TOXO

Ulex europaeus, Fam das fabáceas

Arbusto espiñento que pode acadar os 2 m de altura. As follas novas son substituídas por espiñas verdes. As flores son amarelas e os froitos son uns legumes negros e peludos que non se comen. Entre as variedades temos: toxo arnal, toxo bravo, toxo gateño, toxo molar.

O toxo foi moi abundante e inzaba en moitos montes galegos. Os labradores cortábano con fouces, rozar nos toxos sempre foi un traballo forte e cargábase en carros ou feixes. Aproveitábase para lles facer a cama aos animais (estrar con toxo), para enterrar nas viñas e mesmo os toxos tenros e picados servían de alimento a cabalos e eguas. Por iso o toxo era moi importante na economía labrega e nas veigas e vales (moito gando e pouco toxo) subían ata a montaña a por toxo. O toxo seco arde moi ben, polo que como agora non se corta por estaren moitos montes abandonados axuda a propagar os incendios, cousa que hai anos non acontecía ao ser tan ben aproveitado. Os montes galegos cubertos de toxo coa flor amarela son espectaculares. A flor denomínase chorima ou chorida. Mesmo hai quen fai licor de toxo aproveitando esta flor.

Ser un toxo: ser moi pouco agarimoso, pouco sociábel
A raíz do toxo verde é moi mala de arrincar e os amores primeiros son malos de olvidar: cantiga sobre a lembranza dos primeiros amores
Menos dá un toxo: hai que proveitar todo
Pica coma un toxo: pica moito

Flor de toxo, cariño puto: moi bonita e atractiva pero chea de pinchos

Toxeira en flor no mes de marzo

Típico monte galego cuberto de toxo en flor en Santa Comba de Bande

Ao fondo a Serra da Martiñá cuberta de toxo