ogalego.eu
Chus Pato
Teatro. Lit. Galega S. XX, 2º Bach
Narrativa. LIt. Galega S. XX, 2º Bach
qr

Foto: Chus Pato, poeta, amiga de ogalego.gal

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

POESÍA: Literatura Galega do Século XX e da Actualidade


B3.1. Análise da poesía galega do século XX e da actualidade determinando os seus paradigmas, os seus contextos e as súas influencias.


1. Literatura galega de 1916 a 1936. Autores/as de vangarda e outros/as autores/as.

O século XX supón en Galicia o nacemento do agrarismo e do nacionalismo, a continuación da emigración e a aparición do movemento obreiro.
O movemento agrario é desde 1907 o auténtico revulsivo social da época. Destaca a Liga Agraria de Acción Gallega (1912), dirixida por Basilio Álvarez; fortemente perseguida, vai esmorecer cara a 1915, mais esta presión social en contra dos foros consegue a lei de redención dos foros na Ditadura de Primo de Rivera en 1926.
En 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala, que axiña se estenden por toda Galicia. O seu obxectivo máis inmediato é a defensa do idioma galego para recuperar a cultura. No 1918 decláranse nacionalistas, mais no 1922 escindiranse nunha liña política e outra cultural, arredor desta nacerá a revista Nós.
Na poesía a entrada do século XX non supuxo un cambio no panorama literario galego senón que continuaron as liñas iniciadas no Rexurdimento, con autores como Leiras Pulpeiro ou Lugrís Freire.

O primeiro que marca timidamente o comezo de novos camiños é Antonio Noriega Varela (1869-1947). Podemos consideralo o máis destacado representante dunha xeración de transición ou “antre dous séculos”: por unha parte acepta o popularismo, o costumismo e o sentido cívico dos predecesores, pero por outra podemos ver nel certos influxos do modernismo e da literatura portuguesa. 
Escribiu unha soa obra ampliada durante toda a súa vida: en 1904 o título é Montañesas; desde 1915, denominarase Do ermo. O cambio de título marca un cambio de tendencia na súa obra, con dúas etapas:
* Poesía costumista (coma no século XIX): descrición da vida rural, desde unha óptica conservadora que reacciona contra toda novidade e innovación porque desfigura a súa esencia enxebre. Tamén escribiu poesía cívica, relacionada co agrarismo e suprimida na última edición.
* Poesía lírica da montaña (=montañesa). Poética franciscana: tenrura e amor pola paisaxe montañesa, polos compoñentes máis humildes desa paisaxe e non polos máis grandilocuentes ou vistosos. Neste apartado encádranse 21 sonetos literariamente moito máis traballados e lingüisticamente máis cultos; moi influenciados polos autores portugueses Antero de Quental e fundamentalmente o seu amigo saudosista Teixeira de Pascoaes.

Pero o poeta máis destacado da época das Irmandades é Ramón Cabanillas (1876-1959): O Poeta da Raza. Recolle a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros (toda a nosa tradición)  introducindo elementos renovadores modernistas. Pódense distinguir catro etapas na súa obra:
1. Etapa pregaleguista ou agrarista No Desterro (1913) e Vento Mareiro (1915). De forma e temática do Rexurdimento (Rosalía e Curros), nos dous libros altérnanse poemas de carácter intimista, costumista e agrarista (anticaciquil). Estes últimos, rabiosos e incendiarios, que mostran a súa solidariedade cos labregos na súa loita pola redención dos foros, son os máis coñecidos. Algúns poemas como Acción gallega ou A Basilio Álvarez chegan a ser verdadeiros símbolos populares e converten a Cabanillas en herdeiro natural de Curros. Hai tamén poemas costumistas de influencia modernista.
2. Etapa galeguista (ata 1920). O libro representativo é Da Terra Asoballada (1917). Cabanillas convértese no poeta civil de Galicia. A oposición xa non é cacique/labrego, senón Galicia/Castela.
3. Etapa mítica (1921-30). No 1926 escribe tres longos poemas narrativos: A espada EscaliborO  cabaleiro do Sant-Grial e O sono do rei Artur, que compoñen o libro Na Noite estrelecida. Cabanillas emprende unha actualización da materia de Bretaña, galeguizándoa e adaptándoa para conseguir unha mensaxe nacionalista. E unha reconstrución mítica do pasado. 
4. Etapa de posguerra (1950-59 ) Non escribe poesía entre 1930-1950. Os seus últimos libros son Da miña zanfona ( 1954) e Samos (1958), libros cheos de desenganos e morriña. Neste último, evocador e panteísta, Cabanillas recupera a súa maior altura poética.

A vangarda é un conxunto de movementos artísticos europeos (1910-1930), con afán de ruptura con todo o anterior, unha actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura... Non conciben a arte como imitación da realidade, senón como nova interpretación persoal desta. En poesía prescinden dos moldes tradicionais, ordenando os versos a xeito de caligramas, o poema baséase en imaxes vangardistas. 
Os –ismos europeos foron abundantes e pouco duradeiros: 
*Futurismo: iníciase coa publicación en 1909 dun manifesto de Marinetti, no que exalta a violencia e a luxuria, a velocidade e o maquinismo, a técnica e o progreso. Imprimen aos seus escritos dinamismo e rapidez verbal, suprimindo adxectivos e adverbios.
*Cubismo: nace como escola pictórica cara a 1907. Procura a percepción intelectual da realidade descompoñendo os obxectos en liñas e planos xeométricos que no cadro se presentan recompostos libremente. Un proceso semellante prodúcese na literatura, mesturando conceptos ou imaxes, distorsionando a sintaxe e revolucionando a tipografía cos Calligrammes de G.Apollinaire, poemas nos que se crean "imaxes visuais" grazas á disposición dos versos na páxina.
*Dadaísmo: nace en Zurich en 1916 da man de Tristán Tzara como repulsa violenta contra a "racionalidade" que conduciu á devastación e horror da 1ª Guerra Mundial. Rebélase contra a lóxica e a racionalidade, contra as convencións estéticas e sociais para liberar a fantasía mediante unha linguaxe mesmo incoherente. As súas manifestacións públicas son actos provocadores.
*Surrealismo (superrealismo): constitúe a grande revolución estética e ideolóxica do s. XX. Encamíñase a unha transformación liberadora do home (influencia da psicanálise de Freud: primacía do soño, a loucura, o inconsciente, a hipnose) dando vía libre ás manifestacións do subconsciente coa escritura automática, defendendo o acto gratuíto. O seu 1º manifesto é de 1924.
*Creacionismo:o seu abandeirado é Vicente Huidobro, para quen a arte non debe imitar a realidade xa que o poeta é un pequeno Deus que pode "crear un poema como a Natureza crea unha árbore". Deste xeito, o poema é unha realidade autónoma froito da intelixencia (ao contrario do surrealismo), servíndose para isto dos xogos de palabras e mais das imaxes fundamentadas nunha relación arbitraria.

Vangardas

As vangardas na Galiza.
É o grupo "Nós" co seu labor restaurador da nosa cultura e a súa visión universalizadora quen abre as portas á incorporación das vangardas á literatura galega. Especialmente Risco, que será quen informe a Manuel Antonio dos "ismos" europeos e trate de orientalo.
Os vangardistas galegos son mozos nacidos ao redor do ano 1900 que reciben tamén o nome de Xeración do 25, supoñen unha ruptura e actitude crítica coa poesía anterior: coa tradición de sentimentalismo (saudade, bágoas, queixas), folclorismo (romarías, costumes, rural) e paisaxismo do s. XIX, e por 1ª vez hai unha integración na poesía europea. Danse a coñecer en revistas como AlfarRonselCristal...
Por un lado podemos atopar -ismos claramente seguidores das modas europeas e por outro movementos especificamente galegos:
1.SurrealismoÁlvaro CunqueiroPoemas do si e non (1933), é unha interpretación moi persoal, co fluír da asociación de ideas e a influencia dos soños pero cun pouso sentimental, gozoso, sen a carga dramática que soen ter os textos surrealistas. Tamén se pode ver algo de cubismo en Mar ao norde (1932).
2.Creacionismo: O seu único cultivador é Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930). Personalidade rebelde que representa o mellor expoñente vangardista en Galicia. En 1922 publicou o manifesto Máis Alá, novidoso polas alusións políticas e a non adscrición a un –ismo concreto.
A súa obra principal (e única publicada en vida) é De catro a catro. Follas sen data dun diario de abordo (1928). 19 poemas estruturados como viaxe marítima, case sempre de noite, simboliza a súa concepción absolutamente pesimista da vida: monótona, repetitiva, en completa soidade (como perdido no mar), e continua despedida.
Poderiamos falar dunha estrutura superficial: unha viaxe marítima (desde a súa preparación ata a súa finalización, con parada intermedia) monótona, repetitiva e contraditoria: o tempo pasa pero está parado, só existe o presente. E unha estrutura profunda: viaxe interior, iniciática; visión desilusionada, negativa, da vida desde a soidade.
-ismos autóctonos ou vangardismo matizado:
3.Hilozoísmo: Foi o movemento poético de máis éxito na época, con multitude de seguidores. Baixo unha forma tradicional (non é polo tanto unha vangarda plena) -estrofas populares, rima asonante, versos medidos, lingua popular- preséntanos, a base de imaxes vangardistas, unha natureza viva, aberta ao sensorial, ao auditivo, ao visual, fronte ao sentimentalismo e a anécdota. O poema deshumanízase e a paisaxe humanízase. O seu iniciador e representante máis destacado é Luís Amado Carballo (1901-1927), Proel (1927) e O galo (póstumo, 1928). Entre os múltiples seguidores destaca Eduardo Blanco Amor. Segue despois da guerra.
4.Neotrobadorismo: No ano 1928 José Joaquim Nunes publica as cantigas medievais que acadan unha grande difusión e provocan a aparición desta corrente que non é propiamente vangarda, senón unha reformulación de estilos e temas da tradición medieval, engadindo imaxes da poesía moderna. Tamén continúa despois da guerra.
Podemos distinguir dúas tendencias:
- Unha máis innovadora na que destacan Bouza Brey –o seu iniciador- (Nao senlleira, 1933), A. Cunqueiro (Cantiga nova que se chama riveira, 1933, Dona do corpo delgado, 1950).
- Outra máis mimética que rematará con Xosé María Álvarez Blázquez cando no ano 1953 fai pasar o seu Cancioneiro de Monfero por un verdadeiro cancioneiro medieval.


2. Poesía galega entre 1936 e 1975. Produción bélica e autores/as do exilio. A Xeración de 1936, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais.

Como consecuencia da guerra civil desaparece case por completo a produción literaria en galego durante máis dunha década. A actividade cultural continuada só é posible no exilio, onde poetas como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita fan poesía crítica e de compromiso.
-Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979). Veu de neno para Galiza e no 1936, logo de meses na clandestinidade, puido saír do país. Volveu no 1963. Polifacético (máis coñecido como pintor) en Bos Aires tivo unha actividade variada e intensa: funda revistas (Galicia emigrante), fai radio, ilustra libros... Xa en Galiza crea con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia, orixe da cerámica de Sargadelos.
Podemos caracterizar a súa poesía cos seguintes trazos:
* Estilo realista, ás veces case xornalístico.
* Poesía sobria, discursiva, mais chea de forza e de paixón comunicativa.
* Dominio do verso longo, case prosaico, seminarrativo.
* Temática preferentemente social, con predominio do tema da emigración tratada desde a perspectiva dos propios emigrantes.
* Escaseza de poemas persoais, nos que fale o propio eu de Seoane.
Fardel de exiliado (1952) é un dos seus títulos.
Escribiu tamén teatro (escrito en galego aínda que publicado en castelán).
-Lorenzo Varela. (A Habana, 1916–Madrid, 1978). Escribe dous libros de poesía en galego, o máis significativo dos cales é Lonxe (1954). Dúas temáticas dominan o libro: unha mítico-histórica baseada na guerra civil na que canta ós guerrilleiros antifranquistas e outra saudosa, en torno á ausencia da Terra e ao exilio.

Dentro de Galicia comeza unha tímida recuperación a partir de 1947, coa publicación de Cómaros verdes, o primeiro libro destacábel pola súa calidade. No 1949 sae en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro e no ano seguinte, constitúese a Editorial Galaxia, que abre o camiño para novas editoras en galego.
Esta anómala situación provoca que vexan a luz simultaneamente as obras de tres xeracións diferentes:

I. Xeración do 36. Poetas nados entre 1910-20; a guerra cólleos na súa xuventude, mais foron educados no ambiente cultural do nacionalismo de preguerra. Son poetas de culturas e estilos moi diferentes. Forman parte dela, entre outros, A. Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, María Mariño, etc.

II. Promoción de Enlace, nados entre 1920-30. Tampouco son un grupo coherente, cada quen trata de buscar o seu estilo. Formados culturalmente en castelán, escriben primeiro nas dúas linguas. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada e bastante illados da cultura europea. Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás...

III. Poetas das "Festas Minervais", nados entre 1930-40, non coñecen a guerra civil: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xoana Torres, ou Méndez Ferrín... Neles xa existe unha conciencia de grupo, implicándose en feitos colectivos como a restauración das Festas Minervais universitarias ou a creación do grupo Brais Pinto e colaborando no diario La Noche ou na colección Illa Nova de Galaxia. Mantéñense en contacto e comparten afinidades ideolóxicas contribuíndo a crearen as organizacións nacionalistas de esquerdas.

 Nun primeiro momento continúan tendencias poéticas de preguerra tematicamente non comprometidas: hilozoísmo, neotrobadorismo, paisaxismo ruralista... Pouco a pouco irán aparecendo formas novas nesta posguerra (aínda que xa tratadas antes na nosa literatura): intimismo -seguindo a liña iniciada por Rosalía-, clasicismo... A forma poética máis característica será a Escola da tebra ou "poesía do neboeiro: poesía intimista de enfoque pesimista da vida, que mestura contidos existencialistas e fórmulas surrealistas 
A finais dos 50 xorde o realismo coloquial, que foxe da linguaxe poética tradicional e explora as posibilidades da linguaxe da rúa abrindo o camiño á poesía socialrealista. Esta será a liña temática absolutamente dominante ata mediados os anos 70, cando comeza a se producir a súa decadencia pola abundancia e mais polo descenso de calidade poética caendo no prosaísmo e no empobrecemento da linguaxe.

Entre os autores pertencentes a cada unha das tres xeracións centrarémonos nos seguintes:

1. Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979). Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:
* Ten poesía intimista, influenciada polo existencialismo: mostra un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo que o leva a sentir nostalxia da infancia perdida en Celanova, interrógase sobre o sentido da vida, reflexiona sobre o irremediábel fuxir do tempo... Escribiu tamén poemas amorosos, para a súa muller, Moraima, cheos de ledicia e optimismo. A obra máis representativa é O soño sulagado (1955) e a esta temática volve na súa última obra Onde o mundo se chama Celanova (1975), engadindo a aceptación do paso do tempo, o presentimento da morte... 
* Ten poesía satírica, fortemente corrosiva e crítica, que lembra as cantigas de escarnio medievais, ou o Quevedo máis mordaz.
* A súa poesía socialrealista, cunha linguaxe moi asequible e coloquial, quere chegar a todo o mundo, non só a unha minoría. Trata temas como a guerra civil e as súas consecuencias, denuncia a explotación dos traballadores, o imperialismo, a ameaza nuclear ou o racismo. No referente á emigración, nun primeiro momento defendeu a necesidade de emigrar, de marchar dunha Galicia e dunha Europa destruídas polas guerras, e vía América do Sur como unha terra de salvación; máis tarde, cando viviu a realidade da emigración en Venezuela, cambiou de pensamento, e defendeu que é dentro da propia nación onde se debe loitar por sobrevivir. A obra máis representativa é Longa noite de pedra (1962), un éxito de vendas, unha das obras da nosa literatura máis veces reeditada. O seu título converteuse nunha metáfora da ditadura franquista e el no poeta máis coñecido dentro e fóra da Galiza, dun modo paralelo ao protagonismo que tiñan Blas de Otero, Salvador Espriu ou Gabriel Aresti, autores de poesía social nas outras linguas do Estado.

2. Manuel Cuña Novás (Pontevedra, 1926-1992) é representante da Escola da Tebra, a súa obra Fabulario Novo (1952) reflicte un sentimento de angustia e desesperación ante a vida, utilizando imaxes nas que predomina a sensación de sombras, de escuridade.

3. Uxío Novoneyra (O Courel, 1930- Compostela, 1999). Autor de poucos libros, excelente recitador, a súa poesía é fundamentalmente paisaxística pero profundamente persoal: contemplada desde unha perspectiva case mística, de fusión coa natureza; describe a natureza espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Tamén aparece ás veces a preocupación social e política.

4. Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938). Os seus inicios como poeta están unidos á Escola da Tebra (Voce na néboa, 1957), escribiu poesía social baixo o heterónimo de Heriberto Bens (sempre formalmente máis coidada que o socialrealismo do momento) pero o seu libro máis importante é Con pólvora e magnolias (1976), que supón un camiño novo na literatura galega, aportando novos temas, nova linguaxe poética... Neste libro combínase a poesía revolucionaria –a pólvora- co lirismo intimista (a lembranza do pasado, o paso do tempo, o amor, a morte) e o luxo estético –as magnolias-. Usa o versolibrismo e multitude de referencias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o movemento beat... O ton é nostálxico: mostra con compracencia estética a imposíbel recuperación do tempo ido e o triunfo da decadencia. 1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e Con pólvora e magnolias -xunto con Mesteres, de Arcadio López Casanova- foi quen marcou ese cambio. Tiña que vir dado por un home metido de cheo na política e na protesta social como Xosé Luís Méndez Ferrín.

5.- Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-2004). Segundo a Galipedia, entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía. O poeta da Terra Chá é autor dunha abundante obra poética e dedícaselle o Día das Letras Galegas de 2016.


3. Poesía galega de 1975 ata a actualidade. Temas, xéneros e subxéneros, e estéticas dos/das principais autores/as dos 80, os 90 e o novo século.

1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e comeza para Galicia –e para España- a etapa democrática máis extensa de toda a súa historia. A presenza da lingua e a literatura galegas no ensino e a oficialidade do noso idioma supoñen un impulso sen precedentes para a promoción da literatura en galego: multiplícanse as empresas editoriais, os premios e revistas literarios.
No campo da poesía, Con pólvora e magnolias (xunto con Mesteres -1976- de Arcadio López Casanova) foi quen marcou ese cambio. Tiña que vir dado por un home metido de cheo na política e na protesta social como Xosé Luís Méndez Ferrín. O libro rompe co socialrealismo e abre temas novos e variados: intimismo existencial, metafísica, mitoloxía cultural, político social, redescobre a linguaxe, e aparece un novo estilo máis culturalista.
Nos anos oitenta as principais características definitorias da poesía galega son:
- Ruptura co social-realismo. Prodúcese un distanciamento entre o poeta e a sociedade.
- Busca de novos suxeitos líricos (=negación da perspectiva autobiográfica)
- Experimentación e interdisciplinariedade (coa música, a plástica...)
- Culturalismo e intertextualidade (emprego de referencias culturais variadas: literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais...)
- Integración de elementos da cultura urbana e marxinal: drogas, depresións, etc.
- Incorporación do erotismo explícito.
- Recreación mítica.
- Preocupación formalista, barroquismo. A poesía é a arte da linguaxe.

Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores máis importantes do momento (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) nin unha clasificación dos mesmos, faremos unha selección utilizando un criterio moi subxectivo de gustos persoais e buscando non recargar a exposición de nomes e títulos.

A cabalo aínda entre o social-realismo e as novas tendencias está Darío Xohán Cabana (1952), moitas das súas poesías serán cantadas por grupos como Fuxan os Ventos; gran dominador do verso e a linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca, ademais de nome recoñecido na narrativa actual.
Os primeiros tanteos renovadores (1976-78) virán da man de varios colectivos poéticos de curta duración: Rompente (entre os seus membros Antón Reixa e Manuel Romón), Alén e Cravo Fondo (Rodríguez Barrio, Ramiro Fonte). A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas pero non compartidas por todos, non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Entre eles están:
Manuel Vilanova (1944), mítico e simbolista, escribe E direivos eu do mester de cobras (1980), etc.
Xosé Mª Álvarez Cáccamo (1950)aberto á realidade a través de vivencias familiares, escribe Praia das furnas (1983), etc.....
Miguel Anxo Fernán-Vello (1958): o amor, corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.

- Lois Pereiro (1958), Poesía última de amor e enfermidade (1995). Desde que foi o autor do Día das Letras Galegas 2011 converteuse nun dos poetas de culto para as novas xeracións pola orixinalidade, modernidade e autenticidade da súa poesía.

A partir dos anos noventa é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a tónica dominante. Desde o punto de vista formal, achamos desde propostas clásicas (os sonetos de Miro Villar) ata o versolibrismo. Ao lado da expresión contida, o minimalismo e a depuración máxima atopamos poetas torrenciais, case narrativos. Ao lado da expresión directa e sinxela, a presenza do símbolo e o hermetismo. Desde o punto de vista temático, uns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora (no sexual, no ideolóxico, no literario...), mentres outros teñen enfoques máis tradicionais (amor, desamor, soidade, morte...)
Algunhas máis ou menos compartidas poderían ser:
- Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
- Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o ouvinte, máis que entre o poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
- Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: Insubmisión, ecoloxismo, feminismo..
- Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet, tanto en versión texto como en audio e vídeo.

Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (deconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): Luísa Villalta, Chus Pato, Iolanda Castaño, Lupe Gómez, Pilar Pallarés, Yolanda Castaño, Lucía Aldao, María Lado... 

Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos autores: Claudio Rodríguez Fer, Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar, etc., etc.


B3.2. Estudo do fondo ou contido dos principais textos poéticos do período, determinando temas e motivos.

B3.3. Estudo da forma ou expresión dos principais textos poéticos do período, determinando o nivel actancial (actores e personaxes), a enunciación (voz, perspectiva e suxeito lírico), a estrutura e a figuración (tropos, figuras de dicción e figuras de pensamento).


4. Escolma de textos para a preparación dos apartados B3.2 e B3.3

TODA HUMILDE BELLEZA...

Vago xirón de brétema, atavío
soberbio da irta xesta, reidora,
fulgurante doíña de rocío
(pazo do sol e lágrima da aurora);

raiola de lunar que bica o río,
flor mareliña que entre espiñas chora,
ou das redes da araña un tenue fío,
toda humilde belleza me namora.

É un vermiño de luz o amigo caro
do meu nume saudoso... Antes reparo
na nudez adorable dunha estrela

que nas rosas dos vales, que sorríen,
que nos mantos dos pinos, que se engríen,
que nas blondas do mar, que se rebela

Noriega Varela, Do ermo, 1920.

TEXTO COMENTADOIR


   ¡Nin rosas brancas, nin claveles roxos!
eu venero as froriñas dos toxos.

   Dos toxales, as tenues floriñas,
que sorríen, a medo, entre espiñas.

   Entre espiñas que o ceio agasalla
con diamantes as noites que orballa.

   ¡Oh do ermo preciado tesouro:
as froriñas dos toxos son de ouro!

   De ouro vello son, mai, as froriñas
dos bravos toxales, ¡das devociós miñas!.

Noriega Varela, Do ermo, 1920


A ROSA QUE SANGRA

A alma é unha roseira
florecida, coallada
de rosiñas vermellas
e de rosiñas brancas.

Alegrías e penas
son o vento que pasa;
ás veces como un bico,
ás veces treboada.

Unha bágoa que xurde,
unha risa que estala...
¡son rosiñas que caen
da roseira da alma!

Miña nai que me arrola,
un amor que me chama,
a estreliña da groria
no sendeiro da espranza...

Cando a vida comenza
¡cantas rosiñas brancas!

Un filliño que morre,
un amor que se apaga,
a ilusión que se afoga
no remuíño das ágoas...

¡Cantas rosas vermellas
ó mediar a xornada!

Xa son vello, e o vento,
vento de treboada,
desfolloume a roseira,
a roseira da alma.

Pero desta dor da Terra
ferida e escravizada...
¡que rosiña vermella!
¡como doe!, ¡como sangra!

Ramón Cabanillas, Da terra asoballada, 1917


ACCIÓN GALLEGA. Himno

¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ao Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrillar!

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar.

   Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
Que corra o sangue a regos
dende a montaña ao mar.

¡Ergámonos sen medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo señorial!

Xa o fato de caciques,
ladróns e herexes fuxe
ao redentor empuxe
da alma rexional.

   Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
Que corra o sangue a regos
dende a montaña ao val.

Ramón Cabanillas, Vento mareiro, 1915


¡EN PÉ!

   ¡Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida,
envoltos na brancura
da luz que cae de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
¡cantémo-lo dereito
á libre nova vida!

   Validos de traidores
a noite de Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo
xa afrouxan as cadeas...
¡Irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
cantémo-lo dereito
á libertá da Terra!

   ¡Irmáns no amor a Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡En pé dispostos
a non morrer sen loita!
¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
á libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“A nosa terra é nosa”.

Ramón Cabanillas, Da terra asoballada, 1917

TEXTO COMENTADOIR


SÓS

    FOMOS ficando sós
o Mar o barco e máis nós.

    Roubáronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

    Roubáronnos o vento.
Aquel veleiro que se evadeu
pola corda floxa do horizonte

      Este oucéano desatracou das costas
e os ventos da Roseta
ourentaron-se ao esquenzo
As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxe
Pero tamén sabemos a maniobra
dos navíos que fondean
a sotavento dunha singladura

    No cuadrante estantío das estrelas
ficou parada esta hora:
O cadavre do Mar
fixo do barco un cadaleito

    Fume de pipa           Saudade
Noite     Silenzo       Frio
E ficamos nós sós
Sin o Mar e sin o barco
nós.

Manuel Antonio, De catro a catro, 1928

TEXTO COMENTADOIR


NAVY BAR

   Este bar ten balances
E tamén está listo
pra se facer á vela

   Enchéronnos o vaso
con  toda a auga do Mar
pra compor un cocktail de horizontes

   Pendurados das horas
atlas xeográficos d´esperantos                                 
están sin tradución
E tatexan as pipas
co ademán políglota das bandeiras

   Ese cantar improvisado
é o mesmo
que xa se improvisou nalgures

   ¿Quen chegou avisándonos
desa cita noiturna que temos
co vento ao NE
na encrucillada das estrelas apagadas?

   Eiquí bebe de incónito
o Mariñeiro Descoñecido
-sin xeografía nin literatura-
A noite dos naufraxos
co seu brazo salvavidas
aferrará connosco unha vela de chuvascos

   O vaso derradeiro
Estaba cheo de despedidas

   Polas rúas dispersas
ibámonos fechando
cada un dentro da súa alta mar

   No repouso dulgún vaso
tódalas noites naufraga o Bar

Manuel Antonio, De catro a catro, 1928

TEXTO COMENTADOIR


Midi le juste y compose de feux.
La mer, la mer toujours recommencée!

Paul Valery, Cemitière marin

SOL-POR

Acorado e roibo   
durmíase o día  
coa testa deitada  
no colo da ría. 

  As campás beatas
no ceo bulían 
rezando rosarios 
á Virxen María.

  Bogando nas nubens 
cara o ceo ían 
envoltas nos ouros 
do sol que morría. 

  Polo mar, as velas 
eran folerpiñas, 
que da lúa aberta 
nas ágoas caíran. 

  Da beira do río 
chegaban cantigas 
choutando nas leiras 
molladas de risas. 

  Preto do hourizonte 
estrelas obrizas 
frotaban os ollos 
tirando a preguiza. 

E bicando os lonxes 
as foulas ispidas
ó alén nevaban 
de limpas surrisas. 

  Un outo aturuxo 
voando fuxía. 
E os bosques lonxanos 
noite revertían.

 Amado Carballo, Proel, 1927

TEXTO COMENTADOIR


PONTEVEDRA  (Século XIX)

               Pontevedra é boa vila
          dá de beber á quen pasa
          a fonte na Ferrería
          San Bartolomeu na praza.


   No dondo colo do vento
quedous'a choiva durmida.
Lonxe as casas da cibdade
baixan á beber na ría.
Dos beizos escoa a copra
Pontevedra é boa vila.


   Cand'o sol cae nas pedras
pescudando un grolo d'agoa
a sombrilla abren os árbores
par'o paxaro ximnasta.
Fervendo luz de lua fresca
dá de beber á quen pasa.


   Choutando pol-os clocheles,
entrou o Corpus na vila.
Chora esquencida na rua
a gaita recen nacida.
O ceo vai com'un foguete
a fonte na Ferrería.


   Trema no berce da tarde
a vella voz das guitarras
Ô pé da rexa amorosa
veu morrer o toque d'Animas
que bota a pastar nas nubens
San Bartolomeu na praza.

Amado Carballo, O Galo


¡GOAL!
Polo field do ceo mareiro
vai esbaratando o sol,
e horizonte, mal porteiro,
non pode parar o goal

DOMINGO
Con mantelo de silveiras
e parolando coa brisa,
todas as mañás domingueiras
sube a corredoira á misa.

E. Blanco Amor, Romances Galegos, 1928


RIANDIÑO, IOGRAR

Amigas, quando vier
meu amigo demandar
por mi, que vaia veer
se estarey ante o altar
de Santa Comba, ú m´el viu
o día que se partiu.

Quando quiser meu amigo
amigas, fillar perfía
por trebellar ora migo,
nembrádelli a romaría
de Santa Comba, ú [m´el viu]
o día que se partiu.

Amigas, digades quando
ora vos él perguntar,
veja se estarey chorando
dos olhos ante o al[tar]
de Santa Comba, ú [m´el viu]
o día que se partiu.

Xosé Mª. Álvarez Blázquez, Cancioneiro de Monfero, 1953


No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quen puidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quen puidera namorala,
meu amigo!

Ten áers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quen puidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
Quen puidera namorala,
meu amigo!

Álvaro Cunqueiro, Cantiga nova que se chama riveira, 1933


  ELA I EL. POEMA 1

A casa tiña a faciana desdobrada polos seus  mesmos teitos
e ninguén dos dous sabía como comezar a romper o
                                                                                 encaixe
das fendas das paredes.

Ela andaba núa polos aramios das lámparas.
El tiña un cóbado descolgado do seu lado ezquerdo
e un feixe de habitacións estreitas rubíalle até os ollos.

Tampouco ningún sabía como adormecer as exactitudes
da luz
i era o día cabal da invención dun pequeno amor
nunha escaleira de caracol.

Álvaro Cunqueiro, Poemas do Si e do Non, 1933


XANEIRO 1972, II

O pan é máis útil que a poesía, pro ¿como comer o pan sen o compango da poesía?. A.S.

Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non dicir Moraima.

Celso Emilio Ferreiro

TEXTO COMENTADOIR


O MEDO
Cando o corvo da noite se pousaba
nas derradeitas luces do solpor,
os meus ollos de neno
enchíanse de bágoas e de lóstregos.

O vento que fungaba nas vereas
era un home langrán envolto en brétema
cun fol ó lombo pra levar meniños.

Os albres semellaban
pantasmas de cabalos desbocados
agallopando os eidos.

Un medo que me viña das
raíces do mundo
tremíame no sangue.

Pasaba o xornaleiro asubiando
con dous luceiros prendidos na eixada,
i eu tiña medo.

Pasaba o cazador
con bafexantes cans
arrecendendo a toxos e carqueixas
i eu tiña medo.

Pasaban de ruada os fortes mozos
que voltaran da guerra tan contentes,
i eu tiña medo.

Ao pasar ó meu lado e verme os ollos,
alporizados, pasmos, decíanme:
“Non teñas medo”,
i eu tiña medo

Soio cando chegaba ós meus ouvidos
a doce voz de mel da miña vella,
xa non tiña medo.

Agora non comprendo
como aquil ser cativo,
aquela vella nena tan endébel,
(nos eus ollos azures
había luces de amenceres novos)
podía escorrentar tan grande medo.

Celso Emilio Ferreiro, O soño sulagado, 1955

TEXTO COMENTADOIR


MENSAXE DESDE O SILENCIO

Ti ben sabes, amigo, o gran segredo
dise tempo que pasa e que nos moe
cun rodicio de sombras,
sin mañá e sin onte.

Nas nosas maus de lama nada queda,
todo se nos desfai, todo nos foxe
coma o vento que brúa,
como a iauga que corre.

Non somos máis que cousas
con diferentes nomes:
camiño, verme, folla,
estrela, arbre, home.

Cousas
que o tempo ha de pór podres.
E namentras tanto
de ningures pra lonxe,
igoal que toupas imos cegamente
furando o longo túnel dunha noite
que endexamais ten fin; sempre furando
sin máis norte que a morte.

Preguntas e preguntas e preguntas,
decote a preguntar. Ninguén responde.

Celso Emilio Ferreiro, O soño sulagado, 1955


POEMA NUCLEAR
  
¡Que ben, que  a bomba vén co seu rebombio!
A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo.
A bomba con aramios, con formigas,
con fornos para asar meniños loiros.
A bomba ten lombrices, bombardinos,
vermes de luz, bombillas fluorescentes,
peixes de chumbo, vómitos, anémonas,
estrelas de plutonio plutocrático,
esterco de cobalto hidroxenado,
martelos, ferraduras, matarratos.

A bomba, bong. A bomba, bon amigo.
Con átomos que estoupan en cadeia
e creban as cadeias que nos atan:

Os outos edificios.
Os outos funcionarios.
Os outos fiñanceiros.
Os outos ideais.
¡Todo será borralla radioaitiva!

As estúpidas nais que pairen fillos
polvo serán, mais polvo namorado..

Os estúpidos pais, as prostitutas,
as grandes damas da beneficencia,
magnates e mangantes, grandes cruces,
altezas, excelencias, eminencias,
cabaleiros cubertos, descubertos,
nada serán meu ben, si a bomba vén,
nada o amor, e nada a morte morta
con bendiciós e plenas indulxencias.

¡Que ben, que a bomba vén! Nun instantiño
a amable primavera faise cinza
de vagos isotopos placentarios,
de letales surrisas derretidas
baixo un arco de átomos triunfaes.

A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo
de setas e volutas abombadas,
axiña vén, vela aí vén, bon amigo.

Estanos ben! ¡Está ben! ¡Está bon!

¡¡¡booong!!!                     

Celso Emilio Ferreiro, O soño sulagado, 1955


MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR

Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.

Mentras o tomo, espero.

Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra,1962


ENTERRO DO NENO POBRE

Punteiros de gaita
acompañábano.
O pai, de negro;
no mar, unha vela
branca.
Os amiguiños levábano.
Non pesaba nada.

Abaixo o mar;
o camiño no aire
da mañá.
Il iba de camisa
limpa
e zoquiñas brancas.

Os amiguiños levábano.
Non pesaba nada.

Luís Pimentel, Sombra do aire na herba, 1959


PENÉLOPE

UN PASO adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois  e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol como unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!.

Xosé María Díaz Castro, Nimbos, 1961

TEXTO COMENTADOIR


BIOGRAFÍA

Hai un seixo branco
que marca o momento do teu nacemento
semellante a unha estrela
que alumease ao lonxe.

Hai unha pedriña
no noso calendario
que marca o mes i o ano
das túas mágoas.

Hai somentes unha cruz
no día quince do mes de Santiago
do mil oitocentos oitenta e cinco.

Ficamos axionllados.

Luz Pozo Garza, Concerto de outono, 1981. (verbas a Rosalía)


COUSOS DO LOBO

COUSOS do lobo!
Cavorcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d´ir!

O lobo! Os ollos o lombo do lobo!

Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca de vagoada máis sola e máis medosa...

Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula
ca noite na boca...

Uxío Novoneira, Os eidos, 1955


LETANÍA DE GALICIA

De tanto calar xa falo eu só

GALICIA digo eu    un di      GALICIA
GALICIA decimos todos       GALICIA
hast´os que calan din             GALICIA
e saben                                   sabemos

GALICIA da door    chora             á forza
GALICIA da tristura    triste          á forza
GALICIA do silencio    calada       á forza
GALICIA da fame    emigrante      á forza
GALICIA vendada    cega               á forza
GALICIA tapeada    xorda              á forza
GALICIA atrelada    queda             á forza

libre pra servir        libre pra servir
libre pra non ser     libre pra non ser
libre pra morrer      libre pra morrer
libre pra fuxir         libre pra fuxir

GALICIA labrega           GALICIA nosa
GALICIA mariñeira       GALICIA nosa
GALICIA obreira           GALICIA nosa

GALICIA irmandiña       GALICIA viva inda

recóllote da TERRA              estás mui fonda
recóllote do PUEBLO           estás nil toda
recóllote da HISTORIA        estás borrosa

recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote prós novos que vein con forza
prós que inda non marcou a malla d´argola
prós que saben que ti podes ser outra cousa
prós  que saben que o home pode ser outra cousa

         sabemos que ti podes ser outra cousa
         sabemos que o home pode ser outra cousa

/a parte en cursiva diraa o coro/

Uxío Novoneira, 1968

TEXTO COMENTADOIR


Veleiquí a man alongada na
direución do tempo e os ollos reptando como
un río que escorre en folgados
anuncios da final derrota no
mar e veleiquí a man concentrada de
sempre, cerciorando a condición imposible
de cada cousa e veleiquí os ollos que
capaces serían de pór ponto final á
direución do tempo e declaro formalmente que
cada intento de achega-la man -veleiquí
a man alongada cara ti e vós- afoga nas
toldadas augas dos vencidos meus
ollos, á espera dunha poboación máis fera
e leda e veleiquí o remate do
vivir, tantos e tantos anos retrasado.

Xosé Luís Méndez Ferrín, Con pólvora e magnolias, 1976


Saudemos a morte;
na palma da man non sosteñamos ónices.

Chamémoslle:
libro de silencio,
pórtico terminal da escravitude,
escritura feliz da opacidade,
luz que desata e nome da ledicia.

Saudemos á morte;
non deamos pousada a Bach ou Joplin.

Contemplemos
o seu fremoso rostro á nosa beira.

Xosé Luís Méndez Ferrín, Con pólvora e magnolias, 1976



Confucio atravesouse antre os dentes de Mao
e dixo con Heráclito, meu señor: “asín pasan
tódalas cousas”. Locen os alciprestes naquel
serán das mil frores compostelanas de nadal.
Súpeto, o vento virou, e trouxo ise ondear de nubes cegas
encol da Serra de Outes, por acaso.
Quero pór á final da miña historia
-con paquebotes, luces fuxidías-
un longo Confucio contemplando o devalar do Novo
Neira polos Caneiros de noutrora.

O conxunto dos lúcidos meus mestres
me xulgue, unha vez que os febrentos despoxos
señan entregues á terrra. Señan eles xenerosos:
seipan que eu tiña horror do tránsito do tempo,
que amor era espanto do tempo non detido
e que lle fun fiel aos decorridos
da iauga cnfuciana, irrepetible,
coma o can de palleiro é fiel ao amo.              

Xosé Luís Méndez Ferrín, Con pólvora e magnolias, 1976



sermos ferrocarril é cousa fácil a carón do cabezal
todos os días o sudario e nicho do violín stradivarius
after pinga pinga
todos os días o estúpido día mundial del subnormal
ayúdanos y te ayudarás
se lle tiramos unha foto a un cadavre e sae movida
quén ten a culpa
o fotógrafo ou o cadavre
se observamos unha mancha de gas oil no mar e pronunciamos
negra sombra que me asombra
quén pulsa o botón ring ring do incesto
revival
gabardina do lóstrego

Antón Reixa, As ladillas do travesti, Rompente, 1979


Hai nas cidades
unha tristeza de domingo,
unha luz de aceiro
caendo polas rúas,
unha espera nas esquinas
e na cola dos cines,
unha preguiza da mañá
que perdura nas pálpebras
do día, esas parellas de apertas
comedidas e de boca triste,
toda esa xente de domingo
con cara posta
e traxe de domingo,
e eu entre tantos,
estreando hoxe a fea
tristeza dos domingos.

Pilar Cibreiro


A PRINCESA NA TORRE

I

Sempre hai unha princesa,
un dragón e unha torre,
e un cabaleiro que a vén rescatar.
Sempre
o conto é o mesmo.
Pero xamais nos explican a que tanta insistencia,
o nome do dragón, o lugar da torre.
Nunca nos descobren
que o cabaleiro non vén,
que non existe,
que só é unha mentira profiláctica
para que o dragón non nos devore
e a torre non se revele como o camiño do inferno.


II

A torre é o camiño do inferno,
sen guía,
sen man, nin cabaleiro que acompañe
á mediocre princesa
que arde nas lapas do dragón.
O lume é o destino,
a aniquilación e o silenzo da cinza,
meigas ou princesas,
o camiño é o mesmo.

Marta Dacosta


CORAZÓN

É tan lixeiro o espello que a súa decisión é voar
quere pensar un ceo:
alto altísimo celeste grande grandísimo
en contacto
unha grandeza
(é agora cando se nos revela un ínfimo cristal)
Nada disto pode escribirse:
o xesto que traza a liberdade e a liberdade dos límites
O espello bate
prega sobre si a musculatura
torce en hélice e finalmente volvese encartar
A grandeza
que non garda relación coa medida
pensase no corazón
“tes que termar das augas
a súa decisión é voar”
Nada se semella ao mundo
que é separado e desigual e outro
mundo único que é
Nunca remata nunca o inferno
e nunca é verdade
Como a sombra do ceo nas augas
e do bosque no ceo das augas
rítmico
como un día de néboa
É enxoito permanecer aquí
(un deserto abrasa calquera crenza e tamén a fortaleza abrasa )
é ceibe agudo estreito

Chus Pato


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.