión, está para mudar o tempo e hai que darse présa.

3. Debe vivir aquí un gaiteiro. Sempre está ensaiando e deberías chamarlle a atención para que non volva a tocar a esas horas da noite.

4. A miña curmá anda para ter un neno. Non ficaba embarazada desde que se puxo a traballar na tenda, e agora volverá pedir a baixa.

5. Puido morrer no accidente e desde entón deu en beber como unha esponxa. Como non deixe de visitar tanto os bares vai acabar con cirrose.

6. Cando rompa a ferver a auga, bótalle as nabizas, que xa han estar medio cocidas noutra pota; báixaslle o lume e, cando remate de ferver, tornas a botarlle máis auga.

7. Boteime a correr detrás del, xa o estaba collendo cando escorreguei e houben caer.

8. Breixo segue sendo un lacazán; leva facendo que traballa moito tempo, porque di que non dá atopado un oficio á súa medida.

9. Ti vai andando diante, que eu xa che levo camiñado moito e estou desfeito.

10. Andas dicindo por aí moitas falsidades. Estás a xogar con pólvora e vaste queimar. Xa sei que non dás controlado, mais iso non é desculpa.

11. En negocios peores me vin eu metido e sempre saín ben librado. Teño feito algún cambio con el e sempre fiquei satisfeito.

12. Anda levado do demo porque ten que facer a declaración da renda e este ano vai pagar o dobre do pasado.

13. Han ser uns vinte. A Uxía tamén quería vir mais non pode porque aínda non acabou de arranxar a horta.

14. Xa vai dito case todo o que tiña preparado. Así que non me vou pór a comezar novos capítulos.

15. Principiou a chover e non deixou de caer auga ata á noite. Debían ser as sete e aínda estaba a decembrar.

16. Houbo aprobar o exame de conducir, só lle faltaron catro preguntas: agora terá que voltar a pagar a matrícula.

17. Chegaron cantando e moi ledos, logo deron en bailar e seguiron cantando ata á alba.

18. Eu podo conseguir o que queira do Marcial, levo abusando del moito tempo e penso seguir igual.

19. Deches entendido ese texto? Eu non, e iso que o levo estudado abondo.

20. Xa lle teño dito moitas veces que hai que andar con ollo, que hai tempo que deixou de estar nos biosbardos.

21. Deben ser as sete e xa han estar no estadio.

22. Coido que es o mellor aínda que sexas castigado a diario.

23. O camiño foi percorrido en menos de tres horas.

»Verbo 2
»Exercicio1

ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com