ogalego.eu
Víctor Freixanes, homenaxe de ogalego.eu
sms
Textos 5
qr

Foto: Víctor Freixanes, escritor galego, amigo de ogalego.eu

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados


Inspirados por Exercicios de estilo, Raymond Queneau


Texto base

As once e media pedín un bocadillo no bar e saín cara ás Palmeiras. Alí atopei a Artur. Vestía pantalón vaqueiro rachado nos xeonllos e camisa amarela; xersei atado nos cadrís e cazadora tamén vaqueira. Os deportivos brancos chegábanlle até a metade da canela.

Preguntoume por Lucia. Contesteille que eu non era o seu gardián, que a procurase por onda os bambáns. Deu media volta e marchou. Logo souben que non asistiran ás últimas clases da mañá. Ata agora non se soubo máis deles dous.


Sorpresa

Xa as once e media! O tempo non rende nada! E eu aínda sen mercar o bocata! Canta xente hai no bar! Que fame teño! Vou ir ás Palmeiras! Mira quen vén aí! O meu compinche Artur! Que facha trae! Pero ti de que vas! É que non tes outra cousa que poñer! Pero que carallo vou saber eu de Lucía! De que vas? Pérdete polos bambáns, tío! Déixame en paz!

Que cara teñen eses dous copando toda a mañá! Para iso buscaba a Lucía o langrán ese! Vaia desgraza para as súas familias! Olla que non saberen nada deles!


Vacilacións

Serían as once ou as doce, non sei. A onde iría eu? Sería ao bar ou á Biblioteca?, pode que ao bar? E que pedín?, un bocata, un dónuts ou unha palmeira? A onde fun logo, ou quedei no instituto?, xa non lembro ben. Se cadra fun ás Palmeiras ou ao Campillo, ou á Ferrería. Onde fora, topei a Artur ou a Lucía. Non sei a cal, o caso é que un me preguntou polo outro; ou quizais alguén me preguntou por eles, non consigo recordalo. Que roupa levaba o que me preguntou? Pois, nin idea, talvez algo vaqueiro. Foi logo esa parella á clase ou non? se cadra non?. E voltaríaos a ver alguén onte, ou nantronte ou hai tres días?. Quen sabe! Que máis dá, eu non os vin!


Negacións

Non era nin á noite nin á tarde, senón á mañá. Non foi durante as clases nin nos intermedios, foi no recreo. Non pedín un Donuts nin unha palmeira, pedín un bocadillo.

Non fun á casa nin ao Campillo, fun ás Palmeiras. Non atopei a Lucía, senón a Artur. Non levaba bermudas nin un chándal, levaba roupa vaqueira. Non calzaba botas nin zapatos, senón deportivos que non eran baixos, eran altos. Nin me preguntou polos profesores nin polas clases, preguntoume por Lucía. Non lle dixen que a vira nin que non a vira. Non o mandei ao Pilón nin á Cruz, senón áos bambáns. Non participou nas clases seguintes. Non é certo que logo o vira alguén por aí. Non sei se morreron nin se viven. Non nos importa. Non si?


Xornal

DESPARECE PARELLA DE MOZOS.

A.V.D e L.R.L., fillos de dúas coñecidas familias pontevedresas desapareceron hai varios días sen deixaren rastro ningún. Ambas as familias están a realizar todas as xestión posíbeis e agradecen calquera nova que se lles poida facilitar tanto á policía como no domicilio particular. A última vez que foron vistos no Instituto vestían roupa vaqueira


Definicións

Foi no intre de lecer da media primeira parte da xornada. Pedín un anaco de pan con friame, que consiste en tripa de porco chea de carne e desfeitos viscerais, e dirixinme ao espazo de lecer con árbores denominado xardíns de Vicentti. Alí encontreime de fronte con un dos rapaces que me acompañan na clase do centro de ensino público de bacharelato, era Artur. Traía unha típica vestimenta orixinaria de Texas. El preguntoume se percibira polo sentido da vista a figura dunha rapaza da que estaba namorado, de nome Lucia. Expúxenlle que se dirixise aos arredores do recinto no que hai varios aparellos para que os meniños se exerciten no lecer. Desde ese preciso espazo de tempo non houbo novas de ningún dos dous rapaces en idade escolar e xa case superada a adolescencia, que entenden polos nomes de Lucía e Artur.


Telegráfico

ULTIMA VISTA RECREO NAS PALMEIRAS STOP ARTUR BUSCA LUCIA STOP MARCHA AOS BAMBÁNS STOP EL VESTE ROUPA VAQUEIRA STOP DESAPARECIDOS OS DOUS STOP


Carta oficial/email oficial

Pontevedra, 12 de febreiro de 2012

Sr. Comisario de Policía de Pontevedra

Moi Sr meu:

Recibín a súa nota pedindo información sobre a última vez que vin aos desaparecidos Lucia Oubiña e Artur Teixeira, polo que, a continuación, paso a expor todos os detalles.

O mesmo día da desaparición na hora do recreo (11'30) coincidín co citado Artur nos Xardíns de Vicentti. Vestía conxunto vaqueiro con rotos, camisa amarela e deportivos brancos. El preguntoume se eu sabía algo de Lucía. Informeino de que non a vira e sinaleille os arredores dos bambáns por onde acostuma estar. Desde ese momento non volvín ver a ningún dos dous.

Agardo que esta información lle axude a encontrar os dous compañeiros do instituto.

Atentamente reciba un cordial saúdo de XXXX, con DNI, XXXX e domicilio en XXXXX


Vulgar/dialectal

As onse e media chourisei un de chouriso, valgha a redundánsia e sain prás Palmeiras. Asín como lle pegho unha ghalada ó chouriso e xa miro o Artur. Ia cuns vaqueiros rotos arrapañados pa riba e rachados nas patas, o serxei atado á sintura e a casadora carboin de sempre cunha camisa fosforito, seria pra que se lle mirasen os botíns. Dixen: "Baixa prá baixo os pantalóns, casurro". Diso: "Non me dá a ghana; por serto miráchela Lusía?".

Díxenlle que a min non me importaba, eu que carallo sabía, que fose dar un gharbeo polos bambáns. Logho contáronme que copara toda a mañán e se deran ó piro, ninghén sabe nada.


Lapela dun libro

Nesta nova entrega o autor parte dun feito real, a desaparición de dous mozos pontevedreses, para facernos partícipes da intriga da novela. Alén diso, fáisenos presente a vida dos estudantes de hoxe, desde a moda no vestir ata os seus costumes. Unha obra de fácil lectura, que engancha e ao mesmo tempo conmove pola súa tenrura e actualidade. A calidade da lingua utilizada tamén axuda a convertela nunha obra de lectura recomendábel para rapaces/as de Secundaría Obrigatoria


Precisión

Ás once e trinta en punto soou o timbre. Ás 11'33 baixei os 12 chanzos que hai antes do bar. Solicitei un bocadillo que me custou 1€. Ás 11'40 comecei a percorrer os 132 metros que hai desde o bar ata as Palmeiras a onde cheguei ás 11'48. Alí, xusto xunto ao primeiro banco á esquerda do paseo central, apareceu Artur, de 175 cm. de altura e 70 quilos de peso. Preguntoume por Lucía, 179 de altura e 66 quilos de peso, ollos azuis e cabelo louro enguedellado. Sinaleille, utilizando 4 palabras, que a procurase nos bambáns, a 35 m. de alí. Desapareceu con pantalón e chaqueta de azul claro -tipo vaqueiro, talla 16- e deportivos brancos do número 42 sucios de terra. Isto aconteceu tres minutos despois, ás 11'52. Non volvín ver a ningún dos dous mozos desde ese preciso momento, 4 de marzo de 2004 ás 11 horas, 52 minutos e 33 segundos.


Obra teatral

ACTO I. ESCENA I. (recreo nun bar de instituto. Unha moza e un camareiro)

- MOZA: Quédache un de lombo?

- CAM.: Síntoo, pero xa se acabaron!

- MOZA: Xa é a terceira vez, dámo de chourizo!

 

ACTO II. ESCENA I. (parque público. A moza e un mozo vestido de vaqueiros)

- MOZO: Non verías a Lucía no bar?

- MOZA: Non teño nin idea! Mira polos bambáns!

 

ACTO III. ESCENA I. (aula de instituto. A moza e unha compañeira sentadas)

- COMPA.: Sabías que Artur e Lucía levan desaparecidos desde nantronte. Ninguén lles viu o pelo.

- MOZA: Que va! Se aínda falei con el ese día no recreo!

(cae o pano)



Texto base 2

As dúas menos vinte, baixando das clases. Hai empurróns. Un mozo vén enfadado: moreno, pelo longo, pantalón negro, xersei vermello coa marca do crocodilo. Quéixase de que suspendeu oito inxustamente.

Ás nove e media está ese mesmo mozo no Campiño falando cunhas rapazas. Rin dos seus suspensos. El tira unha cabicha acesa á papeleira. Unha delas, loura, rífalle.

FACER AGORA OS MESMOS EXERCICIOS CON ESTE TEXTO

2005-2024

lez Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel, 2005-20

Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.