Lorenzo Varela, homenaxe de ogalego.eu
Ortografía
Conxunción
qr

Foto: Lorenzo Varela, escritor galego

Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // ogalego.gal

Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

SINTAXE para alumnado de secundaria


Dependendo do libro de texto ou do profesor/a utilízanse terminoloxías diferentes (nos exames de acceso á Universidade, probas de acceso a ciclos, etc. admítense todas sempre que estea ben analizado).

Escoller a opción A ou B e non mesturar as dúas


OPCIÓN A: baseada na frase e na cláusula (espazo Abalar, Xunta de Galicia)

Frase: substantiva, adxectiva, adverbial, nominal, preposicional

Cláusula: núcleo verbal. Funcións sintácticas: suxeito, atributo, complemento directo, complemento indirecto, complemento circunstancial, suplemento, complemento predicativo

Tipos de cláusulas: simple e complexa. Complexa subordinada: substantiva, adxectiva, adverbial

Oración: bipolar (adversativa, condicional, causal, concesiva, consecutiva, comparativa) e coordinada (copulativa e disxuntiva)

Cláusulas segundo o predicado: atributiva e predicativa (activa -transitiva, intransitiva, impersoal- e pasiva)

Entrar na OPCIÓN A


OPCIÓN B: baseada no sintagma e a oración

Sintagma: nominal, adxectival, verbal, adverbial, preposicional

Enunciado: frase e oración

Oración: suxeito e predicado. Funcións sintácticas: suxeito, atributo, CD, CI, CC, CPVO, suplemento.

Oracións polo significado (aseverativa, exclamativa, desiderativa, imperativa, interrogativa), polo verbo (atributiva e predicativa -activa e pasiva: transitiva, intransitiva, reflexiva, recíproca-), segundo o suxeito (persoal e impersoal), pola estrutura (simple e composta).

Oración composta: xustaposta, coordinada (copulativa, disxuntiva, adversativa, distributiva, explicativa) e subordinada (substantiva, adextiva, adverbial -tempo, lugar, modo, cantidade, condicional, causal, comparativa, concesiva, consecutiva, final-).

Entrar na OPCIÓN B



OPCIÓN A

1. A FRASE

A frase: é unha unidade sintáctica formada por palabras que se comportan de maneira conxunta dentro doutra unidade superior (a cláusula). Pode estar formada por unha ou varias palabras (Ex: rapaces // estes rapaces). Está constituída por un núcleo non verbal que pode aparecer acompañado por outros elementos, o modificador. O núcleo pode ser un substantivo, un adxectivo ou un adverbio:

1. Frase substantiva. O núcleo é un substantivo e todo o que non é núcleo chámase modificador. Ex: pombas brancas // neno feliz.

2. Frase adxectiva. O núcleo é un adxectivo e todo o demais é o modificador. Para que exista frase adxectiva unicamente é necesaria a presenza dun adxectivo. Ex: branco azulado // grande abondo.

3. Frase adverbial. O núcleo é un adverbio e as palabras ou frases que empreguemos para ampliar a información sobre el desempeñarán a función de modificador. Ex. moi lonxe // ben cerca.

4. Frase nominal. Está formada por un substantivo (ou un pronome que o substitúe)  pero, a diferenza da frase nominal, necesita ademais que a inicie un artigo ou un adxectivo determinativo (demostrativos, posesivos, indefinidos, numerais, relativos, interrogativos ou exclamativos).
O substantivo cumpre a función de nominal e o outro elemento é o determinante. Ex: este neno // a nena.

5. Frase preposicional. Está formada por unha preposición; non obstante,  este elemento indispensable non é suficiente senón que tamén é precisa a existencia dun segundo elemento, que pode ser de calquera tipo.
A preposición sempre desempeña a función de enlace ou relator (porque serve para unir ou enlazar o que está despois dela coa parte que a precedía) e o elemento que vén a seguir é o termo.
En  un libro de aventuras, a preposición de serve para unir (enlazar) os elementos libro aventuras

Hai frases simples (as vistas ata agora) e frases compostas que conteñen no seu interior outra frase. Ex: os libros (simple) // os libros de galego (composta)


2. A CLÁUSULA

A unidade sintáctica superior á frase é a cláusula.

A cláusula esixe a presenza dun núcleo verbal que actua como predicado. Ex: chove // eu cheguei con tempo

Funcións sintácticas dentro da cláusula que completan o significado do predicado (complementos verbais):

1. Suxeito (SUX). Indica o elemento que realiza a acción sinalada polo predicado. O suxeito concorda en xénero e número co verbo. Ex: o Aldán chora moi pouco // os nenos xogan moito na gardería.

O suxeito pode estar explícito (o Roi ri moito), estar implícito ou elidido (ri moito). Tamén hai cláusulas impersoais, non hai suxeito (Ex: chove moito // nunca nevou tanto). E mesmo hai construcións impersoais reflexivas: en terceira persoa e co pronome persoal se (Ex: aínda non se vendimou todo o viño).

2. Atributo (ATRIB). Complemento que aparece cos verbos copulativos ser, estar, parecer, semellar. Ex: o Aldán está cansiño // o inverno é moi longo.

3. Complemento directo (CD). Sobre el recae a acción verbal mais non a proagoniza. Ex: o Aldán comeu unhas uvas // intenteino moitas veces // non as vin. Ao volver a cláusula á pasiva o CD resulta ser o suxeito (Ex: hoxe non estudei galego // o galego non foi estudado por min hoxe).
Os verbos transitivos esixen complemento directo, os intransitivos non o admiten. Ex: aínda non collín o ordenador // mañá saio cedo do instituto.

4. Complemento indirecto (CI). Indica o beneficiario ou destinatario da acción verbal. Cando non é un pronome persoal vai introducido por a ou para. Ex: o Aldán mercou uns caramelos para a súa avoa // os rapaces ofreceron o seu trofeo aos adestradores.

5. Complemento circunstancial (CC). Complementa ou modifica a acción verbal expresando o lugar, tempo, cantidade, compañía, etc. Responde ás preguntas cando? onde? canto? como? etc. Ex: onte saín moi cedo -CC tempo-// inauguraron un novo parque en Marín -CC lugar- // conduce con coidado -CC modo-.

6. Complemento predicativo (CPVO). É unha frase adxectiva (substantiva) que concorda co SUX ou co CD. Ex. hoxe chegamos cansos // a festa deixou os nenos desfeitos. Pode confundirse co ATRIB ou co CC modo. Ex: os rapaces están cansos (ATRIB, verbo estar) // as rapazas quedaron cansas (CPVO) // as nenas aprenderon rápido (CC modo: non concorda co SUX).

7. Suplemento (SUPL). É unha frase preposicional esixida polo verbo para completar o seu signficado. Pode confundirse co CD pero o verbo neste caso esixe unha preposición concreta (falar de, precisar de...). Ex: onte falaron de balonmán // lémbrate do móbil.

Cláusulas segundo a estrutura:

-Simples: un só predicado cos seus complementos

-Complexas: máis de un predicado.

a) Cando un predicado se inclúe dentro de outro a cláusula é subordinada.

Hai tres clases de complexa subordinada:

1. Subordinada substantiva: a subordinada cumpre a mesma función que un substantivo na cláusula (SUX, ATRIB, CD, CI, PVO, SUPL). Normalmente van introducidas por que. Ex: dixo que chegaría tarde (CD) // que gañase hoxe non quere dicir nada (SUX).

2. Subordinada adxectiva ou de relativo: vai introducida por un relativo e desempeña a mesma función que un adxectivo. Ex: o coche que viches é o meu // a alumna que marchou aprobou todo.

3. Subordinada adverbial: desempeña a mesma función que o CC nunha cláusula (modo, tempo, lugar, etc.) Ex: marcha cando queiras (tempo) // faino como queiras (modo).

b) Cando os predicados teñen unha relación ao mesmo nivel falamos de oracións, unidades superiores á cláusula: bipolares e coordinadas

1. Oracións bipolares: hai unha relación de interdependencia entre as cláusulas, unha non pode existir sen a outra.

2. Oracións coordinadas: as cláusulas manteñen unha relación de coordinación; pode existir unha sen a presenza da outra, a diferenza das bipolares.

Cláusulas segundo a natureza do predicado.

1. Atributivas. Teñen un predicado nominal (ser, estar, parecer e semellar), e un complemento que cualifica o suxeito. Ex. o Aldán é moi agudo.

2. Predicativas. Teñen un predicado verbal. Tipos: activas e pasivas.

2.1. Activas: as que non son pasivas, verbo en voz activa.

***2.1.1. Transitivas:

***2.1.2. Intransitivas: o verbo non admite un CD. Ex: onte saín cedo.

***2.1.3. Impersoais: sen suxeito. Tipos:

2.2. Pasivas: verbo en voz pasiva.


OPCIÓN B

1. SINTAGMA

Os sintagmas son unidades sintácticas formadas por palabras que se comportan de maneira conxunta dentro doutra unidade superior, que desempeñan unha función sintáctica na oración.

Sintagma: núcleo e adxacentes (determinante, modificador). Ex: un neno grande // o pequeno Aldán.

1- (S.N.) Sintagma nominal: o núcleo é un substantivo, unha palabra substantivada ou un pronome. Ex: o coche vermello // ese azul precioso // nós mesmos.
Poden desempeñar a función de suxeito -as ovellas (comen herba)-, complemento directo -(os leóns comen) carne-, complemento indirecto -(dei)lle (unha galleta)-, adxacente -(Pondal), o poeta, (naceu alí)-, atributo -(o Aldán é) un rapaz divertido-, vocativo -Aldán, (ven axiña!)-, complemento circunstancial -(anda con) xeito!-

2- (S.V.) Sintagma verbal: o núcleo é un verbo e funciona como predicado. Ex: (Aldán) xoga coa pelota // está ben // comeu unha mazá.

3- (S.Adx.) Sintagma adxectival: o núcleo é un adxectivo. Ex: (Aldán está) moi feliz // (Aldán corre) demasiado rápido
Pode desempeñar a función de adxacente dun substantivo -(xoguete) moi divertido-, atributo -(Aldán está) contento-, complemento predicativo -(traballo) contento (alí)-

4- (S.Adv.) Sintagma adverbial: o núcleo é un adverbio. Funciona como complemento circunstancial: Ex: (O Aldán vive) lonxe de Galicia // (marcharei) despois das catro.

5- (S.Prep.) Sintagma preposicional: o 1º elemento é o relator –enlace- (preposición) seguido do termo (un S.N. ou un S.Adv.). Ex: (o Aldán xa saíu) de Medina // (o avó) do Aldán.


2. ENUNCIADO

Enunciado é a unidade mínima de comunicación que permite transmitir unha mensaxe. Hai dous tipos:

1. A Frase: é un enunciado que non ten verbo. Pode ser:

2. A oración: é un enunciado con verbo en forma persoal. Pode ser:

-Oración simple: só un verbo. Ex: hoxe non chove nada.

-Oración composta: máis dun verbo. Ex: onte choveu, pero escampou e hoxe xa está de sol.


3. ORACIÓN

Funcións sintácticas. Os sintagmas desempeñan diferentes funcións dentro da oración. O suxeito e o predicado son os elementos principais da oración

-Suxeito (SUX): informa quen realiza, causa ou padece a acción do verbo. Ex: o Roi come moi ben.
O suxeito pode estar explícito (aparece na oración), implícito ou elidido (sobreenténdese) e indeterminado (non está determinado, non se coñece). Ex: a Maia é moi lista -explícito- // non xoguei co Roi (eu) -implícito- // roubaron no supermercado -indeterminado-.
Na oración pasiva hai un suxeito axente (aquel que realiza a acción do verbo) e un suxeito paciente (o que recibe ou padece a acción realizada polo axente). Ex. o libro (paciente) foi lido polos alumnos (axente).

-Predicado: o núcleo é o verbo. Predicado nominal (núcleo un verbo copulativo: ser, estar, parecer, semellar) e predicado verbal (verbo non copulativo). Ex: o lobo é moi feroz (nominal) // o lobo comeu unha ovella (predicativo).

***Consellos para analizar os elementos dunha oración: suxeito, núcleo do predicado, complemento directo, suplemento, complemento indirecto, complemento circunstancial, complemento predicativo, axente da pasiva, pronome de solidariedade, pronome de interese.

1.- Procuramos o suxeito, (quen? realiza a acción verbal) que ha de concordar co verbo. En moitos casos estárá oculto (elidido) e hai verbos impersoais . O sol sae por alí. Chove moito

2.- Predicado

--2.2.- Se é un verbo copulativo (atributivo) -ser, estar, parecer, semellar- procuramos o atributo: Aldán está canso

--2.3.- O verbo é predicativo (resto dos verbos)

***2.3.1.-Se o verbo é transitivo ha de levar complemento directo (que?). Se temos dúbidas de cal é o complemento directo podemos volver a frase a pasiva e o complemento directo resultará suxeito. Exemplo: onte vinte na rúa = onte ti fuches visto por min na rúa. En moitos casos o complemento directo é un pronome persoal.

***2.3.2.- Se observamos que o verbo esixe (nese significado) un sintagma preposicional teremos un suplemento: o can bebía no leite

***2.3.3.- Procuramos o complemento indirecto (a quen? para quen?) nos verbos intransitivos (non é obrigatorio) e tamén o podemos atopar nos transitivos acompañando o complemento directo. En moitas oracións atoparemos un complemento indirecto duplicado, un pronome átono e outro sintagma: deilles o mando aos meus pais.

***2.3.4.- O verbo é predicativo mais encontramos un adxectivo ou similar nunha función semellante ao atributo dos verbos copulativos..., estamos diante dun complemento predicativo (que podemos confundir cun complemento circunstancial de modo): María quedou parada alí.

--2.4.- Procuramos o complemento circunstacial (cando? onde? como? canto?; adverbios, sintagmas preposicionais...): tempo, lugar, modo, cantidade...

--2.5.- Se nos quedan pronomes persoais átonos que non son complemento directo nin indirecto, poderán ser de solidariedade ou interese (propios da lingua falada). O pícaro non che me come nada estes días.

--2.6.- Se a oración está en pasiva (ser+participio), podemos encontrar o axente de pasiva (encabezado pola preposición por): Aldán non foi educado polos avós.

2.7.- Valores de SE (me,te,se,nos,vos,se). Resume.
- Reflexivo: é complemento directo. A acción que realiza o suxeito recae sobre el mesmo. O can lámbese. Pode ser nalgún caso complemento indirecto: preguntouse a razón diso.
- Recíproco: con suxeito múltiple. A acción que realiza cada un recae sobre os demais. Antón e Helena quérense. Maia e Aldán mándanse correos.
- Compoñente verbal: en verbos que esixen o pronome, forma parte do verbo. Raquel queixouse da cabeza.
- Na pasiva reflexa, impersoal. Aínda non se recolleu o millo.


Modalidades de oracións

0.- Modalidades de oracións polo significado.

0.1. Aseverativas (enunciativas ou declarativas): expresan ou informan dun feito ou pensamento obxectivo. Poden ser afirmativas ou negativas. Ex: onte vin o partido // non atopei o móbil na cociña // é un vídeo interesante // a min non me gusta a pizza.

0.2. Exclamativas: expresan emocións ou sentimentos como dor, ledicia, sorpresa... Ex: canto o sinto! // eu non quero vivir así! // este ano vou aprobar si ou si!

0.3. Moi similares ás anteriores son as desiderativas ou optativas: expresan un desexo en ton exclamativo. Ex: ogallá mellore a túa nai! // quen me dera convosco voar! // que che vaia ben na vida, meu!

0.4. Interrogativas: úsanse para facer preguntas e acostuman empezar por un pronome interrogativo. Ex: onde deixaches o móbil? // cantas horas lle dedicas a diario ás redes sociais?// ti como preparas os exames de Educación Física?

0.5. Imperativas ou exhortativas: expresan unha orde, un mandado, unha prohibición. Tamén similares ás exclamativas. Ex: non me volvas coller o móbil sen permiso! // deixa xa de fuchicar na tableta! // facedes os deberes agora mesmo!


1. Modalidades de oracións polo verbo.

1.1- Atributiva (copulativa): o sintagma verbal é un verbo copulativo -ser, estar, parecer, semellar- e os seus atributos. Ex: o Aldán é traballador // o Aldán está canso // o Aldán semella divertido hoxe.

1.2- Predicativa: o núcleo do predicado é un verbo predicativo -non atributivo, todos menos ser, estar, parecer, semellar-. Ex: onte o Aldán comeu caldo // mañá o Aldán irá a Burgos.

Nas oracións predicativas podemos diferenciar:

1.2.1- Activa: un suxeito axente que realiza, preside, controla a acción. Ex: o neno comeu legumes // o can caeu no río.

1.2.2- Pasiva: ten o verbo en voz pasiva (ser+participio ou pasiva reflexa) e un suxeito paciente -recibe, padece, recae nel, a acción do verbo en lugar de realizala-. Ex: ese exercicio xa lle foi recomendado ao Aldán polo adestrador // nunca algo similar fora visto na nosa casa.


2. Modalidades de oracións polo suxeito:


3. Modalidades de oracións pola estrutura:


As oracións compostas

1.- Xustapostas: non hai nexo, están separadas por unha pausa ou coma. Ex: chegaron as nubes, mañá chove // hoxe vou sobrada, non preciso axudas // chegaron as vacacións, esquezamos os libros .

2.- Coordinadas. Están unidas por conxuncións coordinantes, cada unha das oracións ten sentido completo e é sintacticamente independente.

3.- Subordinadas. Nestas oracións compostas unha é a oración principal e outra a oración subordinada que depende estruturalmente da primeira.

A oración subordinada desempeña unha función sintactica dentro da principal. Dependendo desa función poden ser:

3.1. Subordinadas substantivas. Desempeñan as funcións sintácticas propias do substantivo:

3.2. Subordinadas adxectivas ou relativas (nexo relativo: que, cal, quen, cuxo...). Desempeñan a función dun adxectivo:

3.3. Subordinadas adverbiais. Desempeñan as funcións sintácticas propias dun adverbio.

3.3.1.Subordinadas adverbiais en función de complemento circunstancial:

3.3.2. Subordinadas adverbiais que non son complemento circunstancial:


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com