ogalego.eu
Eduardo Pondal, homenaxe de ogalego.eu
Toda humilde belleza, Noriega Varela
O testamento do bardo, Eduardo Pondal
qr
Foto: Eduardo Pondal, autor do poema

Poema comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

As almas escravas

As almas escravas,
De ideas non grandes,
  Van pensando mil cousas femíneas,
Molentes e infames.

Mil soños forxando,
Que o ánimo agobian;
  Arrastrando infamantes cadeas,
Cal brandos ilotas.

Espíritos brandos,
Espritos muliebres;
  Sedentarios, que lenta consome,
E mórbida febre.

Mais a alma do bardo,
Enérxica, ousada,
Que audaz libertade,
Tan só soña e ama;
  Vai pensando en propósitos férreos,
Que ergueran a patria!

Eduardo Pondal


COMENTARIO

Este é un poema de Eduardo Pondal, do que podemos considerar como o seu único libro Queixumes dos pinos (aínda que sucesivamente refeito), no que nos conta que os débiles e escravizados só soñan con cousas sen impor­tancia, mentres que o bardo ten un único pensamento: como salvar a patria. O tema, polo tanto e como é habitual na poesía deste autor, céntrase na figura do bardo: a única mente non alienada, preocupado por buscar a liberación da súa patria.
Está estruturado en dúas partes claramente diferenciadas e contrapostas:

Como é tamén normal en Pondal, o texto sitúase nunha perspectiva altiva, aristocrática, falando de si mesmo en 3ª persoa, e temporalmente nun presente alongado, durativo, non puntual.
No plano fónico podemos notalo xa nunha primeira lectura no ritmo acentual, sempre constante, no que en ningún momento hai o máis mínimo cambio: acentos na sílaba 2ª e 5ª nos versos de 6 sílabas; 3ª, 6ª e 9ª nos de 10 sílabas. Tamén as pausas contribúen a esa solemnidade, ao coincidiren practicamente sempre co fin de verso (nas dúas únicas excepcións fixarémonos máis adiante) e ademais hai tamén por momentos pausas internas, que alongan aínda máis o ritmo do verso.
No plano morfo-sintáctico tamén está moi marcada esa solemnidade e lentitude: pola escaseza de verbos -e debemos ter en conta ademais que todos, menos o último, teñen carácter imperfectivo, durativo, sinalan a acción no seu desenvolvemento e abundan as perífrases de xerundio (tamén tempo durativo) que ao utilizaren dous verbos para un único significado contribúen igualmente a demorar o ritmo do poema-; por outra parte e incidindo nesa escaseza de verbos abundan os adxectivos, cualificadores, chegando con frecuencia a acumulárense dous ou tres cun mesmo substantivo. Coa mesma función descritiva e polo tanto morosa, de estancamento da acción debemos sinalar a comparación, recurso tan característico de Pondal,  (v. 8) e a anáfora (v. 9-10).
No plano léxico a solemnidade correspóndese coa abundancia de cultismos e palabras esdrúxulas: femíneas, molentes, infames, forxando, ánimo, ilotas, espíritos, muliebres, mórbida, enérxica, ousada, audaz, propósito, férreos ...
Até agora fixemos unha caracterización global do texto, pero antes falábamos de dúas partes claramente diferenciadas; vexamos agora, analizando cada nivel, onde están as diferenzas.
No plano fónico o primeiro que notamos e que salta á vista é o número diferente de versos na estrofa: as 3 primeiras -toda a primeira parte, polo tanto- constan de 4 versos (6-6-10-6), pero a última ten 6 e así, aínda que conservando as mesmas medidas dos versos anteriores, a combinación estrófica varia (6-6-6-6-10-6). E isto xa nos pode levar a outra característica diferenciadora: o ritmo lento da composición faise levemente máis rápido na segunda parte -sempre en comparación coa lentitude dominante, xa que raras veces na poesía aristocrática e con resonancias clásicas de Pondal poderemos falar de verdadeira rapidez-. Esa maior acumulación de versos curtos (moito máis áxiles que os longos) acelera o ritmo, ao que podemos engadir os dous casos de encabalgamento, recurso inexistente na primeira parte.
E tamén no nivel morfo-sintáctico o podemos constatar: o número de substantivos está equilibrado entre as dúas partes (10/5), polo tanto nada nos dirá, mais xa non ocorre o mesmo cos adxectivos nin cos verbos. No caso dos adxectivos contamos doce para a 1ª parte e só catro para a 2ª; pero é que ademais, deses doce catro van antepostos, co que contan cunha importancia engadida, o poeta quere realzalos, concédelles máis valor que ao substantivo correspondente, mentres que na segunda parte todos están pospostos.
Se pasamos aos verbos, a situación é aínda máis clara: seis formas verbais na 1ª e cinco na 2ª: case o mesmo número para unha extensión moi diferente; máis xerundios e perífrases na 1ª que na 2ª: todo incide no mesmo, unha dilatada morosidade na 1ª fronte a certa rapidez na 2ª.
Seguindo coa diferenciación das partes, vemos aínda outra característica fónica: a aliteración, a utilización -de consoantes neste caso- cun valor evocador (reforzador) da realidade semántica que se nos narra. Empecemos entón mellor por caracterizar esa realidade semántica: en consonancia coas dúas partes, temos dous campos diferentes (tamén característicos da poesía pondaliana): escravitude / liberdade.

BRANDO (-)
escravas
non grandes
femíneas
molentes
infames
agobian
infamantes
cadeas
brandos
muliebres
sedentarios
consome
mórbida
febre

FÉRREO (+)
audaz
liberdade
propósitos
férreos
ergueran

A inclusión de FEMÍNEAS e MULIEBRES como sinónimos de escravitude explícase desde a estética de Pondal: como guieiro do pobo, o seu ideal é o home guerreiro, espartano; e a muller é vista como algo débil, insignificante e que conduce á escravitude, sobre todo as virxes (Vid. o Himno Galego).

Que relación ten, pois, a aliteración co tema? Fixarémonos para clarificalo en tres clases de consoan­tes, que pola súa sonoridade son as que máis chaman a atención: nasais, laterais e vibrantes, e veremos an­tes de nada a súa distribución no texto: nasais (32/10), laterais (6/2), vibrantes (8 suaves + 5 fortes/2 suaves + 6 fortes). Todas (menos as vibrantes en posición forte) abundan máis na 1ª parte que na 2ª; desde o noso punto de vista a abundancia de vibrantes en posición suave (tras oclusiva) non ten pertinencia, tan só a teñen as colocadas en posición forte, polo que podemos caracterizar o texto dicindo que predominan as nasais e líquidas na 1ª parte e as vibrantes duras na 2ª.
As consoantes da primeira polo tanto son suaves, moles, axeitadas para evocar ese campo negativo, tamén mol, femíneo, de escravos. Polo contrario, o r é un son duro, seco, moi acorde coa virilidade e a liberdade de que fala Pondal. Máis concretamente veremos despois esta oposición plasmada nun par de versos contrapostos.
Fagamos agora un percorrido rápido ao longo de todo o poema para explicar, aínda que só sexa superficialmente, desde o punto de vista do significado o decorrer das ideas.
Na 1ª estrofa, o autor fai a constatación dunha realidade negativa para unha pluralidade, valéndose para iso de adxectivos que no seu universo poético posúen esa connotación, e utilizando tamén recursos como a lítote, moi frecuente na súa obra e que con esa caracterización negativa (non grandes en vez de pequenas) acentúa aínda máis a súa intención. A 2ª estrofa comeza cun verso esperanzador: dános a impresión de que imos saír dese universo negativo MIL SOÑOS FORXANDO, pero rapidamente rompe esa ilusión e insiste no contido da 1ª. E será cando cheguemos ao final do poema cando entendamos o sentido negativo dese MIL, que xa aparecía na 1ª estrofa e agora volvíamos ver: esas mil cousas, eses mil soños non son máis que os pequenos enganos, as pequenas ilusións ficticias do pobo alienado; a idea importante é unicamente unha, a que ten o bardo, a LIBERDADE.
A 3ª estrofa non segue o decorrer lóxico da descrición, semella talmente ser un insulto a eses actantes afundidos na escravitude (non hai verbo principal) ou polo menos claramente expresa o sentimento do autor: se antes describía, agora opina. Tras esa descrición e cualificación negativas vén agora, na 4ª estrofa, a contraposición, marcada xa no mesmo texto pola adversativa MAIS, e para facela máis palpábel válese dun certo paralelismo coa 1ª estrofa (exposición principal da idea negativa): almas escravas / alma do bardo (moito máis caracterizada, por ser importante, positiva, salvadora); van pensando mil cousas femíneas... / ¡vai pensando en propósitos férreos..., mais agora entre exclamacións, cunha entoación admirativa, ponderativa, como un berro ante o futuro que agarda. E esta contraposición podemos vela tamén claramente no plano fónico, nas aliteracións das que antes falamos:

E con este facho de esperanza acendido no seu interior, o autor finaliza o poema.
Para rematar xa, e como xa fomos sinalando en ocasións ao longo do comentario, estamos ante un texto característico de Pondal:

Exemplo de conclusión persoal do comentario
Ante todo, falarei da miña impresión persoal: é un poema formalmente ben feito, traballado e logrado, non hai "peros" que pórlle, mais non chega ao corazón, aínda que o tema (a ansia dun futuro de liberdade para a terra) si que chegue. E creo que non chega por dúas razóns fundamentais: en primeiro lugar por ese ton de superioridade do autor con respecto ao resto dos mortais, esa consideración egocéntrica de si mesmo como a única mente predestinada a guiar un rabaño de cegos polo bo camiño, e en segundo lugar pola súa consideración, ou mellor dito, subconsideración, da muller, equiparábel a todo o negativo do mundo, o máis vil de todos eses viles alienados que el despreza

Comentario de ogalego.eu en colaboración coa profesora María Xesús Fernández Lopo

2005-2024