ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Exercicio 0. Identificar os substantivos e adxectivos


Vermello: substantivos

Verde: adxectivos

MIL PRIMAVERAS

Se a lingua galega fose só o que din os sociolingüistas, unha “lingua B minorizada afectada(1) de diglosia en fase de desaparición mediante un proceso de aculturación” non sei se me animaría a escribila. Afortunadamente non o é, ou non o é fundamentalmente. É tamén a lingua de Rosalía, e de Cunqueiro, a do camareiro que me trae este café, a da miña nai, a miña, e a daquel corvo dun bar de Belvís ao que lle aprenderan a dicir “quero tortilla”. Creo que este é o perigo de problematizar excesivamente as cousas: que un acaba aprazando o seu gozo ata que os problemas se resolvan. Esta é a miña humilde reflexión para este Día das Letras Galegas.
O temor  a que unha lingua desapareza é coma o temor á morte: é o medo anticipado a algo que sucederá igualmente (aínda que tamén se podería argumentar que a estatística non exclúe a posibilidade de que sexamos inmortais: toda a xente que existiu na Historia, un seis por cento non morreu aínda). O galego desaparecerá sen dúbida. O español tamén, e tamén o inglés. As linguas son organismos vivos e polo tanto están programadas (2) para extinguirse. Pero co temor á morte dunha lingua pasa coma co temor á nosa propia morte: que pode acabar converténdose nunha obsesión que nos impide gozar do que non é morte e que precede á morte, que é a vida. A lingua galega está aquí e está ben viva mil anos despois de impoñerse á que había antes e que tamén morreu. Pode ter problemas de estatus e de saúde (tamén os teñen os que a falan) pero non hai que contemplala a cada paso como se contempla un doente agonizante. Pódese promover máis, pódese divulgar mellor, pero non debemos confundir o idioma coa política lingüística.
Por iso, precisamente Cunqueiro, con moita sensibilidade, pedía para o galego só “mil primaveras máis”. Eran as que tivera antes ca el. Para min, na frase o importante non é o número de anos senón a cuestión das “primaveras”. Coas linguas, coma coas persoas, non se debe aspirar á inmortalidade, que é unha aspiración que non conduce máis ca á melancolía.  Ao que hai que aspirar é á calidade de vida, o que antes se chamaba felicidade. Gocemos do que temos e non nos laiemos tanto, non sexa que lle suceda ao galego o que lles sucede aos enfermos de verdade: que cando se lles ofrece unha e outra vez a extremaunción, acaban morrendo de verdade.

(1) ou participio

(2) é participio


Miguel Anxo Murado, Escrito en cafeterías, Galaxia, 2014. pp. 27-28

ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com