burro

O BURRO VAI Á FEIRA (conto)



Había feira e o avó decidiu levar o neto con el. Aparellaron o burro e saíron. O avó todo contento termando do ramal e o neto a cabalo do burro todo fachendoso. Pasaron uns feirantes e comentaron en voz alta para que os esoitasen:
-Vedes que desvergoña, o vello, pobriño, que xa non ten folgos nin forzas vai camiñando e o rapaz, que está na flor da vida, todo teso e descansado no burro. Ai, a xente nova de agora xa non é coma a de antes, xa non se respecta a vellez.
Ao oílos díxolle o neno:
-Padriño, mire o que din eses homes, teñen razón, perdoe, e moito mellor que suba vostede ao burro e vou eu camiñando que son máis novo.
E baixou o neno e subiu o vello. Seguiron o camiño contentos. Pasaron outros feirantes e comentaron alto para que se escoitase:
-Xa hai que ter peito, o señor todo feliz no burro e o rapaciño, pobriño, a pé, seguro que mancándose nos pés. Desde logo que agora xa non é coma antes, xa non se ten dó dos meniños. Todo é egoísmo.
Escoitaron o dito e pensaron que facer para que a xente non os criticase. Non lles quedaba máis remedio ca iren os dous a pé e o burro descansado. Seguiron camiño á feira.
Pasaron outros camiñantes falando en alto:
-Mirade que hai xente máis burra que os propios burros, eles os dous camiñando, desfacendo os zocos e os pés; e o burro descansado e ben mantido. Para que o quererán?
Quedaron todos pesarosos ao oír o comentario. Xa non sabían que facer para non seren criticados. Dixo o rapaz:
-Mire padriño, eu xa non vexo outro remedio ca subirmos os dous no burro. Así imos os dous descansados e a xente nada terá que dicir.
E xa estaban chegando á feira cando escoitan falar:
-O que hai que ver no mundo. Nótase que o burro non debe ser da súa propiedade, como abusan del, mira que subirse os dous no pobre animal, que parece que nin dá andado co peso que leva enriba. Pobre animal, parecen eles máis animais ca o pobre burro.
Daquela dixo o neno:
-Padriño, xa non sei que imos facer para que a xente non nos critique o que facemos.
-Mira rapaz –respondeulle o avó- fagamos o que nos pareza mellor e mentres non nos metamos con ninguén nin molestemos, que a xente diga o que queira, que neste mundo non che hai maneira de contentar a toda a xente.