ogalego.eu
Ramón Cabanillas, homenaxe de ogalego.eu
A Basilio Álvarez, Ramón Cabanillas
As onzas, Otero Pedrayo
qr
Foto Ramón Cabanillas

Poema comentado para alumnado de Literatura Galega por Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // ogalego.gal-

En pé!: Poema lírico de tema social-patriótico publicado por Ramón Cabanillas en Da terra asoballada, 1917

Todo o poema é un berro, unha chamada de atención, por iso a abundancia de signos de admiración para reforzar o ton apostrófico.
En pé!
Título breve pero forte, chamada que logo irá glosando nas estrofas. Non se pode seguir igual, hai que cambiar a situación

A Luís Porteiro
Dedicado a Luís Porteiro Garea (1889-1918) galeguista, un dos fundadores das Irmandades da Fala. Como veremos o poema estará moi relacionado coa súa ideoloxía.

   Irmáns! En pé sereos
No 1º verso vemos que o suxeito poético apela, chama aos Irmáns, os galeguistas (Irmandades da Fala) para que se ergan con serenidade, con firmeza
a limpa fronte erguida,
somos xente de ben, positiva, honrada, sen nada que ocultar; erguidos, reforzo de en pé.
   envoltos na brancura
   da luz que cae de riba,

bañados pola luz do sol (positiva, branca), á luz do día, sen medo, con determinación
encabalgamento, que se repetirá na segunda estrofa, cunha unidade rítmica de dous versos
   o corazón aberto
   a toda verba amiga

dispostos a escoitar a mensaxe, as palabras amigas, con total recptividade
   e nunha man a fouce
   e noutra man a oliva,

versos paralelísticos para as dúas formas de loita. A violenta (fouce, logo símbolo do marxismo) e a pacífica (a oliva símbolo da paz)
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,

de novo dous versos paralelísticos e anafóricos para a bandeira de Galicia, aquilo que une a todos os galegos. Nas tres estrofas os dous versos hendecasílabos están dedicados á bandeira común dos galegos
  cantémo-lo dereito
   á libre nova vida!

Suxeito poético nós, polo que a chamada é para todos os galegos. O hipérbato do último verso marca a palabra máis importante: libre. A estrofa conclúe reforzando a chamada a liberar Galicia, unha nova Galicia.
Así remata a primeira parte, a introdución: presente, chamada a loitar por Galicia.
10 versos heptasílabos e 2 hendecasílabos con rima nos pares.

   Validos de traidores
   a noite de Frouseira
   á patria escravizaron
   uns reises de Castela.

Valéndose de traidores os Reis Católicos conseguiron rematar coa rebeldía de Pero Pardo de Cela e entraren no ben defendido castelo da Frouxeira. Coa súa morte comeza a doma e castración de Galicia, os tempos escuros da Terra.
   Comestas polo tempo (comidas polo tempo)
   xa afrouxan as cadeas...
mais o século XV xa queda lonxe, xa estamos noutros tempos, nos tempos das Irmandades: o tempo comeu as cadeas da escravitude
   Irmáns asoballados
   de xentes estranxeiras,

irmáns oprimidos, escravizados, por xente de fóra, alleos a Galicia
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega

levanemos a bandeira común, e xunto á insignia do nosa nación (Cabanillas xa non fala de alma rexional coma en Acción Gallega, agora xa é nación). De novo os versos longos para a bandeira. Antes era arredor dela, agora xa a erguemos, un paso máis
   cantémo-lo dereito
   á libertá da Terra!

repetición do mesmo penúltimo verso da estrofa, porque é un dereito adquirido polos galegos
de novo coclúe coa petición de liberdade, na 1ª da vida, agora da Terra (maiúscula, porque é Galicia, así era o nome que se lle daba habitualmente)
Fin da segunda parte do poema: referencia histórica á época negra de Galicia, cando perdeu a súa liberdade e nova conclusión de chamada á loita.

   Irmáns no amor a Suevia
   de lexendaria historia,

O Reino Suevo foi unha época gloriosa nos séculos V-VI, lendaria, o maior explendor do reino de Galicia; por iso debe servir de exemplo positivo
   ¡en pé! ¡En pé dispostos
   a non morrer sen loita!

repetición das palabras do título dúas veces para reforzar a idea
loita ata o final, ata a mesma morte
   ¡O día do Medulio
   con sangue quente e roxa

coa resistencia aos romanos no monte Medulio no S. I aC (antes mortos ca escravos, o suicidio antes ca entregarse)
obsérvese que os exemplos míticos da historia positiva son anteriores no tempo aos negativos da segundo estrofa
   mercámo-lo dereito
   á libre, honrada chouza!

os devanceiros heroes co seu exemplo xa nos mercaron o dereito á libertar a terra
novo hipérbato para reforzar a idea de liberdade
Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
xa, presente, novos tempos, os das Irmandades, dos novos galeguistas. Agora só un verso para a bandeira que xa ondea (gradación: arredor, erguemos, ondea)
A oliva nunha man, a fouce noutra,
volven aparecer a oliva e a fouce, agora no mesmo verso e primando a oliva: antes a loita pacífica
   berremos alto e forte:
no remate temos que berrar (xa non só cantar) e facelo alto e forte, que escoiten todos. Berrar xa é alto e forte, inclúense os adxectivos para reforzar o berro
   “A nosa terra é nosa”!
entre comiñas, a consigna dos galeguistas, como a nosa terra pertencía a xentes alleas (Castelao: a nosa terra non é nosa, rapaces), temos que conseguir que sexa nosa
Así remata este poema nacionalista e galeguista, un dos máis importantes e repetidos da literatura galega. Publicado no libro Da terra asoballada, o título do libro tamén está en consonancia co do poema. Mesmo se chegou a falar de que daría un bo himno galego, mais xa estaba o de Pondal.

Foron tres estrofas iguais, de 12 versos con rima nos pares. Heptasílabos e hendecasílabos (a bandeira), con unidades rítmicas de dous versos en varias ocasións.

Hai unha versión de Juan Pardo

Da terra asoballada
1917

¡En pé!

   ¡Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida,
   envoltos na brancura
   da luz que cae de riba,
   o corazón aberto
   a toda verba amiga
   e nunha man a fouce
   e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
   ¡cantémo-lo dereito
   á libre nova vida!

   Validos de traidores
   a noite de Frouseira
   á patria escravizaron
   uns reises de Castela.
   Comestas polo tempo
   xa afrouxan as cadeas...
   ¡Irmáns asoballados
   de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
   cantémo-lo dereito
   á libertá da Terra!

   ¡Irmáns no amor a Suevia
   de lexendaria historia,
   ¡en pé! ¡En pé dispostos
   a non morrer sen loita!
   ¡O día do Medulio
   con sangue quente e roxa
   mercámo-lo dereito
   á libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
   berremos alto e forte:
   “A nosa terra é nosa”.

Da terra asoballada
1917

2005-2017