O trasno Serpicán

Trasno Serpicán

Escoitar o conto

Escoitar

Hai moita xente, Aldán, que dubida da existencia dos trasnos, máis que nada xente maior. Pero vaia se existen! Eu vin o trasno sendo moi neno, o trasno Serpicán.
Tería uns cinco anos. Unha noite estaba durmindo e notei coma se un can me estivese lambendo na cara, un can moi agarimoso. Espertei e vin a cara dun can que falaba e tiña o corpo dunha serpe, dunha cobra.
-Ola, Anxiño, eu son un trasno e vou ser o teu amigo, recoñecerasme por como me río, se vexo un neno río así: GHO, GHO, GHO. Se vexo unha nena río así: GHA, GHA, GHA –díxome. E agora vouche contar por que tes ese dedo tan gordo. A que che gustan moito as laranxas, Anxo?
Claro que si! –respondín.
-Pois mira, este teu dedo da beira, o pequeniño tiña gana de laranxas para medrar e foi a unha laranxeira pero como é tan pequeno non as daba collido, pediulle axuda ao irmán medianiño. “Se me deixas subir enriba de ti, medianiño, vou pillar as laranxas”. Mais ao tentar subir caeu no chan. Entón apareceu o maior de todos e como é tan grande colleu unha morea de laranxas e púxoas enriba da mesa. E veu o furabolos que lle gusta meterse en todos os sitios e foise metendo debaixo da casca e deixou as laranxas peladas. Marchou buscar os irmáns dedos para comelas. Pero o matapulgasepiollos estaba escondido debaixo da mesa, viu todo e mentres non chegaban os demais papounas todas. Por iso che está tan gordiño.
Ala, marcho, adeus, Anxiño, chámame SERPICÁN, GHO, GHO, GHO! ... e entón aquela  cobra longa con cabeza de can estirouse toda como se fose de plastilina e escapou polo ollo da cerradura da porta, polo sitio da chave. E eu chamei polos meus pais... papá, mamá acabo de ver un trasno, un serpicán, e contoume un conto. Pero meus pais non me creron: anda Anxiño, sigue a durmir que tiveches un soño, non viches nada.
Uns días despois mentres durmía volvo sentir que un can me lambe a.... cara... esperto e vexo o serpicán. E xa me fixo a primeira trasnada, a primeira broma.
-Mira neno, tes un cabalo na cama, anda sube enriba del, mira!
E a almofada converteuse nun cabalo... subín enriba, cataplún, cataplún, pero o que pasou é que caín da cama ao chan que a almofada só era unha almofada... Entón escoitei alto e forte: GHO, GHO, GHO... e o serpicán escapou polo buraco da chave da porta estirándose como se fose plastilina. Boteime a chorar e chegaron meus pais. Tampouco me creron que fora un trasno, dixeron que soñara e caera da cama, que me tranquilizase e durmise que á mañá había que ir á escola. Déronme un bico e marcharon.
Xa o esquecera cando uns días máis tarde volvo sentir mentres durmía como un can me lambía a cara... era o serpicán e díxome:
-Ai, que tobogán máis bonito tes nesta cama, mira tírate por el, xa verás, que chulo, despois tírome eu...
Eu medio durmido tireime, caín no chan de golpe que a cama non era un tobogán e escoitei como se ría: GHO, GHO GHO.. e escapaba polo buraco da chave na porta todo estiradiño. Boteime a chorar e chegaron meus pais. E non me creron, dixeron que non facía máis ca soñar e tirarme da cama, que xa estaba ben, que xa era grandiño, que durmise que eles á mañá tiñan que traballar. Déronme dous bicos e marcharon.
Entón acordoume meu padriño que o sabía todo, era moi sabio. El si me entendeu e díxome:
-Claro que si, iso éche o trasno. Mira, Anxiño, un amigo meu que se chama don Álvaro tamén me falou dun trasno, o gatipedro, este éche un gato que só ten dúas patas e para andar apóiase na lingua, que a ten moi longa. Ademais ten un corno na fronte polo que bota auga cando entra nos cuartos dos nenos, estes escoitan caer a auga do corno e fanse pis. O gatipedro marcha rindo. Para espantar ese transo hai que botar moito sal no chan, que como se apoia na lingua para andar éncheselle a boca de sal e non volve nunca molestar os cativos.
-Mira Anxiño, vouche dar un remedio para que non che volva nunca ese trasno que ti chamas serpicán e que fai que caias da cama e acabes chorando. Hai dous remedios e calquera vale.
O primeiro é que se che volve lamber a cara mentres dormes,  antes de nada berras forte igual ca el se ri. Se es un neno berras GHO, GHO, GHO... Se es unha nena berras GHA, GHA, GHA. Así vese descuberto, dálle vergoña e xa non volve máis.
O segundo remedio é ter contigo na cama un peluche de animal, vale calquera, un osiño, un can, un gato...  Porque o trasno pensa que o boneco é un animal de verdade, colle medo e non entra.
E o meu padriño regaloume un osiño polar branco moi bonito para a miña cama e o trasno nunca volveu, ata hoxe.

Que se fastidie o Serpicán ese!

2005-2017
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.