ogalego.eu
Castelao
As onzas, Ramón Otero Pedrayo
Tristán García, Álvaro Cunqueiro
qr
Foto: A. Daniel R. Castelao

Texto comentado para alumnado de Literatura Galega Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // ogalego.gal-

LELA

Están as nubes chorando
por un amor que morreu.
Están as rúas molladas
de tanto como choveu.

Lela, Lela,
Leliña por quen eu morro,
quero mirarme
nas meniñas dos teus ollos.

Non me deixes
e ten compasión de min.
Sen ti non podo,
sen ti non podo vivir.

Dáme alento das túas palabras,
dáme celme do teu corazón,
dáme lume das túas miradas,
dáme vida co teu dulce amor.

Lela, Lela,
Leliña por quen eu morro,
quero mirarme
nas meniñas dos teus ollos.

Non me deixes
e ten compasión de min.
Sen ti non podo,
sen ti non podo vivir.

Os vellos non deben de namorarse, Lance primeiro, escena

A. Daniel Rodríguez Castelao

compasión, dulce: compaixón, doce

Se vemos o texto dentro da obra teatral estamos agora ante unha escena plenamente expresionista: o monólogo inicial aínda enlaza co realismo pasado pero xa de contado se traslada ao mundo da imaxinación: "Lémbrome dunha vez ... Eu coa guitarra e os meus compañeiros de pousada a cantar. ¡Que serenatas demos!". E o final da escena xa non pertence ao mundo real, é expresionista: "Trátase de revivir aquela serenata que o vello estudante relembra". O coro dos boticarios son como unha multiplicación da imaxe (podemos lembrar o esperpento).
Os movementos coreográficos e musicais serían simbolistas nesta parodia de "Triste y sola", das serenatas estudantís tradicionais.
Mais esta canción tamén pode funcionar como texto independente aínda que é totalmente pertinente no lance (o boticario que lembra e o amor de Pimpinela), de feito no resto do lance non vemos un amor tan doce.

Castelao non escribiu poesía mais estes versos semellan dun grande poeta. É un ente literario, un poema con valores literarios moi marcados :
- División en estrofas de catro versos
- Rima asonante nos versos pares
- Constante paralelismo  que lembra a tradición popular : sen ti, dáme ...
- Construción paralelística ríxida con repetición de dúas estrofas que lembra a tradición medieval das cantigas de amigo (refrán).
- Utilización do diminutivo para realzar a emoción (Leliña) e rematar a intensificación (Lela, Lela, Leliña)
- A natureza personificada que reflicte o estado emocional: nubes que choran
- Aliteracións: m (morro, mirarme, meniñas)
- Ritmo e musicalidade

Temos así unha fermosa e sentida canción de amor, dun amor que foi marabilloso, pero que xa rematou.

Este fragmento da obra "Os vellos non deben de namorarse" acabou converténdose nunha fermosa canción. Castelao pensou nunha serenata ou canción de tuna estudantil compostelá (lembrando o boticario desdobrado nun coro os seus tempos universitarios). Lembremos que o autor tamén estudou en Santiago e formou parte da tuna e Castelao xa falara no Diario da posibilidade de incluír cancións de orfeón. Mais a coñecida e popular cantiga ten aires das cancións universitarias de Coímbra, do fado portugués.

Rosendo Mato Hermida foi o autor da música que colleu sona cantada por Dulce Pontes no disco de Carlos Núñez. Houbo despois outras versións. Neste documentado pdf hai información sobre a historia da versión musical.

 

Dulce Pontes canta Lela:

 

María do Ceo canta Lela:

Canzone galiziana, Lela: por Benedetta Ciotti

Rapaza canta Lela e Negra sombra na TV serbia: 

 

2005-2017