Can

O CAN E A RAPOSA (conto)


Había unha vez unha raposa que andaba famenta, xa non vía onde pillar comida e daba voltas arredor das casas para encher a barriga. Nisto topou un galo que acababa de saír do poleiro. Agarrouno coas patas e cando abriu a boca para lle botar a boca, díxolle o capón:
-Mire, señora raposa, vexa que estou moi fraquiño, case non lle paga a pena paparme agora que non lle vou matar a fame. Mellor que me deixe para máis adiante no mes de Santiago que veñen as mallas e queda tirado moito gran nas eiras. Eu hei comer ben e poñerme moi gordiño. Volva entón vostede e xa me papa enteiro.
A raposa viu que todo era certo e deixouno ir pero antes preguntoulle o seu nome para saber a quen tiña que buscar cando volvese en xullo comer o prometido.
-Tencoidado, señora raposa, chámanme Tencoidado.
-Pois veña, señor galo Tencoidado, despois da malla xa me terá aquí de volta.
A raposa marchou procurar comida noutra parte e o galo bailaba de contento por se librar da boca da raposa.
E o tempo foi pasando, viñeron as mallas, o gran de centeo e o galo foi engordando. Mais, polo si ou polo non, o capón lembrou o prometido e agardou a raposa subido a un castiñeiro. E de pronto empezaron a escoitarse moitos berros:
-Tencoidado, ei Tencoidado!!
-Xa llo teño, xa llo teño! Respondeu o galo desde o castiñeiro.
-Ande, señor galo, pode baixar tranquilo, que o novo Rei dos Animais sacou unha nova lei na que se prohibe facer dano os uns aos outros – Respondeu a pícara raposa que as sabe todas.
-Xa baixo, señora raposa, mais agarde un chisquiño que vén aí un can e se el pasa sen lle facer nada a vostede é que a lei xa entrou en vigor e xa baixo no instantiño.
-E ese can xa está chegando ou aínda vén lonxe, señor Tencoidado?
-Está chegando, xa o vexo ben.
-Daquela eu marcho que as leis do Rei tanto van como veñen –dixo a raposa e botou a correr
Nisto o can, que xa avistara a raposa pegou tras dela con tanta présa que semellaba un foguete.. O galo berráballe desde a árbore:
-Señora raposa, mostre ao can a orde real!
-Non teño vagar, que teño moita terra que taconear! –Dicía a raposa
.