ogalego.eu
Miguel de Lira
qr

Foto: Miguel de Lira no papel de Cibrán na película A esmorga, de Ignacio Villar

Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel (catedráticos xubilados de galego) -ogalego.eu // ogalego.gal-

LITERATURA GALEGA DO SÉCULO XX E DA ACTUALIDADE. 2º BACHARELATO


A ESMORGA

Escrita realmente entre os meses de maio e outubro de 1955, A esmorga quíxoa publicar ao ano seguinte Editorial Galaxia, logo do xuízo eloxioso de Ramón Piñeiro, o seu director literario, probablemente o primeiro lector da novela na nosa terra. Non obstante, a censura opúxose frontalmente a que o libro saíse en Galicia. O falanxista Miguel Piernavieja del Pozo, censor que avaliou a mediados de 1956 a obra, ditaminou que se empregaba nela un “lenguaje soez”, polo que A esmorga tivo finalmente que ser publicada en Buenos Aires no ano 1959 (Editorial Citania).
Para aparecer en Galicia houbo que esperar ao ano 1970, na nosa editorial. Hoxe, completamente ‘limpa’ gozamos da versión definitiva desta novela que estaba chamada a cambiar a historia da narrativa na nosa lingua.
Publicada no 1959  ( na 1ª escribe. Finaliza : BB.AA. maio-xuño, 1956) en Buenos Aires, despois de que Galaxia o intentase aquí e fose rexeitada pola censura; aquí en Galaxia no ano 1970. Lémbrese que aparece criticada a Garda Civil (na 1ª ed. chámanlle asasinos), a xustiza en entredito, hai escenas fortes... tamén foi levada ao cine en 1977 por Gonzalo Suárez, con Antonio Ferrandis (Milhomes), José Sacristán (Cibrán) e José Luis Gómez (O Bocas), mais ambientada nas minas asturianas e coa choiva substituída pola néboa, etc..  En 1976 Sarabela levouna ao teatro : Serxio Pazos (Milhomes), Fernando Dacosta (Cibrán), Suso Díaz (Bocas). Finalmente houbo versión galega no cine de A esmorga
Ata doce anos despois de publicada non cobrou o autor unha peseta (só 5.800 pts.). Se comparamos a edición do 94-95 coas anteriores veremos que aquí si parece “os culatazos da Garda Civil” suprimida pola censura, como a palabra asasinos. En 2010 Galaxia publicou a versión definitiva da obra.

I.- ESTRUTURA.

O tema é clásico na literatura do século XX : un proceso xudicial, O proceso de Kafka, O estranxeiro de Camus, A familia de Pascual Duarte, de Cela
Podemos definila como unha obra cunha estrutura enmarcada: Comeza cunha DOCUMENTACION en boca dun narrador-autor e finaliza coa intervención do mesmo. No medio, o groso da obra está en boca de outro narrador-protagonista.
Mesmo na disposición tipográfica se diferencian claramente as dúas partes: A DOCUMENTACION aparece escrita en letra cursiva, mentres que a crónica dos feitos utiliza a letra estándar. A segunda intervención do narrador-autor implícito vén separada da perspectiva de Cibrán por 2 liñas de puntos. A non utilización aquí da cursiva débese, sen dúbida, a que no primeiro caso non só se diferenciaban perspectivas, senón tamén a crónica dos feitos da documentación dos mesmos; mentres que aquí forma parte da crónica, funcionando a modo de epílogo cando se fai necesario que un narrador distinto describa a morte do protagonista.
Contrasta a escasa fiabilidade que o narrador lle atribúe ás fontes da Documentación (tío e o outro), coas palabras textuais do final.

Se nos fixamos ben nas contradicións de Cibrán ao falar da súa navalla e da navalla do Milhomes podemos dubidar das sáus palabras, tal e como foi descuberto polo profesor de Birmingham David Mackenzie nun congreso sobre literatura galega en Oxford (1994).

II.- VOCES NARRATIVAS:

1. NARRADOR-AUTOR.  (narra a 1ª e 3ª partes)
Un narrador-autor heterodiexético que relata en 1ª persoa e que por momentos pode ser confundido co autor real. Pero nunca debemos esquecer que iso non é máis que un recurso literario para dar maior verosimilitude á novela, que comeza antes da palabra DOCUMENTACION e non coa declaración de Cibrán (é algo similar ao utilizado por Cervantes cando declara que atopou o manuscrito arábigo das aventuras do Quixote, no cap. IX ; recuros tamén utilizado en Os Camiños da Vida co personaxe de Adrián Soutelo).
Para conseguir esa verosimilitude xoga coa ilusión de que é o propio autor en carne e oso quen fala en 1ª persoa, dando detalles coincidentes coa súa personalidade (a cronoloxía, o feito de ser escritor ...), mais asemade vemos outros irreais (fala da intención de seus pais de o facer ebanista...). E por outra parte temos as propias declaracións de Blanco Amor que nunha entrevista con Casares (esta si real) explica como concebiu A esmorga: ¡Foi unha cousa tan misteriosa! Non o sei. Quizais dun lonxano recordo. Sendo eu rapaz de 5 anos, estaba coa miña nai presenzando o 'Encuentro' da procesión de Venres Santo, nun balcón da Praza Maior de Ourense. (...) De repente fíxose un claro de riña debaixo de nós. A miña nai colleume de seguida e xa non vin máis. Ao 'Bocas' abríranlle o bandullo e foise correndo, emparando as tripas que lle saían, ata o hospital da praza das Mercedes. Daquela navallada saíu A esmorga".
O narrador-autor fainos ver que a historia pertence xa á comunidade da que el forma parte, el coñeceuna por fontes orais (a xente, su tío, o Tijeradeoro) e escritas (papeis do proceso e vellos boletíns do Casino).
Non esquezamos que o narrador-autor volverá tomar a palabra no final.

2. NARRADOR-PROTAGONISTA.
Para narrar a "crónica" escolle a perspectiva dun narrador-protagonista (autodiexético) que conta en 1ª persoa os feitos que el viveu desde unha perspectiva interesada; até o punto de que parece adoptar a posición de testemuña, máis que de protagonista: foron os outros -xeralmente- os que fixeron, el non facía máis que acompañalos, para o seu mal.

3. OUTROS PERSONAXES.
Con certa frecuencia reproduce textualmente as palabras dos demais personaxes, utilizando as fórmulas clásicas que empregaría un narrador situado fóra da historia para cederlles a palabra aos protagonistas: "dixen-lle, dixolle, contestou...". Por exemplo, ao final a Socorrito.
O xuíz : só os puntos, polo que o lector debe reconstruír o seu texto.

4.- RECURSOS NARRATIVOS: A TÉCNICA TELEFÓNICA, FUNCIÓN ANTIDIGLÓSICA E ECONOMÍA NARRATIVA
A particular crónica dos feitos narrada por Cibrán preséntasenos como a declaración deste ante o xuíz, utilizando unha técnica narrativa que se deu en chamar técnica telefónica porque o que fala o xuíz -que o fai en castelán- non se reproduce nunca, debemos deducilo das intervencións de Cibrán, labor por outro lado nada difícil.
Esta técnica relacionouse coa novela de Camus La chute (1956), mais Blanco Amor negou ter lido o autor francés antes da redacción de A esmorga. (o único no que se parecen é en que un señor coñece a alguén nun bar de París e comeza a lle contar a súa vida e logo unha relación, pero sempre fala o primeiro, non escoitamos a voz do segundo).
Con este recurso Blanco Amor evita 2 cousas:
-Ter que recorrer ao bilingüísmo se reproduce as palabras do xuíz, xa que como antes sinalábamos este fala en castelán (o propio Cibrán fai referencia várias veces a que o xuíz non é galega, a que le en castelán).
Inicio do cap. I: Non, señor non; só era pra írmonos entendendo, pois xa me vou deprocatando que vostede non é deiquí... (19); que pra non sere vostede deiquí...
-Exporse á acusación de inverosimilitude caso de facer falar ao xuíz en galega (solución esta que seria a normal nunha literatura normalizada pero que por unha serie de prexuízos moi arraigados non se permite nas literatura marxinais).
Por outro lado hai que ter en conta que este recurso de que non aparezan as palabras do xuíz non debe xustificarse só como a fuxida do bilingüísmo (nunha novela realista como esta o xuíz non poderia deixar de falar en castelán), porque tan importante é remarcar a xordeira, a inmutabilidade da xustiza, o seu papel represor; entender que a sorte de Cibrán está botada de antemán. A declaración de Cibrán é un monólogo incomprensíbel para aqueles que teoricamente o están escoitando. A xustiza non é interlocutor de Cibrán, por iso non fala, non está para escoitar, está para condenar. A constante petición do xuíz de que se ateña aos feitos é unha proba palpábel do seu desinterese polo relato de Cibrán: este esforzase en mostrar as causas desencadeantes da traxedia que poderían converterse en atenuantes na decisión do xuíz, pero a este non lle interesan.
-Por último debemos sinalar a economía narrativa que esta técnica implica: fora de Cibrán -protagonista ou testemuña- ninguén sabe nada do que aconteceu, polo tanto ninguén pode engadir nada esencial para o coñecemento dos feitos e por iso o autor non deixa ouvir as súas voces na novela, sobretodo se temos en conta que Cibrán xa comeza a súa declaración contradicindo as versións recollidas dos demais: (a única excepción é o Pega, testemuña do pazo).
-Non señor, non lle foi eisí coma está nise papel que leron, que os papéis teñen conta do que lle poñen enriba (...) Nin do es­comenzo das cousas, nin do que veu dimpóis nin do remate, ninguén sabenada porque ninguén víu nada, ou si o viron non repararon, que unha cousa é vere e outra reparare (Inicio)
E isto lévanos a falar de outro recurso empregado na novela: o único protagonista vivo dos feitos expón estes moi intelixentemente, de xeito que a defensa aparece implícita, de maneira disimulada e subtil, sen as enfáticas declaracións de inocencia previsíbeis nunha situación semellante, procurando situar ao xuíz no seu sistema de valores, para que entenda que el é unha persoa respectada e "botando balóns fóra": presentándose máis como testemuña (el non fixo, foron os outros; el quería marchar; el non comprende como actuou así...) que como protagonista; marcando as distancias entre os outros e el.
...eu non andaba de parranda, que non era hora aquela de andar de parranda se non se trai empalmada dende a noite. Eu ía pra o meu traballo...)
¿Pra qué o hei negar? tamén eu me metía nesas algunha que outra vece. Pro esta vegada non foi eisí. Non foi, porque dende o comenzo da outra somana, así Deus me dea como tiña mentes de facer as paces coa miña...boeno, coa Raxada, e darlle o xornal cada sábado pra non andar caíndo en tentaciós. A verdade é a verdade. Se cadra, eu non son mellor nin pior que iles, pro niste caso eu tiña mentes de ser deicadiante de outro xeito
A min,(...) andábame a rondar o "pensamento", que decote me ven dapouco, cando escomenzo a facer cousas que sei que non tería que facer. O certo é que me sentía moi magoado e tristeiro, co aquelo de non irme ao meu traballo
¡Que han ser disculpas! Eu non teño ren de que me disculpar que eu nada fixen, pois o ollar as cousas que pasan diante dun non é culpa dun, por máis que llas apoñan ou que llas queiran apoñer
...eu non me rin, porque un será o que sexa, pro a min nunca me fixeron rir os caloteiros, que unha cousa é ser esmorguista e outra moi difrente ser ladrón
-"Eu voume pra a miña casa, pra a casa da miña nai", respondinlles; que ésa era a verdade, pois eu non tiña mentes de se­guir facendo falcatruadas, que bastantes tiñamos feitas (...) -"A min nada teñen que me apoñer nin por qué precurarme, que eu nada fixen nin me metín con ninguén" -"¿E quén guindóu o quinqué que puxo lume no pazo?" -"Esbaroume da mau...Non o fixen adrede.
Aínda agora me pregunto por qué non aporveitéi aquel intre pra me asoparar de somellantes...e máis sabendo o que xa sabía
A iluminación é clave na caracterización de ambientes, espazos e personaxes. O negro, a escuridade, o claro de lúa fan dos personaxes unhas sombras fuxitivas, como pantasmas deambulantes.

4.-LINGUA E ESTILO

Cando Blanco Amor escribe, o galego como lingua literaria estaba aínda en proceso de formación incipiente (lembremos que foi nos anos 20 cando a Xeración Nós comeza a escribir prosa), e por iso unha das intencións do autor é contribuír á críazón desa lingua artística, rescatándoa do folclorismo dos "-iños", mais partindo sempre da lingua viva, da lingua falada polo pobo. Sobretodo en A esmorga debe estar presente esta lingua real, por seren as súas personaxes populares, marxinais e en consecuencia a súa fala tiña que estar adaptada a esa condición, para resultaren máis verosímiles, máis reais (tal e como pretende Blanco Amor).
Por iso a súa fala reflicte bastante fielmente as características da área lucu-auriense (nas ultimas edicións normativizouse a lingua desaparecendo parte do sinalado)
1. Demostrativos e pron. pers. de 3ª con -i: nise, iles
2. Contracción de CON + pron. pers. de 3ª: coela , coiles.
3. Resultado -ao/-au para o sufixo latino -ANU: mau, vrau, chao.
4. Plural para as palabras en -N, -L substituindo esa cons. por -S: azús, tentaciós.
5. Pechazón de vogais: eiquí, eisí.
6. Conxunción I ante vogal: i as cousas.
Mais como unha novela non é unha mera reportaxe testemuñal, unha reprodución exacta da realidade e Blanco Amor escribe a novela en Buenos Aires, onde viven galegos de todas as partes, cada cal coa súa fala, ás veces atopamos formas contraditorias con estas: deles, papeis, criminales
Acorde coa procedencia de Cibrán son tamén os múltiples vulgarismos que atopamos na obra: vece, luce, premiso, somella, estámago.
E tamén se corresponde coa realidade lingüística a aparición de castelanismos: enseña, parexa, testigo
Pero, repetimos, a novela non é unha reprodución exacta da realidade; como produto literario que é ten unha dimensión estética que modifica e ao mesmo tempo crea a súa propia linguaxe, e por iso Blanco Amor recorre a introducir léxico que nunca empregarian os modelos reais dos seus personaxes, e mesmo lles resultarían incomprensíbeis ou descoñecidos:
1. Cultismos: cerciorarse.
2. Formas patrimoniais perdidas na fala: Deus, adeus
3. Arcaísmos: vegadas, conquerir.
4. Hipergaleguismos:tranquío, grido.
O que Blanco Amor trata de conseguir é unha prosa directa e sincera, procurando evitar os artifcios retóricos, e iso conségueo cun estilo aparentemente exento de complicacións, mais produto dunha coid­dosa elaboración. Por iso o comparábamos a Castelao, e tamén podemos estabelecer o mesmo paralelismo na intencionalidade: ambos os dous escriben para unha maioría o máis ampla posíbel (en B.A. a palabra "xente" aparece moi frecuentemente nos títulos das súas obras: "Contos para a xente", "Teatro para a xente", "Xente ao lonxe"...)
Na elaboración dese estilo sinxelo, o que máis chama a atención é a adecuación lingüística á personaxe que consegue, polo que acabamos de dicir e tamén por:
1. Tacos: éntrase por collós, maricós, merda vella, caraja.
2. Xuramentos: me caso en Dios, me caso no carano
3. Fórmulas de cortesia, que expresan a situación de inferioridade ante o xuíz: con premiso da súa cara, como vostede me enseña
4. Frases feitas, tan abundantes como correntes son na fala popular: asubiarlle aos biosbardos, falar de rabos de gaita, agora sa foi, Marica non chores.
5. Comparacións: focho e gordete coma de manteiga, que me ardía coma se levase un torgo nil.

III.- TEMPO

Baixo a aparente sinxeleza desta novela podemos descubrir unha consciente complexidade que case xustificaría a súa análise palabra por palabra: é unha obra intensa, traballada e na que practicamente todo (o que aparece e mesmo o que non aparece, como a voz do xuíz) ten unha funcionalidade e por iso podemos concluír que a brevidade e sinxeleza son produto dunha meditada elaboración (neste sentido é comparábel a Cousas).
Vén isto a conto de que a complexidade temporal é tal que hai que sinalar 3 planos:
A. O narrador-autor móvese nun tempo que nada ten que ver coa "crónica".
Polas referencias da DOCUMENTACION, temos que situar esta parte no momento en que Blanco Amor escribe a obra. E é tamén nesta DOCUMENTACION onde se nos di que os feitos sucederon 90 anos antes, sobre os 70 do s. XIX (aínda que logo a crónica se realiza dun xeito atemporal -non hai nada que nos permita situala nun tempo concreto- e sen haber incoerencias cronolóxicas- o ambiente recreado será o de cando el viviu en Ourense, o de inicios de século, como o resto da súa obra; así aparecen personaxes coincidentes con Xente ao lonxe: Mª dos Accidentes, o municipal Sardiña, o mitineiro Serantes...).
B. Cibrán fai a súa declaración perante o xuíz en 4 sesións
(mañá e tarde) durante 2 días (coincidentes cos capítulos, agás no paso do IV ao V).
Ao ser un diálogo-monólogo este tempo coincide co da "realidade".
C. Os feitos sucederon nas 24 horas anteriores:

Desde que os 3 esmorgantes se encontran no amañecer do luns día 6 (véspera de feira) ata que os barreneiros atopan ao Cibrán sen sentido no amañecer seguinte.
Entre estas dúas últimas temporalidades hai unha continua inte-relación, con cambios desde a narración do pasado para o presente do interrogatorio, a través dos sucesivos cortes provocados polo xuíz, de tal xeito que este xogo lle permite ao lector dominar dúas ópticas: presenciar os acontecementos pasados por medio do relato sen perder de vista o acto xudicial no que son referidos (exemplos continuos).
O TEMPO DA ESCRITA (DO DISCURSO):
* O 1º que habería que destacar é -como xa dixemos- os frecuentes saltos entre os feitos narrados e o momento da declaración.
* En 2º lugar fixarémonos nas rupturas da linealidade temporal. Aínda que a disposición predominante, conscientemente buscada por Cibrán, é a lineal,
-Si, señor, si; xa vou ao conto. (...) que as cousas requiren ter o seu comenzo, e moitas vegadas o que se ve sae do que non se víu, e todo hai que ilo dicindo, anque eisí de pirmeiras non somelle vir ao conto .
-¿Cómo, señor? Non me aparto do conto nin un instante... Estóu a decir as cousas polo seu comenzo, que unhas viñeron das outras e si unhas non houberan pasado as outras tampouco
-¿E qué máis feitos quer, señor? Os feitos son ístes, un por un e tal coma socederon. O romate diles foi porque outras cousas foron pasando denantes. Se non tiveran pasado, o romate sería doutro xeito do que foi
Ás veces rómpese mediante diversos procedimentos: retrospeccións, pausas (explicativas ou descritivas) e historias intercaladas, todo o cal provoca intervencións do xuíz chamándoo á orde, que se cinxa ao relato dos feitos.

1.- RETROSPECCIÓNS:
* Nada máis iniciar o relato volve atrás para explicar os antecedentes: reconciliación coa Raxada o sábado anterior e todo o que pasara entre eles nesa fin de semana, e non retoma o fío até a p. 15-18.
Repaso ao pasado do Pega, no pazo do Castelo:
Estivera na vila moi de rapaz adeprendendo un oficio (...) tamén me acordéi que nos tiñamos visto outra volta en Tuy, que es­taba eu facendo o servicio do rei. Il andaba cunha roda de afiar e unha baraxa, entre feirantes, moinantes, capadores e carteiristas, to­dos de Moura ou por alá, e todos boa xentiña, que pasaban dun a outro oficio aseguún se dise o caso, listos coma centellas, eso sí, que andaban por aló á caza de portugueses que viñan moitos a Tuy, co gallo das festas patronaes.
...polo menos cando eu era rapaz, que xa me viñan estas cousas, anque aínda non atinara a chamarlles "pensamento", ao menos curtábanseme co acidente, que era eisí coma quén se durme...E anque logo, cando me voltaba o siso, estaba todo magoado i ás vegadas ferido, pois até me apremían os dedos con ferramentas e turrábanme da língoa pra que non abafase, pois logo que me pasaba sentíame moi ben naquela floxeira do corpo coma si acordade dun sono moi longo, e até de alí a un anaco non me lembraba do que tiña pasado... Pro agora...

2.- PAUSAS
a) Explicativas/reflexivas:
- Porque o meu rapaz elle moi espilido, i ás vegadas dí cousas que mesmo rachan as carnes, que hastra eu quixera que non falara eisí como a xente maor. A Subela tenme dito moitas vegadas que todo é ensiño da nai pra me amolecer; pro non é certo, porque disque que cando eu era neno tamén tiña desas saídas. Porque o meu Lisardiño...
- Deixáraos (...) no comenzo dunha daquelas esmorgas que os fixeran tan sonados entre todos os esmor­guistas de Auria e dos arredores, nas que se metían e non saían até quedar guindados por eí, coasi decote nun calexón ou nun carreiro das aforas de onde os apañaban os veciños ou os municipás pra botalos á perrera hastra que se lles fose a rolla, ou até que os irmaos fosen pedir por iles, pois os irmaos de entramos a dous, son homes traballadores e de bó siso, que hastra lacha lles daba teren tales perdidos na familia, que non fallan disgracias entre a millor xente...E isto non é acaloñar aos meus amigos nin apoñerlles ren que non sepa todo o mundo, coma quen dí.
- Porque unha cousa é o que un pode facere co seu xornal, e outra moi difrente é sere lacazán e non saberse valer na vida ou querere pasala de papaleisón. Que eu son home de traballo sábeo todo o mundo, que endexamais estóu de folganza máis que cando non o hai. E góstame de vrau e de inverno, polo bo tempo e polo mao; que aínda lle digo que ises días de inverno seco até dá gosto meterse na tarefa. Vostede non o sabe, nin ten por qué sabelo, porque é home de pruma. Pro eu dígolle que, chegare meio tullido, tirar de chaqueta, chuspir nas maus e pórse a mallar nos seixos pra facere o morrillo, até sentire que o sangue vai que­cendo e lle vai subindo pola gorxa a gaña de botar unha cántiga... E non lle digo nada, cando vai chegando a raxeira do sol por enriba dos montes... ¡Boeno, agora xa se fodeu todo!
- Se non pensara, decíame eu pra o meu chaleque, sería coma íses, que están eí emborcallados, a topeñar, co coalleiro cheo de comida e de bebida, adormentándose igoal que nenos entre unha tarabelada e outra. Pro o fodido é que eu penso pasando das cousas que son ás que non son, e dunha noutras sempre chego á morete, e entón xa non penso máis, porque ao chegar a tal intre venme o "pensamento" que xa non é o ir pasándolle a un pola cachola as cousas...etc.etc
.
b) Descritivas: personaxes, lugares...
- ...a min dábame lacha que os poidesen vere daquel xeito: un coa camisa toda rachada e os beizos cheos de sangue, i o outro, debruzado no chau, todo esborroado, coma morto. (...) O Milhomes, con seu aquél de focho e gordete, coma de manteiga, non tiña meia hostia ben pegada, e deso se valía pra armar aquelas gallifas coñeándose dos outros, coaquel seu modo de fitar pra a xente, seu sorrisiño e aquelas falas, que as botaba como o barro á parede, buscando sempre onde máis doesen, que pra eso era pin­tado. Cando se lle decía algo por bulra, tocantes ao seu oficio de xastre: "sete xastres non fan un home" ou eisí, cuspiñaba de sí tales pezoñas que ún non sabía si apandar co elas ou crebarlle os fuciños a pancadas. Conque, erguino de novo...
- Aló dentro o aér estaba tépedo, agarimoso e cheio dese arrecendo das tabernas no inverno, que tanto gorenta o co­razón e que fai esvaír todas as cousas amoladas que ún leva na cacheira cando aló entra. Arrecendía, ademáis, aos chourizos asados e ao viño novo, que xa se vía que tiña boa chispa con só ollarlle as burbullas a desgaxarse en canto caía nas cuncas... Afora debruzárase a choiva, achoada e mesta, e o día puñérase fusquento coma si voltara pra atrás. Cando se abría a porta, entraban os refachos do vento até a cociña esparexendo o fumazo e facendo arrandear as restes dos chourizos dependurados encol da lareira  (taberna da tía Esquilacha).
- Naquela voltóu o Milhomes tamén meio núo. (...) Tiña a pele brancuxenta e cheia de mazaduras dos golpes que se diran, e as carnes arrondeadas e seguidas polos vacíos e polas coastas coma se fora de manteiga e non tivese tendós como temos os demáis homes. No peito, sen migalla de peluxe, abambeábanlle as tetelas cando se movía, leve o demo, coma se fora unha muller. Ao Pega veulle un pronto de risa...
- o Xanciño era meio querindallo da Lola, a Viguesa, que facía de encargada, e que disque estaba moi namorada dil. A Viguesa, coma vostede sabe...ou mellor dito, coma sabe eiquí todo o mundo, é a mellor das que ten a Nonó, que son catro ou cinco; e se non tivese aquel arroallo e aquel botar por ela de madamita, podería estar ocupada noite e día, pois é "das que camelan", como dí Almería, o mozo do Mendenúñez. Pro cando lle peta de tere a simpatía pra alguén, resulta tan xeitosa, a máis de belida, que ten que sere verdade o que dela dín, que disque é de moi boa xente, e que se non está na casa da Zorrita, que, como vostede sabe, son de a peso e non de a seis reás, como as da Nonó, é porque non quere. Ademáis din que lle gosta empinar o cóbado, e non de co­pas, como ás finas, senón de morapio, que bebe moito e ponse moi perdidiña, que hastra disque se lle esterca o estámago, con licen­cia, e cheira coma nós os homes que andamos nise vezo.
Conque da cociña pasamos...

- Néstas, aparecéu pola porta (...) a Costilleta (...) seguida do Pepe o Cabito (...) Pepe o Cabito, anque fillo do señor Argimiro o Peste, que tivera banquilla de zapateiro de rúa, ao pé da Fonte Nova, dábase moito ao señorío porque traballaba de escri­biente no auntamento. Total viña a sere un deses señoritos de caldo á merenda que aínda gañan menos que nós, e todo se lles vai en andaren de capa e bimba i en alternaren con algús señores de carreira polo gallo de seren todos republicanos, que lles din, e que se axuntan algunhas vegadas na Lameda a botaren discursos que ninguén entende, até que os torna de alí a guardia civil. Estrañóume velo na casa da Nonó...

3.- HISTORIAS INTERCALADAS:
A dos Andrada, a que conta o Pega duns esmorgantes pasados; a Socorrito


ESQUEMA DO TEMPO DO DISCURSO
1.-Alternancia declaración-feitos
Nos feitos: desexo de linealidade.
2.-Rupturas desta:
a) Pausas: non hai avance de tempo
*explicativas ou reflexivas
*descritivas: lugares, personaxes...
b) Retrospeccións: salto ao pasado, hai avance de tempo
c) Historias intercaladas: relación escasa e indirecta coa principa, hai avance de tempo  

IV.- ESPAZO.


(Auria=Ourense) Lugares citados e localizados hoxe: Ponte Pelamios, O Barbaña, A Burga, Praza do Correxidor, Rúa dos Fornos, igrexa de Sta. Eufemia, Estrada de Trives, Alameda, Praza Maior, Calexón da Burga
Hai en Ourense unha andaina da Esmorga con placas nos diferentes lugares explicando a acción

Partindo da estrutura da obra, deberemos diferenciar -como sempre- as partes:
1.- A DOCUMENTACIÓN poderíamos definila como situada fóra do espazo: é unha explicación, por parte do autor implícito, do plan da obra así que non "ocupa espazo".
2.-A DECLARACIÓN de Cibrán realízase no Xulgado e a esta mesma etapa temporal corresponden as alusións que fai ao "cuartelillo" da Garda Civil. ¿Por que non quere ir ao cuartelillo ?
-será coma vostede dispoña, con tal que me deixe agardar eiquí, que llo prego coma cousa de moita mercé. Se me devolven ao coartelillo, non sei que vai pasare...Prefiro que me leven dunha vece á cadea.
-Será coma vostede dispoña, con tal que m deixen eiquí e non me leven ao coartelillo. ¡Eso si que non...!
..."pensamento" que casi non me deixa dende que eiquí me trouxeron...(...) E aínda menos mal que vosté foi tan bo e non me deixóu levare ao coartelillo (...) pro se me volta a mandare ao coartelillo xúrolle polo leite que maméi.
-Non, señor, non; iso si que non. Pídollo por Deus, polos seus, por quen máis vostede queira... ¡Prégollo eisí, de xoenllos...! ¡Non..., que non quero que me leven ístes! ¡Que non vou, que me levan ao coartelillo...! ¡Soltádeme, fillos de puta! .............................
3.-Os FEITOS (o groso da novela, a parte máis importante) que narra responden a un claro modelo de novela itinerante. O cambio de escenario foi desde sempre unha das formas empregadas polos narradores para a construción da novela de aventuras: desde a antigüidade -onde encontramos modelos tan clásicos como A Odisea, pasando por Don Quixote, o ciclo artúrico ou a novela picaresca- o modelo de heroe tivo sempre como característica o seu espírito errante, realizando unha viaxe exterior, fóra da cidade.
A esmorga encontramos un modelo algo diferente, xa que nos achamos perante un itinerario urbano no que os perigos que encontran os protagonistas non son outros que os derivados da organización da sociedade; trátase de heroes modernos que encontran o límite á súa ousadía na legalidade vixente. Deste xeito, Blanco Amor elabora unha novela de aventuras na que os seus heroes son convictos da xustiza. A viaxe é, entón, unha fuxida (que non se produce voluntariamente, senón por necesidade involuntaria máis ou menos apremiante).
O mecanismo que move as mentes dos protagonistas durante case toda a novela é o de procurárense o máximo pracer durante o que parece ser o seu último día de liberdade.
Ten tamén grande importancia no desenvolvemento da acción a tensión constante entre lugares abertos (cunha climatoloxía adversa e polo tanto considerados negativamente, que os impulsa a buscar refuxio) e fechados (caracterizados positivamente, pero de onde van sendo sempre -fatalmente- expulsados), o que os deixa de novo perdidos no medio adverso, que os impulsa a beber máis, de tal xeito que a espiral de fatalidade se vai pechando cada vez máis, atrapándoos no medio.
ESPACIOS FECHADOS
Consideración positiva                                                                                                                Expulsión


TABERNA DA TÍA ESQUILACHA. Descrición:  eu, por min, non me houbera movido de alí. Estábase  moi ben, ao quente, manxando, bebendo (...) mentres afora chovía a Deus dala

Cando levabamos alí máis dunha hora, chamoume aparte a tía Esquilacha (...) pra me pedir que levase de alí a aqueles bébedos

PAZO DOS SEÑORES DO CASTELO :¡Que ben se estaba alí, naquela morneza ao pé do lume, co aquel augardente amorosiño, que eu bebía dapouco pra sentire o gosto de bebelo con todo o xuízo, namentres afora bruaba o vento nos cantos do casal e ripáballe as ponlas  a unhas silveiras que se vían pola ventá que daba ao xardín do pazo...!
¡Qué ben se estaba, sandiós, na morneza daquela farta bodega, que hastra daba preguiza o porse a pensar que aquelo finaría de alí a pouco e que ún tería que saír e apandar outra vegada coa choiva, co vento, coas cousas do mundo cabrón...!

Teñen que liscar ao pórlle lume o Cibrán.

CASA DA MONFORTINA, de onde son expulsados xa antes de entraren

 

CASA DA NONO

Será mellor que vos lisquedes, que eu non quero líos. Agora
que vos víu o Cabito será mellor que tomedes o portante ... Idevos,eacabouse ... !Fora de eiquí, cabrós!

IGREXA DE STA. EUFEMIA, case non se ten en consideración por ser un refúxio moi pasaxeiro.

 

MESON DO ROXO, elidese case por completo.

 

CASA DOS ANDRADA : O positivo reside no seu luxo, desde a perspectiva exculpadora de Cibrán non a pode describir como positiva para el por estaren roubando.

Atravesamos o xardín cando xa se vía xente con luces que entraba na galeiría. Baixamos coma poidemos...

 

Podemos considerar o espazo da obra como alegórico: o exterior adverso simboliza a vida, "la perra vida del trabajador" que di o mitineiro Serantes, negativa destes seres dos barrios baixos, seres case marxinais que se moven unicamente por instintos; mentres que os espacios fechados simbolizan o desexo de regreso ao claustro materno, o único lugar onde non tivo problemas: ¡malia a hora que me botóu ao mundo, que fora mellor que me botase ao cortello dos marraus, perdoando.


V.-PERSONAXES :
Tamén na elección dos personaxes se nos mostra como unha novela moderna, son tres antiheroes, de baixa extracción social, urbanos. Son o producto dunha sociedade opresora que os aboca á esmorga.

1.- CIBRÁN: temos que ilo coñecendo a través da novela. É o caracterizado máis positivamente: non podemos esquecer que é el mesmo o narrador, polo que a perspectiva non é obxectiva, senón interesada, como o será tamén para exculparse dos feitos.
físico:
*Comeza a caracterizarse cos alcumes: TIÑICA, PUCHAPODRE (O Castizo vénlle polo pai).
*Aspecto agradábel e de bo ver: 24 anos, de bo sangue, "es un home para sacarlle a barriga de mal ano a dez mulleres" (A Costilleta).
*Fortaleza: dor de pes causada por frieiras e frío, dor de estómago causada pola comida picante; no fondo son desculpas, pois anada e bebe moito na esmorga.
*Referencias ao "pensamento", que comezaba cun esmorecemento (non cansazo). Ataques epilépticos provocados por unha doenza psíquica. Tamén a irmá ten unha doenza hereditaria e parece que o pai tivo algo como sífilis.
psíquico:
O que mellor se nos presenta dos 3. Ese día=determinación de cambiar de vida.
*Responsábel como pai (está sendo interrogado polo xuíz e intenta exculparse).
*Traballador: non considera o seu como un dos piores traballos mais si moi dura a vida do traballador.
*Deixase arrastrar á esmorga; admite que ás veces tamén anda de xoldra mais non é ladrón.
*Di que non é medroso, mais no fondo si que ten.
*El mesmo se considera borracho. Tampouco un homosexual.
*Home de xenio, sobre todo cando lle din algo que non lle gusta. Aínda que ás veces se mete en líos, afirma que iso non lle gusta (contradición).
*Bo amigo e compañeiro.
*Pensa continuamente na nai, na Raxada e no fillo.
*Nova contradición ao falar do noxo polas prostitutas.
*Pouco amigo de navallas. (contradicións como xa explicou David M.)
*Non está de acordo coa xustiza, quizais porque é a el a quen están xulgando.
FÓRMULAS EXCULPATORIAS:
Estáse desculpando continuamente, intentando exculparse de todo o sucedido, sempre di que el non fixo nada e por iso non ten que estar preso.
*Pensamento
*Axentes externos: -tempo / -circunstancias: SINO / -os outros: el=amizade ="voz da conciencia"
Así ensaia desculpas como que ía para o traballo e a casúalidade o fixo todo, ou que non quería ir cos amigos. Tamén intenta culpar ao tempo e ao "pensamento". Por todo isto podemos supor que el tivo a mesma culpa que os outros, aínda que intente xustificarse e desculparse por todos os meios posíbeis.
CAP. I: contradi o que pon no papel e trata de convencer de que el non andaba de esmorga e que ía para o traballo, aínda que algunha vez se metese en esmorgar. Repite que non quería ter nada que ver cos amigos. Di que non son desculpas e que el non fixo nada. Semella que non quería ir ao pazo dos Andrade. Quere dar veracidade ás súas palabras.
CAP. II: Choiva e pensamento. Logo do pazo dos Andrade quixo-os convencer de marchar pero eles non quixeron = a culpa non foi del. Non é un ladrón, como os outros.
CAP. III: Quería ir para a súa casa, non se meter en màis falcatruadas. Diante dos outros exculpase de prender lume ao pazo do Castelo. Mesmo no prostíbulo, el non ten ganas. Cando os outros queren seguir el volve querer marchar.
CAP. IV: Aínda se quere apartar. Desculpase de non os deixar porque el non deixa un amigo. Aínda que ás veces ten a decisión de marchar, nunca o fará.
CAP. V: A culpa é do Bocas e do Milhomes. Ao final di que teria ido avisar a Policia, porque el non tivo culpa de nada, nin sequer da morte dos outros, mais non puido por estar malferido. Logo semella non coñecer a navalla do Milhomes.

2.- MILHOMES (vive na rúa Quebracús)
físico (é o máis caracterizado): Blanco amor dálle máis importancia ao que ten un comportamento sexual reprimido. Non por ser el homosexual nolo presenta positivamente. Eladio Vilarchao, alcumado Aladio Milhomes, Papaganduxos, Setesaias, o Maricallas
*Gordete  pernexas curtas e paso miúdo, andar de perdís.
*En várias ocasións falase do riso.
En xeral descríbenolo de xeito negativo, pois en toda a obra non se nos di del nin sequer un rasgo positivo.
psíquico (homosexualidade reprimida)
*Representase como homosexual: gostaba dos homes e tamén de tocarlles ; séntese atraído polo Bocas até o punto  de padecer ciúmes aínda que case sempre tivesen pelexas; diferentes alcumes: Maricallas, Milhomes.
*Atribúenselle moitas características de muller: cantar, bailar, lavar, facer a comida. Gosta tamén das cousas de mulleres: no pazo dos Andrade rouba alfaias e colónia. O seu traballo tampouco é ben visto como traballo para homes.
*Unha das súas principais formas de defensa era dirixirse á xente ofendéendoa, atacando no que máis doe, para o que tiña moita facilidade de palabra; o seu sorriso é outra das formas de burla moi utilizada.
*Ladrón de pouca monta, case sempre rouba algo.
*Aínda que se mostra como bébedo total e sen ningún sentido, en canto ao Bocas lle dá pola teima de ir ao pazo dos Andrade parece que o Milhomes ten máis senso ca el.

3.- O BOCAS: función de líder.
físico:
*Alcumes: Juan Fariña, o Bocas, o Alifante, o Peitodemacho = aspecto físico, home forte."corpo branco e rexo, coas carnes musgoosas apegadas aos osos, e somellaba moito máis forte que vestido".
Atractivo. Mirada con ollos azuis de neno.
Psíquico (maníaco-depresivo):
*A principal característica é a AGRESIVIDADE. Fixera unha morte.
*A segunda máis notábel, a súa OBSESION SEXUAL, que se reflexa sobretodo polo engaiolamento pola sra. dos Andrade e conducirá ao final: aquí vemos certa tendencia sádica na súa conduta sexual, que responde á súa agresividade. Actitude diferente coas churrianas: móstrase indiferente e con certa su­perioridade.
*Temperamento cambiante: ás veces confiado e tranquilo e outras caviloso e dubidoso.
*É o cabecilla, o que arrastra os outros; cando ten algo en mente os demais ségueno, aínda que non sempre de boa gana. Cibrán esntéirase de que estaba fuxido por unha morte na casa da Monfortina, gracias á Piolla

4.- RELACIÓN ENTRE O BOCAS E O MILHOMES
Un tanto rara: só xuntos cando van de esmorga, un sen o outro non se divirte, e cando non a penas se falan.
Comportamento do Bocas bastante complicado: por un lado, protector do Milhomes ; por outro, el mesmo é quen malla nel.
A pesar de ser home mullereiro parece non molestarlle as mostras cariñosas que lle fai o Milhomes < porque lle gosta ou por comodidade? ("deixase querer por todos").
No tocante ao Milhomes, desde o primeiro momento temos clara a súa atracción cara o Bocas, por iso se molesta cando este quere estar con mulleres . Ao final, nun ataque de raiba e ciúmes víngase do Bocas e mátao dun navallazo.
Posición do Cibrán ante esta relación: non a entende moi ben e danlle noxo os seus beliscos e agarimos.

4.- PERSONAXES SECUNDARIAS.
Teñen grande importancia por influíren nas tres principais, tomando parte nas súas historias. Aínda que a maioría sexan personaxes populares, temos por contraposición o XUÍZ e FERNANDO DE ANDRADE, que se apartan do tipo galego vulgar que domina o relato.
Non todos están igualmente caracterizados: en algúns casos só se cita o seu nome e a característica pola que aparecen no relato: SERANTES, PEPITO O MÉDICO, O SARDIÑA, FERMIN O FAROLEIRO...
Destacan:
*A RAXADA:
É o principal, a pesar de non intervir directamente na acción. Todo o que sabemos dela é polo que nos di o Cibrán: mantiña relacións con este e teñen un fillo, non están casados nin viven na mesma casa. A pesar de ser unha ex-puta é presentada como unha boa muller, pobre e cunha grave enfermidade. Intenta levar o Cibrán polo bo camiño para formaren os tres unha familia. Cibrán recorre a ela durante toda a obra para afirmar que se ía facer home de ben. Do seu físico só se nos di que ten os peitos grandes.
*LISARDIÑO
É outra das razóns pola que Cibrán afirma que se ía volver un home correcto. De 4 anos, con el o autor introduce un elemento de humor baseado na súa inocencia. Do seu físico disenos que ten os ollos azuis como a avoa.
*PAI: pouco descrito.
*TÍA ESQUILACHA: dona da taberna. Caracterizada positivamente; amiga da nai do Cibrán, advíirteo de que deixe os outros dous.
*SOCORRITO: descrita polo Cibrán con moito respecto e agarimo. Xunto coa Raxada é a personaxe secundaria máis importante. Numerosas características: tola, pobre, fala castelán, semellaba unha señorita vilega. Provocará a pena do lector.
*O XUÍZ
Resumindo: A esmorga pode lembrar a Tiempo de silencio (1962) de Martín Santos pola súa concepción negativa da existencia e a La colmena (1951) de C. J. Cela polo seu protagonismo colectivo. Mesmo hai quen a emparenta coa novela picaresca, mais non hai moitas semellanzas.
A muller na esmorga está vista desde unha perspectiva machista : nai e prostituta. A súa nai, a Tía Esquilacha e mesmo a Raxada responden á esa visión matriarcal de nai abnegada, sacrificada. As prostitutas están vistas descarnadamente. Todo o contrario é  a Señora Andrade, a muller idealizada ; a meio camiño está a Socorrito.
Lista de prostitutas : A Cansentado, A Costilleta, A Cupatrás, A fani, A fuca, A Monfortina, A Nonó, A Piolla, A Zorrita, Lola a Viguesa, A Subela.

 

VI.- ELEMENTOS DETERMINANTES DA TRAXEDIA: O TEMPO ATMOSFÉRICO, O ALCOHOL, A FATALIDADE PROGRESIVA, A VIOLENCIA INSTITUCIONAL.

Hai unha serie de acontecementos que a Cibrán non lle é posíbel controlar e que o precipitan inexorabelmente cara a desgraza: Día=choiva e vento   Noite=frío, vento, luar, corisco
1.- Debido á CHOIVA era costume que as obras da estrada, onde traballaba Cibrán, fosen detidas e por tanto o ter sucumbido á tentación de unirse á esmorga tiña unha coartada e unha xustificación.
A CHOIVA, coa súa persistencia, adquire en A esmorga unha dimensión máxico-tráxica e unha funcionalidade que dá grande rendimento ao relato, pois unida ao FRÍO que agudizaba a dor que os sabañóns lle producían a Cibrán nos pes, xustifica a busca de refuxios e espacios onde se abrigar.
Xa ao saír da casa da Raxada, ao principio da novela, aparece a primeira referencia ao tempo e a primeira xustificación da necesidade da busca de refúxio ao quente: toda a noite estivera xeando e a lama estaba dura nos sulcos das rodas (...) Eu andaba cos pes encetados cuns sabañóns dque me collían todos os artellos dos pes, con licencia, e doíanme de raio (...) E con todo esto e coa noite pasada en tanta faena, ía de moi mal xenio para o traballo, e non me chegaba o intre de atopar unha tasca aberta pra botar un par de vasetes do branco... O tempo atepedouse (...) un neboeiro que se viña erguendo do sul, negro coma mis pecados (...) víase que ía cambiar o tempo pra tronada. Eu estaba vendo que se me ía amolar o día de traballo... Aló dentro o aer estaba tépedo, agarimoso e cheio dese arrecendo das tabernas no inverno, que tanto gorenta o corazón (...) Afora debruzárase a choiva, achoada e mesta, e o día puñérase fusquento coma si voltara pra atrás.
As negras nubes contribuirán a que o relato, a pesar de que en boa parte se desenvolve de día, adquira un carácter nocturno: Cando espertaron, a iso de unha hora despois, seguía chovendo arreo e o día empardecera aínda máis, coma se fose vir a noite.
Cibrán, na súa intelixente declaración, recorre unha e outra vez á conmiseración do xuíz, aludindo a estes detalles e, desde logo, consegue a compaixón do lector:
-¡Ai, señor, eso pareceralle a vostede...! Pro eu dígolle que a choiva tivo moita da culpa... Si en troques daquel froallo apega­dizo que topei ao saír de estar coa Raxada, e daquela choiva mesta e sen trégolas que dempois se botou sobor do mundo, que era coma andar por un pesadelo sen podere saír por ningures, moitas cousas que socederon non terían socedido, porque eu houbérame ido pra o meu traballo sen facer caso de ninguén.
Aínda que a CHOIVA pode considerarse o fenómeno atmosférico protagonista, non é o único: o VENTO e o FRÍO súmanse a el como un conxunto de calamidades atmosféricas adversas: A auga viña máis fera e dura nas rachas do nordeste, zorregábame na face até facerma doer e metíaseme por embaixo da roupa mollándome o corpo como si na levase; parara supetamente de chover e viña un vento do norde que barría con todo (74); facía un frío de todos os demoros.
Resumindo: saída -frío e xiada-, choiva no I e II, frío e corisco no III, xiada, lúa e frío no IV-V
           

2.- Outro dos elementos determinantes da traxedia, o ALCOHOL, fai xa a súa aparición ao principio do relato dos feitos, cando Cibrán recoñece a súa afección pola bebida: ...o seu pai [do Lisardiño] un borracho...; e non me chegaba xa o intre de atopar unha tasca aberta para botar un par de vasetes do branco.
Tamén os outros 2 esmorgantes son presentados como borrachos: ...no comenzo dunha daqueles esmorgas que os fixeran tan sonados entre todos os esmorguistas de Auria e dos arredores, nas que se metían e non saían até quedar guindados por eí, coasi decote nun calexón ou nun carreiro das aforas de onde os apañaban os veciños ou os municipás pra botalos á perrera hastra que se lles fose a rolla...
Unha vez xuntos os tres, inician de seguido o seu percorrido empezando pola taberna da tía Esquilacha, e consecuentemente a bebedela, porque a vida das personaxes desenvólvese nun ambiente no que o alcohol forma parte da cultura, da vida diaria: ... serían dous ou tres xeros de dous netos cada seu, que non é moito que digamos pra tres homes mozos desta terra. Como era viño novo e con boa agulla, íase coma si fora graciosa, coasi sen se sentire... O malo foi que o Milhomes, que disque tiña catarro, empeñóuse en pedir un cuartillo de augardente...e algo lle axudamos.
E do que non pode prescindir nin sequera neses pésimos momentos que está a vivir: ...maldito o apetite de comer que teño...Si aínda fose un groliño de tinto, pra me alentar un pouco...
A bebedela segue aínda fora dos lugares axeitados para a levar a cabo. Así, no camiño da ta­berna ao pazo: Sacou o Aladio unha botella de augardente, que roubara no mesón e que traguía no peto da zamarra.
E continúa en calquer dos lugares que visitan: E sen flar verba, erguímonos, pegámoslle outro bo grolo á botella [ao saíren do pazo dos Andrada]; eles deron conta do augardente que quedaba; conque o Pega foi e escomenzou por darnos, nunhas cunquiñas brancas, desas do viño novo, daquel augardente acabado de facer; comimos coma abades e bebimos a nos fartar do mellor...[tamén no pazo]; pedíronse dúas botellas de anís escarchado i outras dúas de licor café [na casa da Nonó]; Ao cabo da rúa atopamos aberta a churrería do Parroquia,i o Milhomes, facéndonos adiantar uns pasos, botou a manta por enriba da testa i entróu. Voltóu a pouco cun par de botellas de augar­dente do país.
Cibrán detense en várias ocasións a describer o estado de borracheira no que se atopaban: Certamentes, o Bocas estaba tan fora de sí como eu nunca o tiña ollado. Tan acirrado ía na súa teima que máis que bébedo, pois dobláranos a beber a nós os dous, somellaba tolo.
Ou os efectos da mesma: Naquil intre eu xa non sabía que facer de min e víame perdido. Pensaba na miña nai, no pequecho, na Raxada, coma si os lembrase dende a outra beira da morte; Eu xa me deprocataba que non podería seguir bebendo; ¿Que vas a estare ti que xa non podes coa ialma, raio de larchán?
Xa cando a traxedia final está ben próxima o Cibrán xustifica o non ter ido tras do Bocas (para evitar o que supuña que ía facer) polo estado no que se atopaba: Coasimentes non tiña forzas pra manterme ergueito.
Así pois fica máis que xustificado que o alcohol se converte, pola súa influencia coñecida sobre o comportamente humano, nun dos elementos determinantes da traxedia; xa que non hai nengunha dúbida de que os tres protagonistas entran rapidamente nun estado de embriaguez (se non o estaban xa, como é o caso do Bocas e o Milhomes).

3.- A FATALIDADE iníciase coa decisión de non ir ao traballo -do que se vai arrepentir-, provocada polo encontro co Milhomes e o Bocas e pola pouca oposición de Cibrán debido aos efectos do vento, a choiva e o frío no seu ánimo e no seu corpo (os sabañóns), así como un malestar de estómago provocado polo picante que puxera a Raxada nas sopas e polo cansazo da noite pasada "en tanta faena".
Ese encontro é quizais a primiera fatalidade coa que tropeza Cibrán, porque non só se atopou cuns ¿amigos? no camiño ao seu traballo, senón que a calidade destes, explicada xa na primeira referencia que fai a eles, vai ser de grande importancia no desenvolvemento dos acontecementos, como tamén a estraña relación que se dá entre eles, o que vai empuxar a Cibrán a non os deixar sos. Así mesmo o incendio do pazo do Castelo énos presentado como produto da fatalidade.
Cibrán pergúntase ás veces por que non actuou de outra maneira: Aínda agora me pregunto por qué non aporveitei aquel intre para me asoparar de somellantes...
Séntese empuxado á fatalidade, como se todo estivese determinado de antemán: Nós iamolas facendo de tal xeito coma se as fixeramos sen darnos conta (...) tal como si adrede camiñaramos á nosa pirdición...
As cousas vanse virando cada vez máis perigosas e Cibrán vese envolto nelas sen forzas para saír. Todos semellan ser vítimas do tempo, do alcohol e, o que é pior, de si mesmos: o Bocas e o Milhomes, coa súa ambigua relación de amor-odio abocada de por si á traxedia. O Cibrán, vítima do seu pouco poder resolutivo, do seu deixarse levar e, como non do PENSAMENTO ao que tantas veces fai referencia A fatalidade está presente tamén desde un principio, traendo -como di Cibrán- unhas cousas ás outras: ...que xa nin sei as que foron antes e as que foron dempóis, que hastra me somella que tantas cousas non poideron tere pasado nunha noite...

4.-Tamén o SEXO ten unha influencia determinante no decorrer dos feitos. Aparece como unha tendencia cega, como un instinto que domina aos protagonistas, considerado desde as perspectivas que a sociedade ten por máis baixas e degradantes, aparece todo aquilo que a sociedade "benpensante" considera negativo: homosexualidade, prostitución, violaciónse non se albiscan as conotacións de plenitude con que adoita ser tratado na narrativa universal. Só aparece como levemente positiva a relación coa Raxada, pero que se frustra xa no inicio ao romper Cibrán a promesa feita.

5.-A VIOLENCIA INSTITUCIONAL: A traxedia final de Cibrán vén sendo determinada pola violencia institucional, que se fai patente en diversas ocasións ao longo do relato, sobretodo no seu especial diálogo co xuíz: prefiro que me leven dunha vece á cadea. A un home mozo e de bo sangue, ninguén lle pode pór a mau no rosto da súa cara, tendo as maus pexadas coas esposas, sen que sinta degoiros de morrer naquil mesmo instante; ...anque mallaron en min todo canto quixeron aquiles criminales pra que dixese onde tiña agachadas as cousas...; Ten razón... Disimule... Pro vosté non sabe o que é verse nas maus dun gandulo da nai que o fixo, que porque anda fardado doutro xeito lle veña a bater a un home...
E volve incidir no mesmo a outra intervención do AUTOR IMPLÍCITO-NARRADOR, na fin do cap. V cando deixa caer as dúas versións sobre a morte de Cipriano Canedo, calquera das dúas móstrao como unha vítima desta violencia institucional:
* Se foi un suicidio porque así fuxia de volver ao cuartel: Non, señor, non; iso sí que non. Pídollo por Deus, polos seus, por quén máis vostede queira... ¡Prégollo eisí, de xoenllos...! ¡Non..., que non quero que me leven istes! ¡Que non vou, que me levan ao coartelillo...! ¡Soltádeme, fillos de puta...!
* Se o mataron a golpes, que é a outra versión que se nos presenta, non precisa maior comentario: Meu tío o "ministro" (..) soía decire, entre dentes, que levaran ao Castizo de alí coa fronte escachada...

Blanco Amor fai unha novela no exilio que quere mostrar o máis amargo e brutal dunha sociedade alienada, sen conciencia de clase, desesperanzada. Desde Buenos Aires así era unha Galiza rendida ao franquismo. Anos máis tarde escribirá a esperanza dun futuro mellor en Xente ao lonxe

Suso de Toro, Parado na tormenta, Galaxia, Vigo, 1996 :
A esmorga é o espectáculo do corpo. O narcisismo propio do homosexual, a conciencia extrema do corpo, a linguaxe do corpo, a identidade polo corpo, fixo de Eudardo conciencia extrema do ser humano da nosa época. Esta época de narcisismo que se mira no mito de Dorian Gray, a lucidez doutro homosexual, home sexual.
A esmorga é o corpo tiñoso, o corpo desnutrido, o corpo húmido, resfriado,  quente polo desxo, bébedo, con frieiras, cansado, mancado, forzado, ferido, acoitelado, morto cos  miolos para fóra. O corpo afrecido en sacrificio nihilista duns cristos pecadentos que na vez de deixarnos esperanza déixannos remorsos e culpabilidade. Un sacrificio triste que non nos dá a liberación da traxedia.
A tisteza do homosexual obrigado a vivir estigmatizado e sen esperanza proxéctase  sobre todos como metáfora do vivir contemporáneo.   (p. 102)

2005-2017
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.