ogalego.eu
Ramón Otero Pedrayo, homenaxe de ogalego.eu
En Pé, Cabanillas
Os vellos..., Castelao
qr
Foto: Ramón Otero Pedrayo, autor do relato

Relato comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

As onzas, 1926 (Nós). Ramón Otero Pedrayo

A tertulia estaba ben animada. De cando en cando ouvíase un decorrer de ferrollos, ladraba o can e entraba na sala un novo personaxe en compaña do frío vento marzal. Xa estaban dende cedo as escribás, nai e filla, ocupando o mellor sitio rente á cheminea (o escribán restaba na casa chorando a luz que lle facía gastar aquel endiañado preito de Oseira). O crego sentado coma sempre no grande arcaz labrado, atufaba de rapé as nocas peludas e deixaba ver as polainas de guerra baixo o balandrán verdecente. O fidalgo esguío das Quintás quizais soñaba cos tempos da estudantina, cando en Sant-Iago era admitido nos salóns e podía ler libremente daqueles libros que viñan de Francia. Que mal fixera en non demorar na vila, ¡el home feito para as luces do século e non para esmorecer na aldea lonxana, deitado como un can ó pé dun morgado e dun crego noxento e tiránico! Mais aquela casiña brasonada, aquelas parras e a nai velliña trouxérano ó tristeiro estado de fidalgote cazador de coellos e farto de cuncas de caldo.
Tamén asistían as primas de Ourense e por suposto as fillas do morgado. Pequenas, fracas, dun raro e lucente ollar, andaban de aquí para alí bufando xordamente entre elas e sen facer apenas caso da pobre nai medio parva, Misia Xacinta, que sentada nun sillón e envolta en cobertores só se alegraba unha miguiña cando as moedas lucían e soaban na mesa. Os fillos, ¿ulos? Tabernas e feiras había dabondo no país. Como non estivera algún coa testa rachada nas lousas do camiño das malas mulleres.
O morgado, o dono do grande pazo, sentíase triste aquela noite. De ordinario era de poucas falas. Naqueles seráns xa longos, pasaba o tempo alancando polo corredor de pedra. Nin lía os vellos libros da biblioteca, nin cazaba, nin a penas se entendía cos paisanos. Un bimbastro de home, xa vellote que só se lle quentaba o sangue á vista dunha boa moza.
Os derradeiros en chegar foron o capitán e a súa muller. Ela era o elemento dinámico daquela tertulia de pantasmas. Ela inda nova, sempre disposta e faladeira, andaba na angueira de erguer o patrimonio familiar (casiña e viñas, na ribeira outra casa, lameiros, touzas e rendas na parroquia do Chao) botado a desbarate polas toladas do pai, un vello aínda vedraño, amigo das mozas e do viño. O home, un militar liberal de vivo xenio, viñera había pouco do Norte onde se vira por fronte dos osos navarros de don Tomás e coñecera as noites de marcha polos penedos vascos, as loitas moi de mañá entre a neboeira e sirimiri e o cariz do inimigo das aldeíñas carlistas do corazón. Viñera desterrado porque o seu xenio, demasiado franco e destemido, non se contiña diante das parvadas estratéxicas dos xenerais da raíña. Vivo e ledo, sempre tiña un ollar de desafío para a sorna-morna do abade.
Sentáronse e comezou a xogueta. O grande velón botaba unha luz pálida de lámpada de estudo sobre o fato de cabezas atentas ó correr das cartas. A señora fixaba na mesa o seu ollar abobado. O morgado non xogaba. Triste e baleiro de pensamentos, paseaba pola grande sala e a cada volta perdíase na escuridade facendo renxer as vellas táboas do piso.
De súpeto parouse e sentiu un arrepío de medo: na despensa onde se gardaba a louza, xurdira unha nota cristalina, soa, temerosa na noite, unha pinga de psalterio de dúas copas que se tocaban. O morgado pensou: “ É un aviso”. E quedou sen enerxía, disposto para a desgraza que sen dúbida aletexaba polos arredores do pazo naquela fría noite de marzal.
Nas verbas dos xogadores, no estralar do lume, no ar que viña polas fendas das madeiras, non había nada de particular. Só a espera dalgunha cousa.
Salaiou o grande portón da muralla e os ollos mortos do pai miraron o fillo máis vello entrar pola sala: cativo, torto, enrugado, de ollos baixos, non parecía levar o sangue dunha caste fidalga. Era o herdeiro. Á morte do pai non se porían marcos nos eidos. Os irmáns pequenos terían que vivir case da súa esmola. Respectado e temido pola súa torta intención, tiña sona nas festas e nos fiadeiros de tódalas parroquias veciñas.
Aquela noite estaba máis pálido; as súas mans finas luciron na mesa botando as cartas con mestría. O xogo creceu coa súa presenza; houbo emoción nos vellos e interese no capitán, ata entón soamente cortés. De súpeto, fíxose un grande silencio e abateuse unha sombra nos rostros cando o herdeiro pousou na mesa, unha tras doutra as sete onzas de Carolus III.
Rematada de présa a tertulia, o pensamento de todos falou pola franca boca da muller do capitán. Era veciña de sempre e estimaba a xente do pazo. O herdeiro tiña a súa mesma idade. Colleuno a un lado:
-“Ti fixeches algo malo”, dixo tremendo e angustiada.
Un falso sorrir latexou nos beizos do mozo. Os veciños fóronse axiña para as súas casas. Fechouse o portón e acugulouse o silencio nas salas do pazo. A nai tolleita e parva tiña ollos de espanto.
A noite longa e fría foi percorrida por grandes ventos ouveantes. Ó romper o día, a dúas leguas do pazo, as primeiras vellas que correron á misa atoparon o gandeiro morto no camiño fondo onde inda reinaba a noite. Ferido en loita franca ó voltar da feira, fora rematado por man aristocrática polo prezo dunha xugada de bois.

 

TEXTO COMENTADO (en azul destacado o texto de Otero Pedrayo, nas outras cores as explicacións)

As onzas
A tertulia estaba ben animada. De cando en cando ouvíase un decorrer de ferrollos -un abrir e pechar das portas-, ladraba o can e entraba na sala un novo personaxe en compaña do frío vento marzal -nun serán de marzo, unha conversa, unha reunión de persoas-. Xa estaban dende cedo as escribás, nai e filla, ocupando o mellor sitio rente -pegado- á cheminea (o escribán restaba -quedaba- na casa chorando a luz que lle facía gastar aquel endiañado preito de Oseira) -a muller e a filla do escribán ocupan os mellores sitios preto da calor porque o escribán tiña un papel social moi destacado ao ser o intermediario nas vendas e compras, os tratos entre fidalgos e novos burgueses dependían del. O escribán estaba na súa casa gastando velas (chorando a luz) porque o difícil preito do mosteiro de Oseira lle daba moito que facer.- // Asistentes: muller e filla do escribano// O crego sentado coma sempre no grande arcaz labrado -arca grande, de casa rica porque estaba labrada con figuras ou adornos; tamén servía como escano para sentar-, atufaba de rapé as nocas peludas -enchía co cheiro (atufaba) de tabaco en pó que se aspira (rapé) os buracos do nariz (nocas) peludos- e deixaba ver as polainas -prenda que cubría e protexía a perna desde o xeonllo ata o pé, moi utilizada por cazadores e militares que tiñan que andar polos montes- de guerra baixo o balandrán verdecente -capa longa sen mangas que usaban os cregos- (está a referirse a un dos moitos cregos de aldea que se posicionaron a favor dos carlistas na guerra e participaban nas batidas ou guerrillas) // Asistente: o cura//. O fidalgo esguío -ben formado, elegante, lanzal- das Quintás -da casa fidalga das Quintás- quizais soñaba cos tempos da estudantina -de cando era estudante na cidade-, cando en Sant-Iago -un dos xeitos de escribir o nome da capital de Galicia, de aí o nome de Iago. Tamén se pode separar San-Tiago, de aí o nome de Tiago- era admitido nos salóns e podía ler libremente daqueles libros que viñan de Francia -En Santiago circulaban nas terturlias de salón os libros coas novas ideas revolucionarias francesas-. Que mal fixera en non demorar na vila, ¡el home feito para as luces do século! -o Século das Luces, o XVIII: as novas ideas e ciencias, a Enciclopedia- e non para esmorecer na aldea lonxana, deitado como un can ó pé dun morgado -o herdeiro da casa fidalga, o vinculeiro; neste conto o dono do pazo- e dun crego noxento e tiránico! -na aldea, lonxe da vila-cidade, non ten nada que facer este fidalgo instruído, só irse deixando decaer coma un can tirado ao lado do amo; el tirado ao lado doutro fidalgo -o morgado- e do xa visto crego autoritario e desprezable- Mais aquela casiña brasonada -con escudos de armas, nobre-, aquelas parras e a nai velliña trouxérano ó tristeiro estado de fidalgote cazador de coellos e farto de cuncas de caldo -deixou a cidade para se facer cargo da casa fidalga, das terras e da súa nai xa velliña. Agora non é máis que un triste e desprezado fidalgo que pasa o tempo cazando e comendo caldo, sen ningunha ilusión na vida-. // Asistentes: o fidalgo das Quintás//
Tamén asistían as primas de Ourense -na vila vivía parte da familia fidalga- e por suposto as fillas do morgado. Pequenas, fracas, dun raro e lucente ollar, andaban de aquí para alí bufando xordamente entre elas -descrición moi negativa das fidalguiñas da casa, só saben enredar e pelexar entre elas; ata son feas e teñen unha mirada alucinada- e sen facer apenas caso da pobre nai medio parva, Misia -antigo tratamento para as señoras, no que está presente o posesivo de respecto mi- Xacinta, que sentada nun sillón e envolta en cobertores só se alegraba unha miguiña cando as moedas lucían e soaban na mesa -a fidalga está medio ida, case noutro mundo, só a espertan as moedas símbolo dos bos tempos. Tanto a nai como as fillas representan un aspecto máis da decadencia da fidalguía-. // Asistentes varios: primas do morgado de Ourense, as fillas, a muller Misia Xacinta// Os fillos, ¿ulos? Tabernas e feiras había dabondo no país. Como non estivera algún coa testa rachada nas lousas do camiño das malas mulleres. -onde están os fillos?, seguro que troulando nas feiras e tabernas ou mesmo pelexando polas rúas empedradas das casas das prostitutas- // Ausentes: fillos do morgado e de Misia Xacinta//
O morgado, o dono do grande pazo, sentíase triste aquela noite. // Asistente: o dono da casa, o morgado// De ordinario era de poucas falas. Naqueles seráns xa longos, pasaba o tempo alancando -andando apurado e con pasos longos- polo corredor de pedra . Nin lía os vellos libros da biblioteca, nin cazaba, nin a penas se entendía cos paisanos. Un bimbastro -persoa alta e moi delgada- de home, xa vellote que só se lle quentaba o sangue á vista dunha boa moza. -seguen as descricións negativas dos personaxes fidalgos para mostrar a súa decadencia: o morgado só ten forzas para andar atrás das mozas, non se interesa por nada como facían os seus antergos que lían, cazaban e falaban cos paisanos-
Os derradeiros en chegar foron o capitán e a súa muller. // Asistentes: un militar, capitán, e a súa muller// Ela era o elemento dinámico daquela tertulia de pantasmas. Ela inda nova, sempre disposta e faladeira, andaba na angueira -tarefa, traballo- de erguer o patrimonio familiar (casiña e viñas, na ribeira -na ribeira, encosta do río onde se dá ben o viño do Ribeiro- outra casa, lameiros -bos prados de herba para o gando-, touzas -montes con árbores- e rendas na parroquia do Chao -rendas pruduto de alugar as terras no Chao, xa na montaña, lonxe do río-) botado a desbarate -a perder- polas toladas do pai, un vello aínda vedraño -con idade-, amigo das mozas e do viño. -a muller do capitán é a primeira fidalga descrita positivamente, ela vai conservar o patrimonio da familia que seu pai estaba estragando por gastar todo en alcohol e mulleres- O home, un militar liberal -liberal, fronte ao cura carlista- de vivo xenio, viñera había pouco do Norte -Norte de España- onde se vira por fronte dos osos navarros de don Tomás -os valentes soldados carlistas do xeneral don Tomás Zumalacárregui- e coñecera as noites de marcha polos penedos -pedras grandes- vascos, as loitas moi de mañá entre a neboeira e sirimiri -especie de orballo típico das terras vascas- e o cariz -aspecto, presenza- do inimigo das aldeíñas carlistas do corazón. Viñera desterrado porque o seu xenio, demasiado franco e destemido -de carácter aberto e valente-, non se contiña diante das parvadas estratéxicas dos xenerais da raíña -o Capitán participara nas guerras carlistas no País Vasco, pero criticara abertamente as estratexias bélicas dos xenerais de raíña Isabel II, polo que fora desterrado, enviado lonxe-. Vivo e ledo, sempre tiña un ollar de desafío para a sorna-morna do abade -non soportaba as palabras falsas, retranqueiras do crego-.
Sentáronse e comezou a xogueta -o xogo das cartas- Ata aquí non houbo ningunha acción, todo foi presentación dos personaxes. O grande velón botaba unha luz pálida de lámpada de estudo sobre o fato de cabezas atentas ó correr das cartas. A señora fixaba na mesa o seu ollar abobado. O morgado non xogaba. Triste e baleiro de pensamentos, paseaba pola grande sala e a cada volta perdíase na escuridade facendo renxer as vellas táboas do piso. -Tamén é agora cando se fai a descrición do ambiente da tertulia e partida de cartas na que non participan os donos da casa, é como se xa estiveran no outro mundo, ausentes da realidade-
De súpeto parouse e sentiu un arrepío de medo: na despensa onde se gardaba a louza -o compartimento onde está a cristalería, a vaixela-, xurdira unha nota -musical- cristalina, soa, temerosa na noite, unha pinga de psalterio -instrumento musical medieval de corda- de dúas copas que se tocaban. O morgado pensou: “ É un aviso”. E quedou sen enerxía, disposto para a desgraza que sen dúbida aletexaba polos arredores do pazo naquela fría noite de marzal. -o fidalgo dono do pazo ten un mal presentimento ao escoitar ruído nos vasos de cristal-
Nas verbas dos xogadores, no estralar do lume, no ar -aire- que viña polas fendas -gretas- das madeiras, non había nada de particular. Só a espera dalgunha cousa.
Salaiou -queixouse, coma se chorasen as bisagras da grande porta do muro do pazo- o grande portón da muralla e os ollos mortos do pai miraron o fillo máis vello entrar pola sala: cativo, torto, enrugado, de ollos baixos, non parecía levar o sangue dunha caste -raza- fidalga // Asistente: o fillo máis vello do morgado, do dono da casa; el sería o herdeiro á morte do morgado//. Era o herdeiro. Á morte do pai non se porían marcos nos eidos -á morte do pai non habería quen mirase polas fincas, non se poñerían marcas de propiedade nos eidos-. Os irmáns pequenos terían que vivir case da súa esmola. -o vinculeiro, herdeiro era o xefe da casa pero tiña que mirar polos irmán máis novos para que non lles faltase de nada; estes case terían que andar a pedir- Respectado e temido pola súa torta intención -polas súas malas artes-, tiña sona nas festas e nos fiadeiros -reunións á noitiña nunha casa da aldea, cantábase, bailábase, as mulleres fiaban a la e o liño- de tódalas parroquias veciñas. -Era moi habitual que os mozos participasen en liortas nas festas e parece ser que o fidalgo era dos máis violentos. Continúa a descrición negativa da familia fidalga, semella que o herdeiro é o peor de todos, polo que non hai futuro para este pazo, a decadencia é total-
Aquela noite estaba máis pálido; as súas mans finas luciron na mesa botando as cartas con mestría. O xogo creceu coa súa presenza; houbo emoción nos vellos e interese no capitán, ata entón soamente cortés. De súpeto, fíxose un grande silencio e abateuse unha sombra nos rostros cando o herdeiro pousou na mesa, unha tras doutra as sete onzas de Carolus III -sete moedas de ouro coa efixie do rei Carlos III. Todos se asustan porque o mozo non podía ter tantos cartos, de onde os sacara, pois?
Rematada de présa a tertulia, o pensamento de todos falou pola franca boca da muller do capitán. Era veciña de sempre e estimaba a xente do pazo -o pazo é a vivenda da familia fidalga; coa decadencia destas familias hoxe montos convertéronse en casas de turismo rural-. O herdeiro tiña a súa mesma idade. Colleuno a un lado -só a muller do capitán por ser tamén fidalga e da mesma idade se atreve a preguntarlle ao mozo-:
-“Ti fixeches algo malo”, dixo tremendo e angustiada.
Un falso sorrir latexou nos beizos do mozo. Os veciños fóronse axiña para as súas casas. Fechouse o portón e acugulouse -encheuse de- o silencio nas salas do pazo. A nai tolleita -impedida- e parva tiña ollos de espanto.
A noite longa e fría foi percorrida por grandes ventos ouveantes -o vento ouveaba como se fose unha fera, un lobo-. Ó romper o día, a dúas leguas -cada legua mide uns 5 km e medio- do pazo, as primeiras vellas que correron á misa atoparon o gandeiro morto no camiño fondo onde inda reinaba a noite. Ferido en loita franca ó voltar da feira, fora rematado por man aristocrática polo prezo dunha xugada -parella- de bois. -á mañá seguinte cando dúas vellas ían para a misa (antigamente era sempre moi cedo, o cura tiña que dicila sen almorzar) atoparon morto a un gandeiro que vendera na feira unha parella de bois (supoñía moito diñeiro, só os ricos tiñan bois), a man aristocrática, o mozo fidalgo matárao e roubáralle os cartos-

Só ao final hai algo de acción, cando chega o fidalgo novo. Todo o anterior foi unha preparación para o momento final que non fai máis ca concluír o que xa se viñera expoñendo: a decadencia dos fidalgos.

Este relato curto será máis tarde desenvolvido por Otero Pedrayo na novela longa ou triloxía Os camiños da vida. A familia do morgado (na que se mantén o nome de Misia Xacinta) representará longamente a decadencia da fidalguía. A familia da fidalga, muller do capítán, representará a esperanza para a recuperación da fidalguía como guía do país. Será unha irmá da muller do capitán, Ramona, a que se poñerá ao leme da recuperación familiar e será un fillo do militar e a fidalga quen se fará médico e abrazará a ideoloxía galeguista da man do seu tío Adrián Soutelo. Este mozo, de nome Paio, será unha raiola de esperanza no futuro de Galicia.

1. Análise:
-NARRADOR heterodiexético-ausente en 3ª persoa e omnisciente
Discurso directo (2 pequenos exemplos). Estilo indirecto libre (1º e 2º parágrafos)   Transición no 1º a través do quizais
-MODOS: Pouca narración. Moita descrición e escaso diálogo. Ritmo moi lento
-TEMPO da historia: indeterminado. Pódese deducir polo preito de Oseira 1835-40 ou D. Tomás Zumalacárregui, morto no 1835.
Tempo do discurso: orde lineal e lentitude
*descricións (pausa)
*pequenas retrospeccións
*prospección “Á morte do pai...”                      
-ESPAZO: nterior dun pazo aldeán próximo a Ourense
-PERSONAXES. Caracterización directa -xa marcados anteriormente-.
-
ESTRUTURA:
a) Presentación (1º -4º parágrafo): tertulia e personaxes.
b) Desenvolvemento: xogueta -sensación de desacougo- e chegada do herdeiro -descrición negativa-
c) Desenlace: explicativo.

EXTRA: recoméndase complementar co vídeo de Historias de Galicia Nobres, fidalgos e caciques

COMENTARIO:

Lectura do texto comentado. Lectura do texto sen comentarios

1.- A fidalguía galega: función, importancia, decadencia (tema para investigar)

2.- Personaxes do texto. Análise.

2.- Análise do tema, a estrutura e a forma.

2005-2024