ogalego.eu
Xosé Filgueira Valverde, impulsor dos maios de Pontevedra
Manuel María
Lucinda, Xosé Neira Vilas
qr
Foto: Xosé Filgueira Valverde, escritor galego

Textos comentados para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

O primeiro de maio é o día dos traballadores e tamén é o día dos maios en Pontevedra: Maios de 2007, 1986 e 2022


-O Maio, Curros Enríquez (comentario)


-Vídeo: Pregón de Vitoria Ogando nos Maios de 2019


A) 1 de maio de 2007: Maio do IES Sánchez Cantón

Fotos Fotos 2007

Coplas 2007

Aquí estamos outro ano
para facelos disfrutar
criticando esta vila
dun xeito moi singular.

Ao ritmo dos nosos paus
cantaremos neste día
esperamos ter boa sorte
e levar unha alegría.

Mais antes de criticar
dar as grazas a esta xente
que nos vén a escoitar
na praciña coma sempre.

Que perigo nas estradas!
Presten moita atención
se non queren perder puntos
teñan moita atención.

Os puntos andan moi caros
nas subhastas de Internet
pagaremos pola ducia
para encher todo o carné.

Estes novos condutores
pensan que poden correr
como Raikhonen e Alonso
e sen nada que perder.

Moito falan das vivendas
pouco fan para baixar
ese prezo escandaloso
que ninguén pode pagar.

Isto das mini-vivendas
serve para reducir
o espazo e os cartos
que temos para vivir.

A vivenda está moi cara
Ninguén o pode negar
a mocidade de hoxe en día
non sabe onde vivirá.

Neste tempo electoral
todos andan a prometer
a ver se algún fai algo
do que imos propoñer.

Aproxímanse eleccións
Teremos un gran combate,
fagan as súas propostas
todos queren ser alcalde.

Telmo tenche cada cousa
di que o metro vai poñer
Pontevedra é pequeniña
pouco ten que percorrer.

Este mundo anda tolo,
a quen se lle ocorrerá
ir queimar os nosos montes,
esta xente está de atar.

Nosa Galicia fermosa
no verán moito sufriu
moitas árbores arderon
ningunha sobreviviu.

Esperemos que o goberno
propoña novas medidas
para evitar que os incendios
ocorran nas nosas vilas.

Nós cos cubos ben cargados
os incendios apagamos
desexamos que outro ano
alguén veña a axudarnos.

No tema da sanidade
queda moito por cambiar
todo segue coma sempre
canto pode mellorar!

Xa que estamos criticando
falemos do hospital
esperando moitos anos
e a cousa sempre igual

Xente na sala de espera
queremos un hospital
que sexa grande de abondo
como di a opinión social.

Os rapaces de hoxe en día
non pegaron o estirón
pero toman "chocolate"
cando toca o biberón.

Eles aínda son uns nenos
confunden a diversión
pensan que o máis moderno
é face-lo botellón.

Cando saímos de troula
atopamos un montón
deses mozos tan pequenos
sempre montando follón

Temos Pontevedra en obras
todo está moi levantado
esperemos que rematen
pois o ruído é moi pesado.

Coa cidade peonil
xa podemos pasear
ben tranquilos pola rúa
sen que veñan molestar.

Pensamos que Pontevedra
sería aínda máis fermosa
se puideramos sacar
a maldita Celulosa.

Unha semana movida
traballando sen cesar
entre flores e fiúncho
non puidemos descansar.

Antes de nos despedir
queriámoslles pedir
que merquen as nosas coplas
non se van arrepentir.

Xa nos imos despedindo
isto ten que rematar
esperemos que o xurado
nos saiba recompensar.


B) O MAIO DA SECA, Pontevedra, l986.

Este noso Axuntamento
arreglou o mexadeiro
e reforzou o servicio
cos do novo aparcadeiro

Pois según temos ouvido,
sen ganas de criticar,
moitos dos que alí entran
tan soio van a mexar.

Inda está sen rematar
e fáltanlle moitas feiras
á desfeita que fixeron
no que eran as Palmeiras.

Esta festiña dos Maios
se non lle quitan o mal
temos medo que remate
coma as do carnaval.

Non faltaban nen dez días
e non fora convocada
seguro que Don Manuel
andaba a facer queimada.

Manda xa na T.V.G.
quen presentaba Ruada
aos de aquí de Pontevedra
tomounos de carallada.

A esa televisión
máis que chamarlle galega
deberían de chamarlle
da Coruña e Compostela.

A xente de aquí da Seca
ándache moi cabreada
porque Santa Margarita
está de novo parada.

Se a obra tarda tanto
como outras do Axuntamento
inda secará o carballo
antes que a Santa esté dentro.

Estamos cansos de cantar
e quedamos sin saliva
bótennos axiña o premio
e non nos desconten o I.V.A.

C) EXERCICIOS:

1.- Subliñar e corrixir as palabras que non sexan correctas na lingua estándar. Ver solución

2.- Sinalar as características que separan este tipo de lingua da habitual e coloquial.

3.- Composición: os Maios, o Entroido e outras festas onde é tradición facer coplas en Galicia.

4.- Compoñer unhas coplas similares onde aparezan problemas do lugar onde vivimos e outras referencias festivas.


C) MAIO 2022 - PONTEVEDRA

Fotos Fotos 2022

Ver VÍDEO 2022: Maio Campañó


Coplas Maio Campañó:
Pouco cambiou a parroquia
nestes dous últimos anos,
agás por culpa da COVID
que nos fixo moito dano.

Xa logo van mepezar
coa Casa do Concello.
Igual se xubila Lores
e será o seu mausoleo.

Andan os municipais
a multar nos patinetes.
E as multas que lles poñen,
serán tamén de xoguete?

Tamén as bicicletas
levan un feixe de multas.
Quen verá aos axentes,
correr polas beirarrúas.

É moito traballo xunto
para os axentes, pobres!
Seica se fai moi cansado
subir e baixar do coche.

E deixamos Pontevedra
que o maio o precisa.
Feijoo vai para Madrid
e hai que darlle a despedida.

Xa se se escoita o ruxe ruxe,
xa se escoitan os canóns.
Xa se afían os puñais
da guerra de sucesión.

...

E xa imos rematando
que non temos máis cantigas.
Para o ano volveremos
se o virus non nos confina.

Coplas Maio C.E.P. Campolongo 2022
Vén o maio para feira
cheo de garbo feitizo,
embuchado de adobíos
con donaire e castizo.

Na Vella Estación xenou
con camelias e pingueiras
se o deixamos sete días
viña tamén con silveiras.

Preto de cincuenta anos
conta historias esta escola
a influencia do cuartel
do galego fixo efola.

Dous anos sen dar a man
e sempre son tapabocas
auga e taco con distancias
enredando coas gaivotas.

Sen enredos nos recreos
só puidemos batuxar
seguen as pozas no patio
vense os plásticos voar.

Rematou a concesión,
os de ENCE fan o xordo,
propaganda e xiratorias
teñen sempre premio gordo.

Destapouxe este ano
o mosteiro Santa Clara
unha xoia de convento
con pedra ben ornada.

De mulleres foi refuxio
en tempos de patriarcado
ben casabas pola forza
ben vivías de prestado.

Coa illa de Combarro
algo mesmo aconteceu
os de Poio teñen Tambo
a Mariña xa o cedeu.

Foi mosteiro e lazareto
arsenal dos mandatarios
sementada por labregos
e saqueada por corsarios.

Perderon as Tanxugueiras
con estrondo afamado
repicaron polas redes
houbo gato encerrado.

Foron palabra do ano
chegaron ao parlamento
cantaron non hai fronteiras
con coraxe e talento.

Mariñeiros do Pitanxo
polo mar abandonados
se foran os do Bribón
terían acoirazados.

...

Vai alá a despedida
vai alá a bendición
fastixios de saudade
de cultura e tradición.

Nós imos comer a rosca
e mañá un bo salmón
xuntaremos ben os cartos
para irmos de excursión.

2005-2024