cabra

O LOBO E AS CABRAS (conto)

Andaba un día o lobo con fame. Chegou a un campo e viu dous carneiros discutindo. Díxolles:
-Vouvos comer!
-Comerasnos, pero primeiro tes que nos axudar a repartir entre os dous este campo.
Mandárono poñer no medio, viñeron os dous correndo e batéronlle coas cornas. O lobo marchou amoucado e triste cun buraco no estómago. Nisto que ve unha egua co seu poldro e espétalles:
-Vouvos papar ou a ti ou ao teu fillo.
-E comerás –dixo a besta- pero primeiro tes que me sacar un pincho que se me espetou nesta pata.
O lobo púxose a sacarllo e entón levou un bo couce. Marchou aínda máis famento e todo enfurruñado. Logo entrou nun forno onde estaban unhas cabras fiando la e díxolles:
-Veño cunha fame tola, vouvos comer xa.
-E comerás, pero tes que nos cantar a misa de defuntos antes.
E o lobo púxose a cantar a misa de defuntos polo que as cabras empezaron a darlle topes cos cornos, non tivo máis remedio ca escapar polo camiño andando. Chegou xunto a un carballo e sentou a pensar:
-Cando eu fun partidor de campos,
cando eu fun sacador de espiñas e cantador de misa,
se viñera un raio e me partira, xa me daría a risa
.
Un carpinteiro que estaba por enriba no carballo cortando pólas deixou caer o machado que lle cortou o rabo ao lobo e aínda marchou ben máis enfadado.