Na década dos 50, cando se inicia a recuperación da literatura galega , xorde un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas relatoras, do mesmo xeito que os homes do grupo Nós supuxeran un achegamento ás novas tendencias culturais de Occidente, son os integrantes da Nova Narrativa Galega. Non se pode falar en sentido estrito dunha escola ou grupo homoxéneo, mais úneos a súa formación universitaria, con claras inquietudes galeguistas, viaxeiros por Europa e coñecedores da literatura europea e americana. No plano literario, a súa intención innovadora e o desexo de ruptura formal coa tradición narrativa.
Aínda que o nome é un calco de Nouveau Roman–movemento contemporáneo francés-, non é esta a única influencia, nin sequera a máis destacábel. Participan da concepción desintegradora da novela tradicional practicada por escritores do s. XX (desde os anos 10 até o nouveau roman) que foxen do relato da biografía -a vida literaria- dun heroe problemático. Interesa a narración sen andadura lóxica, mesmo sen protagonista individual e sen historia: recollen de M. Proust a descrición minuciosa dos estados de ánimo (novela psicolóxica), de Kafka o mundo atormentado, con protagonistas illados e impotentes ante unha realidade estraña e absurda; de J. Joyce a exploración do monólogo interior; de W. Faulkner a destrución da lóxica temporal (retrospeccións, prospeccións, minutos eternos, eternidades brevísimas...); do psicanalista Sigmund Freud a presenza do complexo mundo do subconsciente (traumas, soños, símbolos...). O Nouveau Roman propugna o obxectalismo, concédelle ás cousas a mesma importancia que aos personaxes, que deixarán de ser o centro; o protagonista fica reducido a un pronome EU, TI..., cuxa identidade non interesa, que se atopa perdido, que busca non sabe que, que non sabe por que está aí... E para presentarnos as situacións sérvese da vista, que percorre a superficie das cousas, presentándonos as formas, límites e contornos (como unha cámara de cine). A obra de arte redúcese a un puro formalismo, a unha construción enxeñosa e artificiosamente técnica. En palabras de Mª Xosé Queizán, unha das autoras, procúrase “elaborar a novela sen tema, sen andadura lóxica, sen busca; non hai heroe nin historia, nin anécdota”.
CARACTERÍSTICAS:
A) No relativo ao argumento, ao tema:
- Abandono do antropocentrismo.
-Localización espacial imprecisa, sen identificación física. 
-Ambientes urbanos.
-Ausencia de preocupación inmediata polos conflitos do país, que só se albiscan nun segundo plano en clave simbólica. 
-Mestura de realidade e mundo fantástico, onírico.
-Exploración de situacións estrañas e opresivas, nos límites do absurdo.
-Presenza do sexo (escasamente apreciable na literatura anterior) e da violencia, que moi frecuentemente leva emparellada a morte.
B) Formais:
- Monólogo interior.
- Distorsión temporal, botando man da retrospección ou "flash-back", da técnica de montaxe de diferentes planos con independencia do curso lineal en que se sucedan, ou da ralentización de acontecementos, como a cámara lenta do cine.
- Pluralidade de voces narrativas, que se alternan e superpoñen, mesturando ás veces as persoas gramaticais.
- Enfoque obxectalista no que o narrador non rexistra máis que os feitos que percibiría unha cámara.
O corpus da NNG abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954 (Nasce un arbre, de Gonzalo R. Mourullo) e 1971 (Adiós, María, de Xohana Torres).

O autor máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica. Nela podemos destacar tres etapas:
-Nova Narrativa Galega: 1961-1971. Predominio da técnica experimental sobre o interese argumental. Tematicamente, trata o absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do existencialismo.
O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o que narra é real ou imaxinario. Pero o máis importante vai ser a violencia para mostrar situacións de opresión e miseria, é dicir, para mostrar unha realidade. A violencia, que forma parte do absurdo da existencia, prodúcese en seres atormentados e nun espazo escuro que semella ser o culpábel. Na novela Arrabaldo do norte (1964), sen seguir ningún modelo francés determinado, vese que hai unha forte vontade tecnicista (técnica obxectalista), superpondo a estrutura narrativa ao interese do relato. Presenta un home incapacitado para a comunicación, con diálogos inútiles, que anda perdido polas rúas á procura dun cambio na súa vida que non dá conseguido.
As outras dúas etapas posteriores están xa fóra dos límites da NNG:
-Segunda etapa: 1971-1980. Maior riqueza temática e omnipresencia da preocupación política. 
-Terceira etapa: a partir de 1980. Caracterízase por unha volta á fantasía e ás recreacións míticas e maior preocupación estilística, con Tagen Ata -Galiza- entre fábulas imaxinarias que encerran unha denuncia social.

Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002), pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. Nesta corrente inscríbense o libro de relatos Vento ferido (1967) e a novela Cambio en tres (1969).
A súa prosa posterior é (tal como defendía Castelao) sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores. 
As Letras Galegas de 2017 están dedicadas a Carlos Casares.