ogalego.eu
Montse Fajardo
Os lobos, Ánxel Fole
Decatro a catro, Manuel Antonio
qr
Foto: Montse Fajardo, escritora e xornalista e amiga de ogalego.eu

Texto comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados


Máis alá! (Manuel Antonio, Álvaro Cebreiro, 1922)


1. Texto de 1922

2. Comentario do texto coa lingua actualizada


Máis alá (1922)

Sin pretensións de suficenza doutoral, nin de ningún outro xeito somellante, a rebeldía d´uns mozos galegos fai esta chamada a Mocedade intelectual d´a nosa Terra.


I

O xesto

Non nos erguemos d´o xeito que o fan a maoría d´os que n-outras terras pubrigan manifestos máis ou menos literarios.

Casi todos eles tencionan arrecadar adeutos pra algún novo “ismo” que aparece querendo ser a derradeira verva d´a moderna Estética cando, en verdade, non son máis que unha nova proba de que un esnobismo operetesco invade a Literatura.

Nós tencionamos tan só facer unha protesta forte, densa e implacábel contra os vellos.

Os vellos

Os vellos non son os que escrebiron fai moitos anos -aqueles son os devanceiros. Os vellos son os que escreben hoxe como si vivisen n-o antonte d´os séculos.

E a ley de sucesividade que nos fai respetar ós devanceiros, é a mesma que nos ergue e move pra enterrar ós vellos en vida, baixo a lousa inmovíbel d´a sua vulgaridade, pol-a acefalia que supón o desexo de definir c´o pasado a hora de hoxe.

Ista gafualla, de ser leigada a sí mesma, debera ir-se, por exempro, a Madrí, metrópoli peninsuar d´a barbarie civilizada, onde a sua teimosía anti-cronolóxica encadraría moi ben, compretando aquel ambente d´inferioridade. Pero é a nosa disgracia que non só non fan iso sinón que ainda teñen o pretendimento, que en parte conseguen, de pasar por persoeiros d´a nosa cultura; e isto con outras cousas máis, e o que non pode seguir sendo.

A nosa razón

Non é que nós adoezamos d´o tan estendido andacio de desbotar o vello por sistema e sin razón, cousa que se ve facer a miudo ás xuventudes d´outras terras. E que xa vai tendo caráuter crónico a atrofia de sensibilidade n-a maoría d´os que escreben en galego, e ameaza-nos o contaxo d´o pobo si non se atalla o mal.

Iste contaxo arripiante será unha realidade si a xeneración galega que hoxe medra ó acougo d´as Irmandades Nazoalistas, chega a tomar por mestres de sensibilidade os nosos “prestixos” literarios.

Tida en conta a importanza primordial que o Arte ten n-os rexurdimentos raciaes (miudean os movementos nazoalistas que comenzan pol-o arredismo artístico) chegaremos a coidar sinón fracasado pol-o menos de remouta eficacia o autual movemento rexurdente n-a Galicia si non se consegue un troque radical n-o aspeuto d´a nosa Literatura. Porque é pretender andar c´os pés atados o tratar de libertar-nos d´os trabamentos esternos sin facer denantes o mesmo co-a podredume interior.

O ruralismo

Os nosos poetas, dendes os precursores até os seus herdeiros autuaes, non serviron máis que pra embrutecer o noso sentemento. Ista verdade, espallada ós catro ventos, sería o verdadeiro comenzo d´a loita xeneral galeguista. Porque o voutario castramento espritoal e coleitivo que supón n-a Galicia a eistenza d´o caciquismo, d´a iñoranza, d´o renunzamento á vida e á dinidade, compre anulal-o antes que n-o terreo político-social, n-o senso estético.

Unha comencia estética pura y-enxebre é o primeiro paso d´a volta a nós mesmos. E o máisimo crime de lesa patria é un verso d´ise xeito que pregoan as arráns d´a lagoa académica querendo impor o seu anacrónico croar por riba de toda voz nova, ceibe e ceibista. Porque ise fato d´eunucos literarios, d´esprito choído e ateigado d´unha decramatoira cursilería palabreira, son os que farán arrenegar de si mesmo a calquer bo galego d´esprito amplexo e depurado que coide ver n-eles “a alma da raza”.

Mentras que todal-as culturas europeas foron erguendo, de pouco tempo acó, mausoleos d´escuridade encol d´ise xeito de mortos en vida, qué espeutago é o que damos en Galicia?

Momias que fan esculturas a sua imaxen e semellanza, mentras eles, cinguidos ó pasado, siguen cicelando estátoas feitas, fagamos nós, co-as nosas inquedanzas, unha nova figura, grotesca quizáis pero nova ó fin, pró retablo d´os tempos.

Os devanceiros

Diciamos n-o comenzo que respetabamos ós devanceiros, pero queremos facer constar que non é nado iste respeto nin n-a ademiración nin n-a inferioridade nosa. Nós non ademiramos a ninguén nin nos coidamos inferiores a ninguén. O noso respeto ven de que eles non tuveron culpa de haber vivido n-un tempo de choída incultura castelá.

Inda que nos esforzaramos por atopar algo de bó n-os “precursores”, o noso traballo sería infroitoso.

Nós non podemos ollar sin carraxe o baixo e noxento ruralismo de Losada. Nin ise intrés en convertir o galego n-a fala intérprete de todal-as indecenzas e vulgaridás que tiveron Losada e a maoria d´os "mestres" menores. Nin a valdeirez verbalista, importación madrileña e co-isto xa se di todo, de Curros.

Non podemos prestar a nosa loubanza á socorrida e ridícula "posse" d´o falso romantismo, enfermedade de moda n-aquel tempo, que chegou a deslocir algunha d´as páxias verdadeiramente nosas, grandes e persoaes de Rosalía. Nin intresar-nos pol-o estreito xeito de Pondal, que tan só pudo ser un imperceitíbel eco d´a grandiosidade d´os rumorosos e d´a maxestosa paganía bárdica.

0 herdo d´os devanceiros reduce-se pois a un exempro de voutade e patriotismo, ispido de toda eficacia literaria como non sexa pol-a reaución que produce o desagrado.


II

"Pollitos bien"

Comenzaremos invocando a Valle-Inclán.

Maestre: Chamamos-lle maestre por ser vostede o "maestro" d´a Xuventude Imbécil de Galicia. Noso non; que, endeben, sabemos comparar a sua modernidade co-a cobardía d´o debre que tan só pode vivir facendo claudicantes concesións o forte.

Non tería o seu nome acolleita n-istas liñas si quixéramos tan só chamar-lle aquilo. Pero ten que ser ó falar d´ise fato de cabezas focas, nenos "foulard e de rubí", engayolados pol-o innegábel prestixo d´a prosa e d´a ridícula mintira d´unha epopeya aventureira que vostede, unha e outra, falsifican.

Sabemos que con intremeios himnarios ó Gran Pontífice d´a Valdeireza en traxe de festa (Este Gran D. Ramón...) entran a estrago pol-a fala meseteira, con gran desprestixio d´ela, por certo. Tamén sabemos que adoecen de imbecilidade, inxénita ou contaxada, e que a vostede lle debemos o tel-os levado para "alá". Isto derradeiro é cousa que nunca ben lle agradeceremos.

Agora, o que quixeramos conseguir d´a sua incensada persoalidade sería que intensificase a campaña castelaizante porque nos arripía o pensamento de que eles se coidasen chamados por istas nosas vervas de mocedade e chegase algún a desertar de la "lengua de Cervantes" pra vir a valdeirar n-a nosa Fala as producións d´o seu serrín encefálico. Isto estaría moi mal. Mal pro castelán, idioma oficial d´a cursilería, que, pol-o mesmo ten dereito a aquelas cousas, e mal pró galego, dino de moito mellor sorte.

E a vós, pobriños mamaleites literarios, desexamos-vos cordialmentes que calquera día vos pubriguen un verso n-a derradeira folla d´unha d´isas indixentes revistas madrileñas, doada palestra d´os vosos esforzos, que é o maisimo desideratum voso.

Madrí precísa-vos pra persoaxes d´a sua opereta.

Tamén hai outros

Hai os que teñen algún valor e desmínten-o espresándose en castelán. A istes só queremos recomendarlles que escriban en catalán, ingrés ou francés. Estranxeira por estranxeira, val máis unha fala d´Europa que a d´a Meseta.

Hai os galegos capacitados pra vivir hoxe que, por rutina, seguen ollando pra atrás. Por que agardamos a sua conversión, só queremos dicirlles que xa é hora.

Hai os d´unha certa crase derradeira, d´os cales abonda con... non falar d´eles.


III

Nós

Dispois de ter dito que non traguemos pretensións doutoraes nin d´outro xeito semellante, xa non compre dicir que estarnos moi lonxe de querer impor ningunha concreta lexislación estética.

Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camiño determinado. A nosa roita, n-os primeiros pasos, quer tan só conecer por onde non debemos ir: todol-os outros camiños poden ser nosos.

A Novedade que enxerguemos é tan só un arredamento, un ceibamento d´o pasado sin a definición d´a sua resultanza: isto é arbitrariamentes persoal.

E eiquí compre que manifestemos a falla de creto que nos merece a gran parte d´os novos "movementos" literarios e artísticos, con ningún d´os cales, enténdase ben, queremos que se trabuque a nosa rebeldía. Porque case todos eles esquencen unha d´aquelas duas bases. Ou son un negamento non só d´o pasado sinón de todol-os tempos e todal-as cousas, dendes o bo gusto até a razón mais rudimentosa, ou queren encadrar a estética autualista en dogmáticos preceutos, todo o novos que se queira pero pouco respetosos, dende logo, co-a anárquica dileición individoal.

A fala

Tamén nós temos, inda que n-outro orde, os nosos imperativos, e comenzamos pol-a máis agresiva intransixenza n-a Fala.

Unha fala que non estea pervertida por académicos nin por puristas; que non sofrise os estancamentos de verdugos armados de gramática que a emparedasen n-un feixe de regras como quen garda un mito en sete huchas concéntricas, terá que ser unha fala de inmellorabes posibilidás por que o seu estado ceibe permitirá-lle axeitar-se a todal-as novedás, a todol-os variamentos porviristas que tome o noso gosto. E consentirá-lle o seu indeliñamento ser cicelado de xeito que ela sexa un instrumento d´o artista e non el escravo d´ela.

Pero hai aínda unha razón d´orde supremo: a nosa Fala é nosa. Pospol-a a outra calquera, é unha forma d´o suicidio.

Ista nosa eisaltación d´o Verbo tamén quer dicir algo ós vellos e castelaizantes. Algún d´ises escribidores híbridos, bilingües queremos dicir, que fai d´a literatura algo así como un deporte que favorece a dixestión, arrecada o galego cada vez que quer dicir unha estupidez moi grande, reservando o castelán pra cando coidan ("eles") que están en razón. A maisimidade d´a devoción que temos pol-a nosa Fala, pode-lles dar a medida d´o desprezo que sintimos por eles.

Desbotando

Arrenegamos de mestres e d´os seus consellos. Toda voz allea tende a escusar a nosa sinceiridade, que é sagra por que é a nosa vida e debemos respetal-a, a non ser desleigados a nós mesmos.

Arrenegamos d´a Lei e d´a Costume. Cada importa alleeira ven a roubar-lle á nosa mocedade unha áa.

Arrenegamos d´os temas obrigados. E vergoñoso falar d´a escravitude d´a Terra, mentras non se teña feito todo o que compre por anulal-a. O pranto e a elexía fixeron coidar ós alleos que somos un pobo de mulleres. Como bos cidadaos d´a futura República Galega, gardemol-os nosos cantos patrióticos pra o dia en que deamos ó vento a sua bandeira e non poidan ser testigos d´a cobardía e d´a mansedume.

A literatura paisaxista o xeito de fotografía iluminada con notas de turista burgués, é a maor caloña d´o noso paisaxe, que ainda agarda a sensibilidade complexa d´o noso tempo pra ser interpretado.

Arrenegamos de toda imitanza. A d´os vellos en nome d´a Vida; a d´os novos en nome d´a Novedade.

Individoalismo

Consagramos a individualidade até o estremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha verva: o seu propio nome.


IV

¡Mocedade!

Agora compre-vos dicir, mozos d´a nosa Terra, si pensades siguir indo costa abaixo pol-o tempo ou encarados c´o porvir.

Si queredes libertar-vos d´o xerme d´a vellez e d´a morte. Si queredes adonar-vos d´a vosa mocedade ou siguir sacrificando-a n-un altar de Mitos e Fracasos.

Compre romper a marcha pol-a mesma estrada que fagamos c´os nosos pasos, e afrontar en ela unha peligrinaxe sin chegada, porque en cada relanzo d´o camiño agardanos unha voz que nos berra: Máis alá!

ALVARO CEBREIRO MANOEL-ANTONIO

San Xoán-1922


Comentario de Máis alá! coa lingua actualizada

Nota: en azul o texto do manifesto e en vermello as explicacións

 O manifesto consiste na transposición para as artes do modelo de manifesto político, constituíndo un subxénero literario utilizado polos movementos de vangarda para expresaren as súas ideas estéti­cas. Caracterízase por:
- Desde o punto de vista sociolóxico precede á obra, creando o clima propicio a través do escándalo. Altera as relacións do artista co crítico, prescindindo deste, porque o artista non precisa ser consa­grado. El é o futuro.
- Afirma a ruptura coa tradición de forma violenta e provocadora. Cre na necesidade dunha nova arte. Enumera os principios desa nova arte, bastante abstractos e confusos. Fai unha chamada á sociedade para que a siga.
- En canto á linguaxe, intenta impactar visúalmente con expresións de mal gusto e afirmacións pro­vocadoras.

O 28 de xuño de 1922 Manuel Antonio redacta o manifesto coa leve colaboración do debuxante Álvaro Cebreiro e comezan a espallalo por toda a xeografía cultural da época enviándoo a revistas francesas, italianas e checoslovacas, unha norteamericana e unha holandesa. O texto galego ía coa tradución ao inglés e ao francés. Foi un manifesto xuvenil debedor da tradición de manifestos franceses e ingleses. A súa orixinalidade radica en que non se adscribe a ningún movemento concreto e no seu compromiso político: defesna da lingua, proxecto republicano, loita política.

Sen pretensións de suficiencia doutoral, nin de ningún outro xeito semellante, a rebeldía duns mozos galegos fai esta chamada á Mocidade intelectual da nosa Terra. Vai dirixido á xente moza comprometida.


I: Crítica do pasado e das tendencias anteriores

O xesto

Un manifesto, pero non como todos os minifestos vangardistas:

Non nos erguemos do xeito que o fan a maioría dos que noutras terras publican manifestos máis ou menos literarios.

Case todos eles tentan arrecadar adeptos para algún novo “ismo” que aparece querendo ser a derradeira verba da moderna Estética cando, en verdade, non son máis que unha nova proba de que un snobismo operetesco invade a Literatura.

Obxectivo do manifesto, criticar o pasado:

Nós tentamos tan só facer unha protesta forte, densa e implacábel contra os vellos.

Os vellos

Definición e ataque aos galeguistas:

Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos -aqueles son os devanceiros. Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos.

E a lei de sucesividade que nos fai respectar os devanceiros, é a mesma que nos ergue e move para enterrar os vellos en vida, baixo a lousa inamovíbel da súa vulgaridade, pola acefalia que supón o desexo de definir co pasado a hora de hoxe.

Esta gafualla, de ser leal a si mesma, debera irse, por exemplo, a Madrid, metrópole peninsular da barbarie civilizada, onde a súa teimosía anti-cronolóxica encadraría moi ben, completando aquel ambiente de inferioridade. Pero é a nosa desgraza que non só non fan iso senón que aínda teñen a pretensión, que en parte conseguen, de pasar por persoeiros da nosa cultura; e isto con outras cousas máis, é o que non pode seguir sendo. Desprezo total para os seguidores dos devanceiros, que non achegan nada novo.

A nosa razón

A política, o nacionalismo:

Non é que nós adoezamos do tan estendido andazo de desbotar o vello por sistema e sen razón, cousa que se ve facer a miúdo ás xuventudes doutras terras. E que xa vai tendo carácter crónico a atrofia de sensibilidade na maioría dos que escriben en galego, e ameázanos o contaxio do pobo se non se atalla o mal.

Este contaxio arrepiante será unha realidade se a xeración galega que hoxe medra ao acougo das Irmandades Nacionalistas, chega a tomar por mestres de sensibilidade os nosos “prestixios” literarios.

Tida en conta a importancia primordial que a Arte ten nos rexurdimentos raciais (abondan os movementos nacionalistas que comezan polo separatismo artístico) chegaremos a coidar senón fracasado polo menos de remota eficacia o actual movemento rexurdinte na Galicia se non se consegue un cambio radical no aspecto da nosa Literatura. Porque é pretender andar cos pés atados o tratar de liberarnos dos trabamentos externos sen facer antes o mesmo coa podredume interior. Hai que rachar co pasado na Literatura non chega con facelo na política.

O ruralismo

Crítica de escritores como: Francisca Herrera Garrido, Noriega Varela, Carré Alvarellos, Lugrís Freire, Florencio Vaamonde. O a literatura de temática rural, da aldea, invadía a todos os escritores galegos.

Os nosos poetas, desde os precursores ata os seus herdeiros actuais, non serviron máis que para embrutecer o noso sentimento. Esta verdade, espallada aos catro ventos, sería o verdadeiro comezo da loita xeral galeguista. Porque o voluntario castramento espiritual e colectivo que supón na Galicia a existencia do caciquismo, da ignorancia, da renuncia á vida e á dignidade, cómpre anulalo antes que no terreo político-social, no sentido estético. Cómpre desterrar todos os males que castran a nosa terra, pero tamén hai que facelo na estética, na arte.

Unha conveniencia estética pura e enxebre é o primeiro paso da volta a nós mesmos. E o máximo crime de lesa patria é un verso dese xeito que pregoan as ras da lagoa académica querendo impor o seu anacrónico croar por riba de toda voz nova, ceibe e libertaria. Porque ese fato de eunucos literarios, de espírito choído e ateigado dunha declamatoira cursilería palabreira, son os que farán arrenegar de si mesmo a calquera bo galego de espírito amplo e depurado que coide ver neles a alma da raza. Non poden ser o noso futuro literario eses poetas académicos cheos de palabras baleiras e vellas.

Mentres que todas as culturas europeas foron erguendo, de pouco tempo acó, mausoleos de escuridade encol dese xeito de mortos en vida, qué espectáculo é o que damos en Galicia?

Momias que fan esculturas á súa imaxe e semellanza, mentres eles, cinguidos ó pasado, seguen cicelando estatuas feitas, fagamos nós, coas nosas inquedanzas, unha nova figura, grotesca quizais pero nova ao fin, para o retablo dos tempos. Hai que rebelarse e crear un futuro novo.

Os devanceiros

Non se libran das críticas os consagrados

Diciamos no comezo que respectabamos os devanceiros, pero queremos facer constar que non é nado este respecto nin na admiración nin na inferioridade nosa. Nós non admiramos a ninguén nin nos coidamos inferiores a ninguén. O noso respecto vén de que eles non tiveron culpa de ter vivido nun tempo de choída incultura castelá.

Aínda que nos esforzaramos por atopar algo de bo nos precursores, o noso traballo sería infrutuoso.

Nós non podemos ollar sen carraxe o baixo e noxento ruralismo de Losada. O mesmo Manuel Antonio confesa nunha carta que Lamas é un erro tipográfico, o correcto é Lamas, é dicir, Lamas Carvajal. Nin ese interese en converter o galego na fala intérprete de todas as indecencias e vulgaridades que tiveron Losada e a maioría dos mestres menores. Nin a baldeireza verbalista, importación madrileña e con isto xa se di todo, de Curros. Non se salvan da crítica Lamas Carvajal e Curros Enríquez.

Non podemos prestar a nosa loanza á socorrida e ridícula posse do falso romantismo, enfermidade de moda naquel tempo, que chegou a deslucir algunha das páxinas verdadeiramente nosas, grandes e persoais de Rosalía. Non se invalida o resultado global da poesía de Rosalía de Castro, só o seu falso romantismo. Nin interesarnos polo estreito xeito de Pondal, que tan só puido ser un imperceptíbel eco da grandiosidade dos rumorosos e da maxestosa paganía bárdica. Pondal é censurado pola súa limitación poética, pola pobreza dos seus escritos, pola súa reiteración.

O herdo dos devanceiros redúcese pois a un exemplo de vontade e patriotismo, espido de toda eficacia literaria como non sexa pola reacción que produce o desagrado. Agradécelle aos devanceiros do Rexurdimento a súa intención, o seu patriotismo, mais despreza os seus resultados estéticos e literarios.


II: Críticas do presente e as tendencias

"Pollitos bien"

Comezaremos invocando a Valle-Inclán.

Mestre: Chamámoslle mestre por ser vostede o maestro da Xuventude Imbécil de Galicia. Noso non; que, endebén, sabemos comparar a súa modernidade coa covardía do débil que tan só pode vivir facendo claudicantes concesións ao forte. Dura crítica aos seguidores de Valle-Inclán, do que salva a súa modernidade.

Non tería o seu nome acollida nestas liñas se quixéramos tan só chamarlle aquilo. Pero ten que ser ao falar dese fato de cabezas focas, nenos foulard e de rubí, engaiolados polo innegábel prestixio da prosa e da ridícula mentira dunha epopea aventureira que vostede, unha e outra, falsifican.

Sabemos que con intermedios himnarios ao Gran Pontífice da Baldeireza en traxe de festa (Este Gran D. Ramón...) entran a estrago pola fala meseteira, con gran desprestixio dela, por certo. Tamén sabemos que adoecen de imbecilidade, inxénita ou contaxiada, e que a vostede lle debemos o telos levado para alá. Isto derradeiro é cousa que nunca ben lle agradeceremos. Segue a crítica dura aos seguidores que usan o castelán, que se vaian para Madrid.

Agora, o que quixeramos conseguir da súa incensada personalidade sería que intensificase a campaña castelanizante porque nos arrepía o pensamento de que eles se coidasen chamados por estas nosas verbas de mocidade e chegase algún a desertar de la lengua de Cervantes apra vir a baldeirar na nosa Fala as producións das súas serraduras encefálicas. Isto estaría moi mal. Mal para o castelán, idioma oficial da cursilería, que, polo mesmo ten dereito a aquelas cousas, e mal para o galego, digno de moita mellor sorte. Non ten piedade para os escritores que escollen o castelán para as creacións literarias. É do máis forte do manifesto.

E a vós, pobriños mamaleites literarios, desexámosvos cordialmente que calquera día vos publiquen un verso na derradeira folla dunha desas indixentes revistas madrileñas, doada palestra dos vosos esforzos, que é o máximo desideratum voso. Os insultos para eles son moi fortes.

Madrid precísavos para personaxes da súa opereta. Non hai piedade para os escritores bilingües, en galego e castelán.

Tamén hai outros

Tamén hai escritores válidos, pero exprésanse en castelán, teñen que saber que xa é a hora de cambiar

Hai os que teñen algún valor e desménteno expresándose en castelán. A estes só queremos recomendarlles que escriban en catalán, inglés ou francés. Estranxeira por estranxeira, vale máis unha fala de Europa que a da Meseta.

Hai os galegos capacitados para vivir hoxe que, por rutina, seguen ollando para atrás. Porque agardamos a súa conversión, só queremos dicirlles que xa é hora.

Hai os dunha certa clase derradeira, dos cales abonda con... non falar deles.


III: Afirmación dos novos conceptos

Nós

Postura persoal:

Despois de ter dito que non traemos pretensións doutorais nin doutro xeito semellante, xa non cómpre dicir que estarnos moi lonxe de querer impor ningunha concreta lexislación estética. Non se impón ningún movemento ou corrente.

Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camiño determinado. A nosa ruta, nos primeiros pasos, quere tan só coñecer por onde non debemos ir: todos os outros camiños poden ser nosos. Menos o pasado, calquera é válido.

A Novidade que enxerguemos é tan só un arredamento, un ceibamento do pasado sen a definición do seu resultado: isto é arbitrariamente persoal. Ten que ser algo novo e persoal.

E aquí cómpre que manifestemos a falla de creto que nos merece a gran parte dos novos movementos literarios e artísticos, con ningún dos cales, enténdase ben, queremos que se trabuque a nosa rebeldía. Porque case todos eles esquecen unha daquelas dúas bases. Ou son unha negación non só do pasado senón de todos os tempos e todas as cousas, dende o bo gusto ata a razón mais rudimentaria, ou queren encadrar a estética actualista en dogmáticos preceptos, todo o novos que se queira pero pouco respectuosos, dende logo, coa anárquica dilección individual. Manuel Antonio non se adscribe a ningunha escola vangardista e revolucionaria das que xurdían en Europa. O seu supremo ideal é a liberdade absoluta na cración, non a filiación incondicional a un movemento que limite a creatividade do poeta.

A fala

Defensa da lingua:

Tamén nós temos, aínda que noutra orde, os nosos imperativos, e comezamos pola máis agresiva intransixencia na Fala. O autor é totalmente intransixente na defensa do galego, sen ningunha concesión.

Unha fala que non estea pervertida por académicos nin por puristas; que non sufrise os estancamentos de verdugos armados de gramática que a emparedasen nun feixe de regras como quen garda un mito en sete huchas concéntricas, terá que ser unha fala de inmellorables posibilidades porque o seu estado ceibe permitiralle axeitarse a todas as novidades, a todos os variamentos porviristas que tome o noso gusto. E consentiralle o seu indeliñamento ser cicelado de xeito que ela sexa un instrumento do artista e non el escravo dela. Ten que ser un galego persoal, libre de ataduras e normativas, unha lingua nova.

Pero hai aínda unha razón de orde suprema: a nosa Fala é nosa. Pospola a outra calquera, é unha forma do suicidio.

Esta nosa exaltación do Verbo tamén quer dicir algo aos vellos e castelanizantes. Algún deses escribidores híbridos, bilingües queremos dicir, que fai da literatura algo así como un deporte que favorece a dixestión, arrecada o galego cada vez que quer dicir unha estupidez moi grande, reservando o castelán pra cando coidan (eles) que están en razón. A maximidade da devoción que temos pola nosa Fala, pódelles dar a medida do desprezo que sentimos por eles. Volve repetir o desprezo polos autores que usan o castelán.

Desbotando

Retoma o ataque ao anterior:

Renegamos de mestres e dos seus consellos. Toda voz allea tende a escusar a nosa sinceridade, que é sagrada porque é a nosa vida e debemos respectala, a non ser desleigados a nós mesmos. Nada de mestres e escolas, só a nosa

Renegamos da Lei e do Costume. Cada importación allea vén a roubarlle á nosa mocidade unha á.

Renegamos dos temas obrigados. É vergoñento falar da escravitude da Terra, mentres non se teña feito todo o que cómpre por anulala. O pranto e a elexía fixeron coidar aos alleos que somos un pobo de mulleres. Como bos cidadáns da futura República Galega, gardemos os nosos cantos patrióticos para o día en que deamos ao vento a súa bandeira e non poidan ser testemuñas da covardía e da mansedume. É contrario ao tradicional sometemento da literatura á loita patriótica. A arte non pode estar subordinada aos temas políticos ou nacionalistas. A loita política ten outras canles, non a literatura.

A literatura paisaxista ao xeito de fotografía iluminada con notas de turista burgués, é a maior calumnia da nosa paisaxe, que aínda agarda a sensibilidade complexa do noso tempo para ser interpretado. Rexeita a literatura de tema paisaxístico, de exaltación da terra galega.

Renegamos de toda imitación. A dos vellos en nome da Vida; a dos novos en nome da Novidade.

Individualismo

Orixinalidade:

Consagramos a individualidade até o extremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha verba: o seu propio nome. Esta frase resume todo o seu ideario estético: a altiva independencia de calquera imitación.


IV: Chamamento á mocidade para romper co pasado e o presente

¡Mocidade!

Chamada, invocación, repetindo os temas sinaladas e concluíndo:

Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir.

Se queredes liberarvos do xerme da vellez e da morte. Se queredes facervos donos da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar de Mitos e Fracasos.

Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos, e afrontar nela unha peregrinación sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: Máis alá!

Xosé Ramón Pena na Historia da Literatura Galega III comenta: Máis alá! constitúe un verdadeiro testemuño da complexidade das relacións entre nacionalismo e modernidade (ou, se así se prefire, entre nacionalismo e vangarda) e, ao tempo, entre novos e avellentados, unha vez que as liñas de demarcación entre uns e outros se foi describindo en función dos acontecementos político-culturais: así, mentres en 1922, e para Manuel Antonio, Villar Ponte ou Risco non parecen estar cos avellentados, si que forman parte de tal colectivo, na apreciación de Luís Amado Carballo, apenas dous anos máis tarde (p. 206).

Tamén ten interese o Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu de Manuel Antonio (1924, publicado no xornal vigués Galicia). Foxe da tradición literaria galega: O autor deste libro, a difrenza dos poetas da sua terra, tan homildosos devotos da Santa, do Bardo e do Rebelde, por non asomellarse a ninguén, e moito menos ao consabido trio, fixo da sua independenza un sagro fanatismo. Insiste no individualismo, aínda recoñecendo a súa débeda cos movementos de vangarda: Ten, ademáis, o seu arte resoancias futuristas, creacionistas, dadaístas e non sei que máis, todas elas anárquicamente es­colmadas e autocráticamente peneiradas. Segue insistindo no seu desprezo polo castelán: Nunca foi a Madrí, nin escribéu en castelán. Nin quer triunfar (fina conxugación madrileña do verbo) nin claudicar nun idioma máis doado e mercadeiro, pero alleo. Tamén se nota a súa actitude anti-romántica e anti-sentimental: A sua única páxina romántica é o suicídio do seu sentimentalismo.

Ao coñecer o manifesto comenta o tamén poeta Taibo escribiulle a Manuel Antonio : o teu manifesto ha erguer moitas protestas pois o número de parvos é infinito.

Máis información na Galipedia


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com