ogalego.eu
Antonio Noriega Varela, homenaxe de ogalego.eu
De catro a catro, Manuel Antonio
As almas escravas, Eduardo Pondal
qr
Foto: Antonio Noriega Varela, autor do poema

Poema comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

TODA HUMILDE BELLEZA ...

Vago xirón de brétema, atavío  
soberbio da irta xesta, reidora,  
fulgurante doíña de rocío            
(pazo do sol e lágrima da aurora);

raiola de lunar que bica o río,
flor mareliña que entre espiñas chora,
ou das redes da araña un tenue fío, 
toda humilde belleza me namora.

É un vermiño de luz o amigo caro  
do meu nume saudoso... Antes reparo  
na nudez adorable dunha estrela

que nas rosas dos vales, que sorríen,
que nos mantos dos pinos, que se engríen,
que nas blondas do mar, que se rebela 

Do ermo,Noriega Varela, 1920


Comentario

TODA HUMILDE BELLEZA ... castelanismo propio da época, por beleza. O título xa adianta o contido do poema: a natureza humilde e sinxela é a protagonista

1ª parte: 2 serventesios. Presentación do tema enunciado no título

Vago xirón de brétema, atavío   vago: vagaroso, lento, como en Pondal. Pequeno fragmento de néboa, adorno, vestimenta
soberbio da irta xesta, reidora,   irta: erecta, ergueita. Reidora, polos estalos da xesta no verán ou por ser brancas as flores dun tipo de xesta. Personificación
fulgurante doíña de rocío             fulgor, brillo. Doíña: boliña de adorno. Rocío ou orballo orballo non rimaría)
(pazo do sol e lágrima da aurora); brilla moito co sol e tamén co comezo do día, a aurora
As imaxes mostran unha mutación ou metamorfose mediante metáforas en aposicións que converten a brétema en atavío..., a pinga en doíña ou pazo do sol e... Os adxectivos contrubúen a destacar a dignidade dos elementos: vago, irta.. Non hai verbos, non hai tempo.

raiola de lunar que bica o río, personificación que reforza a natureza. A luz da lúa reflectida no río. Personificación
flor mareliña que entre espiñas chora, a flor do toxo sempre está rodeada de espiñas. Segue a Personificación
ou das redes da araña un tenue fío,  hipérbato que espella a emoción do poeta
toda humilde belleza me namora. no final da segunda estrofa recóllese o título, amplificado con: me namora
Desenvolve o motivo sentimental que concluía a anterior coas prosopopeas ou personificacións xeradas por bica, chora e máis a declaración do último verso: todo iso me conmove. O tempo verbal é aquí o presente, perenne. A adxectivación é agora máis sinxela e modesta: humilde, tenue, mareliña

Ata aquí reálzase a beleza dos elementos mínimos que conmoven o eu lírico. Utiliza procedementos nominativos.

2ª parte: 2 tercetos. función de reforzo (o 1º) e contraste (o 2º) coa idea temática.

É un vermiño de luz o amigo caro   vagalume (vermiño de luz), caro: querido
do meu nume saudoso... Antes reparo   nume: inspiración, musa
na nudez adorable dunha estrela encabalgamento coa última estrofa. Personificación
Enlázase co anterior serventesio mostrando a preferencia polo minúsculo. Ponse de relevo o elemento brillante que moito abunda no poema: fulgurante, sol, aurora, raiola de lunar, vermiño de luz, estrela. Coa frase antes reparo... volve o eu lírico e a súa opción estética e conecta co 2º terceto

que nas rosas dos vales, que sorríen, sorrín porque son brancas coma os dentes. Personificación
que nos mantos dos pinos, que se engríen, érgeunse, elévanse
que nas blondas do mar, que se rebela  blondas: ondas. O mar bravo
Nos tres versos paralelísticos e anafóricos, con similicadencia, móstrase por oposición o que non conmove ao poeta, a natureza que máis chama a atención e conmove outros poetas


Poema moi ben comentado en Lecturas de Nós. Introdución á literatura galega. Ramón Gutiérrez Izquierdo, Ed. Xerais, 2000 (de onde se colleron bastantes ideas).

2005-2024