ogalego.eu
Suso Vaamonde, homenaxe de ogalego.eu
Letanía de Galicia, Uxío Novoneyra
Moraima, Celso Emilio
qr
Foto: Suso Vaamonde, músico galego

Poema comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

O medo

Cando o corvo da noite se pousaba
nas derradeitas luces do solpor,
os meus ollos de neno
enchíanse de bágoas e de lóstregos.

O vento que fungaba nas vereas
era un home langrán envolto en brétema 
cun fol ó lombo pra levar meniños. 

Os albres semellaban
pantasmas de cabalos desbocados
agallopando os eidos.

Un medo que me viña das
raíces do mundo
tremíame no sangue.

Pasaba o xornaleiro asubiando
con dous luceiros prendidos na eixada, 
i eu tiña medo.

Pasaba o cazador
con bafexantes cans
arrecendendo a toxos e carqueixas 
i eu tiña medo.

Pasaban de ruada os fortes mozos
que voltaran da guerra tan contentes,
i eu tiña medo.

Ao pasar ó meu lado e verme os ollos,
alporizados, pasmos, decíanme:
“Non teñas medo”,
 i eu tiña medo

Soio cando chegaba ós meus ouvidos
a doce voz de mel da miña vella,
xa non tiña medo.

Agora non comprendo
como aquil ser cativo,
aquela vella nena tan endébel,
(nos eus ollos azures
había luces de amenceres novos)
podía escorrentar tan grande medo.

O soño sulagado, Celso Emilio Ferreiro


COMENTARIO

Cando o corvo da noite se pousaba
nas derradeitas luces do solpor, cando chegaba a noite
os meus ollos de neno
enchíanse de bágoas e de lóstregos. choraba e as luces ampliábanse nas bágoas

O vento que fungaba nas vereas que zoaba polos camiños
era un home langrán envolto en brétema  langrán: folgazán, vago
cun fol ó lombo pra levar meniños.  Fol: saco, home do saco

Os albres semellaban
pantasmas de cabalos desbocados
agallopando os eidos. as árbores co vento eran coma cabalos saltando polos campos

Un medo que me viña das
raíces do mundo
tremíame no sangue.

Pasaba o xornaleiro asubiando o traballador a xornal ao rematar o día volvía contento asubiando
con dous luceiros prendidos na eixada,  sacho de folla; traballara todo o día
i eu tiña medo.

Pasaba o cazador
con bafexantes cans os cans abrindo a boca e respirando coa lingua fóra
arrecendendo a toxos e carqueixas  planta do monte que cheira ben
i eu tiña medo.

Pasaban de ruada os fortes mozos os mozos que van de festa
que voltaran da guerra tan contentes,
i eu tiña medo.

Ao pasar ó meu lado e verme os ollos,
alporizados, pasmos, decíanme:
“Non teñas medo”,
 i eu tiña medo

Soio cando chegaba ós meus ouvidos
a doce voz de mel da miña vella, aliteración de bilabiais m/b
xa non tiña medo.

Agora non comprendo
como aquil ser cativo,
aquela vella nena tan endébel, débil, sen forza
(nos eus ollos azures azuis
había luces de amenceres novos)
podía escorrentar tan grande medo.

Como se nos indica xa desde o mesmo título, o tema central, o eixo ao redor do que xira obsesivamente o poema, é o medo, referido ao propio poeta cando era neno, polo que a 1ª pers. sing. aparece repetidas veces (v. 3, 11, 13, 16, 20, 23, 24, 25, 27, 28, 29, 31).
Estamos, pois, ante un poema lírico no que se evoca a infancia, se ben neste caso non se nos dá a imaxe de paraíso, de topos ideal, tan frecuente na poesía do autor, xa que predominan os sentimentos negativos, pero serve de pórtico para o libro, ao plasmar esa atmosfera pesimista presente en boa parte dos seus poemas. O que si podemos notar é a conotación positiva da figura da nai, única capaz de escorrentar o seu medo -efecto máis sorprendente aínda se contrapomos a súa fraxilidade ás figuras masculinas antes nomeadas, que deberian conotar seguridade)-.
Atendendo ao contido, pódense diferenciar claramente 3 partes no poema:
-1ª (estrofas I-IV). Aparece emarcada pola localización temporal e a constatación do medo, e no medio as transformacións visionarias da paisaxe que ese sentimento provoca na súa mente.
-2ª (V-VIII.) Baixo unha forma anafórico-paralelística vaise acentuando esa perceición do medo para acabar nunha estrofa-resumo que o intensifica aínda máis.
-3ª (IX-X.: Nela distinguense dúas sub-partes, coincidentes coas divisións estróficas:
* Na primeira preséntanos a contraposición con todo o anterior.
* A segunda, como soe ser característico dos poemas do autor, serve de conclusión a todo o poema, neste caso oferecendo unha nova perspectiva temporal ("Agora...").

Se nos fixamos agora na forma, veremos tamén a presenza de múltiples elementos característicos de C.E.F. que contribúen a resaltar o tema da poesía:
O poema está aparentemente dividido en estrofas, mais estas non se correspo­den con ningún esquema estrófico coñecido, senón que serven para marcar a estrutura temática.
Polo que se refere á metrica, estamos ante unha composición baseada na combinación de versos hendecasílabos e heptasílabos, con algúns outros de diferente medida.
Os máis abundantes son os de 11, polo que domina o ritmo lento, grave, que contrasta vivamente co pentasílabo que se repite machaconamente como refrán de toda a 2ª parte, acentuando así a sensación de temor do neno.
Sabiamente colocado está o único verso que non ten correspondencia, de 6 sílabas (o último da penúltima estrofa "xa non tiña medo"), que serve para romper o ritmo das 4 estrofas precedentes, en consonancia coa antítese de significado.

Seguindo cos elementos estilísticos característicos de C.E.F. podemos ver:
* Construcións paralelísticas:

Elemento natural Imaxe deformada Complementos
vento home langrán cun fol ao lombo
árbores pantasmas de cabalos agallopando os eidos

- estrofas V-VI-VII (sobre base anafórica)
- refrán da 2ª parte.
* Complementos bimembres: enchíanse de bágoas e de lóstregos (v.4), arrecen­dendo a toxos e carqueixas (v. 19).
* Tamén boa parte das imaxes e símbolos do poema pertencen ao universo poético de Celso Emilio Ferreiro, se ben ás veces presenten matices diferentes:

Escuridade = símbolo negativo luz = símbolo positivo
corvo da noite (v.1)  luceiros (v.15) (asubiando, alegria)
erradeiras luces do solpor (v.2) luces de amenceres novos (v.35) = nai

Pero símbolos normalmente positivos en C.E.F. (vento, árbore) aparecen aquí deformados a causa do sentimento subxectivo do medo.

Podemos dicir, a modo de conclusión, que estamos ante un poema intimista, subxectivo (mais con referencia á guerra), de aparente simplicidade pero baixo a cal subxace unha coidada elaboración.
É facilmente comprensíbel pero non prosaico, senón construído sobre figuras e imaxes populares, tradicionais, non herméticas, e por iso doadas de captar (paralelismo, anáfora, "corvo da noite", "home langrán co fol..."), o que non impide a presenza de imaxes subxectivas e visionarias pero non opacas (estrofa III).
Como en Castelao, é a sinxeleza resultante da depuración, do traballo e da intuición poética, non da espontaneidade e do prosaísmo, que foi o que normalmente copiaron os seus inúmeros seguidores.

Remate:
O neno -suxeito- esperimenta de remate unha disxunción positiva -deixa o estado medoso- , e faino mercede á axuda garimosa da nai -adxuvante-. Claro que, ademais, aquí tamén aparce unha actoralización plural -xornaleiro, cazador, mozos- que coutaba o cambio de estado dese suxeito (i eu tiña medo) ou ata –dada a dramática reiteración- parecía intensificar o medo. Trataríase, entón, dunhas figuras actoriais coa función de opositor (impiden ou dificultan a transformaciónDiccionario metodolóxico de análise literaria I, Arcadio López Casanova, Galaxia, 2001, páx. 92 e Comentario de textos contemporáneos, Claudio Rodríguez Fer, Xerais, 1992

2005-2024